Ir al contenido principal

5 Domingo Pascua B



Somos Videiras de Cristo no medio do mundo, para ser froito abondoso de misericordia


Descarga o ficheiro


CANTO GOZOSO

ENTRADA: Vinde axiña
LECTURAS: O amor é o meirande
OFERTORIO: Temos una festa
COMUÑÓN: Eu soñei

ESCOITA ACTIVA

Pouco a pouco imos adentrándonos no tempo de Pascua. Estes cincuenta días nos que os cristiáns queremos mostrar e expresar a ledicia da resurrección van envolvéndonos nunha chamada de optimismo, esperanza e solidariedade. Como ben sabemos a Pascua non é un día, senón un tempo e unha maneira de vivir e desenvolver a vida. Unha maneira de vivir ancorada na persoa de Xesús e que acollemos converténdoa en feitos, comportamentos e vivencias múltiples e ricas para cada un de nós e para as nosas comunidades.
Nesta experiencia de crecemento e encontro que a fe nos ofrece, hoxe queremos compartir a invitación que se nos fai desde o Evanxeo: entender e gozar desta vivencia pascual dando bos froitos que supoñan atoparse e compartir, tender a man e axudar, pararse e escoitar. Porque o bo froito só é posible con esforzo e traballo; e inda así, nada asegura que tod@s o vexan e entendan.
Neste domingo que volvemos xuntarnos ao redor da mesa do altar, unámonos neste momento de fe e comuñón que agora comezamos, sabendo agradecer a Deus as persoas e situacións que vai poñendo no noso camiño para ser felices e crecer queréndonos e preocupándonos uns polos outros.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

    Como ti termas de nós, dános azos para que tamén nós termemos de quen poida necesitarnos, SEÑOR,QUE SEXAMOS VIDEIRA CHEA DE BOS FROITOS.
    Como ti non cansas de acompañarnos e agarimarnos coa túa tenrura, que tamén nós saibamos levar a túa tenrura a quen se sente triste e desacougado, CRISTO, QUE SEXAMOS VIDEIRA CHEA DE BOS FROITOS.
    Como ti non deixas de alentarnos e animarnos, que tamén nós non teñamos medo de mostrar alento e ánimo a quen nos necesite, SEÑOR, QUE SEXAMOS VIDEIRA CHEA DE BOS FROITOS.

PALABRA ENRAIZADA

    Como ocorreu con Paulo, tamén nós temos que pasar do medo á acollida. É moi interesante e digno de que lle prestemos un pouquiño de atención á persoa de Paulo Saulo de Tarso, co tempo S. Paulo. Comezou sendo o primeiro perseguidor dos seguidores de Xesús. Si, denunciaba a quen pensaba que era do grupo dos amigos de Xesús; mesmo os perseguía e detiña para levarllos ás autoridades. Por iso ao mentar o seu nome aqueles primeiros cristiáns tiñan medo e non acababan de fiarse. Pero, nun momento ao longo deste proceso, prodúcese en Paulo un cambio, por que?. Porque se dá conta que aquilo que contan os seguidores do tal Xesús ten a súa aquela; é dicir, merece que se lle preste atención e que se pense un pouco que supón e a onde leva. Deste xeito prodúcese en Paulo unha verdadeira experiencia de conversión e cambio. Descobre que o vivir só de respectar costumes e tradicións se non vai animado polo amor, non serve para nada; que preocuparse por aliviar a dor e tristura, tamén a pobreza dos máis excluídos, paga a pena; que reunirse para agradecer e compartir esta experiencia que vai facendo que o grupo creza dia a dia e que ninguén se senta nin estraño nin apartado, non só evita facer doer os corazóns dos que o sofren, senón que leva tamén a que un se senta verdadeiramente realizado e a gusto co que é e fai. En fin, que Paulo vai sendo consciente de todo isto o testemuño daqueles primeiros cristiáns foi fundamental e decide romper coa súa relixión ritualista e discriminadora, para unirse a este grupo que era capaz de facerlle fronte ás dificultades, sen recuar diante delas. Ese foi o verdadeiro encontro con Xesús e a súa mensaxe, a través do testemuño daqueles esforzados e heroes da primeira hora do cristianismo. E tal foi así que ao principio non acababan de fiarse deste cambio. Acaso non nos pasaría o mesmo a nós?.. Teñen medo, e o medo impídelle ao principio acollelo, abrirlle a porta das súas casas, invitalo as súas celebracións...; pero non se deixan levar da desesperación, senón que lle van dando novas oportunidades,e pouco a pouco Paulo acabou non só sendo do grupo dos cristiáns, senón sendo o gran ideólogo da expansión e do crecemento do cristianismo, facendo dos países do Mediterráneo -si, ese mar que nestes días, tristemente está sempre nos medios de comunicación por terse convertido en cemiterio de seres humanos- o espazo a través do que se foi expandindo o cristianismo. E que hoxe recibe, sen ningún xénero de dúbidas, o nome do gran evanxelizador da fe en Xesús. Que coma El, fagamos tamén nós o esforzo de perder medos e facer agromar esperanzas no noso xeito de dicir as cousas e de facelas.
    O amor non son palabras senón feitos. O amor ten que ser o medio a través do que vaiamos facendo esta expansión da mensaxe de Xesús. Porque se non amamos de verdade seremos incapaces de entusiasmarnos, e quen non é capaz de entusiasmarse, que pode transmitir?. NADA. Si, nada. Como di esa canción que ás veces cantamos, se nos falta o amor, non nos sirve de nada. Porque o amor non é sentimento nin adobo que condimenta o que dicimos, senón que é cerne desde onde temos que vivir, sentir, actuar e realizar. Sen el o seguimento de Xesús acabaría converténdose en norma, costume, rito... pero non en encontro cos outros nin en achegamento que sabe escoitar, perdoar, recomezar e sempre... esperanzar. Sen feitos, o amor convértese en ideoloxía, e iso non é o que quere Xesús. Ideólogos hai moitos; persoas que amen son as que escasean. Por iso, aí é onde temos que estar nós.
    O bo froito supón sempre traballo. Cando un toma en serio o que significa o amor, é capaz de entender que foi o que se propuxo Xesús; máis aínda, que foi o que El quixo e transmitiu como primeiro testemuño. Para Xesús amar é sempre un esforzo; un esforzo que hai que traballar, porque de non ser así convértese en milonga que engaiola, pero non humaniza, non achega, non nos fai felices. Se queremos que o amor dea verdadeiros froitos, non nos deixemos caer no que é máis cómodo, máis fácil e supón menos esforzo; ao contrario, non renunciemos, nin nos deixemos vencer polos agoiros nos que sempre insisten os que repiten unha e outra vez, en que tiremos polo camiño do que fan tod@s, sen complicarnos a vida. Diante disto, Xesús non cansa de dicirnos: paga a pena non abandonar, resistir non é malo, ser constantes acaba dando froitos. Por iso seguimos cantando convencidos: na tardiña baixa da vida, han examinarnos de  amor.

FRATERNIDADE ORANTE

Como videiras chamadas a dar froito, poñemos as nosas preocupacións e proxectos na man de Deus, e dicimos xunt@s:
QUE OS NOSOS FROITOS SEXAN AS BOAS OBRAS
    Que toda a Igrexa aprendamos, coma Xesús, a perder o medo e a traballar para acoller, integrar e colaborar con quen pensa distinto pero busca sempre o ben común, OREMOS.
QUE OS NOSOS FROITOS SEXAN AS BOAS OBRAS
    Que cantos imos conformando as nosas comunidades cristiás non teñamos nunca medo a vivir a esperanza que nos ofrece Xesús, sabendo acompañar a quen estea solo, visitar aos enfermos e escoitar a quen precise de ser acollido, OREMOS.
QUE OS NOSOS FROITOS SEXAN AS BOAS OBRAS
    Que, uníndonos a toda Igrexa, encomendemos e valoremos o traballo de tódalas nais, e temos hoxe especialmente presentes ás nais coraxe, que contra o parecer, os comentarios e críticas de tod@s, non renuncian a loitar polos seus fill@s, dando un verdadeiro testemuño de amor cristián, OREMOS.
QUE OS NOSOS FROITOS SEXAN AS BOAS OBRAS
    Que os que hoxe nos reunimos nas comunidades cristiás para compartir e agradecer a fe en Xesús, non nos deixemos levar das rutinas, o aburrimento nin o pasotismo nas celebracións e saibamos mostrar que para nós, e de verdade, a mensaxe de Xesús nos vai cambiando o corazón e nos axuda a ser mellores, OREMOS.
QUE OS NOSOS FROITOS SEXAN AS BOAS OBRAS
Señor, polas túas mans deixámonos agarimar, para que a túa tenrura nos axude a ir facendo da vida unha experiencia de encontro e solidariedade para cantos nos necesiten. P.X.N.S. Amén.

MIRADA ESPERANZADA

Señor,
dáme, dános, un corazón aberto,
acolledor, solidario, un corazón grande,
capaz de abrirse aos pobres, aos teus preferidos,
e que estea sempre da súa parte,
que non se cerre a quen o necesita,
que o sinta como a miña carne.
e dáme un corazón compasivo
que teña as entrañas dunha nai.
Agranda ben o meu corazón
que ninguén quede á marxe,
un corazón xeneroso, baleiro e libre de si mesmo,
capaz de compartir, de entregarse
e de loitar por un mundo xusto, novo.
Un corazón que confíe nos outros,
nos que sofren, nos enfermos, nos pobres.
Dáme, dános, Señor, un corazón novo,
un corazón que te agrade.
(Basilio Pérez de Mendiguren)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

3 Advento 2024

  CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA XUSTIZA SINAL DE ADVENTO:  Colocamos no taboleiro a terceira parte do noso berce. CANTO GOZOSO   §      Entrada: Volve, Señor (Nº 90)  §      Lecturas: Que ledicia miña (Nº 4) §      Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36) §      Comuñón: Ven axiña visitarnos (Nº 86)   OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN   Estamos xa no terceiro domingo do Advento. Nas semanas anteriores a Palabra de Deus invitábanos a espertar e a ir preparando o berce do noso corazón. Neste domingo, entre as palabras de ánimo do profeta Sofonías e a invitación á ledicia de Paulo, fáisenos unha nova indicación que vén responder, coma nos tempos do Bautista, á nosa pregunta de “que temos que facer?”. A indicación desta terceira semana é ben directa e clara: convértete e practica a xustiza!. Porque non nos enganemos: todas as persoas estamos necesitadas de conversión, de cambiar actitud...

4 advento 2024

    HUMILDES CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA SINXELEZA ACOLLEDORA SINAL DE ADVENTO Completamos o noso berce.   CANTO GOZOSO o    ENTRADA:  Volve Señor (Nº 90) o    LECTURAS:  Vén axiña visitarnos (Nº 86) o    OFERTORIO:  Recibe, Señor (Nº 31) o    COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   OLLOS DE ESPERANZA              Belén era unha aldea pequeniña, un lugar que pasaba totalmente desapercibido e que semellaba pouco ou nada importante. Ata que unha noite converteuse en lugar de salvación e acollida, porque alí naceu o Fillo de Deus. Neste cuarto e derradeiro domingo do Advento, Belén quere ser para todas e todos nós un recordatorio claro de que Deus está no sinxelo, no humilde, na xente máis esquecida e que, ao igual que Belén, é moitas veces invisibilizada e marxinada.    CORAZÓN MISERICORDIOSO ·      ...