Ir al contenido principal

4 Domingo Coresma b 2018

Sementemos a esperanza que non ofende senón que escoita, acolle e sempre, sempre acompaña
Descarga o ficheiro
SINAL DE CORESMA
Paseniñamente xa levamos ben andado o camiño da coresma. Un camiño que segue a ser invitación a achegarnos á árbore da esperanza que nos ten que facer gozar da Pascua. A pedra que nos lembra que se queremos acadar esa árbore pascual debemos afastarnos dela é a da OFENSA. E isto lévanos a preguntármonos, con sinceridade e sen tentar enganarnos nin enganar, se co noso xeito de facer ou non facer; de dicir ou calar; de poñer atención e ollos ben abertos ou ausencia e cegueira que nos afasta da dor, e da necesidade que os demais teñen de nós. Aproveitemos logo esta nova invitación a mirarnos e coñecernos para que nin ofendamos aos demais nin nos enganemos a nós mesmos.
CANTO GOZOSO
o   ENTRADA: Eu sei de quen me fiei (Nº 64)
o   LECTURAS: Sementar sementarei
o   OFERTORIO: Sede o sal, sede a luz
o   COMUÑÓN: Non vou so (nº 60)
PARA NON PERDER O PASO
          En Xesús, non cansamos de escoitar cando participamos nas celebracións, atopamos vida e acougo. Non sei se o cremos ou é unha máis desas cousas que van entrando no noso imaxinario relixioso, que se nutre de rutina e costume e non de reflexión e concreción na vida. Por iso esta mañá invítasenos a que rompamos con ese retrouso de indiferenza e inanición no que temos convertido a fe, para facer un verdadeiro esforzo por mirar dentro de nós e preguntarnos se verdadeiramente o noso chamarnos cristiáns está anelado en Xesús e na súa palabra ou no deixarnos ir plano, sen prestarlle atención a esta marabilla que chamamos Evanxeo. Abramos logo ollos, corazón oídos e mans para que canto hoxe aquí imos compartir saibamos levalo a nosa vida de cada día.
CO CORAZÓN FERIDO
·        Pola nosa capacidade para ferir e facer dano a quen temos máis preto; SEÑOR, QUE NOS DEIXEMOS TRANSFORMAR POR TI.
·        Polo pouco esforzo que facemos por escoitar a quen non pensa coma nós; CRISTO, QUE NOS DEIXEMOS TRANSFORMAR POR TI.
·        Pola nosa preguiza para deixarnos enchoupar da ledicia do Evanxeo; SEÑOR, QUE NOS DEIXEMOS TRANSFORMAR POR TI.
UNHA PALABRA QUE AGROMA
ü O libro das Crónicas relátanos o desleixo do que foran puntais para Israel: o esquecemento e abandono que pouco a pouco foron facendo de Deus; a súa falta de perseveranza, o seu deixarse ir, levounos a caer nunha espiral de abandono e afastamento do que ata aquel momento fora o sentido ea razón do seu ser Pobo de Deus. Babilonia foi para eles experiencia de escravitude e fastío. Tamén o pode ser hoxe para moitos que un día se sentiron cristiáns e gozaron da vida de fe e da participación na comunidade. Se pouco a pouco imos deixando de rezar, de prezar o sentido de levar aos beizos unha oración, de buscar un momento no día para dicirlle a Deus: escóitame, quérote, acompáñame, acóllome... de perdoar e saber pedir perdón, tamén nos pasará a nós como aqueles israelitas que acabaron escravos en Babilonia. Inda que a nosa escravitude será de sentido e de preguntarnos por que fixemos da vida unha experiencia de confronto e non de encontro. Alí, aqueles que tanto gozaran de saberse pobo da Alianza, experimentaron o abandono, a ausencia da terra, a nostalxia da súa cultura e do tempo no que eran alguén e non algo. Retomando esta experiencia e tentando de poñela en relación con noso hoxe, o sinal deste tempo forte invítanos a reflexionar a vida desde a palabra ofensa. Si, ofensa, porque nestas présas nas que vivimos parece que imos esquecendo que non somos únicos, que co noso actuar e coas nosas actitudes ferimos, producimos dor e tristura en moitas persoas. Especialmente no corazón daquelas que están máis preto, as que tratamos e vemos cada día. Preguntémonos, baixando do noso tellado particular, se coa maneira que temos dicir as cousas, facelas e afrontalas, non estamos ofendendo a quen confiou en nós, a quen puxo todo da súa parte para que nós puideramos ser. En tempos de desprezo do que foi facendo historia en nós ao longo dos anos; en tempos nos que so se valora o agora e xa; en tempos nos que se ignora que antes ca nós houbo moitas persoas que puxeron gañas, esforzo e vida para que nós puideramos hoxe ser, non está de máis que nos preguntemos: co meu xeito de estar e ser, teño ofendido, mangoneado, desprezado a alguén? E como nos di sempre o Deus de Xesús: nunca é tarde para cambiar.

ü No salmo rezabamos que o pobo botaba en falta o que foran, o que foi Israel, o que tiñan vivido e gozado e como a súa teimosía en querer ser autosuficientes os foi levando ao baleiro, á escravitude. Por iso queren volver a Deus e comprométense a non volver esquecelo –tarde piaches, diríamos nós desde a nosa mentalidade. Que diferente o actuar de Deus!-. Tamén, como diciamos antes, pode ser hoxe e este momento experiencia de recoñecer que a nós a afouteza que poñemos en experimentar o novo, e quedar cegados por el, pode levarnos a sentir esa experiencia de botar de menos todo canto fomos deixando polo camiño: amigos, familiares, sorrisos, axudas… todo canto nos fixo felices... e que a nosa teimosía foi deixando nas beiras e dándolle as costas. Para non caer na nostalxia do que foi e xa non é... por que non nos esforzamos por valorar, non desprezar, o que temos/somos para que siga dándonos froitos de felicidade, esperanza, unión e participación comunitaria? Por moi intelixentes que nos creamos, sos non iremos moi lonxe, pero deixándonos guiar da man de Deus, o camiño que temos por diante non deixará de ser difícil, pero seguro que o iremos facendo moito mellor.

ü Un camiño que como Paulo lles dicía aos Efesios, é farturento porque é para tod@s; é farturento porque non exclúe; é farturento porque desde a misericordia vai tendendo as mans a quen foi quedando polo camiño. E a súa fartura é das que acolle e campaña. Que necesitadas estamos tod@s hoxe destas dúas actitudes! Unhas actitudes que nos levan a mirar cara ao amor de Deus ao que se refire Xesús no texto de Xoán que vimos de proclamar. Deus non ofende, ao contrario, perdoa, acompaña, alenta, faise compañeiro de camiño! Témolo experimentado así? Ou máis ben temos caído nas redes da rutina, o aburrimento e o consumo de horas de celebracións pero non de esforzo por participar activa e ledamente nas celebracións? Na oferta de Deus está a salvación; unha salvación que vai alumeando o camiño para non trabucarnos  nin perdernos. Deixémonos guiar entón por esta proposta para que na tardiña baixa da nosa vida non sexa a ofensa, senón a capacidade de reconciliar, de recompoñer, de unir reunir a que presentemos ante El!

DESDE A ORACIÓN COMPARTIDA
No teu nome, e con desexos de ser cada vez máis coherentes no noso obrar e rezar, dicimos xunt@s:
GRAZAS POR NON DEIXARNOS DA TÚA MAN
v Para que nos esforcemos por ser unha Igrexa que acolle e non unha Igrexa que ofende e diferenza, OREMOS.
GRAZAS POR NON DEIXARNOS DA TÚA MAN
v Para que nos ilusionemos traballando por crear parroquias liberadoras, solidarias e con capacidade de reconciliarnos; OREMOS. 

GRAZAS POR NON DEIXARNOS DA TÚA MAN
v  Para que nós saibamos recoñecernos no actuar xusto, fraterno, solidario e agradecido de tantas persoas que fan das súas vidas un servizo que alenta e non xulga, OREMOS.
GRAZAS POR NON DEIXARNOS DA TÚA MAN
Grazas Señor, por esta oportunidade que nos das de facer do Evanxeo espello desde o que mirar a coherencia do noso actuar. PXNS. Amén.

PARA QUE TODOS SINTAMOS A LEDICIA DO COMUNITARIO
No medio da sociedade consumista na que vivimos, na que se consume o ocio, o amor, as amizades, ata o Nadal e onde se “se non saes na foto, non existes”, Xesús invítanos a todo o contrario: a vivir en humildade, sen alardear dos nosos actos. Estamos chamados neste tempo de Coresma a parar un pouco, a parar e reflexionar. A encontrarnos con El no escondido, no profundo, desde a sinxeleza do día a día. Chamados a que esa espiritualidade se reflicta en xestos humildes e transformadores coas persoas que máis os necesitan. O prezo a pagar quizais sexa alto: pensar no outro, deixar o noso egoísmo a un lado, a nosa comodidade e movernos polos demais, erguer a voz e os nosos actos ante as inxustizas presentes na nosa contorna e nos países empobrecidos. Pero, a recompensa é grande: estaremos contribuíndo á construción dun mundo mellor, solidario e humano. Anímaste ?

(Óscar Martín Vicario)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Propostas para o Domingo 25 TO B

25 domingo TO B 2015  HAI PERSOAS QUE SERVEN UN DÍA E SON BOAS. HAI OUTRAS QUE SERVEN UN ANO E SON MELLORES. OUTRAS SERVEN MOITOS ANOS E SON MOI BOAS... PERO TAMÉN HAI AS QUE SERVEN TODA A VIDA: ESAS SON IMPRESCINDIBLES E IMPORTANTES Descarga o ficheiro Domingo 25 TO B 2012  https://remoldapalabra.blogspot.com/2012/09/domingo-25-to-b.html DOMINGO 25 TO B 2009 https://remoldapalabra.blogspot.com/2009/09/domingo-25-to.html

Domingo 22 TO B 2018

A PALABRA INVÍTANOS A FUXIR DAS FALSAS FIDELIDADES E A NON ESQUECER QUE O ÚNICO IMPORTANTE, O QUE VERDADEIRAMENTE NOS FARÁ FELICES, É AXUDAR, COMPARTIR, EMPATIZAR COA XENTE, NA QUE DEUS SE NOS MOSTRA
Descarga o ficheiro CANTO GOZOSO ENTRADA: Andarei na presenza do Señor (Nº 11)
LECTURAS: Benaventurados (Nº 119)
OFERTORIO: Seguirei os teus pasos (Nº 103)
COMUÑÓN: Déixate querer (Nº 61) PARA NON PERDER O PASO
En máis dunha ocasión tennos matado a nosa “pretendida e excesiva” fidelidade. Si, inda que nos resulte estraño, quen algunha vez non se deixou levar polo que manda a letra, esquecendo ás persoas que vían que esa mesma letra os facía infelices?. Quen, en máis dunha ocasión, non se ten amarrado á literalidade para xustificar os propios medos e inseguridades?. Quen non ten posto as normas por diante do corazón das persoas para pretender ter tranquila a súa conciencia?.

A Palabra invítanos hoxe a fuxir destas falsas fidelidades, e a non esquecer que o único importante, o que verdadeirament…