Ir al contenido principal

2 Domingo Nadal 2016

-->
Deus non salva por control remoto, senón desde a cercanía de quen tende a man para acoller e acompañar
CANTO AGRADECIDO
§  ENTRADA: Eu soñei (Nº 58)
§  LECTURAS: Escoita Ti a Palabra de Deus (Nº 26)
§  OFERTORIO: Na nosa terra (Nº 36)
§  COMUÑÓN: Acharte presente (Nº 51)
ESCOITA ACTIVA
A idea central da celebración de hoxe, que non por moi repetida e escoitada temos posto en practica, é a de que Deus está aquí, entre nós, ao noso lado; non está lonxe nin hai que terlle medo. Está ao noso carón e participa das nosas ledicias e tristuras. Como nos custa entender e acoller isto! Seguimos a pensar a Deus nas claves dunha sociedade clasista e piramidal: é poderoso, manda, hai que terlle medo, debemos pregarnos ao que El mande... como se a nosa tivese que ser unha relación entre servos –nós- e señor –El-. Pero non é así. Todo o contrario: cando un cristián di Deus, a imaxe desde a que fala é a de alguén, non algo, que escoita, acolle, acompaña e está sempre disposto a facer da misericordia o eixo no que situar a súa relación con nós. Deixemos logo que a súa tenrura enchoupe a nosa vida: pensar e actuar, para que cando digamos Deus non poidamos pensar noutra cousa que no amigo que nos quere. Por iso soñamos un mundo fogar no que El, como bo Pai sabe acompañar sen necesidade de mostrarse como o amo que todo o pode e domina.
Poñámonos entón neste camiño que El quere acompañar, para que fagamos da celebración que agora comezamos un canto de ledicia compartida e celebrada.
FRATERNIDADE ORANTE
Ø Por non ter ollos para descubrir a presenza de Deus en quen sufre;  SEÑOR, QUE A TÚA SABEDORÍA CAMBIE O NOSO CORAZÓN.
Ø Por querer darlle as costas ao esforzo de facer do noso traballo ofrecemento a mellorar canto non facemos ben; CRISTO, QUE A TÚA SABEDORÍA CAMBIE O NOSO CORAZÓN.
Ø Por esquecer que o legado de Cristo pide que sexamos irreprochables, solidarios e honestos no noso actuar; SEÑOR, QUE A TÚA SABEDORÍA CAMBIE O NOSO CORAZÓN.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
·      Estamos no tempo de Nadal; tempo de festa, encontro familiar, momento de atoparnos persoas que, quizais, ao longo do ano poucas veces volveremos estar xuntas. Por que no canto de queixarnos sempre do mesmo: comemos moito, discutimos, son días tristes, aborrécenos... non comezamos a facer propostas en positivo para sacar o mellor de todas as posibilidades que nos dan estes encontros polo Nadal? A lectura do libro do Eclesiástico dinos que a sabedoría de Deus habitou entre o pobo. Pensemos sobre esta frase. Nela dísenos que Deus nos ofrece a súa sabedoría. Pero non pensemos en sabedoría como unha acumulación de coñecementos. Non. A sabedoría de Deus vai ao corazón. É a sabedoría que fai que rompamos a imaxe de que non necesitamos dos demais, de que nos valemos sos, de que podemos ir ao noso sen contar con ninguén. Esta é a sabedoría humana; e xa sabemos, porque o temos experimentado,  a onde leva e que produce. Simplemente pensemos como nos temos sentido as veces nas que quixemos ir "ao noso aire" e canto sufrimento non teriamos evitado se prestaramos atención a esa outra sabedoría que nos vén traer Deus! Porque nos guste ou non, despois do "momento de gloria" que sempre é o que se consegue cando alardeamos de que non necesitamos dos demais nin tampouco de Deus, que este é un invento para someternos, acabamos recoñecendo que non nos sentimos ben, que os demais si son importantes para facernos felices, e que Deus non é unha idea, senón o alguén que sinto preto, e que me vai acompañando e abrindo un horizonte novo, distinto e aberto desde o que son invitado -non obrigado-, a orientar a vida. Deixemos logo que esta sabedoría teña acollida en nós!
·      E todo este proxecto ten unha foto fixa; unha foto que non cambia segundo esteamos de ánimo. Esa foto fixa é Deus, quen chama á nosa porta e pide permiso para entrar, quen non traspasa a nosa liberdade e capacidade de decisión,  quen non usurpa a nosa toma de decisións nin fala por nós. El chega e chama. Se nós abrimos, pasa e acompáñanos. Isto é así porque para El non somos estraños, senón os seus Fill@s. Si, escrito con maiúscula, porque fillos tamén son os demais seres vivos:  animais, plantas... dos que temos que termar e preocuparnos, pero que non nos igualan nin superan. Sabendo comprendelo, e acadando cada quen o seu sitio, entenderemos por que debemos coidar esta casa común que chamamos mundo: porque é de todos. Pero nel cadaquén ten o seu lugar; non para abusar ou destruír do que é máis débil, senón para unir e saborear xuntos este agasallo que Deus puxo nas nosas mans para que o coidaramos, na persoa de Cristo, o Xesús neno e pobre, recoñecendo a dignidade e respecto que todos cantos conformamos o mundo nos merecemos uns aos outros. O noso mundo, a nosa historia, o noso protagonismo... pero sempre desde a tenrura enchoupada de misericordia que El nos invita a construír.
·      E cando dicimos que a Palabra  se fixo carne, queremos dicir que se fixo un de nós, dos nosos: sufre, chora, alédase, entristecese, desenvolve proxectos e tamén  se vai atopando con fracasos e incomprensións.  Coma nós. E se é coma nós,  podemos logo entender moito mellor a forza da súa mensaxe; e se é coma nós,  comprendemos por que foi incomprendido e acabou como acabou; e se é coma nós entendemos por que era tan importante a relación de confianza con Deus Pai nos momentos de dificultade e incomprensión polos que pasou. A súa encarnación faino dos nosos; pero tamén nos ofrece outra perspectiva: a perspectiva de quen cando todo se volve negro e sen horizonte, non se vén abaixo, senón que atopa no Pai a forza para loitar contra a desesperanza e o derrotismo, que tantas veces nos acaba comendo e fundindo. Por iso estamos aquí: porque non se deixou vencer nin dominar nin polo destino, o sempre se fixo así ou o non hai nada que facer. Si que había e si que o fixo, e nós hoxe sentímonos agradecidos e non podemos dicir nada máis que: grazas, Señor, por facer da túa presenza unha acampada permanente. O mundo agora é así, pero se paseniñamente nos propoñemos non deixarnos vencer polo derrotismo, seguro que acabará sendo de outra maneira. E coma cidadáns do mundo, estamos aquí, porque as cousas sempre poden cambiar!
FRATERNIDADE ORANTE
Agradecemos agora a presenza de Deus entre nós e con nós, para dicir xunt@s:
POR SER PALABRA VIVA E DE ESPERANZA, GRAZAS SEÑOR
      Pola Igrexa, para que sexamos comunidade sabia que sabe facerse presente nos excluídos da nosa sociedade, para converter a inxustiza en solidariedade e amor, OREMOS.
POR SER PALABRA VIVA E DE ESPERANZA, GRAZAS SEÑOR
      Polas nosas parroquias, para que vaiamos cambiando actitudes que nos fan insolidarios, individualistas e despreocupados do sufrimento dos veciños necesitados, para transformalos en amor fraterno e humano, OREMOS.
POR SER PALABRA VIVA E DE ESPERANZA, GRAZAS SEÑOR
      Para que fagamos un verdadeiro esforzo por abrir os ollos a canto pasa ao noso redor, superando a tentación de reducir a fe a canto celebramos dentro dos nosos templos, para levar á vida, na relación de cada día, o que rezamos, compartimos e agradecemos nas nosas celebracións, OREMOS.
POR SER PALABRA VIVA E DE ESPERANZA, GRAZAS SEÑOR
Acolle, Señor, o noso esforzo por poñerlle rostro, corazón e tarefa permanente á invitación que nos fas de ser sal e luz no medio dun mundo, que se non poñemos esforzo da nosa parte, non será máis ca tebra entristecida pola desesperanza. P.X.N.S. Amén.
MIRADA ESPERANZADA
A xente está tan cansada de dicir e oír dicir que “O Verbo de Deus fíxose carne”, que chega a non reflexionar o que isto significa. El quixo realmente ser como un de nós, coma ti e coma min, menos no pecado: un home limitado que crece, que aprende e que pregunta; un home capaz de oír e de responder. Deus non asumiu unha humanidade abstracta de animal racional, senón que desde o primeiro momento da súa concepción asumiu un ser histórico: Xesús de  Nazaret, un xudeu por raza e por relixión, que se formou no reducido espazo do seo materno; que creceu no reducido espazo dunha patria insignificante; que madurou no reducido espazo dunha minúscula e remota aldea; que traballou nun medio limitado e moi pouco culto, onde non se falaba grego nin latín, as linguas da época, senón un dialecto, o arameo, con acento de Galilea; que sentiu a opresión das forzas de ocupación do seu país; que coñeceu a fame, a sede, a soidade, as bágoas pola morte do amigo, a alegría da amizade, a tristeza, o temor, as tentacións e o horror á morte; e que pasou pola noite escura do abandono de Deus. Todo isto asumiuno Deus en Xesucristo. Nada diso se lle aforrou. Asumiu todo o que é autenticamente humano e pertence á nosa condición, como a xusta ira e a santa alegría, a bondade e a dureza, a amizade e o conflito, a vida e a morte. Todo isto está presente na fráxil figura do Neno que comeza a xemer na manxadoira, entre o boi e a burra.
                    (Leonardo Boff, ÉL QUISO SER COMO UNO DE NOSOTROS)

Comentarios

Entradas populares de este blog

5 Domingo TO B 2018

PERSOAS LOITADORAS, NON SUFRIDORAS Descarga o ficheiro
CANTO GOZOSO
öENTRADA: Amigos nas penas
öLECTURAS: O Señor é o meu pastor (Nº 27)
öOFERTORIO: Acharte presente na vida (Nº 51)
öCOMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55)
PARA NON PERDER O PASO
Cando unha cousa non nos serve, cando non ten nada que poidamos obter dela, deixámola de lado. Na nosa vida de fe, ocorre que moitas veces estamos ermos: non sentimos nada e somos incapaces de poñer en relación canto rezamos co que facemos cada día. Deste xeito, pouco a pouco, váisenos apagando a chama da fe e convertemos todo o que di relación con ela en puro e simple costume, comercio, acto social ou tradición, inda que ás veces o queiramos revestir de cultura para poder mantelo.
Fronte desta situación, os textos que hoxe imos proclamar chámannos a non deixarnos caer nesta tentación, a esforzarnos por non deixar que esmoreza a esperanza, a aprender a gozar do moito que nos enriquece e aporta a fe. Non imos solos, temos un amigo ao noso lado: Xesús. Deixemos…