Ir al contenido principal

Cristo Rei 2017


Sigamos as pegadas do Mestre que segue a abrir camiños polo reinado do servizo, o acompañamento e a superación da autorreferencialidade: Non retrocedamos nin un paso atrás!
Descarga o ficheiro
CANTO GOZOSO
o   ENTRADA: Camiñarei (Nº 62)
o   LECTURAS: Veña o teu Reino (Nº 88)
o   OFERTORIO: Gracias, Señor, na mañá (Nº 117)
o   COMUÑÓN: Señor Xesús (Nº 52)
ESCOITA ACTIVA

          Logo da xornada das persoas pobres, este domingo, remate do ano litúrxico, achegámonos á persoa de Xesús como mestre que reina desde o servizo e xenerosidade ofrecida, sen que medien cartos, a cantos queiran acollela e sentir a tenrura da súa compaña.
        Compartamos, xa que logo, o sentido comunitario na tarefa de ir construíndo reinado de escoita, acompañamento, traballo en común, axuda solidaria... pero nunca aproveitamento das persoas, principalmente das máis pobres e necesitadas. Fagamos da vida entrega xenerosa a toda experiencia na que a verdade reine sobre o engano, a mentira ou o aproveitamento dos demais. Esforcémonos para que o noso vivir sexa tarefa permanente onde o reinado de Deus vaia enchoupando a nosa terra a través do compromiso do noso actuar.


CORAZÓN MISERICORDIOSO
·   Porque somos das persoas que no canto de construír reino de servizo, construímos monarquía absoluta de imposición e autoritarismo; SEÑOR, QUE NON ESQUEZAMOS QUE TOD@S MERECEMOS O MESMO RESPECTO.


·  Porque non nos esforzamos por construír, alí onde estamos, reinado de paz e misericordia; CRISTO, QUE NON ESQUEZAMOS QUE TOD@S MERECEMOS O MESMO RESPECTO.


·   Porque non acabamos de superar a tentación de mirar para atrás, sen apostar por unha vida de futuro enchoupada de esperanza e creatividade; SEÑOR, QUE NON ESQUEZAMOS QUE TOD@S MERECEMOS O MESMO RESPECTO.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
Hoxe, no último domingo antes de comece o tempo de Advento, celebramos a festa de Cristo Rei. E porque o seu reinado non é de imposicións, leis ou control das persoas e das súas conciencias, senón de liberdade, paz e entendemento, que mellor que este día para dar grazas por sentir a forza e compaña da comunidade coa que ao longo do ano nos reunimos, rezamos, celebramos e compartimos as nosas ledicias e tristuras. Nesta festa de Cristo Rei non agasallamos a unha persoa á que lle rendemos pleitesía e honores, senón que, desde o Xesús que serve, facemos festa comunitaria porque nin estamos sos, nin queremos que ninguén nos diga o que temos que facer. O reinado de Deus chámanos a actuar con liberdade responsable á hora de tomar decisións, de afrontar e encarar a vida, de decidir como queremos construíla sen que ninguén nos manipule nin dirixa. É entón hoxe a festa da liberdade desde a que queremos que o proxecto de Xesús siga a aledar o corazón das persoas que queren que a súa vida e a dos demais sexa sinxela, solidaria, dialogante e pacífica. E a isto nos invita, seguindo as pisadas do Mestre, o profeta Ezequiel, como invitaba ao pobo de Israel, que tamén tiña a tentación de tomar o camiño equivocado. Por iso. Non deamos nin un paso atrás que nos aparte do seguimento destas pegadas verdadeiramente humanizadoras!
E a construción deste reinado facémola cada día, porque tamén cada día comezamos de novo o camiño buscando dar sentido e contido a todo canto se nos vaia presentando. Xa nada é igual que no día anterior. Por diante, se queremos, temos unha proposta diferente e chea de esperanza, cuxo desenvolvemento só depende de nós. Paulo, que disto tiña experiencia persoal, anima aos corintios a facelo así, a non mirar e laiarse permanentemente do que foi o pasado. Este non vai volver, aínda que algúns tenten repetir modos, comportamentos ou fórmulas que serviron para amedrentar e esconder que o proxecto de Xesús é claridade, esperanza, liberdade e decisión persoal ao seguimento. Un seguimento que temos que decidir persoalmente, sen que ninguén tente manipularnos ou obrigarnos a facer o que a eles lles gusta ou beneficia. O proxecto dos cristiáns basease na esperanza, na liberdade, na autonomía desde a que cadaquén vai dando pasos buscando o que o nos fai felices e nos achega aos demais. Sen someterse a quen pretendida demente quere ocupar o lugar de "Deus" –que ousadía!, pero tristemente algúns o seguen a intentar-. Non é no poder senón na capacidade de escoitar, de alentar, de acompañar, de... como imos construíndo o reinado deste Deus que en Xesús se fai un dos nosos. Nin principados nin dominacións, senón servicialidade de balde, ofrecida desde o cariño e non desde a profesionalización dun ministerio que é de seu entrega xenerosa, doazón, pero nunca aproveitamento.
É a esta servicialidade sincera, gratuíta e xenerosa á que nos invita o Evanxeo de hoxe. Non todo vale, non todo comportamento responde ao que quere Deus de nós, non se pode confundir nin mesturar o fundamental co secundario. Porque se o reinado de Deus é xenerosidade sen límites, o encontro final con El vai ser tamén desde esa xenerosidade sen límites que fomos capaces de ir poñendo en cada unha das cousas que fixemos. Por iso dicimos que do que nos van examinar non é de se comungamos na man ou na boca, de se nos golpeamos moito ou pouco o peito para que nos vexan, de se estamos máis ou menos tempo dentro da igrexa namentres ao noso lado, fóra, segue a haber persoas que necesitan do noso tempo, da nosa escoita, da nosa man... aberta e xenerosa. Se queremos formar parte do reinado do Señor, cómpre que cambiemos o centro de nosa vida. Miremos de fronte e aos lados –ir moi tesos impídenos darnos conta de canto pasa ao noso redor-, e fagamos das accións de cada día un esforzo por levar a Boa Nova en forma de servizo e solidariedade a quen, veña ou non á igrexa –isto é fundamental telo sempre presente– poida necesitala. Non todo vale, diciamos antes, tampouco a indiferenza cara ás persoas, inda que nos enganemos a nós mesmos pensando que todo se convalida por tempo consumido, estéril moitas das veces, en ritos e accións que non teñen ás persoas como centro de canto se fai. Vinde, entón, "benditos do meu Pai, porque: tiven fame e déstesme de comer, tiven... cando a un deste máis pequenos llo fixestes, a min mo fixestes"
FRATERNIDADE ORANTE
Porque Deus non quere ser manipulado polos que falan no nome Del, recemos xuntos e comunitariamente a fe que nos invita a ser persoas construtoras do seu reinado no medio do mundo, e digamos: 
GRAZAS, SEÑOR, POR QUERERNOS COS OLLOS ABERTOS E O CORAZÓN SOLIDARIO
Para que todas as persoas que conformamos e nos sentimos Igrexa, non esquezamos que canto lle fagamos aos demais, llo estamos a facer ao Deus en quen dicimos crer como guieiro e forza da nosa vida; OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POR QUERERNOS COS OLLOS ABERTOS E O CORAZÓN SOLIDARIO
Para que nunca viremos a cara ante a inxustiza que a xente poderosa vai construíndo no noso mundo, e non calemos no esforzo de denunciar o abuso e a manipulación á que cada vez, os que mandan, nos queren someter; OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POR QUERERNOS COS OLLOS ABERTOS E O CORAZÓN SOLIDARIO
Para que, levando á vida as palabras de Xesús no Evanxeo, sexamos sempre persoas dispostas a servir, acompañar e ser a voz de quen non ten voz e berra polo que son os seus dereitos e a súa dignidade; OREMOS. 
GRAZAS, SEÑOR, POR QUERERNOS COS OLLOS ABERTOS E O CORAZÓN SOLIDARIO
Onte celebramos o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, por iso hoxe na nosa celebración pedimos dun xeito especial por todas as mulleres que dun cabo ao outro do mundo sofren polo simple feito de ter nacido mulleres: as vítimas da violencia de xénero, as que son obrigadas a prostituírse, as que son escravizadas polos modelos estéticos imperantes na nosa sociedade, as que non teñen acceso a unha cultura que permita o seu desenvolvemento como persoa, as que son ignoradas polos vellos prexuízos; OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POR QUERERNOS COS OLLOS ABERTOS E O CORAZÓN SOLIDARIO
Señor, Rei dun universo que queres máis xusto, humano, fraterno e solidario. Dános azos para o noso sexa un corazón de carne que non perda a sensibilidade ante o berro de dor e inxustiza de quen está ao noso lado. P.X.N.S. Amén.
MIRADA ESPERANZADA
Gustaríame facer un chamamento ás persoas con máis recursos, aos poderes públicos e a toda a xente de boa vontade comprometida na xustiza social: que non cansen de traballar por un mundo máis xusto e máis solidario. Ninguén pode permanecer indiferente ante as desigualdades que aínda existen no mundo. Que cadaquén, segundo as súas posibilidades e responsabilidades, ofreza a súa contribución para poñer fin a tantas inxustizas sociais. Non é a cultura do egoísmo, do individualismo, que moitas veces regula a nosa sociedade, a que constrúe e leva a un mundo máis habitable, senón a cultura da solidariedade; non ver na outra persoa unha competidora, senón unha irmá".
(Papa Francisco na súa viaxe ao Brasil 25.7.2013)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

2 Pascua 2023

A paz é  camiño  de  e speranza e resurrección   ( Pódese, ad libitum, facer a aspersión no momento penitencial) Cantos •  Entrada.-  Que ledicia miña ( Nº 4 ) •  Lecturas.-   Canta   Aleluia ( Nº 21 ) •  Ofertorio.-  Recibe Señor ( Nº 31 ) •  Comuñón.-  Gracias, Señor, graciñas ( Nº 50 )   Mirada agradecida   ​ O tempo de Pascua é tempo de testemuño e esperanza compartida. O primeiro, o testemuño, vano dando os seguidores e seguidoras de Xesús a medida que van vencendo os seus medos e comezan a saír e  compartir  coa veciñanza que Cristo vive; que a súa vida foi semente de vida nova e alegría que precisaban anunciar. E é  esperanza  porque esa alegría é froito da presenza, sempre alentadora, de Xesús na súa  cotidianeidade. Xesús non é o ausente ao que se lle recorda, ao contrario, é presenza viva que fai reactivar a aqueles e aquelas que o coñeceron e acompañaron . Deste xeito pouco a pouco  foron  vencendo medos e dúbidas; deste xeito, tamén nós recibimos tamén a invitación de ser h

Vixilia Pascual 2023

       1      5)     LITURXIA DA EUCARISTÍA  ð   OFERTORIO  ð   SANTO  ð   NOSO PAI  ð   PAZ  ð   COMUÑÓN  ð   MIRADA ESPERANZADA   ð   DESPEDIDA  ð     6)     CANTO GOZOSO •         Ao prender o lume : A Cristo cantamos (Nº 110)  •         Na procesión cara o templo : Amigos nas penas  •         Lecturas  o   1º Ergo os meus ollos cara aos montes (Nº 112)   o   2º Pai, Pai, póñome nas túas mans  o   3º As túas Palabras, Señor, son espírito e vida  o 4º Benaventurados (Nº 119)  o   Canta Aleluia (Nº 21)  •         Aspersión:  A auga do Señor (Nº 124) •         Ofertorio : Sementar, sementarei  •         Santo:  Santo es ti (Nº 39)  •         Noso Pai : No camiño do amor (Nº 43)  •         Comuñón : Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)   •         Canto final á Virxe:  Boas noites (Nº 70)      P ORQUE A MORTE FOI VENCIDA ,  FAGAMOS QUE  AS BÁGOAS SE CONVERTAN EN SORRISOS   LUME DE QUENTURA E LUZ   Ao redor do lume, que nos ofrece luz e quentura, xuntámonos no nome do Señor para comezar a cel