Ir al contenido principal

31 Domingo

CANDO NON SE PON O ACENTO EN MOISÉS, SENÓN NA CÁTEDRA, A FE DEIXA DE SER LIBERACIÓN A CONVERTIRSE EN PESADA CANGA
CANTO GOZOSO
ENTRADA: Que ledicia a miña (Nº 4)

LECTURAS: Camiñar sen Xesús (Nº 68)

OFERTORIO: Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)

COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120)

ESCOITA ACTIVA

En máis dunha ocasión tennos matado a nosa “pretendida e excesiva” fidelidade. Si, aínda que nos resulte estraño, quen algunha vez non se deixou levar polo que manda a letra, esquecendo ás persoas que vían que esa mesma letra as facía infelices?; quen non se ten amarrado á literalidade para xustificar os propios medos e inseguridades?; quen non ten recorrido ao que é doutrinalmente seguro para negarse a alixeirar as pesadas cangas dos ombreiros dos irmáns e das irmás?; quen non ten posto as normas por diante do corazón das persoas para tranquilizar a súa conciencia?... Porén, a Palabra invítanos hoxe a fuxir destas falsas fidelidades e a non esquecer que o único importante, o que verdadeiramente nos fará felices non é seguir un manual cunhas letras, que tantas veces matan, senón axudar, compartir, empatizar, escoitar... comprender a todas as persoas, nas que Deus se nos mostra.

Certamente é un camiño máis difícil, non vén en ningún manual; pero Xesús móstrasenos como compás e caxato. Acollamos entón esta Palabra de vida.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

Porque son moitas as veces nas que actuamos para que nos palmeen e nos digan o ben que facemos as cousas, e non estamos dispost@s a camiñar de xeito máis humilde e sinxelo traballando polos demais; SEÑOR, NON NOS DEIXES CAER NA HIPOCRISÍA.

Por seguir facendo distingos entre as persoas, favorecendo ás que nos caen ben, ás que “pertencen” a un status superior ou ás que teñen máis cartos; CRISTO, NON NOS DEIXES CAER NA HIPOCRISÍA.

Porque seguimos rachándonos as vestiduras diante das persoas que non pensan, non falan, non rezan, non amar ou non actúan coma nós, e pronto as tachamos de pecadoras; SEÑOR, NON NOS DEIXES CAER NA HIPOCRISÍA.

OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN

Como nos custa que as palabras, que tan facilmente saen das nosas bocas, se convertan en vida. Que difícil nos resulta que compartir, dar, axudar... se fagan realidade e deixen de ser simplemente palabras. E así nos loce o pelo.... Porque o fariseísmo que Xesús denuncia e que por desgraza se está a converter nunha actitude permanente na nosa Igrexa é un aviso para que coidemos de caer nesta deformación relixiosa. Lembremos que non foi a xente considerada pecadora e proscrita a que se opuxo a Xesús, senón precisamente os máis piadosos e relixiosos do pobo. É este un fenómeno frecuente cando a fe se transforma en fanatismo cego ao servizo da lei, do culto, do dogma ou da institución, traizoando o espírito relixioso. Colocamos entón ideas e estruturas por riba do amor, chegando ao desprezo do máis sagrado e importante: as persoas. Sóanos o conto?. Tres son as acusacións que Xesús lles fai aos escribas e aos fariseos de onte e de hoxe:



o   VANIDADE: Pasean pomposamente enfundados nas súas roupaxes, comprácense nas reverencias e nos saúdos por parte da xente, no acaparamento dos postos de honra nos banquetes e nas asembleas, no saíren nos papeis, en que falen deles... A relixión é só hábito vistoso que cobre intereses persoais máis ben baixos, mera aparencia... A práctica relixiosa úsase con fins egoístas. Instrumentalízase a Deus co fin de construírse o propio monumento. Todo é finximento, puro exhibicionismo, para que as persoas recoñezan a súa autoridade e o seu prestixio. Buscan chamar a atención do pobo, sempre crédulo diante das aparencias. Cómpre, pois, modestia e discreción. Convencernos de que o hábito non chega para cubrir o baleiro, que debemos ser recoñecidos polos valores que levamos dentro e non polos que nos “botamos” enriba. Que un “portador de hábito” non é necesariamente un “portador de Deus”.



o   HIPOCRISÍA E INCOHERENCIA: Devoción ostentosa, baseada na cantidade e na duración das oracións, feitas como espectáculo para lograr a estima e a admiración do pobo sinxelo... pero non fan o que din. O que din non é falso... pero as súas obras desmenten as súas palabras, e ao fin e ao cabo... a árbore coñécese polos seus froitos.



o   DOBRE RASEIRO: Legalismo opresor para os demais e indulxencia e escapatoria para si mesmos. Autocomprácense na súa propia moral externa e baleira, mentres agonían e culpabilizan á xente co peso da lei. En vez de axudar aos pobres, pequenos e indefensos non dubidan en explotalos dun xeito descarado, aproveitándose deles e da súa boa fe. Mentres para nós e para os nosos o xustificamos todo, o entendemos todo, o desculpamos todo... para os demais, aqueles que non son da nosa corda, non temos escrúpulos en poñer sobre os seus ombreiros pesadas cangas.



Atopamos así unha relixiosidade baleira, arrogante, formalista, caracterizada pola exterioridade e o legalismo cruel (que é o coñecemento de todas as leis agás a do amor) dominada por persoas ávidas de poder, honores e triunfos... Unha relixión na que as teimas persoais acaban por volverse obsesións que non serven para nada máis que para perder tempo e enerxías, deixando un pouso de tristura e desalento. Dá a impresión de que nos sobra tempo e como non temos en que investilo, dedicámonos a perdelo en cuestións superficiais... como se a vida non tivese moito no que poder traballar e comprometerse para buscar a felicidade... pero, claro, iso supón sacrificio, esforzo, renuncia....Porque non nos enganemos: para ocupar cargos e honras nunca faltarán candidatos; o difícil é achar persoas dispostas a gastar e desgastar a súa vida a prol dos demais, sen máis pretensións que seguir o camiño de Xesús. Esta é a verdadeira grandeza, posto que estas son as persoas verdadeiramente necesarias.



Fronte desta esquizofrenia, Xesús volve facer a súa proposta dunha Igrexa:



o   IGUALITARIA E FRATERNA: Fóra honras mundanas, títulos e reverencias. A ninguén lle chamedes Pai, agás ao do ceo; e non vos deixedes chamar mestres nin xefe. Na comunidade cristiá só hai irmáns e irmás, tod@s coa mesma talla. A verdadeira xerarquía só destaca como servizo á comunidade.



o   CRISTOCÉNTRICA: O noso único mestre e Señor é Xesús, o Mesías. El é centro e xefe da comunidade. Os demais non son tal, senón servidores.



o   SERVICIAL: A autoridade é tal se realmente é servizo. A grandeza dos ministerios está en servir, e non en ser servido. Volver aos esquemas xerárquicos que sitúan ás persoas en chanzos ou niveis de maior ou menor prestixio é non ter entendido en que consiste o Reino de Deus.



o  Unha comunidade na que non hai inchados posuidores da verdade, senón humildes e apaixoados buscadores; na que hai abundancia de “ministros da misericordia de Deus”, na que os responsables reivindican o privilexio de servir; na que a grandeza está medida pola pequenez; na que a carreira está determinada pola caridade; na que quen exerce a autoridade non escurece e non ten pretensión de substituír ao único Mestre, senón que o fai visible, case sensible, coa súa transparencia e a súa capacidade de discreción; unha comunidade na que ninguén pretende controlar e manipular e na que os únicos títulos válidos son “aprendices” na fe, no servizo e no amor. E nós, onde nos situamos?

FRATERNIDADE ORANTE

Con sinxeleza, sabéndonos necesitados de Deus, das irmás e dos irmáns, poñamos sobre a mesa do Pan e da Palabra a nosa vida para ofrecerlla a quen nos ensina unha vez que o importante non é falar moito, senón amar moito e digámoslle:

SEÑOR, GÁRDANOS NO TEU AMOR

Para que na Igrexa, onde todos deberamos ter sempre sitio e nunca ser excluídos, aprendamos a respectarnos e a non movernos pola imaxe ou polos cartos, senón polo convencemento de que Deus nos chama a actuar na igualdade, OREMOS.

SEÑOR, GÁRDANOS NO TEU AMOR

Para que nas nosas comunidades superemos dunha vez o medo ao que dirán, aos prexuízos ou á tentación de sermos ben vistos e traballemos por defender a quen é deixado de lado ou tratado inxustamente, OREMOS.

SEÑOR, GÁRDANOS NO TEU AMOR

Por todos e todas nós, para que superemos a tentación de cargar pesados fardos sobre os ombreiros da xente, e pola contra aprendamos que o noso é axudarlles a levar as súas cruces e problemas, OREMOS.

SEÑOR, GÁRDANOS NO TEU AMOR

Señor, grazas porque nos invitas a ser sinxelos e a poñer ás persoas sempre por riba da fría letra da legalidade. P.X.N.S. Amén.

MIRADA DIFERENCIADA

O noso mundo xeme, Señor, cargado de feridas.

Doe a guerra provocada entre países pobres.

Doen a fame, a inxustiza, a incultura...

Doen as persoas inmigrantes, refuxiadas, paradas e excluídas...

todas as que teñen os seus dereitos pisoteados

e non contan nesta tola historia nosa.



Non permitas, Señor, que vivamos felices

no conformismo das persoas inconscientes,

nin que nos consideremos fillos e fillas túas

se non nos responsabilizamos dos nosos irmáns e irmás.

Non consintas que aniñen no noso corazón o orgullo

e a miseria de quen busca só o seu benestar e o seu proveito.



Guíanos, Señor, na tarefa que nos encomendaches

de cambiar corazóns e estruturas, día a día,

para que o noso mundo sexa cada vez

un pouco máis semente do teu Reino,

pois, se Ti non o fas,

confundiremos de novo o teu querer

cos nosos mesquiños proxectos.



Planta, Señor, semente nova nos nosos corazóns.

Áranos, réganos, cóidanos como Ti sabes.

Afina a nosa sensibilidade e fainos permeables

para que a túa auga, a túa brisa, os teus aloumiños

fagan de nós un campo fértil

no que florezan a paz, a xustiza e a solidariedade. Amén.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

2 Pascua 2023

A paz é  camiño  de  e speranza e resurrección   ( Pódese, ad libitum, facer a aspersión no momento penitencial) Cantos •  Entrada.-  Que ledicia miña ( Nº 4 ) •  Lecturas.-   Canta   Aleluia ( Nº 21 ) •  Ofertorio.-  Recibe Señor ( Nº 31 ) •  Comuñón.-  Gracias, Señor, graciñas ( Nº 50 )   Mirada agradecida   ​ O tempo de Pascua é tempo de testemuño e esperanza compartida. O primeiro, o testemuño, vano dando os seguidores e seguidoras de Xesús a medida que van vencendo os seus medos e comezan a saír e  compartir  coa veciñanza que Cristo vive; que a súa vida foi semente de vida nova e alegría que precisaban anunciar. E é  esperanza  porque esa alegría é froito da presenza, sempre alentadora, de Xesús na súa  cotidianeidade. Xesús non é o ausente ao que se lle recorda, ao contrario, é presenza viva que fai reactivar a aqueles e aquelas que o coñeceron e acompañaron . Deste xeito pouco a pouco  foron  vencendo medos e dúbidas; deste xeito, tamén nós recibimos tamén a invitación de ser h

Vixilia Pascual 2023

       1      5)     LITURXIA DA EUCARISTÍA  ð   OFERTORIO  ð   SANTO  ð   NOSO PAI  ð   PAZ  ð   COMUÑÓN  ð   MIRADA ESPERANZADA   ð   DESPEDIDA  ð     6)     CANTO GOZOSO •         Ao prender o lume : A Cristo cantamos (Nº 110)  •         Na procesión cara o templo : Amigos nas penas  •         Lecturas  o   1º Ergo os meus ollos cara aos montes (Nº 112)   o   2º Pai, Pai, póñome nas túas mans  o   3º As túas Palabras, Señor, son espírito e vida  o 4º Benaventurados (Nº 119)  o   Canta Aleluia (Nº 21)  •         Aspersión:  A auga do Señor (Nº 124) •         Ofertorio : Sementar, sementarei  •         Santo:  Santo es ti (Nº 39)  •         Noso Pai : No camiño do amor (Nº 43)  •         Comuñón : Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)   •         Canto final á Virxe:  Boas noites (Nº 70)      P ORQUE A MORTE FOI VENCIDA ,  FAGAMOS QUE  AS BÁGOAS SE CONVERTAN EN SORRISOS   LUME DE QUENTURA E LUZ   Ao redor do lume, que nos ofrece luz e quentura, xuntámonos no nome do Señor para comezar a cel