Ir al contenido principal

3 Domingo TO C 2016


O PRESENTE TAMÉN É TEMPO DE SALVACIÓN.... HOXE CÚMPRESE EN NÓS ESTA ESCRITURA
Descarga o ficheiro

CANTO GOZOSO
  • ENTRADA: Camiñando pola vida
  • LECTURAS: A túa palabra
  • OFERTORIO: Eu soñei
  • COMUÑÓN: Grazas, Señor, graciñas
ESCOITA ACTIVA
Escoitamos e mesmo dicimos moitas veces que co Papa Francisco a Igrexa está a vivir unha nova primavera eclesial despois dunha longa noite de pedra. Unha primavera na que recupera o diálogo co mundo que inaugurara o Concilio Vaticano II desde dúas categorías: compromiso e solidariedade, atent@s aos sinais dos tempos.
Na liña marcada por Francisco, a celebración de hoxe quere ser unha invitación a que abramos portas de renovación, sen medo nin desconfianza; portas de diálogo e entendemento; portas de búsquea do ben da persoa; portas de traballo compartido por canto libera, axuda, dialoga e expresa o amor de Deus; portas, en definitiva, de misericordia que poñan á persoa, e non a lei ou os ritos no centro. Só así seremos quen de converter os gozos e esperanzas da xente nos gozos e esperanzas dunha Igrexa crible que se descubre como hospital de campaña e balón de osíxeno para quen se sente desesperanzado. Só así poderemos dicir que hoxe tamén se cumpre esta Palabra, Palabra de vida, de esperanza, de alento, de compromiso, de compaña... de amor.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
  • Polas veces nas que en lugar de buscar a unión somos motivo de división, sementando discordia e buscando enfrontamentos dentro das nosas familias, cos nosos veciños, no noso traballo, na nosa parroquia, SEÑOR, DEVÓLVENOS A ILUSIÓN.
  • Porque nos refuxiamos na comodidade e na autocompaixón fácil do “non sei” ou “non vallo” para evitar comprometer a nosa vida, CRISTO, DEVÓLVENOS A ILUSIÓN.
  • Porque a novidade que es Ti non chega ao noso corazón, que segue sendo de pedra, SEÑOR, DEVÓLVENOS A ILUSIÓN.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
O pobo de Israel quere reconstruír a súa esperanza despois da amarga experiencia do desterro en Babilonia, pero esta reconstrución só será posible dende a unidade, tendo en conta, ou mellor dito, poñendo en primeiro lugar aos máis febles, aos pequenos. Pasaron os anos, os séculos e tanto tempo despois do profeta, seguimos, máis que nunca, necesitad@s desta sanación, dentro dun mundo dividido entre ricos e pobres, dentro dunha sociedade dividida entre dominadores e dominados, dentro dunhas comunidades divididas por vellas e rancias xenreiras, por estúpidas discusións ou por inútiles partidismos e protagonismos. A crúa verdade é que non damos entendido que a liberación que propón Cristo é unha liberación total, que abrangue todas as dimensións da persoa. Deus non pode, e nós tampouco, ser neutral diante dun mundo dividido e desgarrado pola inxustiza. El trae a liberdade a un mundo no que tanto se fala dela, pero no que paradoxalmente cada vez son máis os deuses que nos encadean e tiranizan: o poder, a riqueza, o prestixio... Trae a luz para unhas persoas que pode que saibamos e teñamos moito; pero que non sabemos vivir e valorar as cousas cotiás, sinxelas e pequenas. En definitiva, El trae VIDA, pero vida en abundancia. Porque cómpre non esquecer que Xesús, para demostrar que El era o Mesías non quixo, alomenos neste momento, deslumbrar aos seus paisanos co brillo das súas milagres. Non. A súa afirmación clara baséase en que evanxelizaba aos pobres, pregoaba a remisión e a vista, enviaba con liberdade aos oprimidos e pregoaba un ano de graza. Cada vez que unha persoa traballa para que os homes coñezan de verdade o Evanxeo, para que saiban que son fill@s de Deus e irmáns.... cúmprese esta escritura. Cada vez que unha persoa se esforza por acadar unha orde social máis xusta na que as persoas sexan persoas e non cousas.... estase cumprindo esta escritura. Cada vez que unha persoa tenta que miremos por riba da miopía dos cartos, do poder, da comodidade, da preguiza.... estase cumprindo a escritura. Cada vez que unha persoa pregoa aos catro ventos un ano de graza do Señor, un ano interminable no que deixemos de ser lobos para os irmáns, en que acabemos de ver no outro un inimigo ao que hai que perseguir.... cúmprese esta escritura. Cada vez que unha persoa berra que quere a paz e non a guerra, dándonos de verdade a man, sen rancores e poñendo o diálogo como punto de partida... cúmprese esta escritura. Cada vez que unha persoa pregoa que cómpre achegarse sen medo nin reservas aos demais, sentar con eles e compartir mesa e mesmo bolsa... estase cumprindo esa escritura. É responsabilidade nosa o feito de que HOXE, HOXE mesmo, poida ou non cumprirse esta escritura.
E nós, a que esperamos?. Cómpre ir dando pasos firmes que xeren vida ao noso redor, que dean boas noticias, capaces de reconstruír e facer xermolar de novo a esperanza de que outro mundo é posible. O Espírito do Señor está sobre cada un e cada unha de nós, e fai que sexamos portadores desta Boa Nova: Deus quérenos, ocúpase e preocúpase por nós. E se é un o Espírito que anima a nosa vida, estamos chamad@s a traballar pola unidade dentro das nosas familias, das nosas comunidades, da nosa Igrexa. Cantas divisións, desencontros e enfrontamentos por mor dos nosos egoísmos e do noso afán de protagonismo!. Cando nos decataremos, como nos lembra Paulo, de que todos nós somos membros do corpo de Cristo, iguais en importancia e que polo tanto non podemos atribuírnos a exclusividade?. Comecemos xa. Non perdamos máis tempo: tamén hoxe, coma nos tempos de Nehemías, é hora de reconstruír a comunidade na unidade e na liberdade.
FRATERNIDADE ORANTE
Abramos o corazón a Deus, e confiémoslle a nosa vida, para que a acompañe coa súa presenza e o seu alento e digámoslle:
QUE SE CUMPRA EN NÓS A TÚA PALABRA
Para que a Igrexa, en fidelidade á mensaxe de Xesús, nunca canse de acompañar a quen o necesita, escoitar a quen pete na súa porta e alentar a quen vive na desesperanza, OREMOS.
QUE SE CUMPRA EN NÓS A TÚA PALABRA
Polas nosas comunidades, para que de verdade tomemos conciencia de que somos parte dun mesmo corpo, e para o seu bo funcionamento tod@s somos necesari@s, OREMOS.
QUE SE CUMPRA EN NÓS A TÚA PALABRA
Por cada un e cada unha de nós, para que non cansemos de anunciar o ano de graza do Señor no medio dun mundo marcado pola desesperanza, o egoísmo, a inxustiza, a vinganza e a opresión, OREMOS.
QUE SE CUMPRA EN NÓS A TÚA PALABRA
Grazas, Señor, por invitarnos a ter unha fe activa e comprometida con todo canto supoña e signifique o traballo comunitario de facer a vida máis agradable e alegre aos demais. P.X.N.S. Amén.
PARA A REFLEXIÓN
Que non se me afaga o corazón, Señor,
a ver persoas sufrindo en situacións inxustas.
Que non vexa normal tropezar todos os días
con homes e mulleres desprazados, sen casa, sen teito.
Que me sorprenda cada día deste mundo que montamos
no que uns temos de todo e a outros fáltalles todo.
Que non se me afaga o corazón
á mirada triste e perdida,
ao xesto caído e desanimado,
á palabra soez ou burlona,
ás poucas ganas de vivir,
a calquera deterioro do irmán,
que é o seu berro desde a beirarrúa da vida.
Que non se me afaga o corazón, Señor,
a ver como normal ao refuxiado
que cruza o mar para buscar un futuro,
ao que quedou sen familia, sen traballo, sen teito
e mañá non atopará saída para o seu problema.
Pon tenrura, Señor, no meu mirar;
pon agarimo na miña man que saúda;
pon misericordia na miña mente que fai xuízos;
pon sabedoría na miña linguaxe;
pon escoita nos meus oídos abertos.

Comentarios

Entradas populares de este blog

5 Domingo TO B 2018

PERSOAS LOITADORAS, NON SUFRIDORAS Descarga o ficheiro
CANTO GOZOSO
öENTRADA: Amigos nas penas
öLECTURAS: O Señor é o meu pastor (Nº 27)
öOFERTORIO: Acharte presente na vida (Nº 51)
öCOMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55)
PARA NON PERDER O PASO
Cando unha cousa non nos serve, cando non ten nada que poidamos obter dela, deixámola de lado. Na nosa vida de fe, ocorre que moitas veces estamos ermos: non sentimos nada e somos incapaces de poñer en relación canto rezamos co que facemos cada día. Deste xeito, pouco a pouco, váisenos apagando a chama da fe e convertemos todo o que di relación con ela en puro e simple costume, comercio, acto social ou tradición, inda que ás veces o queiramos revestir de cultura para poder mantelo.
Fronte desta situación, os textos que hoxe imos proclamar chámannos a non deixarnos caer nesta tentación, a esforzarnos por non deixar que esmoreza a esperanza, a aprender a gozar do moito que nos enriquece e aporta a fe. Non imos solos, temos un amigo ao noso lado: Xesús. Deixemos…