Ir al contenido principal

23 domingo TO A

DEUS QUERE MISERICORDIA....... NON SACRIFICIOS
Descarga o arquivo

ESCOITA ACTIVA
            Vivimos nunha sociedade deshumanizada, na que a valía das persoas é proporcional ao rendemento que delas podemos obter. Unha sociedade de descartes, como di o papa Francisco, que bota fóra á xente maior, prescindindo así de toda a súa ampla experiencia de vida e que bota fóra tamén aos nenos e á mocidade porque non son rendibles, xa que hai que investir na súa formación. E é que a lei do mercado, a lei da oferta e da demanda, non permite sentimentos, non lle convén que perdamos o tempo en pensar. O resultado está á vista: non cremos no que facemos, fáltanos capacidade para a tenrura, poñemos a norma por riba das persoas, contentámonos co cumprimento, esquecemos valores e conviccións... E deste xeito ímonos baleirando por dentro, ímonos insensibilizando, e mesmo desculpamos e adoptamos comportamentos a todas luces inmorais, que escravizan ás persoas.

E resulta que chega Xesús e dinos que o amor é a primeira e a única lei.... Que paradoxo, non si?. Prestemos atención á súa palabra e deixemos que vaia renovando e vitalizando a nosa vida, porque se non hai amor, para que serve a lei?... Simplemente para facernos escravos dela.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
·        Por ter esquecido que o cumprimento é estéril se non vai acompañado do servizo á persoa, SEÑOR, QUE NUNCA NOS FALTE O AMOR.
·        Por ter promovido comportamentos e actitudes legalistas e baleiros na nosa maneira de facer as cousas, CRISTO, QUE NUNCA NOS FALTE O AMOR.
·        Por non prestar atención á situación das persoas que están ao noso lado e buscan en nós un corazón misericordioso, SEÑOR, QUE NUNCA NOS FALTE O AMOR.
PALABRA ENRAIZADA
·        Son moitas as ocasións nas que deixamos de lado o respecto e a tolerancia á hora de xulgar as opinións e accións dos demais, sobre todo se non son dos nosos. Ezequiel, na primeira lectura de hoxe volve insistir no que é o tronco da vida de fe: o recoñecemento da dignidade da persoa e o afastamento de toda idea que supoña vinganza, rancor ou violencia cara aos demais. Crer, rezar, participar en accións solidarias só terán sentido se o facemos guiad@s polo respecto que todas as persoas nos merecen... pois todos somos presenza de Deus e a fe ha levarnos a un compromiso no mundo e co mundo para denunciar calquera atropelo contra a dignidade das persoas, sexa no lugar que sexa e sexa no ámbito que sexa: eclesial, laboral, xudicial, político...... A salvación xógase na casa do mundo, tomándoo en serio, e non evadíndonos en rezos rituais ou costumes cheas de tópicos. Un bo inicio para esta nova xeira pode ser que non encirrar dentro de nós sentimentos de enfrontamento, provocación inútil ou desprezo cara aos demais.
·        E se camiñamos por ese vieiro de empatía, misericordia, colaboración e servizo, chegaremos ao pleno cumprimento da lei, é dicir o amor. Non fagamos del una frase puramente poética ou unha fermosa palabra comodín que sempre acae ben. Poñámoslle vida, actitudes, preocupación polos demais, cercanía, solidariedade, capacidade de escoita, tempo compartido con quen o necesita .... Abrámoslle as portas a Deus e abrámoslle ás portas aos demais. Se nós somos capaces de amar, quen nos vexa será capaz de descubrir quen é e por que dixo Xesús o que dixo: amádevos. O seu mandado de amor, como nos lembra o Evanxeo de hoxe, lévanos a arriscar, canto somos e temos, polos irmáns. Insistir unha e outra vez. A tempo e a destempo, con constancia e paciencia. Constancia e paciencia que nos conforman como persoas decididas a poñer a nosa referencia non só en nós, no que nos peta, nos gusta ou nos apetece.
·        Porque nunha sociedade que prema a cantidade sobre a calidade, nós, os seguidores de Xesús, primamos a calidade sobre a cantidade. Cando falaba do Reino, Xesús non puña o til en grandes pretensións sociais, senón que se refería a el coma lévedo oculto, sal transformadora, pequena semente..... Na Igrexa de Xesús non se pode estar de calquera xeito: por costume, por inercia ou por medo. Trátase de xuntarse no seu nome, conscientes de que sempre precisamos conversión. Xesús, como nos lembra o evanxeo de Mateu que vimos de proclamar, tróuxonos un novo tipo de relacións que nós estamos chamados a poñer en práctica: relacións baseadas na verdade (dicir si, dicir non, non basearse en suposicións, senón en datos certos); relacións de franqueza, que nos leven a plantexar os problemas cara a cara; relacións de liberdade, respecto e tolerancia; relaciones de amabilidade e comprensión; relacións de desbloqueo (non gardar as cousas, porque nos pechan aos demais e o día menos pensado estoupan e causan graves feridas.... ás veces incurables); relacións de esperanza, sen perder nunca a perspectiva de que todos podemos cambiar; relacións cinguidas polo amor.
FRATERNIDADE ORANTE
Poñemos por riba do altar a nosa oración comunitaria e dicimos xunt@s:
MISERCORDIA QUERO E NON SACRIFICIOS
·   Para que na Igrexa teñamos sempre presente que por riba do cumprimento da lei están as persoas, OREMOS.
MISERCORDIA QUERO E NON SACRIFICIOS
·   Moitas veces nas nosas parroquias volvémonos inxustos e insensibles cara aos demais, estando sempre dispost@s a xulgal@s, pero poucas veces a escoital@s. Para que abandonemos este atallo e collamos o camiño do amor e da comprensión mutua, OREMOS.
MISERCORDIA QUERO E NON SACRIFICIOS
·   Por cada un e cada unha de nós, para que sempre esteamos dispost@s a pedir perdón a quen ofendemos e tamén a perdoar a quen nos ten ofendido a nós, OREMOS.
MISERCORDIA QUERO E NON SACRIFICIOS
Grazas, Señor, por abrirnos a mente e o corazón a unha vivencia do Evanxeo que pasa por aprender a ver na xente a túa presenza gozosa e esperanzada. P.X.N.S Amén.
MIRADA ESPERANZADA
Onde reina a competencia desleal, nós anunciamos a lealdade.
Onde reina o afán de poñerse por riba dos demais, nós anunciamos a igualdade.
Onde reina o desexo de figurar, nós anunciamos o servizo.
Onde reina a dificultade para as relacións mutuas, nós queremos estar sempre dispoñibles.
Onde reina a explotación, nós anunciamos a solidariedade.
Onde reina a inxustiza, nós traballamos a prol da xustiza.
Onde reina o pasotismo, nós anunciamos o compromiso e a implicación.
Onde reina o silencio, nós anunciamos a denuncia profética.
Onde reina o rancor, nós anunciamos o perdón e a misericordia.
Onde reina a lei, nós anunciamos o amor como única e verdadeira lei.
CANTO GOZOSO
·        ENTRADA: Andarei na presenza do Señor
·        LECTURAS: Eu soñei
·        OFERTORIO: Todos xuntos

·        COMUÑÓN: O amor é o meirande

Comentarios

Entradas populares de este blog

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

Domingo Ramos 2025

TRANSFORMEMOS A FLOR MURCHA DA CORESMA NO VERDE ESPERANZADO CARA Á PASCUA   Comézase fóra, a poder ser nun lugar un pouco afastado da Igrexa, para poder camiñar procesionalmente unha vez bendicidos os ramos.  COMEZANDO A CAMIÑAR Xesús púxose en camiño cara a Xerusalén ,escoitaremos na lectura do evanxeo de Lucas. Un camiño que se converte en sinal de contradición. En Xerusalén vivirá a morte; pero tamén alí, na mesma Xerusalén, na resurrección, mostrarase a grandeza e a fondura do Deus que envía ao seu Fillo para ser coma nós. A resurrección é, xa que logo, o triunfo, a esperanza, o punto de chegada dun camiño duro, difícil e cheo de dificultades. Nós hoxe tamén, coma Xesús, poñémonos en camiño cara esa Xerusalén que nos levará da mesa da fraternidade ao triunfo da Noite Santa da vida, pasando pola tristura e o desacougo da Paixón do Venres Santo. Dispoñámonos, poñendo o mellor de nós, a comezar esta andaina de salvación e esperanza. ACOLLENDO A BENDICIÓN DE DEUS Señor, sabénd...