Ir al contenido principal

Santa Cruz TO A


SEMENTAR ESPERANZA: VELAÍ A NOSA TAREFA
Descarga o ficheiro
Lecturas
ESCOITA ACTIVA

Hoxe é a festa da Exaltación da Cruz. E pode ser que nunha sociedade coma a nosa, que busca apaixoadamente a comodidade e o máximo benestar, haberá xente que se pregunte polo sentido desta festa. Porén, se cadra máis ca nunca, cómpre lembrar que cando celebramos a cruz non ensalzamos o sufrimento, a inmolación e a morte, senón o amor, a proximidade e a solidariedade dun Deus que quixo compartir a nosa vida... e a nosa morte. A cruz é a revelación do noso destino: o triunfo de Cristo é a vitoria de todas as persoas.

Ninguén nos vai quitar as dificultades, a dor, os problemas, as preocupacións; pero si sabemos que todas elas poderán ser superadas naquel en que pomos a nosa forza, a nosa esperanza, a nosa vida. Aquel que soubo superar o fracaso e abrirse á esperanza. Tamén nós, os seus seguidores, somos invitados neste día a non esquecer que a morte, todas as mortes -non só as físicas-, que se producen no noso mundo, poden ser vencidas. Fagamos un exercicio de memoria e lembremos como tantas cousas que noutro tempo nos parecían imposibles, hoxe están acadadas. E aí non paramos, a historia, a nosa historia é lineal, non cíclica, sempre aberta á esperanza e ao futuro. Por iso a cruz é sinal de contradición e superación: o mal foi vencido, a esperanza está a chegar.

Participemos sen nostalxia, pero si con fe da celebración que agora comeza.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

ö  Pola dureza do noso corazón, que nos fai insensibles diante do sufrimento de tantos e tantas irmáns e irmás nosos, SEÑOR, NON NOS DEIXES DA TÚA MAN.

ö  Porque somos moi dados a xulgar, condear e crucificar aos demais; pero non mostramos a mesma dispoñibilidade cando se trata de dar oportunidades, de perdoar ou de acompañar, CRISTO, NON NOS DEIXES DA TÚA MAN.

ö  Por ternos quedado na crucifixión, sen camiñar cara á resurrección, SEÑOR, NON NOS DEIXES DA TÚA MAN.

PALABRA ENRAIZADA

  • O texto da carta aos Filipenses que acabamos de escoitar é un himno litúrxico que rezaban as primeiras comunidades e co que se expresaba como Xesús ía desenvolvendo a misión encomendada polo Pai. Unha misión da que foi tomando conciencia a medida que a ía realizando –ninguén nace aprendido, dicimos nós moitas veces– ao longo dos seus tres anos de vida pública. Dinos este fragmento que Xesús asumiu a súa condición humana en totalidade, sen figuracións nin representacións teatrais. Naceu ser humano e coma tal viviu e desenvolveu tódalas súas accións. Non era un home de mentiriñas nin para ofrecer un espectáculo que só visen os que o seguían, Tampouco era un embaucador que se aproveitaba da boa fe dos que o escoitaban. Non. El mostrábase tal e como era: un coma nós, un dos nosos: sufría coas cousas negativas que lle pasaban a el ou aos que con El estaban; e gozaba cando todo se orientaba de xeito positivo. O seu abaixamento ata a morte axúdanos a entender o porque tantas persoas están dispostas, desde El, a entregar a súa vida polos demais, sen esperar ningún recoñecemento, senón como consecuencia lóxica de querer seguir o camiño que El comezou. Que é hoxe o testemuño de tantos misioneir@s que poñen a súa vida ao servizo da humanización dos máis pobres, aínda que iso, como ben sabemos tod@s, os acabe levando á morte?. É máis, sen necesidade de ir lonxe, hoxe tamén esta palabra nos quere falar a nós, para que nos preguntemos se somos capaces de poñer a nosa vida ao servizo dos demais para levarlles a saúde que a súa situación persoal, familiar, laboral ou social lles foi quitando. Que tamén nós, coma Cristo, traballemos por asumir a nosa condición humana sen pretender ser nin mellores nin máis importantes ca os demais, só servindo.
  • Porque a cruz, no noso mundo é esa realidade, ese paradoxo da falsa ilusión na que moitas veces caemos cando afirmamos que somos moi bos porque non matamos nin roubamos. A cruz dinos hoxe que si, que hai moitas cousas que somos capaces de facer, e de facer mal. De que hai moitas das accións que facemos desde a nosa liberdade que destrúen, feren ou matan. De que non é necesario botarlle a culpa aos demais, aos que mandan, aos que dirixen, aos que dominan. Non, miremos para dentro de nós, e nun exercicio de sinceridade asumamos que nós tamén somos partícipes na construción de moitas das cruces no mundo de hoxe: calamos, miramos para outro lado, non dicimos a verdade, enganamos ou mentimos para obter beneficio, non nos comprometemos, pensamos só en nós mesmos, rexeitamos a quen non é dos nosos... E así son moitas as cruces que nós construímos para nós e para os demais. E Deus non queda na comodidade de deixarnos á nosa propia sorte, senón que enviou ao seu Fillo para que poidamos gozar da experiencia da salvación. Ese é o sentido da festa de hoxe: espirnos diante desta cruz na que Xesús se entrega para reconducir o noso camiño, para deixar atrás o antigo, para comezar a vivir no novo. Porque a cruz foi vencida, a morte non é o final de todo para un crente. A esperanza é posible. Cristo abriunos o camiño.


FRATERNIDADE ORANTE

Agradecido@s porque Deus non enviou ao seu Fillo ao mundo para xulgar, senón para salvar, dicimos xunt@s:

GRAZAS, SEÑOR, POLA TÚA MISERICORDIA

*      Pola Igrexa, por todos e todas nós, para que non nos ocupemos tanto de xulgar e condenar como de salvar e acoller, OREMOS.

GRAZAS, SEÑOR, POLA TÚA MISERICORDIA

*      Polas nosas comunidades, para que a fe sexa alento que nos empurre a  crear espazos de colaboración, perdón, acollida e misericordia, OREMOS.

GRAZAS, SEÑOR, POLA TÚA MISERICORDIA

*      Por cada un e cada unha de nós, para que, sentindo na nosa vida a ledicia de sabérmonos salvad@s por Deus lla saibamos transmitir coas nosas obras a tantas persoas crucificadas do noso mundo: as que sofren con máis intensidade a crise, @s parad@s, @s enferm@s, @s marxinadas, @s que non teñen motivo para a esperanza, OREMOS.

GRAZAS, SEÑOR, POLA TÚA MISERICORDIA

Grazas, Señor, porque día a día nos dás mostras da túa misericordia e nos mostras a túa salvación no noso quefacer cotiá. P.X.N.S. Amén.


MIRADA DE ESPERANZA

A miña forza e o meu fracaso es ti.

A miña herdanza e a miña pobreza.

Ti a miña xustiza, Xesús.

A miña guerra e a miña paz.

A miña libre liberdade.

A miña morte e a miña vida.

Palabra dos meus berros.

Silencio da miña espera.

Testemuña dos meus soños.

Cruz da miña cruz.

Causa da miña amargura.

Perdón do meu egoísmo.

Crime do meu proceso.

Xuíz do meu pobre pranto.

Razón da miña esperanza.

A miña terra prometida es Ti.

A Pascua da miña Pascua.

A nosa gloria por sempre, Señor Xesús. Amén.

 (P. Casaldáliga)

CANTO GOZOSO

*    ENTRADA: Amig@s nas penas e na festa amigos

*    LECTURAS: Señor Xesús

*    OFERTORIO: Grazas, Señor, graciñas

*    COMUÑÓn: Seguirei os teus pasos


Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...