Ir al contenido principal

24 Domingo TO C 2016

Necesitamos baixar da montaña, como Deus lle pide a Moisés, para, cos pés no chan e os ollos cara deus, facer da fe experiencia de liberdade que nos axude a crecer e madurar, dando razón da nosa esperanza
Descarga o ficheiro

CANTO GOZOSO
*      ENTRADA: Andarei na presenza do Señor (Nº 11)
*      LECTURAS: Escoita ti (Nº 26)
*      OFERTORIO: Recibe Señor (Nº 31)
*      COMUÑÓN: Pan do ceo (Nº 53)
ESCOITA ACTIVA
Na Biblia, cando se fala da montaña, quérese facer referencia ao lugar onde está Deus. El está no alto. Porén, a primeira lectura de hoxe pon en boca de Deus unha frase coa que se invita a Moisés a baixar do monte, é dicir, a non evadirnos do que pasa ao noso redor. Deus non quere que desconectemos da realidade, que nos illemos e convertamos a fe  nunha historia que non ten nada que ver co que pasa no mundo, co que nos ocorre cada día.
É esta toda unha chamada a que revisemos cales son as nosas prioridades, e onde poñemos os obxectivos que desde a nosa relación con Deus nos fan sentir que os pés teñen o seu apoio na terra e esfórzanse sempre por poñer unha palabra de esperanza, unha man de colaboración e un esforzo continuo por facer do mundo lugar de acollida e compromiso solidario en traballar para que a vida sexa experiencia de encontro e non de enfrontamento e división.
Que a celebración que agora comezamos remoa os nosos corazóns para saír dela ledos e dispostos a ser sementadores de esperanza.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
  • Porque moitas veces buscamos evadirnos do que pasa ao noso redor creando mundos imaxinarios que traen tristura e non esperanza; SEÑOR, QUE DEIXEMOS ATRÁS A INDIFERENZA.
  • Porque  moitas veces non nos alegramos cos que volven, senón que os criticamos por ser de novo acollidos; CRISTO, QUE DEIXEMOS ATRÁS A INDIFERENZA.
  • Porque nos sobran imposicións aos demais e fáltannos grazas e por favor polo moito recibido; SEÑOR, QUE DEIXEMOS ATRÁS A INDIFERENZA.

OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
*      Como diciamos na monición de entrada, o monte é lugar de manifestación e presenza de Deus. No relato do libro do Éxodo que escoitamos como primeira lectura, ponse en boca de Deus a invitación para que Moisés baixe do monte; é dicir, non se evada nin desconecte dos problemas nin do que pasa na realidade. A tentación sempre está en mirar para outro lado, buscar xustificacións para non comprometerse, pensar que xa lle tocará a outros facer as cousas. Porén, a fe cristiá, inda que moitas veces ao longo da súa historia non o puxera en practica, é unha tarefa continua e constante por buscar solucións, traballar por mellorar as cousas, esforzarse para non reducir a fe a actos íntimos, privados ou desconectados do mundo real. A dimensión social da fe non é algo novo nin que xurdira agora, no pontificado de Francisco. Non, a fe ten unha necesaria e sempre urxente esixencia de afrontar problemas, de buscar solucións, de comprometerse e esforzarse por traballar en facer a vida de todos -Deus non distingue entre razas, continentes ou culturas- o máis humana e feliz posible. Desde esta tarefa común é desde onde temos que situarnos e movernos; acollendo a chamada que Deus lle fai a Moisés como unha chamada persoal a cada un de nós a abandonar a comodidade do monte -as nosas rutinas, as nosas comodidades, as nosas seguridades, a falta de obxectivos e motivacións na vida- para ver a realidade desde os ollos de quen sabe que é parte dun e necesita implicarse e traballar nela e desde ela para cambiala; esforzándonos e comprometéndonos na busca de todo canto une para que as persoas sexamos respectadas, valoradas desde a dignidade común que posuímos e dispostas a non esperar que sexan outros, e non nós xunto con outros, os que nos solucionen os problemas sen que nós movamos un dedo para colaborar. É necesario baixar da montaña e poñernos a esta tarefa!

*      E isto só podemos facelo se verdadeiramente temos un corazón disposto a latexar e sentir a realidade humana como unha realidade de todos, sen exclusións nin indiferenzas. Un corazón que nos faga capaces de non ver os problemas e as dificultades desde a distancia de quen non se implica, que nos descubra iguais e necesitados uns dos outros; un corazón disposto a poñer o mellor de si para que outros -os máis débiles, os que están nas periferias do mundo, aquelas nos que ninguén se fixa nin se lle presta atención-, non sexan nin esquecidos nin escondidos. E para iso necesitamos un corazón puro, limpo, sinxelo, solidario e verdadeiramente eclesial. Ao estilo de Xesús, e non dos que moitas veces teñen secuestrado a súa voz e a súa palabra. A voz de Deus vai sempre en dirección da busca do mellor das persoas, e cando isto non é así, senón que o que busca é aproveitarse, impoñer cargas e dogmas que non nos axudan a descubrir o rostro de tenrura de Deus, debemos desconfiar de quen o di e do que se di. Por iso é tan importante formarnos, esforzarnos por ter criterio que non busque o aplauso fácil, senón a fidelidade ao Evanxeo. Non cansemos nunca de dirixirnos a Deus e dicirlle que nos renove interiormente, que nos dea un espírito firme, sosegado e sempre na busca de todo canto humaniza.

*      Isto levaranos a ser persoas de busca permanente, non conformes co primeiro que escoita, atopa ou lle queren impor. E para iso é necesario aprender a erguer os ollos, a mirar sen medo o mundo, a ser agradecidos polo que temos e pola posibilidade de compartilo con outros que non o teñen; a non ser derrotistas. A paz interior, a capacidade de achegarse a quen se ve solo, a posibilidade de poñer un sorriso na vida dos demais, é unha tarefa permanente na que sempre temos que estar os crentes. É motivo de acción de grazas, é experiencia de alegría. Para que ninguén se perda, para que todos poidamos estar, para que ninguén se autoexclúa porque non reparamos nel nin lle prestamos atención. Como a muller do Evanxeo, temos que aprender a buscar, e iso sempre é difícil e con non poucas dificultades, pero quen busca acaba atopando: sentido á vida, felicidade, xustiza, liberdade, solidariedade... Que menos que compartilo coa ledicia do Evanxeo, desde a casa común que compartimos e sendo sementadores da ledicia do amor. Como constante e continuamente nos invita a elo Xesús.
FRATERNIDADE ORANTE
Cantos participamos da celebración somos invitados a unirnos e a compartir a oración comunitaria. Facémolo dicindo:
SEÑOR, RENÓVANOS COA FORZA DO ESPÍRITO
  • Para que entre todos os que conformamos a Igrexa: papa, bispos, curas e segrares, construamos unha comunidade de servidores e non de señores, OREMOS.
SEÑOR, RENÓVANOS COA FORZA DO ESPÍRITO
  • Para que nos esforcemos para que o noso actuar cos veciños, familiares e amigos, sexa sempre movido pola colaboración, a axuda e o acompañamento; e non polo interese material, OREMOS.
SEÑOR, RENÓVANOS COA FORZA DO ESPÍRITO
  • Para que baixemos da montaña que nos fai crernos mellores e superiores aos demais, e traballemos con sinxeleza por estar ao lado dos enfermos, os esquecidos, os non importantes e os que están solos, OREMOS.
SEÑOR, RENÓVANOS COA FORZA DO ESPÍRITO
Escoita e acompaña, Señor, canto hoxe compartimos e rezamos xuntos participando desta celebración. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN
A vós, que vos reunides no meu nome e confiades en min;
a vós, que recibides a miña Palabra e poñédela en práctica;
a vós, que compartides o meu proxecto e levádelos a cabo, chámovos amigos.
A vós, que sodes fortes na vosa debilidade;
a vós, que vos mantedes firmes na opción de servizo aos pobres;
a vós que progresades na fe posta en acción, chámovos amigos.
A vós, que estades dispostos a dar a cara e a arrimar o ombreiro;
a vós, cos que se pode contar incondicionalmente para toda boa causa, chámovos amigos.
A vós, que afrontades a realidade e intentades mellorala;
a vós que non renunciades a construír a xustiza no mundo;
a vós, que dades unha oportunidade a un futuro mellor, chámovos amigos.
Grazas por facer presente no voso mundo a tenrura do Pai Deus; por ir deixando pegadas da presenza do Espírito; por insistir a tempo e a destempo no amor de quen fixo da vida servizo aos demais. Amén.

Comentarios

Entradas populares de este blog

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...