Ir al contenido principal

18 domingo TO C 2016


POLA CASA E MÁIS O PAN, POLO TRABALLO....GRAZAS, SEÑOR, GRACIÑAS!!!!!!!!!!!!!!

Descarga o ficheiro

CANTO GOZOSO
*      ENTRADA: Acharte presente na vida (Nº 51)
*      LECTURAS: Canta o sol (Nº 22)
*      OFERTORIO: Grazas, Señor graciñas (Nº 50)
*      COMUÑÓN: Pan do ceo (Nº 53)
ESCOITA ACTIVA
A nosa celebración de hoxe invítanos a agradecer e valorar o mundo laboral. Si, aínda que moitas veces dicimos aquilo de “a quen inventou o traballo había que matalo”, desde a visión cristiá o traballo é camiño de realización persoal, xa que grazas a el colaboramos con Deus recreando a creación. E cando falamos de traballo non nos estamos a referir só a aquel que ten unha remuneración económica, senón que neste concepto tamén van incluídos (non podía ser doutro xeito), aqueloutros que, sen que haxa salarios polo medio, a xente desenvolve como camiño de realización: amas de casa, voluntarios....
Por iso nesta mañá de domingo, vimos agradecidos onda o Señor para rezar xuntos, compartir a nosa fe e pedir polo mundo laboral e por tantas persoas que, por mor da crise económica, van vendo como van quedando ao marxe deste mundo. Oxalá nós esteamos sempre dispostos a acompañalas
CORAZÓN MISERICORDIOSO
·      Porque ás veces en lugar de “vivir coa suor da nosa fronte”, vivimos coa suor do de enfronte, explotando, utilizando e pisando aos demais, SEÑOR, QUE DESCUBRAMOS O TRABALLO COMO DON.
·      Por non ter entendido que a nosa fe esixe de nós responsabilidade no eido do traballo, realizándoo dun xeito digno e serio, CRISTO, QUE DESCUBRAMOS O TRABALLO COMO DON.
·      Por ter malgastado o noso tempo en discusión, xenreiras e enfados estúpidos que non conducen a ningures, sen decatarnos de que somos efémeros e todo queda aquí, SEÑOR, QUE DESCUBRAMOS O TRABALLO COMO DON.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
O valor do traballo: O traballo, o esforzo, a necesidade de traballar para dignificar a vida e vivila dun xeito digno, non debe levarnos a esquecer que facelo ten sentido se somos capaces de asumir, entender e vivilo como algo que dignifica, enriquece, constrúe sociedade e contribúe a facer do mundo o lugar onde ninguén sexa excluído. É este un esforzo común e unha tarefa compartida. Non saber aprezar isto fai que o traballo acabe sendo unha carga escravizante. É degradante e deshumanizadora esta actitude tan de moda nos tempos que corren (mesmo na nosa Igrexa), de aproveitarse do traballo d@s outr@s. Unha cousa é a solidariedade, que si é necesaria; e outra ben distinta é o abusar do esforzo dos demais. Como poder levar con dignidade o nome de human@s, se non somos capaces de respectar a dignidade d@s demais?. Acaso somos dos que pensamos que posuír, ter, aparentar, fachendear... son actitudes e respostas cristiás ao seguimento de Xesús?.
Aprendendo a relativizar: Temos que aprender a relativizar. Pero, como nos custa!. Que difícil é que nos recoñezan como cristiáns e cristiás pola nosa maneira de afrontar o traballo, non para gañar e ser máis ca @s outr@s, senón como un medio que nos fai medrar e abrirnos a compartir proxectos e ilusións cos demais. Pero que pouco empeño pomos niso!. Sempre nos gusta que o noso, o que pensamos é o mellor, que o pensan os outr@s, ou as posturas ou formas de ver ou sentir as cousas, non só non vale, senón que mesmo chegamos a ocupar o lugar de Deus, atrevéndonos a dicir que se non son ou fan coma nós, están en pecado. Porén, nesta tarefa non hai, non pode haber, distincións: tod@s somos iguais, sexamos brancos ou negros, europeos ou africanos, homes ou mulleres…por que nos resulta tan difícil de entender?. E se non o entendemos, como o imos vivir?. Por que pretendemos impoñer os nosos gustos, as nosas formas, mesmo as nosas tradicións aos que teñen outras; e o que é peor, por que os consideramos persoas de segunda orde por seren diferentes a nós?. Fáltanos evanxeo e sóbrannos tradicións. Cando aprenderemos!.
Porque somos finit@s: E todo para que?. Cantas loitas, envexas, egoísmos, xenreiras... polo que outr@s teñen, para que outr@s non teñan, para logo descubrir que somos finit@s, para un tempo, e que a morte nos iguala a tod@s. Que lonxe estamos do que quería Xesús de nós!. Que as palabras que vimos de escoitar no evanxeo: ”necio, esta noite vanche esixir a vida”, nos fagan endereitar o noso rumbo para que logo non sexa demasiado tarde. E nós seguimos preocupados por encher os nosos celeiros…..
FRATERNIDADE ORANTE
Presentemos a nosa oración a Deus, Pai-Nai de todas as persoas, para que alente e acompañe a nosa vida, dicindo:
GRAZAS POR CHAMARNOS A TRABALLAR NO TEU EIDO
*      Pola Igrexa, para que nunca utilice a relixión para intereses persoais privados: adquisición de poder, de prestixio, de bens materiais… senón que saiba presentala coma camiño que dá sentido á vida das persoas, OREMOS.
GRAZAS POR CHAMARNOS A TRABALLAR NO TEU EIDO
*      Polas nosas comunidades, para que a riqueza, o posto de traballo ou o status económico nunca se convertan no raseiro polo que medimos e xulgamos ás persoas, senón que, pola contra, sempre teñamos as mans abertas para axudar aos que menos teñen, ás que pasan dificultades, OREMOS.
GRAZAS POR CHAMARNOS A TRABALLAR NO TEU EIDO
*      Por todos e todas nós, para que saibamos redescubrir o traballo como camiño de realización persoal, e non coma unha canga pesada enriba dos nosos ombreiros, e así esteamos sempre dispostos a loitar pola dignificación do mundo laboral, OREMOS.
GRAZAS POR CHAMARNOS A TRABALLAR NO TEU EIDO
Grazas, Señor, por ternos chamado e por contar con nós. Axúdanos no noso camiñar, para que sexa xusto e solidario. PXNS.
MIRADA DE ESPERANZA
Non ter nada.
Non levar nada.
Non poder nada.
Non pedir nada.
E, de pasada,
non matar nada,
non calar nada.
Só o Evanxeo, coma unha navalla afiada.
E o pranto e o sorriso na mirada.
E a man estendida e apretada.
E a vida, a cabalo, dada.
E este sol e estes ríos, e esta terra comprada,
para testemuñas da revolución xa empezada.
¡E máis nada!.
                      P. Casaldáliga

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

3 Advento 2024

  CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA XUSTIZA SINAL DE ADVENTO:  Colocamos no taboleiro a terceira parte do noso berce. CANTO GOZOSO   §      Entrada: Volve, Señor (Nº 90)  §      Lecturas: Que ledicia miña (Nº 4) §      Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36) §      Comuñón: Ven axiña visitarnos (Nº 86)   OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN   Estamos xa no terceiro domingo do Advento. Nas semanas anteriores a Palabra de Deus invitábanos a espertar e a ir preparando o berce do noso corazón. Neste domingo, entre as palabras de ánimo do profeta Sofonías e a invitación á ledicia de Paulo, fáisenos unha nova indicación que vén responder, coma nos tempos do Bautista, á nosa pregunta de “que temos que facer?”. A indicación desta terceira semana é ben directa e clara: convértete e practica a xustiza!. Porque non nos enganemos: todas as persoas estamos necesitadas de conversión, de cambiar actitud...