Ir al contenido principal

Pentecostes 2015


Presenza e alento do Espírito nun xeito de sentir e vivir a fe moitas veces desalentado e pouco crible
Descarga o ficheiro

CANTO GOZOSO

ENTRADA: Que ledicia
LECTURAS: Manda o teu Espírito
OFERTORIO: Veña o teu Reino
COMUÑÓN: Acharte presente
ESCOITA ACTIVA
A festa do Espírito Santo, Pentecostes. Si, hoxe achegámonos ao noso encontro semanal movid@s pola chamada que, nos seus discípulos, nos fai Xesús: ide e entendede. Porque aquí está a clave: entendernos. E cómo nos custa! Falamos moito, pero dicimos pouco. Confundimos utilizar moitas palabras, mesmo ter un vocabulario rico, con dicir cousas con sentido. Por iso neste domingo de Pentecostes poderiamos preguntarnos se somos dos que falamos sen dicir nada; se somos dos que nos gusta que outros falen inda que non entendamos nin prestemos atención; ou se somos dos que falan cando corresponde, sen buscar quedar ben, senón motivar os corazóns para actuar acollendo a forza do Espírito e facendo canto nos corresponde. Porque no facer ben o que temos que facer está sempre presente o Espírito que Xesús nos deixou para mover os corazóns e facer da vida un camiño de diálogo e entendemento activo.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
Para que non convertamos a fe nunha perda de tempo, senón nunha escoita activa e transformadora por facer ben as cousas, SEÑOR, QUE FALEMOS PARA ENTENDERNOS.
Para que superemos a tentación de oír sen escoitar e de falar sen dicir, CRISTO, QUE FALEMOS PARA ENTENDERNOS.
Para que non nos deixemos levar da intransixencia nin da intolerancia, SEÑOR, QUE FALEMOS PARA ENTENDERNOS.
PALABRA ENRAIZADA
Poderiamos hoxe fixarnos en tres palabras que van aparecendo ao longo das lecturas que temos proclamado, Tres palabras que nos ofrecen un estilo de vida e un camiño polo que somos invitados a ir para acadar ese estilo de vida: inmobilidade, testemuño e entendemento. 
Inmobilidade: Esta é unha tentación que tod@s temos algunha ou moitas veces ao longo da vida. Quedar quietos, pensar e desexar que o que haxa que facer o fagan outr@s. É máis cómodo ver pasar as cousas, situacións e realidades por diante dos nosos ollos que facerlles fronte. Nesta situación estaban os apóstolos despois de que Xesús se fora, nunha espera inactiva e vitimista. Necesitaban que alguén os espoliase, e estando nestas chega o Espírito que os leva a tomar conciencia de que hai que cambiar, moverse, deixar de laiarse ou camiñar na nostalxia do que foi e xa non volverá. E comezan a súa andaina. Non esquezamos: toman conciencia de que seguir a Xesús non é quedarse na dor e na queixa, senón ser proactivos e propositivos, e non esperar que outros o fagan por nós. Se nós non mostramos que a fe é importante na vida, que podemos transmitir aos que non están, non veñen ou se foron?
Testemuño:.Cando somos capaces de perder o medo e mobilizarnos, estamos mostrando que queremos dar razón do que nos move e nos da azos para facerlle fronte a canto veña. E o que vén non sempre é bo. A iso chámaselle testemuño. Dar razón de canto transforma a vida non nun laio permanente, senón nunha acción de grazas persoal e comunitaria que vai converténdoa non no aburrimento dos días que pasan, senón en esperanza por compartir cos demais que Xesús nos abriu un camiño que nos ilusiona, que nos move a facer cousas xunt@s; e que neste camiño non imos solos, que o Espírito vai con nós, que El non deixa que nos veñamos abaixo nas dificultades e terma de nós cando a euforia non nos deixa poñer os pés no chan nas alegrías. Testemuñar é transmitir e trasladar aos demais que a vida paga a pena e que Deus, non só non nos deixa solos, senón que nos ofrece o gozo da presenza do Espírito ao noso lado.
Entendemento: E este traxecto do camiño da nosa vida non o facemos solos, senón en comunidade. Unha comunidade que vai tentando identificar no medio do noso mundo actual as pegadas de Deus; unha comunidade que non deixa que quedemos nas marxes; unha comunidade na que nos queremos e preocupamos uns dos outros; unha comunidade que loita contra a tentación do derrotismo e do aquí non se pode facer nada; pero unha comunidade tamén que sabe poñer freo as nosas euforias puramente afectivas que ás veces nos fan esquecer que os pés teñen que tocar sempre o chan; unha comunidade, que sen ser mellor nin peor cas outras é a nosa, e que hoxe se reúne para poder escoitar esta palabra, reafirmar os seus lazos de solidariedade e entendemento, e que quere facer do diálogo o seu medio desde o que mostrar que nin somos unha secta nin temos que pensar todos igual, senón que nesta familia que chamamos Igrexa cabemos tod@s, e se Deus nos abre a porta e nos invita a entrar, nós non somos quen de pecharlle a quen queira vir e quedar.
FRATERNIDADE ORANTE
Porque non queremos quedar quietos, porque buscamos testemuñar a nosa esperanza, porque estamos dispostos a facer do entendemento o medio polo que os que nos ven se acheguen á persoa e mensaxe de Xesús, dicimos xunt@s:
SEÑOR, NIN INAMOBIBLES NIN ENFRONTADOS, SENÓN TESTEMUÑAS
·      Para que poñamos vista, oído e corazón en canto facemos, esforzándonos por ser unha Igrexa aberta ao vento do Espírito que non se pecha, senón que se abre ao mundo, OREMOS.
SEÑOR, NIN INAMOBIBLES NIN ENFRONTADOS, SENÓN TESTEMUÑAS
·      Para que non deixemos que as nosas comunidades parroquiais se deixen ir pola pendente do consumo de sacramentos e celebracións, sen ser capaces de descubrir que temos que ser comunidades vivas, acolledoras e transformadoras da realidade, OREMOS.
SEÑOR, NIN INAMOBIBLES NIN ENFRONTADOS, SENÓN TESTEMUÑAS
·      Para que pasemos a Palabra hoxe escoitada pola peneira do noso corazón e polo forno da reflexión que coce as ideas ata que maduran para así ofrecelas á mellora do mundo moitas veces esquecido do diálogo, a acollida e o acompañamento, OREMOS.
SEÑOR, NIN INAMOBIBLES NIN ENFRONTADOS, SENÓN TESTEMUÑAS
·      Para que sexamos testemuñas agradecidas pola fe recibida no seo das nosas familias, celebrada nas nosas comunidades parroquiais e ofrecida a quen ten ás persoas como centro e fin e non como medio a quen se engana e utiliza cando interesa, OREMOS.
SEÑOR, NIN INAMOBIBLES NIN ENFRONTADOS, SENÓN TESTEMUÑAS
Grazas, Señor, pola forza e presenza do Espírito que nos volve falar á cabeza e ao corazón para que, poñendo os pés sempre no chan, non deixemos nunca de mirar ao ceo. P.X.N.S. Amén.
MIRADA ESPERANZADA
O noso testemuño de crentes chámanos a ser persoas comprometidas na busca da xustiza, a paz e a reconciliación. Este compromiso forma parte da nosa identidade. Non podemos renunciar a esta dimensión da nosa vida. Non podemos cruzarnos de brazos diante da violación dos dereitos humanos, non podemos ser pasivos espectadores diante das diversas formas de violencia. É bo que gravemos na conciencia que temos que saír sempre: “En defensa dos dereitos dos oprimidos, dos irmáns, renunciando á acción violenta, recorramos a medios que, por outra parte, están ao alcance incluso dos máis débiles [...], denunciemos con firmeza toda clase de acción bélica e toda carreira de armamentos [...], sen escatimar traballos e sufrimentos pola edificación del Reino do Deus da paz” (art. 69 das Constitucións dos franciscanos).
Na situación actual, que nos está pedindo o Evanxeo, para que sexamos, aquí e agora, testemuñas e promotores de xustiza, paz e reconciliación? Cal é a nosa achega específica como seguidores de Xesús á promoción da xustiza, a paz e a reconciliación? Cómo respondemos ás chamadas que nos chegan do noso mundo? En que temos que cambiar para ser verdadeiras testemuñas activas e na busca do entendemento?
Temos sido chamados para evanxelizar. Falar de evanxelización é, polo tanto, falar da nosa resposta á acollida do Espírito. Aquí está a nosa vocación e a nosa razón de ser desde a Igrexa e para o mundo. O Espírito é o que nos empurra a elo. A nós correspóndenos simplemente responder a esa invitación e esa chamada.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...