Ir al contenido principal

4 Domingo Pascua 2016 C


GRAZAS, PASTOR BO POR ACOMPAÑAR AS NOSAS PEGADAS
Descarga o ficheiro

CANTO GOZOSO
·      ENTRADA: Camiñando pola vida (Nº 9)

·      ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 124)
·      LECTURAS: O Señor é o meu pastor (Nº 27)
·      OFERTORIO: Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)
·      COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55)
ESCOITA ACTIVA
O Pastor bo, Xesús, convócanos este domingo para volver compartir a nosa fe de maneira comunitaria, ledos e agradecidos. Sabemos que non estamos solos, que ao noso lado sempre hai alguén, que no nome do Señor, nos tende a man, nos dedica un pouco dos seu tempo, nos alenta e anima cunha palabra de esperanza ou cun sorriso sincero e de cercanía. Agradezamos ao noso Pastor que se teña preocupado por nós, facendo posible que a súa mensaxe nos chegue a través das pequenas cousas de cada día que imos compartindo cos que nos fan a vida máis doada e agradable. Celebrémolo reunidos no seu nome con aquelas persoas coas que compartimos a mesma fe e celebramos a mesma esperanza.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
(Aspersión)
·       Polas veces nas que o cansanzo ou a preguiza nos apartan de seguir os teus pasos; SEÑOR, ALENTA A NOSA CONVERSIÓN.
·       Porque temos oídos para todo e todos, pero non para Ti e a túa mensaxe de non excluír nin dividir; CRISTO, ALENTA A NOSA CONVERSIÓN.
·       Para que non deixemos que a rutina, o costume ou a falta de ilusión endurezan o noso corazón e nos convertan en seguidores de tradicións pero non de convicción; SEÑOR, ALENTA A NOSA CONVERSIÓN.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
·      E pouco a pouco este saír de nós mesmos para achegarnos ao mundo, iranos axudando a tomar conciencia de que somos comunidade, pobo en camiño, Igrexa. Unha Igrexa que é guiada polo seu Pastor: Xesús. Un Pastor que escoita, coñece, quere e sempre acompaña. A todos nos ten pasado que nos van fallando as persoas, pero quen nunca falla é El: non cansa, non dá as costas, non fai segundas nin terceiras lecturas cheas de prexuízos e dobres intencións, non xoga a facer interpretacións do que dicimos. El móstrase como é, sen teatralidade nin aparencia, o que supón que non engana a ninguén: sae ao encontro e achégase, non busca outra cousa, por iso nel atopamos a forza e o testemuño que nos chama a ser nós mesmos sen deixarnos manipular por ninguén; pero tamén sen pretender manipular a ninguén. Seguimento en estado puro é o que nos pide. De nós, única e exclusivamente de nós, vai depender que respondamos ou non.
·      E como vai depender de nós, temos que estar atentos á súa palabra, ao seu xeito de facer as cousas, á súa maneira de ir mostrando que o seguimento non é imitación, non é repetir o que El fixo ou facer os seus mesmos xestos. Nin hoxe é o tempo de Xesús nin o xeito de percibir e comprender a realidade e parece en nada ao daquel tempo. Pero si teremos que responder facendo o esforzo por facer comprensible, desde o noso testemuño, toda a riqueza da súa mensaxe. Porque esta nin pertence nin a un tempo nin a unha cultura concreta. É universal, é para tod@s e é para sempre. Por iso, como Pastor bo e preocupado polos seus, sempre está a carón de nós. Non nos corta a liberdade para actuar con criterio, non nos manipula para que digamos o que outros nos mandan dicir, senón que nos chama a crecer en liberdade, a pensar con responsabilidade e a discernir con madurez. Que mellor resposta ao agasallo que nos fai de ser o noso Pastor!
RENOVACIÓN PROMESAS BAUTISMAIS
(Propoñemos facer a renovación das promesas bautismais durante todos os domingos da Pascua. A poder ser, farémola desde a fonte bautismal)
Renovemos agora persoal e comunitariamente esta fe que hoxe celebramos cheos de esperanza e vida:
Estades dipost@s a loitar contra o mal que nos fai infelices e nos pecha no egoísmo?. Si, estou dispost@.
Estades dispost@s a non deixarvos levar de canto nos aparta de Deus e fire aos irmáns?. Si, estou dispost@.
Estades dispost@s a que no voso corazón non aniñen a cobiza, a insolidariedade e a envexa?. Si, estou dispost@.
Credes en Deus Pai e amigo da vida, que puxo nas nosas mans o mundo que el creou?. Si, creo.
Credes en Xesús, o seu Fillo, que naceu de Santa María, pasou polo mundo facendo o ben, e que no seu amor e fidelidade entregou a súa vida para abrirnos a nós o camiño da resurrección?. Si, creo.
Credes na forza e presenza do Espírito Santo, na Igrexa comunidade de fe e vida, na comuñón dos santos, no perdón e na resurrección que nos levará a gozar para sempre da presenza de Deus?. Si, creo.
Pai, que esta fe que acabamos de proclamar e confesar sexa sempre para nós alento e esperanza no camiño da nosa vida. P.X.N.S. Amén.
FRATERNIDADE ORANTE
Xesús, o Pastor bo, invítanos agora a compartir a oración comunitaria, respondendo a esta invitación, dicimos xunt@s:
PASTOR BO, ALÉNTANOS NO NOSO CAMIÑO
Pola Igrexa, para que todos cantos a formamos non esquezamos nunca que a fidelidade ao Pastor esíxenos o esforzo de ser testemuñas da súa mensaxe coas nosas accións, as nosas palabras e a superación da indiferenza ante a dor e a tristura dos demais, OREMOS
PASTOR BO, ALÉNTANOS NO NOSO CAMIÑO
Para que as nosas comunidades crezan, maduren e se fagan adultas na fe desde o testemuño coherente, responsable e maduro dos seus pastores, OREMOS.
PASTOR BO, ALÉNTANOS NO NOSO CAMIÑO
Para que cada un e cada unha de nós, seguindo a invitación do noso Pastor Xesús, saibamos acompañar a quen poida necesitarnos: enfermos, tristes, solos, desenganados... esquecidos, OREMOS.
PASTOR BO, ALÉNTANOS NO NOSO CAMIÑO
Grazas, Señor, por esta invitación a seguir as túas pegadas de recoñecemento e acollida ante as dificultades e problemas nas que viven os que están ao noso lado, e que esperan de nós unha man que os acompañe e axude a superar dificultades e desilusións. PXNS. Amén.
MIRADA ESPERANZADA
Pai, hoxe queremos dar grazas desde a alegría e a esperanza por ter compartido comunitariamente a celebración do día do bo Pastor, Xesús, o teu Fillo.
Grazas por darnos azos para non abandonar ante as dificultades e problemas que cada día imos atopando.
Grazas pola forza coa que nos alentas para non deixar que agromen en nós actitudes de tristeza, desilusión ou desesperanza.
Grazas porque segues a mostrarte ante nós coma o Pai que pon ao noso lado ao Pastor bo que ofrece vida, amor e solidariedade.
Grazas porque a pesares das moitas voces coas que cada día nos atopamos, non deixas que a túa se apague no noso corazón.
Grazas, Pai, porque nas encrucilladas da vida, cando temos que elixir e decidir, sempre estás preto para, acertemos ou non, non deixarnos solos.
Grazas, porque desde a entrega xenerosa da vida convertida en testemuño, móstrasnos ao papa Francisco como referencia desde a que vivir o evanxeo como a ledicia do amor. Amén.

Comentarios

Entradas populares de este blog

5 Domingo TO B 2018

PERSOAS LOITADORAS, NON SUFRIDORAS Descarga o ficheiro
CANTO GOZOSO
öENTRADA: Amigos nas penas
öLECTURAS: O Señor é o meu pastor (Nº 27)
öOFERTORIO: Acharte presente na vida (Nº 51)
öCOMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55)
PARA NON PERDER O PASO
Cando unha cousa non nos serve, cando non ten nada que poidamos obter dela, deixámola de lado. Na nosa vida de fe, ocorre que moitas veces estamos ermos: non sentimos nada e somos incapaces de poñer en relación canto rezamos co que facemos cada día. Deste xeito, pouco a pouco, váisenos apagando a chama da fe e convertemos todo o que di relación con ela en puro e simple costume, comercio, acto social ou tradición, inda que ás veces o queiramos revestir de cultura para poder mantelo.
Fronte desta situación, os textos que hoxe imos proclamar chámannos a non deixarnos caer nesta tentación, a esforzarnos por non deixar que esmoreza a esperanza, a aprender a gozar do moito que nos enriquece e aporta a fe. Non imos solos, temos un amigo ao noso lado: Xesús. Deixemos…