MARÍA, ROSTRO FEMININO NO QUE
DEUS DEIXA A SÚA PEGADA DE MISERICORDIA
Descarga o ficheiro
Descarga o ficheiro
CANTO GOZOSO
- ENTRADA: Coa nosa naiciña do ceo (Nº 69)
- ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 124)
- LECTURAS: Camiñar sen Xesús sen amor (Nº 68)
- OFERTORIO: Na nosa terra (Nº 36)
- COMUÑÓN: Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)
ESCOITA ACTIVA
Hoxe é o sexto domingo de pascua, o domingo no que
celebramos a Pascua do Enfermo. O lema deste Ano da Misericordia ten como
referencia a María, muller de presenza e palabra. Presenza porque ela adoita
estar nos momentos decisivos da vida do seu Fillo e dos apóstolos, e palabra
porque dos seus beizos saen sempre palabras que invitan a escoitar; palabras
que alentan; palabras que consolan; palabras que chaman a acompañar. Desde ela,
a confianza e o acompañamento fanse rostro de muller na que Deus pon a súa
confianza. Por iso dicimos que «María é
rostro de confianza e de acompañamento”. Ela sabe estar cando é necesario.
Nas ledicias e tamén na dor, na tristura ou na enfermidade. Coma ela, tamén nós
hoxe somos invitados a actuar desde a discreción, a confianza, o consolo, a
compaña e a misericordia. Sempre cos ollos fixos en Xesús, saúde dos enfermos.
Que non teñamos medo a poñer un pouco do noso
tempo ao servizo dos que sofren as consecuencias da enfermidade e da dor, dando
testemuño da nosa fe e confianza, co corazón cheo da misericordia do Pai.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
(Aspersión)
·
Polas
veces nas que os enfermos non son para nós rostros da presenza de Deus; SEÑOR, ENCHÓUPANOS DE MISERICORDIA.
·
Polas
veces nas que os nosos enredos fannos esquecer que o tempo compartido cos
enfermos é tempo de verdadeira oración; CRISTO,
ENCHÓUPANOS DE MISERICORDIA.
· Polas veces nas que esquecemos que só aprendendo a
poñernos no lugar do outro que sofre, aprenderemos a comprender que a enfermidade
fainos dependentes e necesitados de que nos escoiten e axuden; SEÑOR, ENCHÓUPANOS DE MISERICORDIA.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
· "Poño ante ti bendición e
maldición". Deus, a través das palabras de Moisés, pon diante nosa a
posibilidade de elixir. Faino porque somos libres e responsables, o que supón
que, do mesmo xeito que temos capacidade de elixir, debemos tela tamén de
asumir as consecuencias da nosa elección. As cousas non xorden ao chou: son
froito da decisión dalguén que as elixe e decide. Non hai destino escrito de
antemán –por moito que o digamos unha e outra vez– somos nós, cando decidimos
dun xeito ou doutro, os que facemos que esas decisións sexan dunha maneira ou
de outra; ninguén a ten alí ou aquí, decidimos estar, facer, actuar... pero
sempre nós. Se queremos ser libres, temos tamén que aprender a pensar nas
consecuencias desa liberdade. No bo e no malo. Seriamos coma un neno pequeno e
caprichoso se só collemos o bo para nós e lle adxudicamos o malo ao destino, á
que tiña que ser, ao que estaba escrito, a ... andrómenas para non querer
asumir a responsabilidade de que moitas veces as nosas eleccións son
equivocadas, e que somos nós os que as buscamos. Crezamos e maduremos, non
sexamos infantís nin caprichosos, para, cando non nos gusta o resultado dunha
elección equivocada, botarlle a culpa aos demais. Escoitemos logo a voz do
Señor, si, pero elixamos nós libremente.Porque El déixanos libres, porque El
quéreo así; porque El nos quere.
· María tamén escolleu: Usou a súa liberdade, e asumiu as
consecuencias da súa decisión. Deus non chega a ela impoñéndolle o seu criterio.
Pregúntalle e deixa que ela escolla. E cando ten respondido co seu "fágase en min a túa vontade", é
cando a súa decisión se torna libre e madura, non antes. Deus entra na súa vida
para ser desde ela pegada de misericordia a través de Xesús. Na liberdade coa
que escolleu María, móstrase a imaxe dun Deus que quere ser tenrura, pero que
non se impón, senón que respecta e espera a que escollamos. A ela deixouna
escoller libremente, e ela escolleu a vida. A nós ofrécenos esa mesma
liberdade: camiñar nos seus camiños, ou non escoitalo e seguir outras pegadas.
A súa é vida, as outras... xa vemos canto desalento, tristura e desespero
acaban traendo aos corazóns e ás vidas das persoas. Coma María, poñamos tamén
nós a nosa confianza no Señor. A enfermidade é inseguridade e falta de firmeza;
é dependencia e necesidade dos outros e do Outro. Esforcémonos por poñer Nel a
nosa confianza para que acompañe o camiño que nos fai indefensos ,débiles e
necesitados da esperanza do que nos dá a seguridade que nos leva a dicirlle: «Señor, en ti confío».
· O evanxeo de hoxe é unha chamada a descubrir que a nosa vida, por
moito que nos empeñemos, non podemos, se queremos ser felices, pechala
unicamente sobre nós mesmos. Ao contrario, ten que irse abrindo aos demais, ao
servizo, á solidariedade a poñer a súa realización na capacidade que temos de
crecer tendendo as mans para facer do noso tempo dispoñibilidade que non nos
pecha nas nosas dificultades, senón que nos abre a acompañar todo canto de ben
poidamos ofrecer e facerlle aos demais. Esquecernos de nós para recuperar a
presenza dos outros é tarefa na que María sempre se mostrou como muller libre
que a levou a poñer os ollos non en canto lle apetecía, canto no que fai feliz
aos que estaban ao seu redor e a necesitaban. Por iso saen dos seus beizos a
indicación a aqueles serventes que estaban desesperados: «facede o que El vos diga». Esta tamén pode ser a nosa tarefa hoxe:
seguindo as pegadas de Xesús, facer o que nos diga, que non é outra cousa máis
que buscar ser felices esforzándonos por facer felices aos demais.
RENOVACIÓN PROMESAS BAUTISMAIS
(Propoñemos facer a renovación das promesas
bautismais durante todos os domingos da Pascua. A poder ser, farémola desde a
fonte bautismal)
Renovemos agora persoal e comunitariamente esta fe que hoxe celebramos
cheos de esperanza e vida:
v Estades dipost@s a loitar contra o mal que nos fai infelices e nos pecha no egoísmo?. Si, estou
dispost@.
v Estades dispost@s a non deixarvos levar de canto nos aparta de Deus e fire aos irmáns?. Si, estou
dispost@.
v Estades dispost@s a que no voso corazón non aniñen a cobiza, a insolidariedade e
a envexa?. Si,
estou dispost@.
v Credes en Deus Pai e amigo da vida,
que puxo nas nosas mans o mundo que el creou?. Si, creo.
v Credes en Xesús, o seu Fillo, que naceu de Santa María, pasou polo mundo facendo o ben, e
que no seu amor e fidelidade entregou a súa vida para abrirnos a nós o camiño
da resurrección?. Si,
creo.
v Credes na forza e presenza do Espírito
Santo, na Igrexa comunidade de fe e vida, na comuñón dos santos, no perdón e na
resurrección que nos levará a gozar para sempre da presenza de Deus?. Si, creo.
Pai, que esta fe que acabamos de
proclamar e confesar sexa sempre para nós alento e esperanza no camiño da nosa
vida. P.X.N.S. Amén.
FRATERNIDADE ORANTE
Elevemos a nosa oración a Deus, Pai misericordioso, en quen poñemos a nosa
confianza e no que nos sentimos renovados neste tempo de pascua, e digamos
xunt@s:
CONFIAMOS EN TI, SEÑOR
- Pola Igrexa, para que todas as persoas poidan experimentar nela a forza do corazón misericordioso do Pai; OREMOS.
CONFIAMOS EN TI, SEÑOR
·
Polos enfermos, especialmente polos
da nosa familia e parroquia, para que, experimentando o misterio da cruz,
sintan tamén a presenza achegada e maternal de María, rostro da misericordia de
Deus; OREMOS.
CONFIAMOS EN TI, SEÑOR
·
Polas familias dos enfermos, os
profesionais, os voluntarios, todos aqueles que os atenden e coidan, para que
se convertan en rostros de confianza e acompañamento ao lado de quen sofre;
OREMOS.
CONFIAMOS EN TI, SEÑOR
·
Pola nosa comunidade cristiá, para
que teña sempre os ollos atentos e o corazón sensible ás necesidades de quen
sofre, e se converta así en oasis da misericordia do Pai; OREMOS.
CONFIAMOS EN TI, SEÑOR
·
No día do traballo, pedimos tamén
traballo para todas as persoas: un traballo digno, cun salario xusto, que se
poida desenvolver nas condicións axeitadas, que nos axuden a velo como camiño
de realización da persoa e non coma unha pesada canga, OREMOS.
CONFIAMOS EN TI, SEÑOR
·
Polas nosas nais, e por todas as
mulleres que, dun cabo ao outro do mundo, son portadoras e custodias da vida;
para que non cansen nunha no seu esforzo por dar a luz a unha humanidade máis
xusta e igualitaria, OREMOS.
CONFIAMOS EN TI, SEÑOR
Escoita, Pai, a nosa oración e danos un corazón compasivo coma o de María,
para que nos mostremos sempre máis atentos ás necesidades dos nosos irmáns que
sofren e nos comprometamos, sen medo, a acompañalos. P.X.N.S. Amén.
MIRADA ESPERANZADA
María, Divina
Enfermeira, coida a miña corporeidade: na dor, soségame; na soidade,
acompáñame; no medo, alenta a miña confianza. María de Caná, aleda os meus
días. Na escuridade, ilumina a miña fe; na debilidade, impulsa o meu ánimo; na
desesperación, sostén a miña esperanza e faime testemuña do amor de Deus. Nai
da Misericordia, se a miña vida se apaga, intercede por min ante a teu Fillo,
vencedor da morte, e cólleme nos teus brazos, Virxe da tenrura. Amén.
Comentarios