Ir al contenido principal

Santiago Apóstolo 2016


FAGAMOS DO SERVIZO A OPCIÓN QUE GUÍE A NOSA VIDA E A CONVERTA EN DISPOÑIBILIDADE QUE NON REXEITA, SENÓN QUE ACHEGA PARA CONSTRUÍR ENCONTRO, PARTICIPACIÓN, DIÁLOGO E ENTENDEMENTO DESDE O AMOR Á NOSA TERRA E A TENRURA DO PROXECTO DE XESÚS
Descarga o ficheiro

CANTO GOZOSO
·      ENTRADA: Eu sei de quen me fiei (Nº 9)
·      LECTURAS: Canta o sol (Nº 22)
·      OFERTORIO: Na nosa terra (Nº 36)
·      COMUÑÓN: Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)
ESCOITA ACTIVA
Benvid@s á celebración deste día de festa. Festa é sempre sinónimo de alegría, encontro, colaboración e participación. Toda unha serie de actitudes que nos chaman a poñer o mellor de nós ao servizo de todos; que nos invitan a pasar do eu individual ao nós solidario na vivencia dunha mesma fe, concretada desde o amor a unha terra e cultura que compartimos e na que nos diriximos habitualmente a Deus. A celebración desta mañá, día de Santiago Apóstolo e día de Galicia, é unha invitación a non esquecer nunca que a fe temos que vivila en comunidade aprendendo a poñer os pés na terra –nos problemas, nos esforzos, nas dificultades e nas esperanzas das xentes coas que facemos país – e os ollos no ceo, onde atopamos a esperanza dunha plenitude que se fai amor acompañándonos neste camiño de loita e esforzo que facemos cada día xunto aos que comparten con nós o agradecemento a Deus por poder reunirnos e sentírmonos unidos na tarefa de facer a Deus presente nas nosas vidas.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
·       Para que a alegría da festa non nos leve a esquecer que necesitamos pedir perdón e aprender a perdoar; SEÑOR, QUE NON FAGAMOS DO CORAZÓN UNHA PEDRA RANCOROSA.
·       Para que non descoidemos nunca o amor aos demais desde o respecto a cantos teñen traballado por facer unha sociedade máis xusta e solidaria; CRISTO, QUE NON FAGAMOS DO CORAZÓN UNHA PEDRA RANCOROSA.
·       Para que aprendamos a pensar o que dicimos e a dicir o que pensamos con respecto a quen nos escoita; pero sen faltar á verdade; SEÑOR, QUE NON FAGAMOS DO CORAZÓN UNHA PEDRA RANCOROSA.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
ü Dinos Paulo na primeira lectura que a fe é coma ese tesouro que nos esforzamos en gardar e protexer para que ninguén nolo leve. Facémolo así non por intereses avariciosos, senón porque somos conscientes de que é algo bo; algo que nos axuda e alenta no día a día da nosa vida; algo que paga a pena conservar e compartir, porque nos produce a ledicia que nos fai saber estar ao lado de quen necesita dunha man para poder camiñar por vieiros de felicidade, paz ou respecto e dignidade. Paulo dille aos corintios, e desde eles tamén a nós, que a fe non é algo do pasado ou para ignorantes, como ás veces lle escoitamos aos que queren cuestionar as conviccións ou a nosa falta de coherencia. É verdade que é fráxil senón somos capaces e facela crecer para que dea froitos de todo canto supoña descubrir o rostro de Xesús en canto fagamos para poñer sorriso e ledicia na existencia e no corazón das persoas que non se senten nin contentas nin a gusto coas súas vidas. O tesouro é importante, pero a vasilla onde o levamos -cada un de nós- é fráxil, e se non a coidamos -formándonos, celebrando en comunidade e agradecendo xunt@s a Deus- pode romper... e cando isto ocorre, o que produce é desacougo, tristura e desesperanza. Non deixemos logo que a tenrura de Deus desapareza das nosas vidas, e traballemos para conservar este tesouro que nos anima e alenta ante a dureza das situacións da vida.
ü Porque, conscientes de que moitas veces temos a impresión de que todo nos vai mal e nada se endereita no camiño que percorremos, esta non pode ser a idea que marque o sentido que lle queremos dar ao que somos e facemos. As dificultades, os apuros, os fracasos... non poden ser os que marquen a motivación e o horizonte cara onde queremos dirixirnos. Como ben dicía Paulo: "andamos en apuros mais non desesperados". Ninguén nos vai sacar os problemas e as dificultades, pero si vai estar Alguén ao noso lado para facernos moito máis doado este momento. E ese Alguén non é anónimo nin se dilúe nunha luz que non identificamos, senón que se chama Xesús de Nazaret. El asumiu a nosa mesma condición, e co seu actuar marcounos un camiño que, se queremos seguilo, levaranos á meta onde, a pesares de ter moitas veces sementado con bágoas, acabaremos recollendo o froito entre cantares.
ü E para iso temos que pasar pola vida cunha sincera e verdadeira actitude de servidores. Un servizo que se ha desenvolver cada día e desde onde esteamos. Por iso é tan importante a fidelidade á terra na que vivimos e aos problemas dos homes e mulleres que nela vimos; o amor á lingua e o esforzo por non deixar que morra e desapareza, para que do mesmo xeito que os nosos antepasados a recibiron e a fixeron chegar ata nós, poidamos nós transmitila, con amor e normalidade. Sen imposicións nin decretos, senón porque a sentimos e necesitamos e nos expresarnos a través dela. E iso non pode facerse senón é desde actitudes de servizo e xenerosidade. A violencia, a imposición, o quitarte ti para poñerme eu... nunca serán camiños de xenerosidade nin de expresión de que a terra, a fala, e a cultura non son máis ca medios para que as persoas nos encontremos, nos queiramos e nos axudemos desde o aquí cercano que se abre á fraternidade de quen está lonxe, e de quen non nos desentendemos. Pensar en global e actuar en local, dicimos moitas veces. Ese é o sentido da celebración de hoxe. Pensar que somos cidadáns do mundo, queridos por Deus, e chamados a devolverlle ese amor a través do noso traballo comprometido e solidario cos que temos máis preto. E aquí está o verdadeiro servizo do que nos fala Xesús no Evanxeo.
FRATERNIDADE ORANTE
Recemos xunt@s presentando ao Señor a oración comunitaria e dicindo:
QUE ACTUEMOS COA BONDADE E XENEROSIDADE DE QUEN SERVE
ˣ   Neste día de Santiago e de Galicia, recemos agradecidos ao Señor por ter unha fala na que poder entendernos e unha cultura desde a que poder expresarnos e rezar a nosa fe, OREMOS.
QUE ACTUEMOS COA BONDADE E XENEROSIDADE DE QUEN SERVE
ˣ   Para que saiamos da celebración co corazón alegre, a cabeza fría e as mans dispostas a servir sen prexuízos nin violencia a quen nos pida colaboración e axuda, OREMOS.
QUE ACTUEMOS COA BONDADE E XENEROSIDADE DE QUEN SERVE
ˣ   Para que fagamos o esforzo por vivir cos nosos familiares e veciños canto temos escoitado, compartido e agradecido nesta celebración, OREMOS.
QUE ACTUEMOS COA BONDADE E XENEROSIDADE DE QUEN SERVE
ˣ   Por todas as xentes de Galicia, para que nos esforcemos en facer da nosa convivencia un medio para escoitarnos, dialogar e avanzar non excluíndo a quen pensa distinto a nós, senón buscando o que temos en común e beneficia a todos, OREMOS.
QUE ACTUEMOS COA BONDADE E XENEROSIDADE DE QUEN SERVE
Grazas, Señor, por este momento de fe compartida e de oración agradecida, na que nos invitas a poñer o mellor de nós ao servizo do demais. P.X.N.S. Amén.
MIRADA ESPERANZADA
Non podemos esquecer que a "misericordia non é só o obrar do Pai, senón que ela convértese no criterio para saber quen son realmente os seus verdadeiros fillos. Así entón, estamos chamados a vivir de misericordia, porque a nós en primeiro lugar aplicóusenos a misericordia". Non é unha proposta romántica ou unha resposta débil ante o amor de Deus, que sempre quere promover ás persoas,  xa que "a misericordia é trabe mestra que sostén a vida da Igrexa. Todo na súa acción pastoral debería estar revestido pola tenrura coa que se dirixe aos crentes; nada no seu anuncio e no seu testemuño cara ao mundo pode carecer de misericordia" (Amoris laetitia 310).

Comentarios

Entradas populares de este blog

Propostas para o Domingo 25 TO B

25 domingo TO B 2015  HAI PERSOAS QUE SERVEN UN DÍA E SON BOAS. HAI OUTRAS QUE SERVEN UN ANO E SON MELLORES. OUTRAS SERVEN MOITOS ANOS E SON MOI BOAS... PERO TAMÉN HAI AS QUE SERVEN TODA A VIDA: ESAS SON IMPRESCINDIBLES E IMPORTANTES Descarga o ficheiro Domingo 25 TO B 2012  https://remoldapalabra.blogspot.com/2012/09/domingo-25-to-b.html DOMINGO 25 TO B 2009 https://remoldapalabra.blogspot.com/2009/09/domingo-25-to.html

Domingo 22 TO B 2018

A PALABRA INVÍTANOS A FUXIR DAS FALSAS FIDELIDADES E A NON ESQUECER QUE O ÚNICO IMPORTANTE, O QUE VERDADEIRAMENTE NOS FARÁ FELICES, É AXUDAR, COMPARTIR, EMPATIZAR COA XENTE, NA QUE DEUS SE NOS MOSTRA
Descarga o ficheiro CANTO GOZOSO ENTRADA: Andarei na presenza do Señor (Nº 11)
LECTURAS: Benaventurados (Nº 119)
OFERTORIO: Seguirei os teus pasos (Nº 103)
COMUÑÓN: Déixate querer (Nº 61) PARA NON PERDER O PASO
En máis dunha ocasión tennos matado a nosa “pretendida e excesiva” fidelidade. Si, inda que nos resulte estraño, quen algunha vez non se deixou levar polo que manda a letra, esquecendo ás persoas que vían que esa mesma letra os facía infelices?. Quen, en máis dunha ocasión, non se ten amarrado á literalidade para xustificar os propios medos e inseguridades?. Quen non ten posto as normas por diante do corazón das persoas para pretender ter tranquila a súa conciencia?.

A Palabra invítanos hoxe a fuxir destas falsas fidelidades, e a non esquecer que o único importante, o que verdadeirament…