UNHA FE QUE NON SABE POÑER OS OLLOS FITANDO O ROSTRO DOÍDO DOS IRMÁNS E SÓ MIRA PARA O CEO É UNHA FE PRA ENTRETER E ENGANAR
CANTO GOZOSO
ENTRADA: Con ledicia imos todos ao altar
LECTURAS: A túa PalabraOFERTORIO: O amor é o meirande
COMUÑÓN: Ide e pregoade
ESCOITA ACTIVA
Neste domingo da Ascensión somos invitad@s a poñer a mirada no mundo do que formamos parte e que imos construíndo entre tod@s. Mirar, e facelo sen medo nin volvera vista, non é tarefa doada. Moitas das imaxes que van aparecendo diante dos nosos ollos son difíciles de entender nunha sociedade que se di avanzada, moderna e permanentemente aberta á comunicación. E son difíciles de entender porque nesa mirada imos atopando violencia -moita e cada vez máis-, indiferenza ante a dor dos demais, engano e mais mentira. Como vai ser doado manter os ollos nesa mirada! Claro que preferiríamos imaxinarnos que o mundo é unha película onde as cousas non son reais; pero non é así, por iso non é fácil soster, como dicimos, esa mirada.Mais temos que facelo, e a festa deste domingo lémbranolo de xeito permanente: non podemos quedar mirando ao ceo, senón ao fronte, aos irmáns. Que saibamos descubrir que ademais da mirada, sempre podemos poñer corazón e mans para que o horror do que vemos se vaia cambiando á solidariedade e esperanza.CORAZÓN MISERICORDIOSO
- Por ver demasiado cara ao ceo, e pouco cara ás persoas, SEÑOR, NON NOS DEIXES CAER NA TENTACIÓN.
- Porque moitas veces facemos da fe rutina e non compromiso de axuda aos demais, CRISTO, NON NOS DEIXES CAER NA TENTACIÓN.
- Porque nos mostramos indiferentes e insensibles diante do sufrimento dos que con moita facilidade e despreocupación chamamos irmáns, SEÑOR, NON NOS DEIXES CAER NA TENTACIÓN.
PALABRA ENRAIZADA
Estar no medio do mundo e non caer na tentación de retirarnos, de deixar o campo aberto a que veñan outros con enganos e interese a facer das persoas monicreques é unha das tarefas dos que nos chamamos crentes e seguidores de Xesús de Nazaret. Durante moitos anos, facer referencia a ter fe identificábase con ir ou non á misa, inda que logo o resto da vida nada tiña que ver co que nela escoitabamos e rezabamos. Unha fe de “cumplo y miento”, dicíase moitas veces. Isto foi levando a esquecer, e tamén a confundir o importante co secundario, e pasamos de darlle moita presenza aos ritos e pouca ao testemuño. Porén, Xesús condenaba, denunciaba e respondía con dureza diante dos que facían da fe rito, e insistía unha e outra vez na necesidade de facer da vida testemuño. Porque o que fai crible o que rezamos só pode ser o que vivimos, sabendo que nese vivir temos que integrar a complexidade e dificultade que a vida nos vai presentando cada día: dor, sufrimento, engano, violencia; pero tamén acollida, esperanza, cariño, sorriso, solidariedade... e no medio destes contrastes Xesús como aquel que alenta, anima e sempre acompaña. Evanxelizar, como acabamos de escoitar é saír dos nosos medos, dos nosos refuxios, dos nosos grupos onde tod@s pensan coma nós e non ter medo a facerse presente alí onde non nos van entender ou van intentar que nin sintamos alegría nin esperanza por ser crentes. É dicir, evanxelizar é dar testemuño de que Xesús non é un mito, senón unha realidade desde a que afrontamos a vida.Por iso non podemos quedar mirando para o ceo. E para iso non podemos nin pechar os ollos nin volver a cara. Non é doado, ninguén di que o sexa, pero é o que corresponde a quen quere/mos levar con dignidade o nome de cristiáns.
Paulo dicíalle aos efesios -o que tamén vale hoxe para nós-, que só quen confía pode manter iluminados os ollos da alma; é dicir, só quen pon os seus cimentos en Deus é capaz de darse conta que falar de dignidade, respecto, colaboración, solidariedade, xustiza... non son palabras baleiras, senón actitudes, maneiras desde as que facer as cousas, compromiso para non volvernos indiferentes diante da dor e invisibilidade de tantas persoas que, por non ser importantes aos ollos dos que pensan que o saben todo, van sendo esquecidas na súa propia dor e incomprensión. Só quen entende o que son os ollos da alma, sabe descubrir e entender que Deus é presenza e humanidade no irmán, especialmente no irmán só, esquecido e anónimo.
Por iso Paulo, unha vez que lles di isto, engade que só desde eses ollos –que non son os do poder, o diñeiro nin o desprezo– poderemos comprender cal é a esperanza da que falamos os cristiáns. Preguntémonos logo: Que ven os nosos ollos, cara onde diriximos as nosas miradas? Que Igrexa queremos ser? Que Igrexa estamos sendo?
Queremos, como di Francisco; mellor, estamos dispostos a ser unha Igrexa en saída? Unha Igrexa disposta a perder o medo, a arriscar e a non calar diante do discurso, bonito pero tremendamente inxusto e insolidario –líquido e sen substancia-, dos que teñen voz nos parlamentos, nas televisións, nas radios ou nos xornais, e que a forza de berrar moito, unha e outra vez, acaban por vencer –non convencer– aos que os escoitan. Xesús dicíao moitas veces: a fe non é para quen se regodea nas súas conquistas, senón para persoas inquedas que buscan, se preguntan e, o que é máis importante, non teñen medo a reivindicar a dignidade e o ben de tod@s, non duns poucos privilexiados. Crer é unha opción persoal, froito da reflexión, non da tradición. E para iso hai que formarse, dedicar tempo a pensar e non vivir dos réditos do que antes foi e se facía. Temos que ser crentes de hoxe, deste momento, e non mirar –de que nos vale?– para atrás botando en falta o que xa non volverá nin o que xa hoxe non poderemos facer. Cando dicimos: é que antes faiamos así, é que antes eramos máis, é que antes... algunha vez vos preguntastes/mos: e con quen contabamos antes, e con quen contamos agora? Hoxe vemos como dúas xeracións xa non están nas nosas celebracións nin se fan presentes no actuar e vivir cristián. Preguntémonos porque nós, si nós –tod@s, non só os curas-, non quixemos ou non soubemos mantelas nelas. E como consecuencia destaausencia, temos perdido a transmisión e continuidade da fe. Como as imos suplir? Por iso a pregunta que nos temos que facer hoxe é: cos que estamos e cos que somos, que podemos facer? O evanxeo di: “e eles saíron a predicar por todas partes”. Aquí está unha das partes da resposta: saír, deixar de pensar que xa virán, facernos presentes alí onde están os que hoxe non veñen. Este é o noso reto; pero ao mellor xa non temos nin forzas nin
ilusión para loitar por conseguilo. Por iso é máis fácil mirar atrás e volver dicir: é que antes... pero ese antes xa non volverá, porque estamos no despois. E neste despois é onde temos que deixar de mirar ao ceo senón ao rostro de quen temos enfronte, porque é aí onde Deus se vai mostrando.
FRATERNIDADE ORANTE
Mirando con ollos limpos ao mundo do que formamos parte, e sabéndoos necesitados de toda a solidariedade e axuda que poidamos prestarnos uns aos outr@s, confiemos na tenrura de Deus e digamos xunt@s:QUE A DUREZA DA VIDA NON ENSOMBREZA A NOSA CONFIANZA EN TI
Señor, que loitemos por ser unha Igrexa que non se deixa vencer polo desánimo, a tristura nin a pasividade, OREMOS.
QUE A DUREZA DA VIDA NON ENSOMBREZA A NOSA CONFIANZA EN TI
Señor, que non deixemos que nas nosas comunidades parroquiais creza a indiferenza e o anonimato diante de situacións de pobreza, inseguridade ou soidade pola que están a pasar moitos dos noso veciños, OREMOS.
QUE A DUREZA DA VIDA NON ENSOMBREZA A NOSA CONFIANZA EN TI
Señor, que non quedemos mirando cara ao ceo, como se crer en ti e poñerte como guieiro supuxera esquecer que é no mundo, o noso mundo, o mundo de tod@s, onde temos que saber mostrar a forza e a esperanza os que temos fe, OREMOS.
QUE A DUREZA DA VIDA NON ENSOMBREZA A NOSA CONFIANZA EN TI
Grazas, Señor, por acompañarnos e facernos ver coa túa palabra e a túa vida, que temos que estar sempre cos ollos abertos e o corazón atento ao mundo do que formamos parte. P.X.N.S. Amén.
MIRADA ESPERANZADA
Manterse en pé é importante; como tamén o é ter conciencia do propio corpo cando un está de pé para orar en público ou en privado. Os pés descansan solidamente no chan, xuntos ou lixeiramente separados, plantados na terra da nosa humanidade.Convén que se sinta o chan que nos une humildemente á terra. A pelve está dereita para conservar o equilibrio e a estabilidade. As costas ergueitas, sen esforzo e sen tensión. Os ombreiros relaxados e distendidos na confianza dun Deus que nos coñece e nos acolle. A cabeza, non moi baixa, achéganos ao ceo. A mirada pode estar fixa nunha cruz ou nunha imaxe.A continuación pechamos os ollos para deixar falar ao corazón ou formar un só corpo co silencio, ao ritmo lento da respiración, como un refluxo de amor. Si o sitio o permite, pódese rezar sen zapatos, o que nos achega aínda máis máis ao chan. O feito de descalzarse fai que entremos nunha profunda humildade espiritual.
Comentarios