Ir al contenido principal

16 Domingo TO C 2016


A FORMACIÓN AXUDA A ROMPER CLICHÉS QUE ATENTAN CONTRA O REINO DE DEUS
Descarga o ficheiro

CANTO GOZOSO
* ENTRADA: Camiñando pola vida (Nº 9)
* LECTURAS: Canta aleluia (Nº 21)
* OFERTORIO: Grazas, Señor, na mañá (Nº 34)
* COMUÑÓN: Seguirei os teus pasos (Nº 103)
ESCOITA ACTIVA
Hoxe apenas nos decatamos do carácter revolucionario do comportamento de Xesús diante das mulleres, atentando contra os costumes máis venerables daquela sociedade. Rompendo os prexuízos e as costumes de manter ás mulleres á marxe da Escritura, Xesús acéptaas entre os seus seguidores e discípulos, nunha actitude nova para un xudeu.
Aínda hoxe temos moito que aprender deste comportamento, tanto a nivel institucional como a nivel persoal. E é que calquera tipo de discriminación e marxinación, ás que seguimos sendo tan propensos, atenta contra o novo proxecto de relacións humanas que se inaugura coa chegada do Reino. O evanxeo que hoxe proclamamos lémbranos que para Xesús o xénero non é a liña divisoria para acoller e traballar polo Reino. Quen apela a iso segue aferrado a leis e costumes antigas e está ben lonxe de entender a súa mensaxe. Oxalá, formándonos, traballemos para romper clichés que atentan contra a dignidade das persoas.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
·   Porque vivimos tan ás carreiras que non buscamos tempos de silencio, que nos axuden a escoitar as ledicias e as tristuras dos demais e a captar a túa tenrura, SEÑOR, QUE NON DESCUIDEMOS A FORMACIÓN.
·  Porque son moitas as veces nas que só pedimos dereitos, pero esquecemos as nosas obrigas para cos demais, CRISTO, QUE NON DESCUIDEMOS A FORMACIÓN.
·   Por ter relegado ás mulleres a un papel secundario na sociedade, na cultura, na Igrexa, facendo noso aquilo de “a muller e a “sartén” na cociña é onde están ben”, SEÑOR, QUE NON DESCUIDEMOS A FORMACIÓN.

OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
*      UNHA OPCIÓN PERSOAL: Son moitas as ocasións nas que reducimos a nosa fe a un costume, un conxunto de ritos ou unhas prácticas sociais. A tradición, a presión familiar, o socialmente ben visto... fan que nos deixemos levar e que non paremos a pensar seria e fondamente qué papel xoga a fe na nosa vida. Convertémonos en cristiáns e cristiás infantís, sen criterio propio, sen autonomía. Porén, a Palabra que hoxe vimos de proclamar, sacúdenos do noso sopor e fálanos da fe coma UNHA OPCIÓN PERSOAL, que require de nós unha formación continua. Si, aínda que a moitos lles soe estraño, necesitamos formarmos... tamén no eido da fe. E necesitámolo porque a ignorancia diante do descoñecido xera medo, e, froitos do medo (sabémolo ben!) son a violencia, a crispación e o inmobilismo. É verdade que durante moito tempo a formación dentro da Igrexa estivo e está reservada só para os cregos e, como moito, para os relixiosos. Os segrares, canto menos coñezan, mellor, non vaia ser que dean problemas. Isto deu como resultado unha fe con toques de superstición, maxia e adobada co ingrediente indispensable: o medo. Así, todos calados, todos contentos, todos respondemos amén-amén, si, señor cura. Que tempos aqueles!!!!!!!!!!!!!!: Pero chegou o Vaticano II, e o Papa Bo mandou abrir as fiestras para que entrase aire limpo que levase o tufo e o po que se acumulara na Igrexa. Porén, a chamada á formación que se nos facía desde os distintos documentos non sempre foi ben acollida, nin pola xerarquía, que vía unha perda do poder, nin polos propios segrares, pois acomodados nunha fe desmigallada para eles polo clero, resultaba difícil comezar a comer mastigando e dixerindo de motu propio. Así foi pasando o tempo e daqueles ventos veñen estas tempestades que estamos a vivir. A xente foise formando noutros eidos e a relixión seguiu nun infantilismo perpetuo que estorbaba no desenvolvemento da persoa, polo que era mellor deixar aquela pesada canga que tiñamos que transportar. Outro galo nos tería cantado se apostásemos pola formación en lugar de pola ignorancia e o escurantismo, polo amor en lugar da imposición, pola liberdade en lugar da obriga!!!!!!!!!!!!.
*      QUE ABRANGUE A NOSA VIDA: Porque acollida de xeito libre e persoal, a Palabra achégase a nós para ser vida, alegría... esperanza, como nos di Paulo. Non é, pois, algo teórico, senón que ten que ser o motor da nosa vida que nos abra a confiar en Deus.... mesmo no que a priori se nos presenta como algo imposible, como lle ocorreu a Abrahán e Sara. Dicir si a Deus é facer propia a súa salvación, é comprometer a nosa vida a prol da xustiza, é traballar para que no haxa discriminación.
*      COMO HOMES E MULLERES: Pois nesta tarefa estamos todos implicados: homes e mulleres. Nos tempos de Xesús, os mestres da lei xulgaban que non lle cumpría ás mulleres afondar nas ensinanzas da lei de Deus (que familiar nos soa, despois de 2000 anos, verdade?). Iso era tarefa e responsabilidade dos homes. María, co beneplácito do Señor, rompe esa norma e, sentada aos seus pés, reclama o seu dereito a ser discípula, a coñecer directamente, de beizos de Xesús, a boa nova. Marta, en troques, non o entende (non hai peor astilla que a do mesmo pau), ela vive atarefada cos moitos quefaceres domésticos. E busca apoio en Xesús. E non o atopa, porque El critica o feito de que sexa prisioneira do que ela considera o papel propio da muller. E Xesús chámaa (pásmate!!!) a que rompa esta concepción que sitúa á muller en condición de persoa confinada aos traballos caseiros. Como muller, tamén ten dereito a outras preocupacións. Marta, como María, debe reivindicar e ocupar plenamente o seu lugar de discípula. Cos seus xestos e palabras, Xesús libera á muller dunha concepción que a mantén nunha situación de segundo plano, de simple ama de casa. A importancia da formación, a importancia de traballar pola igualdade, unha lección de Xesús para a sociedade e a Igrexa de hoxe. Que nos parece?.
FRATERNIDADE ORANTE
Como seguidores de Xesús, sabemos que a nosa vida debe ser un camiñar no servizo, na igualdade e na gratuidade. Porque estamos dispostos a seguir neste camiño, compartimos a fe uníndonos nunha soa voz e dicindo:
GRAZAS POR HOSPEDARNOS NA TÚA TENDA
Por unha Igrexa sempre disposta a apostar pola formación para traballar por liberar de cangas pesadas a cantos se senten apesarados pola dor, a tristura, a desesperanza e o desamor, OREMOS.
GRAZAS POR HOSPEDARNOS NA TÚA TENDA
Por unhas comunidades parroquiais que descubran que xa non é tempo de criticar, senón de unir, achegar e alentar, para que quen o necesite descubra ao seu lado mans amigas e rostros acolledores, capaces de implicarse no compromiso de facer felices aos demais, OREMOS.
GRAZAS POR HOSPEDARNOS NA TÚA TENDA
Por uns discípulos e unhas discípulas de Xesús, nós, para que perdendo medos e superando desconfianzas, sexamos capaces de buscar tempos e grupos que nos axuden a formarmos como cristiáns, para que a autonomía e a igualdade sexan a nosa meta, OREMOS
GRAZAS POR HOSPEDARNOS NA TÚA TENDA
Grazas, Xesús, por poñer diante de nós a túa Boa Nova de salvación, que nos invita a formarnos para renovarnos constantemente con actitudes e valores que dan vida e ilusión ao noso camiñar cotián. P.X.N.S. Amén.
MIRADA DE ESPERANZA
Coñecerte, Señor, é aprender a escoitar a túa voz,
que nos fala na historia, nos acontecementos, na vida.
É descubrir a túa presenza nos sinxelos e desvalidos,
nos que non teñen voz nin sitio na sociedade dos nosos días.
É atender á túa palabra e intentar vivir conforme a ela,
facendo o ben, preocupándonos dos demais,
sendo honestos, xustos e sinceros.
Coñecerte é practicar as túas ensinanzas,
non quedar na teoría, nun saber estéril.
É ser misericordioso, compasivo, atento para co outro,
disposto sempre a compartir penas e ledicias.
É ter sentimentos, tendo cada día un corazón coma o teu.
Axúdanos a coñecerte mellor,
converte as nosas falsas crenzas,
destrúe as falsas imaxes túas que facemos
para evitar o compromiso que significa seguirte.
Dános coherencia para vivir como aprendemos de ti.
Que o noso coñecemento sexa fonte de vida.
Que nunca descoidemos a nosa formación no eido da fe.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

4 advento 2023

  Advento, tempo de Xenerosidade Sinal de Advento .- Engadimos un novo elemento ás miradas con corazón deste Advento, a Xenerosidade Cantos          Entrada.-   Volve, Señor ( 90 ) Lecturas.- Benaventurados ( 119   ) Ofertorio.-   Velaqui Señor o viño ( 37) Comuñón.-   Xesús chamado amigo   ( 89 ) Abrindo o corazón Chegamos ao final de traxecto deste tempo de Advento. Ao longo destas catro semanas fóisenos invitando a facer un fondo proceso de revisión das nosas actitudes e comportamentos. E non era calquera o que nos invitaba, foi a voz de Xoán Bautista a que nos ía marcando este camiño que tiñamos que preparar cada un e cada unha de nós de maneira repousada, tranquila, sincera e liberadora. E para que? Para poder chegar a esta noite co corazón preparado para acoller nel ao neno que chega para traernos ilusión, esperanza, xenerosidade e, por riba de todo, a salvación. É dicir, sentido e horizonte para a nosa vida. Unámonos logo par co

Transfiguracón 2023

  COS OLLOS ABERTOS E COS PÉS NO CHAN CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Vinde axiña (Nº 10) o     LECTURAS:  Escoita ti (Nº 26) o     OFERTORIO:  Déixate querer (Nº 61) o     COMUÑÓN:  Quédate Señor connosco  ESCOITA ACTIVA O medo a correr riscos é unha das cousas máis paralizantes. Temos medo ao novo, como se conservar o pasado garantira automaticamente a fidelidade ao Evanxeo. Por medo calamos cando teriamos que falar, desentendémonos cando deberiamos intervir, non debatemos temas importantes para evitar plantexamentos novidosos. Temos medo a revisar liturxias e ritos que valeron noutro tempo, pero que na actualidade non din nada. Temos medo a falar de dereitos humanos, de diversidade, a recoñecer o papel da muller dentro da Igrexa. Temos medo a poñer por riba de todo a misericordia...  Segundo o relato evanxélico, os discípulos caen por terra cheos de medo.... pero Xesús achégase e dilles –dinos-:  erguédevos, non teñades medo . Que a celebración deste domingo, a Transfiguración do Señor