Ir al contenido principal

Hoxe vai ser un gran día



Co gallo da Beatificación de Paulo VI


Clodomiro Ogando (*)
 Parafraseando a Serrat, podemos dicir que o próximo domingo 19 de Outubro, en Roma e en toda a Igrexa universal, vai “ ser un gran día”. Porque o Papa Paulo VI será declarado Beato polo Papa Francisco.
 A diferenza de outras canonizacións e  beatificacións, esta non está sendo nada mediática.  A timidez de Paulo VI impúxose a súa brillantez intelectual. Era un home un estudoso que foi chamado a desenvolver, e con gran acerto pastoral,  a sede arcebispal de Milán de onde saíu primeiro para participar na primeira sesión do concilio Vaticano II, e despois – e xa non volveu – para participar no conclave, logo da morte de Xoán XXIII, no que sería elixido Bispo de Roma, e coma tal, Pastor da Igrexa universal, adoutando o nome de Paulo VI.
Non ter sido un Papa baixo o seguimento permanente dos medios, non supón que non fose un Papa sen cuxa achega dificilmente se podería entender nin a primavera eclesial daquel tempo nin tampouco a actual; pero si supón que  nun momento no que vai ser declarado “beato”, é dicir modelo de vida cristián, este recoñecemento pase de “ puntiñas” para os grandes medios de información xeral. Alomenos no noso país e na nosa terra.  Por iso, desta beatificación apenas ten aparecido referencia algunha nos medios, ni tampouco se teñen organizado peregrinacións multitudinarias a Roma.  Coido logo que é o momento de achegar unhas palabras que mostren o recoñecemento ao seu labor á fronte da “Barca de Pedro”.
 Considero que Paulo VI, a pesares do pouco que sobre o seu pontificado e a súa persoa aparece nos medios de comunicación, foi o Papa máis brillante e importante da Igrexa ao longo século XX. Sí están vostedes e ler ben: importante e brillante. Porque namentres é necesario recoñecer o período do pontificado de Xoán XXIII coma o tempo do “aggiornamento” eclesial, por ser el quen tomou a iniciativa de realizar un concilio, o Vaticano II, que  permitise que entrara aire limpo e renovase as estruturas, bastante “carcomidas “ da Igrexa; pero  non é menos certo, que este hoxe non tería sido nada máis ca un intento, se o sucesor do Papa Bo, non asumise o reto de continualo, marcando tempos  e método a un traballo que supuxo, non un lavado, senón un verdadeiro cambio de cara da Igrexa Católica. E que tivo o seu remate na xornada de clausura o 8 de decembro de mil novecentos sesenta e cinco.
Cando se fala do concilio, esquécese sempre que se seguiu desenvolvendo ata chegar ao final, grazas á decisión e convicción,  clara e determinante, de quen fora o cardeal Montini, agora convertido en Paulo VI.O concilio debía continuar, porque era unha necesidade e unha urxencia para unha Igrexa necesitada de renovación e  cambio.Unha Igrexa urxida a dialogar co mundo, non desde parámetros de cristiandade,senón desde a receptividade e escoita dun mundo en apresurado cambio de ciclo.  Xa non era tempo de dogmatismos nin especulacións, só un diálogo aberto, fraterno e sincero podería facer emerxer unha imaxe da Igrexa disposta a escoitar máis que a impoñer. Un momento complicado e que se necesitaba unha boa dirección á fronte do seu temón.
 A aposta pola continuación do concilio vémola reflectida no primeiro texto do seu maxisterio co que nos agasalla, a “Ecclesiam suam” – texto que hoxe, á luz da exhortación de Francisco, “A ledicia do Evanxeo”, adquire moita máis importancia e actualidade- e que serve de pauta para as seguintes tarefas a desenvolver polos Pais conciliares, chamados a volver a Roma para unha nova sesión conciliar. É este un traballo case que descoñecido, pero sen o cal sería imposible entender o que aconteceu nas seguintes sesións do concilio; atopámonos pois diante dun dos grandes documentos do maxisterio ordinario do século XX. Un texto, do que sen facer moito barullo, se cumpriron cincuenta anos da súa publicación o pasado 6 de agosto. Nel, o Papa fai toda unha declaración de intencións do que el quere que sexa o seu pontificado. Como texto programático do que logo ía ser o seu pontificado, Paulo VI pon o diálogo coma eixe desde o que ir artillando  o actuar e desenvolverse da Igrexa no medio do mundo.Un diálogo que terá que irse desenvolvendo a modo de ondas que pouco a pouco se vaian espallando, a modo de círculos concéntricos, ata posibilitar o encontro desde a busca dun mesmo fin, inda con obxectivos diferentes: a dignificación e respecto do ser humano. Só establecendo o diálogo, en tódolos seus ámbitos, como camiño, poderemos facer da Igrexa unha verdadeira ” nai e mestra” que se converta en verdadeira testemuña  na tarefa de servir ás persoas e ao mundo. Un diálogo que ten que comezar ao interno da propia Igrexa –membros e comunidades - para logo continuar expandíndose e poder establecer actitudes de escoita e traballo común con outras confesións cristiás e relixiosas, e avanzando na busca dese diálogo coas institucións civís que conforman e estruturan a sociedade.
Este proxecto que marca a “Ecclesiam Suam” de Paulo VI, veuse logo plasmado na constitución Gaudium et spes do concilio Vaticano II; e está na base desa alegría  que nos chama a testemuñar Francisco na “ Evangelii gaudium”. Neste novo “kairós” - tempo -, a nova primavera eclesial que entre tod@s, hoxe,  estamos chamados a construír.
Quede aquí este pequena homenaxe a este gran Papa que na mañá de hoxe, en Roma, será proclamado novo “Beato” da Igrexa Católica.

                                              (*)   Profesor de Teoloxía Moral no Instituto Teoloxico San Xosé (Vigo)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...