Ir al contenido principal

1 Coresma 2018

A fe non é un comercio, inda que algúns que teñen como misión achegárnola a convertan nunha profesión de taxa e estipendio

SINAL DE CORESMA
Comezamos o tempo de Coresma. Un tempo forte que a liturxia católica volve ofrecernos para celebrar a Pascua co corazón e as actitudes dispostas a non deixarnos levar da rutina nin polo desacougo. Por iso, en tempos de reciclaxe, reutilización e redución, queremos que a árbore que no Advento nos invitaba a desprendernos das pedras escurecidas da nosa vida, nos axude ao longo desta Coresma a tomar conciencia de que non pode haber esperanza pascual se deixamos que se adhiran a nós as pedras que nos ennegrecen e nos afastan da forza e da alegría da fe.
Cada domingo colocaremos ao redor da árbore unha pedra que nos lembrará que se non poñemos esforzo acabaremos facendo da fe irrelevancia en cada un de nós. Neste primeiro domingo a chamada de atención é para que non fagamos da fe un comercio.
CANTO GOZOSO
o   ENTRADA: Misioneiro (Nº 115)
o   LECTURAS: Non vou so (Nº 60)
o   OFERTORIO: Sede a sal, sede a luz
o   COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (nº 89)
PARA NON PERDER O PASO
            Dicimos, ou escoitamos dicir, moitas veces –esa é polo menos a sensación que temos– o rápido que pasan tempos e cousas. E parece ser verdade, porque inda non hai nada estabamos con panxoliñas e abrindo agasallos de Reis, e hoxe celebramos o primeiro domingo desta corentena que nos vai levar ata a Pascua. Sexa unha sensación ou sexa verdade o rápido que vai todo, o que si temos por diante é unha nova oportunidade para mirar dentro de nós e descubrir que cousas non van ben e debemos cambiar. Farémolo axudados pola árbore da esperanza que xa fixo con nós o camiño do Advento ao Nadal. E esta árbore chámanos hoxe a esforzarnos para desterrar de nós calquera intento feito por quen, no nome de Deus, o que busca é simplemente facer cartos e impoñer medo nas conciencias. Deus non cobra nin mete medo. Dinos, unha e outra vez, que El é e nós somos gratuidade, e que só desde ela entenderemos que El, sempre e por riba de todo, é amor.
CO CORAZÓN FERIDO
·      Por pensar pouco as cousas importantes; SEÑOR, QUE RECOÑEZAMOS O NOSOS ERROS.
·      Por rezar de rutina e sen ganas; CRISTO, QUE RECOÑEZAMOS OS NOSOS ERROS.
·      Porque non sobran palabras e nos faltan feitos; SEÑOR, QUE RECOÑEZAMOS OS NOSOS ERROS.
UNHA PALABRA QUE AGROMA
ü Deus non nos quere solos. Terma e preocúpase. Somos feitura das súas mans, quentura do seu corazón, acollida da súa ollada de tenrura. Por iso a súa palabra é de entendemento, de encontro e de diálogo. Non impón. Escoita e alenta. A súa Alianza incorpóranos a unha relación de iguais marcada pola capacidade de escoita e colaboración. Por iso abre o foco da relación con nós a través do conformar a nosa casa común, onde tod@s somos importantes, necesarios, pero nunca imprescindibles. O seu: “Vou establecer a miña alianza convosco e cos vosos descendentes, con tódolos animais que están convosco, os paxaros, os gandos e as feras todas do monte, cantos saíron da arca e agora viven na terra” é o mellor exemplo desta non exclusión, e da reciprocidade colaborativa para que a súa obra teña o cumio na capacidade de legar aos que veñen detrás esta casa amañada, e nas mellores condicións para vivir nela. Seremos capaces de facelo? Venceremos a tentación de deixarlles só lixo e destrución? De nós, de ninguén máis, vai depender.
ü Como nos dicía a segunda lectura, Deus é paciencia; a paciencia que nos invita a poñer os pés no chan, a non precipitarnos no que facemos, na toma de decisións, na palabra que pronunciamos, na... a paciencia de Deus quere ser luz para que tamén nós entremos nese ritmo de ser pacientes. E quen se esforza por desenvolvelo vai atopando no seu camiño apoios que o axudan a non recuar nin a afundirse. A paciencia de Deus está sempre disposta a soltar as cadeas que nos atan. E son tantas! Convertamos logo este tempo de coresma nunha experiencia de andar pacientemente o camiño dunha vida que queremos se faga por vieiros de madurez e crecemento persoal.
ü O deserto é lugar de tentación, a falta de auga e o moito sol provocan alucinacións. Tamén no mundo de hoxe hai moito deserto, e son moitas as persoas que neste deserto, onde nós facemos o posible para que non sexa casa común, sofren alucinacións, créndose o que non son, e onde o seu ritmo de vida lévaos ao baleiro e ao sensentido.
ü A tentación foi para Xesús experiencia de fortalecemento e clarificación persoal. El non sucumbiu a ela; nós si, e moitas veces. E deixamos que entre en nós, abandonándonos, facendo unha vida onde Deus é prescindible, que nos acaba levando, moitas veces á desesperación. Unha desesperación que queremos encher –aquí está a contradición– de cousas que non nos enchen. Coresma quere ser a man que nos axude a poñer un punto neste tantas veces camiñar sen rumbo, para que non deixemos que a superficialidade, as présas, a incapacidade para non deixarnos levar do cómodo e fácil, acampen na nosa vida e nos envolvan de tal xeito que abafemos dentro. Esforcémonos por poñer distancia, e fagamos desta coresma tempo no que as pedras, que tanto nos pesan, se vaian soltando de nós porque estamos sendo capaces de non deixar que aniñen no corazón.
DESDE A ORACIÓN COMPARTIDA
Sabedores do valor e da forza da oración comunitaria, rezamos xuntos dicindo:
QUE NON NOS DEIXEMOS ROUBAR A ALEGRÍA
v Para que o papa Francisco, os bispos, os curas e cantos senten que Xesús é guieiro nas súas vidas, non se deixen abater pola irrelevancia de quen coida que a fe é hoxe prescindible, OREMOS.
QUE NON NOS DEIXEMOS ROUBAR A ALEGRÍA
v Para que nas nosas comunidades nos esforcemos por afastar de nós a identificación da confianza e do amor de Deus cos cartos; OREMOS.
QUE NON NOS DEIXEMOS ROUBAR A ALEGRÍA
v Para que non deixemos que o corazón se nos endureza coa pedra que nos fai insensibles á dor e tristura das persoas que nos necesitan, OREMOS.
QUE NON NOS DEIXEMOS ROUBAR A ALEGRÍA
Señor, sabémonos necesitados de Ti, e moitas veces caemos na tentación de esquecerte. Dános azos para non deixarnos ir por este camiño. PXNS. Amén.
PARA QUE TODOS SINTAMOS A LEDICIA DO COMUNITARIO
“A oración non consiste en actos humanos particulares, nos que nos diriximos a Deus e nos apartamos do mundo. Máis ben teriamos que dicir que a Deus só o atopamos no mundo, e sobre todo nos nosos próximos.
Orar por outro significa expoñerse a si mesmo e ao outro ao fundamento común do noso ser, é dicir, ver o interese polo outro á luz de aquelo que nos concirne incondicionalmente, xa que logo, introducir a Deus nesta relación... calquera outra cousa é exercitar isto ou recollemento interior na profundidade.
Polo tanto, o obxecto da oración non é Deus como persoa trascendente, obxecto da oración é o mundo... Orar significa, recoñecer ao outro en Deus e a Deus no outro. Experimentar a vida cotián na súa profundidade.

(W. Kasper, Introducción a la fe. P.102)

Comentarios

Entradas populares de este blog

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...