Ir al contenido principal

27 domingo TO A

UNHA FE UNIVERSAL QUE NON MARCA DIFERENZAS, SENÓN QUE INVITA A COIDAR A VIÑA QUE É DE TOD@S
Descarga o ficheiro
ESCOITA ACTIVA
            Nesta mañá na que nos xuntamos sabendo que no noso camiño non imos solos, senón que El nos acompaña, dispoñámonos a abrir o corazón á oración comunitaria, para que sexa a nosa celebración un momento de esperanza compartida e de fe celebrada desde o gozo de sabernos viña do Deus que sabe dar os mellores froitos en forma de man aberta a quen nola pida, sorriso sincero a quen o busca en nós e ollos limpos para quen necesita unha mirada de amor, encontro e acollida.
Que recemos con gusto neste encontro de amor que busca reanimarnos sabendo que na viña do Señor, sempre, tod@s temos sitio onde acougar e sentírmonos querid@s.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
  • Porque en máis dunha ocasión témonos sentido donos e non irmáns, SEÑOR, PERDÓN POR ESQUECERNOS DE TI.
  • Porque non sempre queremos traballar na viña do Señor creando xustiza e sementando fraternidade e igualdade nas nosas relacións, CRISTO, PERDÓN POR ESQUECERNOS DE TI.
  • Porque moitas veces crémonos mellores e máis importantes cós demais, SEÑOR, PERDÓN POR ESQUECERNOS DE TI.
PALABRA ENRAIZA 
A linguaxe simbólica e poética está moi presente ao longo de toda a biblia, e especialmente nos libros dos profetas. O que acabamos de ler hoxe é un deles. Nel Deus preséntase como o dono da viña, e o profeta coma o seu amigo; a viña é o pobo de Israel. A través desta linguaxe simbólica, o profeta tenta achegar a relación e preocupación de Deus polo pobo. Pero namentres Deus camiña na fidelidade e na cercanía, termando e preocupándose polo seu pobo, este vaise afastando del cada vez máis. Por iso o labor do profeta é lembrar, unha e outra vez, que hai tornar a Deus, que se están afastando, que a súa vida, persoal e coma pobo, vai perdendo forza e sentido, o que repercute na propia historia duns e outros. Deus xa fixo todo e máis pola súa viña. Diante de toda esta entrega non recibiu máis ca desplantes e esquecementos, polo que chegou o momento de abrir horizontes, de dar oportunidades a outros. A quen queira prestar atención, a quen estea disposto a formar parte da viña, si, pero tamén a traballar nela para que dea o mellor dos froitos: a fidelidade a Deus e a entrega solidaria e sempre preocupada aos demais. Porque os outros, os que non pertencen a esta viña, ao pobo de Israel, tamén merecen formar parte da viña do Señor porque chegou o momento de abrir novos camiños e propoñer horizontes esperanzadores. A pertenza á viña -e isto non o acababan de entender os israelitas, pero tampouco o queren entender hoxe moitos cristiáns-, non se adquire ni por sangue nin por herdanza, senón por decisión persoal e libre. Só así, con decisión e liberdade, se poderá traballar a viña con alegría e sen cansar, e esta acabará dando froitos, os mellores.
ü Porque a viña xa non é exclusiva duns poucos, senón que ofrecida a todos, sen exclusión, é acollida polos que queiran. En liberdade e sen presións. En Xesús exprésase esta cambio na súa radicalidade. Un cambio que os xudeus non entenderon, o que levou a que perseguiran a Xesús, por entender que era un revolucionario que lles alteraba o rigorismo fundamentalista das súas tradicións; e tamén, como consecuencia, perseguiron, expulsaron e mataron aos seus seguidores; non dubidando en aliarse mesmo cos seus inimigos, os romanos, para acadar tal fin. Paulo, que é o mellor expoñente da posibilidade sempre aberta de cambiar, de mirar cara adiante, e de non estar sempre a sacarlle aos demais o que xa foi de outro tempo e quedou atrás. Pois diciamos que Paulo foi dos primeiros en entender que a relación entre a viña e o dono cambiara, e que iso supuña un xeito distinto de estar o mundo e de facer as cousas. Por iso na súa travesía séntese acollido e acompañado para levar adiante novas metas e proxectos. Un deles foi abrir a proposta de Xesús -porque a viña non é exclusiva só duns poucos- máis alá das fronteiras de Israel. E esta carta aos cristiáns de Filipos é un destes xestos/pasos que Paulo dá para superar fronteiras e abrir novos horizontes. Isto supuña en primeiro lugar cambiar as actitudes e a maneira de ver a realidade. Os ollos eran os mesmos, pero co cambio de corazón que propuña Xesús –e que vale tamén hoxe para nós– a realidade víase distinta. Por iso lles fala de paz, de acoller e favorecer todo canto sexa xusto, honroso,estimable... non para gardalo a modo de alguén sabio e posuidor da ciencia, senón para vivilo, para poñelo ao servizo dunha relación fraterna e de iguais entre eles. Son estas unhas palabras que seguen a ter resonancia nos nosos oídos para que cambien o corazón. Porque só deste xeito, poderemos formar parte da viña de Xesús. Nela non hai raza nin cores, linguas nin culturas, senón que na pluralidade e na diferenza somos capaces de entendernos. Pero, entendemos, de verdade, nós este xeito que ten Paulo, seguindo a Xesús, de plantexar e facer as cousas?
Xesús, retoma a imaxe da viña e volve propoñernos que se queremos formar parte da súa viña –non doutra, senón da súa– temos que ir deixando atrás falsas ideas, comprensións equivocadas e reducións da súa mensaxe a costumes. Por moito que nos esforcemos por poñerlle balados a súa viña, estes non serven para nada, pois na viña de Señor, tal e como temos escoitado, os balados ábrense para que nela entre quen queira. Só se pon unha condición a esta entrada: a disposición a traballar pola xustiza e a aprender a ver nos demais non cousas que utilizamos segundo os nosos intereses, senón fillos e fillas de Deus, e polo tanto irm@s, cos que temos que traballar en todo canto supoña, como lles dicía Paulo aos filipenses, comportamentos xustos, solidarios e verdadeiramente humanizadores. Nisto, e non noutras cousas, é no que nos diferenciamos os seguidores de Xesús dos que queren selo pechándose na viña e facendo balados que separan, xulgan, condenan e diferencian. O único dono da viña -do mundo– é Deus, e a ninguén lle corresponde mandar, impoñer, someter ou silenciar a quen busca o respecto de tod@s e a defensa da dignidade que Deus puxo en nós, e non só non nos diferenza, senón que nos iguala.
FRATERNIDADE ORANTE
Deus chámanos a formar parte da súa viña sen excluír a ninguén, abramos o corazón e compartamos a nosa oración dicindo:
SEÑOR, QUE FAGAMOS DA TÚA VIÑA UN ESPAZO DE MISERICORDIA.
*       Para que a Igrexa sexa viña na que todos poidamos traballar dando froitos de perdón, misericordia, xustiza e paz, sen que ninguén sexa excluído no nome do purismo ritualista e dogmático, OREMOS.
SEÑOR, QUE FAGAMOS DA TÚA VIÑA UN ESPAZO DE MISERICORDIA.
*       Para que nas nosas parroquias non nos deixemos levar polos contos, os comentarios ferintes e as maldades que tanto dano fan e tanta tristura poñen no corazón e na vida de moit@s veciños, OREMOS.
SEÑOR, QUE FAGAMOS DA TÚA VIÑA UN ESPAZO DE MISERICORDIA.
*       Para que saibamos ser traballadores da viña que se achegan a quen está enfermo, comparten  tempo con quen o está  pasar mal e se atopa só ou tende a man a aquel que se sente esquecido porque tod@s lle dan as costas, OREMOS.
SEÑOR, QUE FAGAMOS DA TÚA VIÑA UN ESPAZO DE MISERICORDIA.
Señor, unha vez máis invítasnos a abrir o corazón a unha oración solidaria e comprometida, que busca tender a man aos irmáns que nos necesitan. Que nunca lle deamos as costas a quen nos busca para que o axudemos. P.X.N.S. Amén.

MIRADA DE ESPERANZA
En calquera ámbito da vida, optar é elixir e é renunciar, porque deixamos cousas atrás. Ao valorar unha -a que eliximos-, sobran as outras, as que deixamos. Por iso o estilo de vida ao que nos invita Xesús parte do positivo, o que non deixa de ter riscos e perigos. Pero estando atentos, estes perigos podémolos afrontar con valentía. E do mesmo xeito que existe a pedagoxía do medo, a represión, a submisión e a dependencia, pódese dar tamén a pedagoxía da liberdade, a creatividade, as relacións igualitarias, a corresponsabilidade ou a felicidade. Hai que saber medir os riscos e procurar telos controlados, para que non nos superen. Calquera elección que fagamos: profesión, parella, amig@s, valores... é sempre un risco, pero un risco que temos que correr. Porque a ninguén se lle escapa que toda elección xera dúbidas e incertuidumes; pero se nos quedamos no cómodo, no fácil ou na indecisión permanente, non só seguiremos tendo esas dúbidas; senón que nos recoñeceremos coma fracasados. E non hai cousa peor para unha persoa que a sensación de fracaso. Deixemos logo que o dono da viña nos siga alentando a acompañando para que tomemos decisións e fagamos eleccións en liberdade e buscando canto nos leva a ser máis felices e mellores persoas.
CANTO GOZOSO
ENTRADA: Ti es camiño e verdade
LECTURAS: Canta o sol
OFERTORIO: Señor Xesús
COMUÑÓN: Non vou so



Comentarios

Entradas populares de este blog

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...