Ir al contenido principal

Domingo 17 TO C

FRONTE Á RENDIBILIDADE MATERIAL, CONFIANZA ORANTE E ACOLLEDORA

PÓRTICO
Todos nós somos fillos do tempo no que vivimos. Isto fai que vaiamos asumindo, mesmo inconscientemente, maneiras, formas e xeitos de entender a vida e de facer as cousas propias de cada tempo. E tan metidos no papel estamos que acabamos por non saber prezar a diferenza entre o que facemos persoalmente e o que facemos en conxunto. Vén ser algo así como que nos diluímos na masa, o que acaba facendo que nos confundamos e non saibamos distinguir a diferenza; o que nos identifica e nos fai únicos e inconfundibles. Consecuencia: ao final é o chamado pensamento único o que guía a nosa vida, empobrecéndonos e reducíndonos a ser todos iguais, a facer o mesmo e a actuar como se foramos máquinas, sen saber prezar a diferenza que nos aportan a cultura, a fala, os valores e a capacidade de ser reflexivos e críticos á hora de elaborar o noso pensamento.

Esta debilidade arrastra tamén a nosa vida de fe e as nosas conviccións. Como non está de moda ser crente, esixirse a vivir e crecer desde uns valores e unhas actitudes; como non está de moda vivir na gratuidade e na cercanía; como non está de moda admitir canto non é demostrable e rendible, todo canto fai referencia á fe: confianza, apertura á dimensión espiritual, gratuidade... non só non lle damos importancia, senón que o rexeitamos, mesmo ás veces de xeito totalitario e dogmático.

Que neste domingo no que Deus nos invita a valorar o sentido e a importancia da oración –confianza e gratuidade– tomemos conciencia de que non é no materialismo económico, senón na confianza agarimosa na que o ser humano crece, madura e atopa sentido e forza para a súa vida.

O PERDÓN
*        Porque moitas veces facemos oídos xordos á palabra que Deus nos achega a través do testemuño entregado de quen traballa pola xustiza e a igualdade, SEÑOR, ENSÍNANOS A ORAR.
*        Porque non buscamos na nosa vida tempiños de silencio e reflexión que nos axuden a crear un clima de oración e diálogo contigo, CRISTO, ENSÍNANOS A ORAR.
*        Porque na meirande parte das veces a nosa oración é un monólogo que contén algo parecido a listaxe da compra, e non un diálogo no que estamos dispost@s a escoitar a túa voz, que nos fala a través de tantas mediacións, SEÑOR, ENSÍNANOS A ORAR.
 

REMUÍÑO

  • A nosa voz ten que ser a voz de Deus. Mellor, debera ser a voz de Deus. Si, porque a través do que nós imos dicindo, se verdadeiramente tomamos en serio o ser crentes, tería que ir aparecendo no xeito de dicir, facer e desenvolver as nosas relacións duns cos outros, o que son os valores e as actitudes que van emanando da historia de amor que Deus, desde o comezo, quixo vivir connosco: a historia da salvación. Unha salvación que non se xoga nin nas nubes nin no ceo, senón no día a día no que nos imos atopando coas nosas ilusións, as esperanzas, os fracasos ou as tristuras. No día a día no que nos imos atopando con outras persoas –irmás– que viven situacións parellas ás nosas, e que tamén agradecen que nos paremos, as escoitemos, ou lles botemos unha man. Porque a través desta relación de reciprocidade é como podemos ir escoitando a voz do Deus que nos fala, nos urxe ao amor, e nos chama a desenvolver no noso andar cotián actitudes e comportamentos que alenten e fagan agromar e medrar a esperanza. Non unha esperanza palabra, recurso ou tópico, senón unha esperanza que fai que diante dos problemas e dificultades non nos veñamos abaixo; que nas situacións difíciles saibamos buscar axuda e afrontalas; que ante momentos nos que parece que non hai máis saída que o fracaso e a desesperación lle prestemos atención á voz de Deus que nos segue a falar desde a confianza e o realismo de que ás situacións hai que facerlle fronte sen medo, e non escapar delas. Coma o pobo de Israel, tamén nós necesitamos abrirnos a El e dicirlle con convicción profunda: “cando te invoquei, escoitáchesme”. Pero non podemos escoitalo se pechamos ollos e oídos ao que pasa ao noso redor. Descubramos a Deus no medio de problemas e dificultades, e unámonos na tarefa de loitar por superalos,

  • En Cristo é onde atopamos con toda a súa claridade esta confianza a modo de reciprocidade: de Deus para con nós, e de nós para con Deus. Nel reconstruímos canto a nosa preguiza, o noso egoísmo, o desencanto que tantas veces aflora na vida foi levándonos á tristura, o aburrimento, o desinterese por todo o que supoña esforzo e loita. Cristo non é un personaxe mitolóxico, tampouco un heroe de conto. Non. É un dos nosos, é coma nós. Asumiu a nosa condición humana e sufriu os problemas, as dores, -tamén as alegrías- dos que estaban ao seu redor. Pero non quedou aí, senón que nos tendeu unha ponte, pola que nos invita a pasar, para que a reconciliación, a misericordia, o perdón e o encontro sexan actitudes que poñamos en práctica e nos reencontren con quen nos tiñamos afastado. O seu amor aprémanos, a súa liberdade é a nosa, desde a súa luz vánsenos abrindo tamén a nós camiños de luz. Por iso non é o noso quedar na tristura, nin na dor nin tampouco converter o engano, a corrupción, a inxustiza, o asoballo... en luz. Non, todo isto nunca pode ser luz nin saír de Cristo. E se nós queremos ser os seus seguidores, xa sabemos por onde temos que camiñar: non cara á tebra, senón cara á luz. E só nel a podemos atopar. Aprendamos a acollela.

  • E só a acolleremos se adoptamos o mesmo rumbo ca El. O pedide e recibiredes, fainos caer na conta de que a oración non é un sensentido; tampouco unha perda de tempo, senón unha profunda experiencia de confianza, encontro e diálogo, sempre desde a vida, desde o que nos pasa, con aquel que é a razón da nosa esperanza. Non tentemos buscar a solución concreta aos nosos problemas, coma se Deus fose tan inxusto para amañar os meus e desatender os dos demais. Non. Busquemos atopar nel a forza desde a que abordar as situacións, non sempre doadas, que a vida vai pondo no noso camiño; e desde a nosa liberdade, sabendo que El é o caxato no que poder apoiarnos, avanzar para dar resposta, solución e tamén sentido á nosa realidade. Desde esta confianza temos que entender o pedide e darásevos ao que se refire Xesús.
 

ORACIÓN DA COMUNIDADE
Querendo deixarnos acoller por Ti, Señor, compartimos a nosa oración comunitaria dicindo:
GRAZAS POR ACOMPAÑARNOS, SEÑOR!
û  Noso Pai, oramos como Igrexa, que sempre disposta a que se faga a túa vontade, traballa arreo para liberar das súas cangas a todas as persoas que se senten atenazadas pola dor, a tristura, a desesperanza, o desamor, OREMOS.
GRAZAS POR ACOMPAÑARNOS, SEÑOR!
û  Noso Pai, oramos para que nos barrios, nas parroquias, no traballo e coa familia saibamos gozar do sentido da oración, e a convertamos nun diálogo sincero e cercano cos irmáns, que nos axude a achegarnos máis a Xesús, OREMOS.
GRAZAS POR ACOMPAÑARNOS, SEÑOR!
û  Noso Pai, oramos como seguidores e seguidoras túas, que queremos aprender a degustar o gozo da oración como diálogo fraterno e confiado contigo, e non a reduzamos a unha pura e simple rutina, OREMOS.
GRAZAS POR ACOMPAÑARNOS, SEÑOR!
Señor, que fagamos sempre do noso tempo de oración diálogo sincero e ledo de canto vivimos e compartimos. P.X.N.S. Amén.


PARA A REFLEXIÓN
Pai/Nai, poñémonos nas túas mans.
Fai de nós o que Ti queiras.
Sexa o que sexa dámosche as grazas.

Estamos dispost@s a todo e aceptamos todo
con tal de que a túa vontade se cumpra
en cada un e cada unha de nós
e en todas as criaturas.

Pai/Nai, non desexamos nada máis.
En Ti confiamos, e a Ti nos entregamos.
Facémolo con todo o amor do que somos capaces.

Amámoste, e precisamos darnos,
poñernos nas túas mans sen medida,
coa infinita confianza
de que Ti es o noso Pai/Nai. Amén.
 

CANTOS

ENTRADA: Camiñando pola vida
LECTURAS: Canta o sol
OFERTORIO: Na nosa terra
NOSO PAI: No camiño do amor/Pai do ceo, Ti que estás
COMUÑÓN: Grazas, Señor, graciñas

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

3 Advento 2024

  CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA XUSTIZA SINAL DE ADVENTO:  Colocamos no taboleiro a terceira parte do noso berce. CANTO GOZOSO   §      Entrada: Volve, Señor (Nº 90)  §      Lecturas: Que ledicia miña (Nº 4) §      Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36) §      Comuñón: Ven axiña visitarnos (Nº 86)   OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN   Estamos xa no terceiro domingo do Advento. Nas semanas anteriores a Palabra de Deus invitábanos a espertar e a ir preparando o berce do noso corazón. Neste domingo, entre as palabras de ánimo do profeta Sofonías e a invitación á ledicia de Paulo, fáisenos unha nova indicación que vén responder, coma nos tempos do Bautista, á nosa pregunta de “que temos que facer?”. A indicación desta terceira semana é ben directa e clara: convértete e practica a xustiza!. Porque non nos enganemos: todas as persoas estamos necesitadas de conversión, de cambiar actitud...