Ir al contenido principal

4 domingo Pascua 2017


BENAVENTURADOS OS PASTORES QUE ACOLLEN, ESCOITAN, SERVEN E ACOMPAÑAN. NELES MANIFÉSTASE A ESPERANZA DA RESURRECCIÓN!

CANTO GOZOSO

ENTRADA: Andarei na presenza do Señor (Nº 11)
LECTURAS: O Señor é o meu pastor (Nº 27)
OFERTORIO: Eiquí están Señor (Nº 32)
COMUÑÓN: Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)

ESCOITA ACTIVA

Neste cuarto domingo de pascua toda a Igrexa celebra a festa do Bo Pastor. E como nos di o Evanxeo a bondade do pastor non está en ver e calar, senón que a bondade para el é fundamentalmente testemuñar. O verdadeiro pastor, Xesús, non cala, testemuña. El dá razón da súa esperanza, da súa alegría, do seu servizo, da súa plena comuñón con Deus Pai.
Hoxe na Igrexa tamén queremos celebrar que este ha ser o camiño desde o que han andar os pastores que foron ordenados para poñerse ao servizo das comunidades cristiás; para alentar nun testemuño esperanzado do seguimento de Xesús; para poñer a vida a dispor de cantos, chamando nas súas portas, buscan ser recoñecidos como presenza agarimosa de Deus.
O Papa Francisco non deixa de manifestar, unha e outra vez, que os pastores non han ser burócratas de oficina nin funcionarios de oito a tres. Oxalá que as súas palabras non caian en saco roto!

CORAZÓN MISERICORDIOSO

*      Polas veces nas que non soubemos esforzarnos por dar razón da nosa esperanza; SEÑOR, NON DEIXES NUNCA DE ESTAR AO NOSO LADO.
*      Polas veces nas que só soubemos criticar, sen esforzarnos por ver o positivo de quen tiñamos ao lado; CRISTO, NON DEIXES NUNCA DE ESTAR AO NOSO LADO.
*      Polas veces nas que pola nosa boca saíron palabras para ferir e entristecer a quen esperaba de nós misericordia e perdón; SEÑOR, NON DEIXES NUNCA DE ESTAR AO NOSO LADO.

OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN

A pascua é tempo de alegría, si. Pero non unha alegría falsa, irrelevante ou puramente estética. A alegría da pascua é a do corazón. Como dicían os dous de Emaús no evanxeo do domingo pasado: “non ardía o noso corazón cando nos falaba?”. Aquí está o cerne do que queremos celebrar ao longo destes cincuenta días de pascua: deixarnos enchoupar da alegría que vén do Señor. Unha alegría que nos chega non só desde a Palabra que acabamos de proclamar ou do pan que imos consagrar sobre a mesa do altar, senón do verdadeiro testemuño dado por nós, os crentes, facendo ben, con responsabilidade, as cousas de cada día. Se somos capaces de entender que este é o camiño polo que ten que ir desenvolvéndose o tempo de pascua, acabaremos entendendo e experimentando a alegría pascual da que tantas veces falamos...pero á que poucas veces lle poñemos vida, feitos, obras...
Neste esforzo por dar razón coa vida da experiencia pascual, Xesús váisenos mostrando como o Bo Pastor que terma, acompaña, alenta e se preocupa por cada un de nós. El vainos acompañando nas trashumancias da nosa vida –inda que moitas veces digamos que non percibimos ou non somos capaces de recoñecelo-. Nas nosas inestabilidades, nas nosas dúbidas, nas nosas teimas ou neuras, El está. E está para darnos mostra do seu amor, que non é un amor de calquera xeito, senón o amor pleno, entregado, servizal e a tempo completo. E do mesmo xeito que El está, pide, esixe e urxe a que nós fagamos o mesmo. Pero especialmente diríxese aos que teñen como misión da súa vida -que non como profesión- manter vivo no medio das comunidades o lume – inda que ás veces pareza só o remol- da súa entrega e xenerosidade. Un lume que non pode ser egoísta, preocupado polos cartos, preguiceiro, funcionarial, burocrático... como ás veces é o noso testemuño; dándose deste xeito o paradoxo de que aqueles que tiñamos que servir acabámonos convertendo en señores ben servidos. E para que isto on sexa así é fundamental a axuda e colaboración dos membros das comunidades, porque se vós non nos axudades, acabarmos todos sendo cómplices do escurecemento da mensaxe.
Por iso: todos estamos implicados; todos debemos preocuparnos uns dos outros; todos temos a responsabilidade de testemuñar, que alenta, aleda e dá sentido á nosa vida. E nisto non hai separación entre curas e non curas. Todos somos membros dunha mesma Igrexa guiada polo Bo Pastor, que tamén nos chama a nós a ser pastores agarimosos da tenrura alí onde esteamos. Andemos, logo, por este camiño na alegría pascual e na alegría comunitaria eclesial. Se Cristo vive, tamén nós, desde El, estamos chamados a vivir.

FRATERNIDADE ORANTE

Rezamos agora xunt@s presentando a nosa oración ao Señor e dicindo:
QUE AS AUGAS TRANQUILAS DO TEU REINO ANIÑEN NO NOSO CORAZÓN
·      Señor, para que na Igrexa xurdan bos pastores que escoiten, acompañen e fagan súas as dores, tristuras e esperanzas das persoas do noso tempo, OREMOS.
QUE AS AUGAS TRANQUILAS DO TEU REINO ANIÑEN NO NOSO CORAZÓN
·      Señor, para que saibamos acompañar, animar, consolar e ilusionar e colaborar sempre cos pastores que coñecemos, especialmente cos das nosas comunidades, OREMOS.
QUE AS AUGAS TRANQUILAS DO TEU REINO ANIÑEN NO NOSO CORAZÓN
·      Para que cantos conformamos a Igrexa nos deixemos agarimar pola forza do Pastor Bo, Xesús, e saibamos transmitir, co testemuño ledo e solidario co que vivimos a fe, ás persoas necesitadas de ser recoñecidas na súa dignidade e a súa igualdade, OREMOS.
QUE AS AUGAS TRANQUILAS DO TEU REINO ANIÑEN NO NOSO CORAZÓN
Grazas, Señor, Pastor Bo e Pastor de tod@s por seguir confiando en nós e invitándonos a seguir as túas pegadas servindo e preocupándonos polos demais. PXNS. Amén.

MIRADA ESPERANZADA

Sinalaches un anaco da viña e dixéchesnos: “Vinde e traballade”.
Mostráchesnos unha mesa baleira e dixéchesnos: “Enchédea de pan”. Presentáchesnos un campo de batalla e dixéchesnos: “Construíde a paz”. Sacáchesnos ao deserto co amencer e dixéchesnos: “Erguede a cidade”.
Puxeches unha ferramenta nas nosas mans e dixéchesnos: “É tempo de crear”. Escoita ao mediodía o rumor do traballo co que o ser humano se afana na túa herdade e fai xermolar cada día nas súas mans a túa obra de xenerosa tenrura. Amén.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...