Ir al contenido principal

26 Domingo TO C 2016



SÓ A DEFENSA DAS PERSOAS, A LOITA PARA QUE A DIGNIDADE DE NINGUÉN SEXA ESMAGADA E A BUSCA DA XUSTIZA, PODE FACER VISIBLE O PROXECTO DE AMOR DE DEUS PARA CON NÓS

CANTO GOZOSO

ENTRADA: Vinde axiña (Nº 10)
LECTURAS: Pan do ceo, pan de vida (Nº 53)
OFERTORIO: Na nosa terra (Nº 36)
COMUÑÓN: Non vou so (Nº 60)

ESCOITA ACTIVA

Non lle prestamos atención, poñemos pouco oído para escoitala, tárdanos acender unha vela no canto de tentar entender... pero a pesares de todos os atrancos que lle poñemos para non acollela a Palabra de Deus segue a insistir unha e outra vez sen cansar: a defensa das persoas ha estar por riba, sempre, de calquera outra razón. Porque o Deus amor que nos quere e nos acolle na súa tenrura, non cansa de insistir e repetir: as persoas por riba do poder, o prestixio, o dominio ou os cartos. Claro que isto é esixente, difícil e moitas veces duro, pero pagaría a pena se non fose así?
Cambiemos, permitamos que de verdade a palabra de Deus enchoupe os nosos corazóns, e deixemos dunha vez de pensar como quen vive como se Deus non estivera: rancor, vinganza, odio... e poñámonos no camiño do Señor. Porque, nos guste ou non, só nel podemos atopar a felicidade.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

*        Por non respectar a igualdade e dignidade que puxeches en cada un de nós; SEÑOR, QUE FAGAMOS DA HUMILDADE CAMIÑO.
*        Por ter actitudes de soberbia, vinganza e desprezo que endurecen o noso corazón; CRISTO, QUE FAGAMOS DA HUMILDADE CAMIÑO.
*        Por deixarnos tentar polo que corrompe, engana e despreza o comportamento xusto; SEÑOR, QUE FAGAMOS DA HUMILDADE CAMIÑO.

OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN

·        Moitas veces, no canto de querer xustificar as nosas teimas, acabamos por caer no buenismo que pensa que todo é o mesmo, que todo dá igual, que non hai diferenza entre facer unha cousas ou outra. Este buenismo relativista que todo o xustifica, acaba por converternos en persoas permanentemente insatisfeitas e necesitadas constantemente de buscar xustificación a todo o que facemos, para convertelo en bo. Non entendemos que, inda que Deus é misericordioso, que nos quere, que nos perdoa, que, a diferenza de nós, non acumula xenreira nin ansia de vinganza...non por iso deixa de ser un Deus xusto. E non pode haber xustiza se todo nos dá igual, ou se todo o igualamos para evitar recoñecer que son moitas as veces nas que actuamos mal. Necesitamos poñernos sen máscaras e recoñecer que as nosas palabras, os nosos silencios, os nosos sarcasmos ou ironías feren e fan dano ás persoas, especialmente aos que temos máis preto e teñen que aguantarnos constantemente. É verdade que vivimos nun contexto social que parece ter sempre razón, que da por boa calquera cousa -ata que iso que fai, agora llo fan a el- sen parar a pensar nas consecuencias. E, nos guste ou non admitilo, non todas as cousas son iguais nin dan o mesmo: hai comportamentos bos, honestos, xustos... pero tamén os hai inmorais, soberbios, corruptos... Por iso non todo vale. Isto era o que lle dicía o profeta Amós aos israelitas, que afastándose de Deus, todo lles valía para facer dano aos outros e sacar tallada que os beneficiara. Por iso, como Amós non tiña pelos na lingua, aqueles que vían que tiña razón, tentaban perseguilo e calumnialo. Pero el non se deixa enganar, sabe que a súa misión é denunciar aos “ben pensantes do seu tempo", e non dubida en dicirlles o que pensa, e as consecuencias que iso traía. O seu ""¡Malia os que viven no lecer en Sión, os despreocupados no monte de Samaría!" ten tamén hoxe moita actualidade. Nós hoxe, recollendo o testemuño de Amós, tamén deberiamos dicir, alto e claro: “rematou a esmorga dos nugalláns”. Porque non é que Deus non sexa misericordioso, senón que nós non queremos camiñar no camiño da misericordia, e sen desexo pola nosa parte de cambiar e ser mellores, non hai posibilidade de acoller, entender e vivir a misericordia que El nos ofrece.
·        Por iso, é importante poñer en práctica as recomendacións de Paulo a Timoteo: buscar a xustiza, practicar a mansedume –que non é servilismo-, saber, pacientemente, manter os tempos, sen precipitarse nin buscar o agora e xa imposibles. As oracións e accións de grazas non valerían de nada, e serían simplemente palabras se non van acompañadas dos feitos. E estes non poden ser de outra maneira máis que misericordiosos. Por iso non poden ser todas as cousas medidas polo mesmo raseiro, e temos que ter conciencia de que moitas veces facemos mal, producimos dano, e levamos dor a moitas persoas. Sabelo é o primeiro paso para cambiar e ser doutro xeito. Entón si que terá valor, sentido e forza a oración. Unha oración que nos pon no camiño da fidelidade a Deus, por iso Xesús insiste na importancia do pequeno, do que aparentemente e a ollos dos outros non ten valor. Pero é aí, nese pequeno, onde está a fondura, a verdadeira escola desde a que se aprende a valorar o pouco, o que non produce nin éxito nin relumbrón, pero si mantén vivo o sentido da dignidade. Traballemos por ela e desde ela, e poñámonos no camiño ao que nos invita sempre Xesús. Fagamos da vida unha escola desta aprendizaxe. Porque é a través deste percorrer cotián como facemos da esperanza motivación que nos levará a participar e gozar da vida eterna ao lado de Deus e das persoas. E como dicimos nós moitas veces: isto apréndese, vívese e mámase desde a casa.

FRATERNIDADE ORANTE

Fagamos comuñón coa nosa oración comunitaria poñéndoa nas mans de Deus e dicindo:
SEÑOR, QUE MADUREMOS NA TÚA MISERICORDIA
Para que na Igrexa vivamos sabendo distinguir que non todo comportamento é igual e que canto produce dor, tristura e inxustiza vai contra a pedagoxía de Deus, OREMOS.
SEÑOR, QUE MADUREMOS NA TÚA MISERICORDIA
Para que nas nosas parroquias saibamos construír momentos de encontro, de perdón e recoñecemento de que moitas veces ofendemos coas nosas palabras e as nosas actitudes, OREMOS.
SEÑOR, QUE MADUREMOS NA TÚA MISERICORDIA
Por nós, para que venzamos a tentación da comodidade e camiñemos no esforzo por ser mellores persoas, sempre preocupadas polos máis débiles e necesitados: enfermos, nenos e maiores, OREMOS.
SEÑOR, QUE MADUREMOS NA TÚA MISERICORDIA
Señor, sabemos que es un Pai/Nai misericordioso. Acolle a oración que presentamos, e os desexos de ila poñéndoa en práctica. P.X.N.S. Amén.

MIRADA ESPERANZADA

Temos cousas que facer. Cousas marabillosas!
Encomendáronnos a casa deste mundo.
Todo o que o Creador fai nel é agora a nosa tarefa:
acender o sol cada mañá para todos,
investigar os planetas, poñerlles nome:
a un, amor; a outro, solidariedade; ao máis afastado, lugar de encontro.
Haise que poñer mans á obra.
Do contrario chegará un día...
no que a terra parecerá unha caldeira abrasada,
e as árbores serán osos torrados,
e os ríos chorarán como unha nai sen auga.
Deixáronnos na casa para organizar entre todos
unha convivencia digna.
Hai que poñer moito coidado na tarefa!
Gloria Fuertes

Comentarios

Entradas populares de este blog

5 Domingo TO B 2018

PERSOAS LOITADORAS, NON SUFRIDORAS Descarga o ficheiro
CANTO GOZOSO
öENTRADA: Amigos nas penas
öLECTURAS: O Señor é o meu pastor (Nº 27)
öOFERTORIO: Acharte presente na vida (Nº 51)
öCOMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55)
PARA NON PERDER O PASO
Cando unha cousa non nos serve, cando non ten nada que poidamos obter dela, deixámola de lado. Na nosa vida de fe, ocorre que moitas veces estamos ermos: non sentimos nada e somos incapaces de poñer en relación canto rezamos co que facemos cada día. Deste xeito, pouco a pouco, váisenos apagando a chama da fe e convertemos todo o que di relación con ela en puro e simple costume, comercio, acto social ou tradición, inda que ás veces o queiramos revestir de cultura para poder mantelo.
Fronte desta situación, os textos que hoxe imos proclamar chámannos a non deixarnos caer nesta tentación, a esforzarnos por non deixar que esmoreza a esperanza, a aprender a gozar do moito que nos enriquece e aporta a fe. Non imos solos, temos un amigo ao noso lado: Xesús. Deixemos…