Ir al contenido principal

6 domingo Pascua C

FRONTE Á RELIXIÓN DO MEDO, XESÚS OFRÉCENOS O AMOR DA RELIXIÓN

PÓRTICO

Unha vez máis a Palabra de Deus quere chamar a nosa atención para que non caiamos na vivencia dunha relixión do medo e da imposición, senón que nos invita e urxe a camiñar e vivir nunha relixión de liberdade, de paz, de amor. O Señor ponnos deberes, e a nós corresponde traballar para facelos ben, o que supón estar en actitude activa, e sempre á espreita de canto impida que a confianza, o respecto, o diálogo sincero e sosegado vaia dando froito na nosa relación cos demais. Especialmente con aqueles que pensan distinto a nós e non comparten o noso xeito de ver e facer as cousas. Que aprendamos de Xesús, para facer da nosa vida, non unha renuncia ao que son conviccións profundas, senón a, sen renunciar ao que cremos, saber poñer á persoa por riba de normas e imposicións. 

O PERDÓN

  • Porque nos sobra medo, e nos falta confianza, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MISERICORDIA.
  • Porque lle damos consellos aos demais, pero somos incapaces de aplicárnolos a nós, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MISERICORDIA.
  • Porque a lei do funil, na que tantas veces camiñamos, afástanos da igualdade, o respecto e a solidariedade cara aos irmáns, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MISERICORDIA.

REMUÍÑO

O medo, unha vez máis, volve aparecer no texto da primeira lectura. Pouco aprenderan de Xesús!. Non daban entendido que non era con ameazas, imposicións e exclusións como se tiña que desenvolver o seguimento ao que El os chamara. Por iso van a Xerusalén para dialogar –tod@s, non só un que mandase sobre os demais– sobre como tratar a aqueles primeiros cristiáns que non proviñan do xudaísmo. Cómo imporlle máis cargas cando para eles a mensaxe de Xesús era novidosa, creativa, liberadora?. Pero nada hai que un bo diálogo, con razóns e argumentos non con imposicións, non poida solucionar. E así o fan aqueles primeiros seguidores.Non lles importa cambiar a súa opinión, están abertos a acoller outras visións, non se encirran en manter o sempre foi así, aquí non se cambia nada, ou isto é así porque o digo eu. Non, dialogan, escóitanse, chegan a acordos e toman decisións. Canto temos que aprender!. Que importante é non esquecer a metodoloxía das primeiras comunidades!. Radicais, si, pero nunca pechados a escoitarse. Como fixera Xesús. Verdade que tamén nós temos campo aberto para facer o mesmo?. E non só no que se refire ao Papa, os bispos ou os curas, senón que non estaría mal que miraramos para cada un de nós, e nos decidiramos dunha vez por todas a abandonar actitudes prepotentes, sectarias ou clasistas, porque á fin e ao cabo moitas veces os segrares son os que máis impiden, protestan e atascan calquera cambio ou renovación que se queira levar a cabo na Igrexa. Tan apegados estamos aos costumes e tan despegados da mensaxe de Xesús?. Repasemos na nosa casa, con calma e reflexión, o texto do libro dos Feitos dos Apóstolos que hoxe lemos como primeira lectura. Seguro que tod@s nos vemos reflectidos nel; e seguro, tamén, que desde el poderemos aprender, descubrir e aplicar á nosa vida a metodoloxía que eles utilizaron para tomar unha decisión que non excluía a ninguén e posibilitaba que se acollese a quen chegaba de novas á fe de Xesús. A fe non é unha carga, senón unha experiencia de amor, de encontro, de fraternidade, e como consecuencia, de sentido da vida. As cargas poñémolas nós, non veñen “de serie”, por que nos empeñamos, uns e outros, en non querer entendelo?.
Só desde a universalidade de quen non identifica a fe cristiá –a mensaxe de Xesús– cunha cultura determinada, cuns costumes ou cunhas prácticas, podemos entender a oración do Salmo 66 onde se nos invita a loar a Deus. Porque a fe é universal, porque non é patrimonio duns poucos, porque non está pechada nin ao diálogo nin ao entendemento con tódalas persoas, quere ser sempre unha invitación a compartir calquera proxecto que teña como centro á persoa, ao ser humano sempre querido e agarimado por Deus. Por iso tamén nós, coma o salmista, podemos dicir convencid@s: “que te loen os pobos, que todos os pobos te loen”. Si, que te loen, tamén neste momento de dificultade e desespero, porque diante da adversidade vai xurdindo o mellor de cada unha das persoas, o tesouro que estaba agochado, e que mostra en forma de solidariedade, tempo compartido, axuda económica ou tempo entregado de balde ao servizo de quen o poida necesitar. E iso só pode ser un agasallo de Deus, a quen loamos convencidos, por ter posto en nós esa semente que vai dando froitos que poñen alivio, consolo, sorriso e esperanza nas vidas de tantas persoas necesitadas. A mágoa é que tivo que vir esta crise galopante, para que cada un de nós fose capaz de sacar o mellor que levaba dentro de si para poñelo ao servizo da fraternidade que en Deus compartimos.
Para non decaer nesta tarefa, sentimos a presenza do Espírito. El será a forza, o compañeiro de camiño, o alento cando nos veñamos abaixo, a man amiga que tira de nós para que non afundamos. O Espírito Santo que Deus nos dá é quen nos fai caer na conta de que non é a violencia o camiño, senón que o camiño é a paz. Nela e desde ela vaise mostrando o verdadeiro amor, que non é paternalista, proteccionista ou acaparador, senón un amor en e na liberdade, que vai facendo que non nos sintamos solos. A paz que nos ofrece Xesús realízase desde o amor real, sinxelo e sincero, que vai posibilitando que nos encontremos cos irmáns que, camiñando coma nós, nos tenden a man para que a acollamos e non nos sintamos illad@s.

RENOVACIÓN DAS PROMESAS BAUTISMAIS

Renovamos agora as promesas que o día do noso bautismo fixeron por nós os nosos pais e padriños. Sentímonos comunidade viva que se reúne para escoitar a palabra, repartir o pan e renovar a súa esperanza. Por iso, pregúntovos:
  • Credes no Deus da luz e da auga, que ilumina o noso camiño, limpa canto nos luxa e renova a nosa confianza nel; que é Pai que nos agarima co seu amor, e nos acompaña coa súa presenza?. Si, creo.
  • Credes en Xesucristo, o seu Fillo, que, enviado polo Pai, pasou polo mundo facendo o ben, compartindo tristezas e ledicias, que se erixiu na voz dos sen voz, no defensor dos pobres e excluídos, e que desde o amor nos deixou as benaventuranzas como camiño a percorrer por cantos nos chamamos seguidores seus?. Si, creo.
  • Credes no Espírito Santo, fonte de vida e presenza viva que vai actuando na nosa vida, enfortecendo as nosas comunidades e invitándonos a non deixarnos levar da desgana e do derrotismo?. Si, creo.
  • Credes na Igrexa, comunidade nacida en Pentecostes e que ao longo de dous mil anos, non sen dificultades, e caendo moitas veces na escuridade, ten desenvolvido no medio do mundo a misión recibida de Xesús, que a envía a anunciar a súa Boa Nova, sendo a súa man, o seu corazón e a súa voz?. Si, creo.
  • Credes na esperanza da resurrección, que compartimos e actualizamos en cada celebración, facendo presenza viva de Deus entre nós, o Deus que nos invita a ser construtores do Reino, no aquí e agora do noso tempo, e nos abre á plenitude do encontro con El e para sempre, onde compartiremos en totalidade a esperanza que nos leva a vencer a morte?. Si, creo.
Pai, que esta fe que acabamos de proclamar e confesar sexa sempre para nós alento e esperanza no camiño da nosa vida. P.X.N.S. Amén.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Acompañamos a nosa oración comunitaria compartindo ilusións e esperanzas, e poñéndoas na man de Deus. Facémolo dicindo xunt@s:
SEÑOR, QUE SEMPRE CAMIÑEMOS NA CONFIANZA
* Que na Igrexa camiñemos sempre buscando linguaxes e formas que fagan posible presentar o evanxeo de xeito ledo, esperanzado e libre, e abandonemos ritos e costumes que valeron para outro tempo, pero que hoxe son antievanxélicos, OREMOS.
SEÑOR, QUE SEMPRE CAMIÑEMOS NA CONFIANZA
* Que construamos as nosas comunidades desde o testemuño de gratuidade e entrega ás persoas, especialmente aos maiores, aos enfermos, que hoxe temos presentes dun xeito especial, e a quen se sente desacougado, OREMOS.
SEÑOR, QUE SEMPRE CAMIÑEMOS NA CONFIANZA
* Que fagamos sempre o esforzo por converter a oración en diálogo sincero e confiado con Deus, abandonando fórmulas e ritos que nos levan a caer na rutina e a converten en simple repetición baleira de palabras, OREMOS.
SEÑOR, QUE SEMPRE CAMIÑEMOS NA CONFIANZA
* Hoxe queremos ter presentes na nosa oración dun xeito especial ás nosas nais, a todas as mulleres que están a levar adiante o coidado da vida, escoitando a voz do Señor e dando a luz unha sociedade nova, máis humana, máis xusta, máis fraterna. Por todas elas, para que o seu papel primordial na sociedade sempre sexa recoñecido, valorado e protexido, OREMOS.
SEÑOR, QUE SEMPRE CAMIÑEMOS NA CONFIANZA
Grazas, Señor, por ofrecernos este momento de oración comunitaria para compartir cos irmáns gozos e esperanzas, tristuras e angustias da nosa vida. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN

Xesús, bo samaritano,
que viviches aliviando o sufrimento
de quen atopabas no camiño,
como expresión da misericordia do Pai. 
 
O noso mundo arde en desexos de eternidade,
pero o camiño da vida é longo e ten moitas fochancas:
hai violencia, desgraza e desesperanza.
 
O noso mundo sofre.
Axúdanos a baixar ao fondo do corazón,
onde habitan as carencias
e se descobren as necesidades,
onde se escoita o berro da dor,
a voz de quen sofre e necesita.
 
Danos entrañas de misericordia, 
para que non deamos rodeos ante os que sofren
e saibamos camiñar cos ollos do corazón abertos
para axudar a quen precisa de nós.
 
Fainos, Señor, bos samaritanos 
para que o mundo descubra na nosa vida
o rostro misericordioso do Pai. Amén.
 

CANTOS 

· ENTRADA: Eu sei de quen me fiei
· LECTURAS: Benaventurados
· OFERTORIO: Xurdirá//Na nosa terra
· COMUÑÓN: Pan do ceo

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

3 Advento 2024

  CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA XUSTIZA SINAL DE ADVENTO:  Colocamos no taboleiro a terceira parte do noso berce. CANTO GOZOSO   §      Entrada: Volve, Señor (Nº 90)  §      Lecturas: Que ledicia miña (Nº 4) §      Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36) §      Comuñón: Ven axiña visitarnos (Nº 86)   OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN   Estamos xa no terceiro domingo do Advento. Nas semanas anteriores a Palabra de Deus invitábanos a espertar e a ir preparando o berce do noso corazón. Neste domingo, entre as palabras de ánimo do profeta Sofonías e a invitación á ledicia de Paulo, fáisenos unha nova indicación que vén responder, coma nos tempos do Bautista, á nosa pregunta de “que temos que facer?”. A indicación desta terceira semana é ben directa e clara: convértete e practica a xustiza!. Porque non nos enganemos: todas as persoas estamos necesitadas de conversión, de cambiar actitud...