Ir al contenido principal

5 Domingo Coresma B 2018

Na grandeza do corazón que sabe acoller, descubrimos a forza da túa presenza en nós
Descarga o ficheiro

SINAL DE CORESMA
Neste 5º e derradeiro domingo da Coresma deste ano, a pedra/póla ennegrecida que temos que sacar do noso corazón é a da SUPERFICIALIDADE. Achegarnos á realidade da vida e das cousas que nos pasan cada día de xeito periférico e sen comprometernos, fai que acabemos percibindo a realidade de maneira distorsionada, sen responder ao que son as cuestións e situacións reais. Pero a vida non é superficial, o que nos pasa, o que facemos ou deixamos de facer inflúe en nós e naquelas persoas coas que nos relacionamos. Por iso esta actitude frívola da superficialidade leva a que non afondemos no que verdadeiramente é importante. Nesta maña, encarando xa o camiño da Semana Santa, preguntémonos se na vida buscamos o importante e o profundo, ou somos dos que nos autoenganamos vendo só as cousas desde fóra e segundo a nosa comenencia.
CANTO GOZOSO
o   ENTRADA: Eu sei de quen me fiei (Nº 64)
o   LECTURAS: Camiñarei na presenza do Señor (Nº 12)i
o   OFERTORIO: Señor da mañá e da tarde (Nº 131)
o   COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (nº 89)
PARA NON PERDER O PASO
         Na linguaxe relixiosa, cando nos referimos ao corazón queremos expresar que estamos a falar de cuestións importantes, fundamentais para a vida. O corazón é referencia de amor, de sensibilidade, de presenza de Deus, de capacidade de encontrarnos, de acompañar e que nos acompañen. Desde o corazón expresamos a nosa sensibilidade ou insensibilidade –dicimos corazón endurecido ou corazón que latexa-. Dispoñamos logo o corazón para participar desta celebración, poñendo o mellor de cada un/ha para que canto hoxe celebremos nos axude a saír deste encontro ledos e con gañas de levar sorriso e acougo a quen sabemos que o necesita e nos necesita.
CO CORAZÓN FERIDO
·      Por non traballar cada día por apartar de nós nin o desprezo nin a soberbia respecto aos demais; SEÑOR, QUE NON SEXAMOS SUPERFICIAIS NO IMPORTANTE.
·      Por non deixar que a túa palabra ilusione, anime e alente a nosa vida; CRISTO, QUE NON SEXAMOS SUPERFICIAIS NO IMPORTANTE.
·      Por non poñer esforzo para deixar atrás as pedras ennegrecidas que tanto nos pesan e tanta tristura nos traen; SEÑOR, QUE NON SEXAMOS SUPERFICIAIS NO IMPORTANTE.
UNHA PALABRA QUE AGROMA
A Alianza marca todo o proceso que se vai desenvolvendo na relación con Deus ao longo da vida. Un compromiso de fidelidade no que Deus toma a iniciativa e os demais imos respondendo coa acollida da súa palabra e a súa concreción por medio de actitudes e comportamentos co que imos facendo cada día. Xeremías pon en boca de Deus que esta Alianza non é unha cousa calquera á que un se achega ou descubre rutineiramente, senón que marca un cambio a unha relación cun Deus persoal e comunitaria que imos incorporando á vida e a canto imos facendo. Non imos de xeito illado e individualista, senón que somos pobo e camiñamos xunt@s. E desde a individualidade de cadaquén concretamos e desenvolvemos a nosa resposta ao seguimento do Deus que nos chama, e faino polo noso nome. Por iso é un dobre compromiso de esixencia e fidelidade. A Alianza da que nos fala o texto que hoxe temos escoitado non queda na superficialidade, non é algo sen importancia, senón que marca, enchóupanos e lévanos a percibir a relación con Deus, e desde El co mundo, doutro xeito. Supón implicarnos no que pasa ao noso redor, preocuparnos do que lle está a ocorrer aos homes e mulleres que conformamos o mundo, comprometernos en cambiar estruturas que co paso do tempo se van viciando e esquecendo que o seu xurdir é en función do ben e da felicidade das persoas, e non unha presión que as aprisiona. Todo isto é o que se esforza o profeta en facerlles ver aos membros do pobo, para que non pasasen polo mundo sen que este lles rozara. Facer lío, como nos lembra tantas veces Francisco, vén sendo o mesmo que, con outras palabras e no nome de Deus, lle dicía Xeremías aos membros do pobo de Israel, e tamén nos di hoxe a nós. E nesta relación tomamos conciencia de que El é o noso Deus e nós os seu pobo. É dicir con El e desde El imos facendo do mundo Casa común.
Unha Casa común que renova o corazón, que non deixa que se endureza ata volverse insensible, que non quere que permaneza na equidistancia de quen nin se achega aos problemas nin se preocupa de nada máis que de si mesmo, como se ao redor fósemos únicos e superiores a todo/s os demais. Se non superamos esta tentación de superioridade nunca sentiremos nin experimentaremos a alegría de sabernos salvados en Cristo e desde Cristo. A salvación produce alegría porque o que busca non é transportarnos ao máis alá, senón asumir radicalmente o máis acá como lugar de presenza e manifestación de Deus. Facer dos "sinais dos tempos" experiencia de humanización e fondura na relación duns cos outros. Deixémonos logo renovar desde o espírito firme do Deus que non nos esquece, senón que se entenrece, non por nós, pero si con nós, como ben nos di o texto aos Hebreos que tamén temos escoitado hoxe.
Dar o paso dunha fe que se envolve, sen saír nunca deles, en rezos e máis devocións afastadas da nosa realidade a unha fe que desde o rezo descubre a necesidade de poñela ao servizo do ben común e da transformación humanizadora do noso actuar, supón e esíxenos un plus de compromiso e esforzo que non sempre estamos dispostos a dar. Dun xeito ou outro, sentímonos moito máis cómodos, instalados quizais, nos nosos costumes que non cuestionan nin o que facemos nin o que ocorre ao noso lado, pero que co paso do tempo vannos afogando no sensentido de prácticas desconectadas da vida e da invitación que a Palabra de Deus nos fai de non deixarnos abater polo desánimo e a inanición. Por iso, como ben nos di o evanxeo de hoxe, temos que morrer a nós mesmos. Non nun morrer físico, senón un morrer á acomodación, á preguiza, á comodidade, ao fácil, ao conforto no que tantas veces nos movemos/caemos, para nacer ao risco por cambiar, por cuestionar o de sempre, por non deixarnos levar da rutina na que temos metido a Deus; para que nos poñamos en actitude de confesalo esforzándonos por dar resposta aos retos que o ser crente no medio do mundo hoxe nos pide. E aí e desde aí, iremos comezando a construír a eternidade dunha vida que nós queremos ao lado deste Deus compañeiro de camiño.
DESDE A ORACIÓN COMPARTIDA
Poñamos o nos corazón nas mans de Deus, acheguémoslle a nosa oración para compartila xunt@s e dicirlle:
QUE DEIXEMOS ENCHOUPAR O CORAZÓN POLA TÚA PALABRA
Para que todas as persoas que conformamos a Igrexa aprendamos a mirar a realidade coa fondura que nos leva a achegarnos ao mundo con ollos que non xulgan, senón con palabras e oídos que acollen e escoitan, OREMOS.
QUE DEIXEMOS ENCHOUPAR O CORAZÓN POLA TÚA PALABRA
Polas persoas que hoxe estamos a poñer o mellor de nós para que esta celebración sexa leda, participativa e verdadeiramente universal, nos esforcemos por facer das nosas accións e das nosas palabras non dardos ferintes, senón bálsamo que refresca, deixando enchoupar o corazón pola túa palabra; OREMOS.
QUE DEIXEMOS ENCHOUPAR O CORAZÓN POLA TÚA PALABRA
Para que esta coresma nos estea a axudar a poñer a mirada na tarefa que tod@s temos de rezar e tenderlle as mans a cantos nos poidan necesitar, para levarlles a frescura e o sorriso fondo e transformador do actuar de Xesús; OREMOS.
QUE DEIXEMOS ENCHOUPAR O CORAZÓN POLA TÚA PALABRA
Señor, que a oración comunitaria que agora compartimos nos axude a poñer a nosa mirada e o noso esforzo en cambiar canto descubrimos que non aleda senón que entristece a quen o sofre. PXNS. Amén.
PARA QUE TODOS SINTAMOS A LEDICIA DO COMUNITARIO
Xesús non usou os mandamentos para controlarnos ou dominarnos; senón que os ofrece como un camiño cara á verdadeira felicidade. A súa única intención é que “a súa alegría poida vivir en nós e que esta alegría poida ser completa” (Xoán 15-11). O selo dun verdadeiro cristián é sen dúbida a alegría. Non ten sentido intentar amar aos outros, sen que primeiro confiemos no moito que nós somos amados. Así é como Xesús foi dicindo: “Como o Pai me ten amado a min, así vos amo eu a vós”. Necesitamos permanecer no amor de Xesús para así aprender como debemos amar aos demais.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

4 advento 2023

  Advento, tempo de Xenerosidade Sinal de Advento .- Engadimos un novo elemento ás miradas con corazón deste Advento, a Xenerosidade Cantos          Entrada.-   Volve, Señor ( 90 ) Lecturas.- Benaventurados ( 119   ) Ofertorio.-   Velaqui Señor o viño ( 37) Comuñón.-   Xesús chamado amigo   ( 89 ) Abrindo o corazón Chegamos ao final de traxecto deste tempo de Advento. Ao longo destas catro semanas fóisenos invitando a facer un fondo proceso de revisión das nosas actitudes e comportamentos. E non era calquera o que nos invitaba, foi a voz de Xoán Bautista a que nos ía marcando este camiño que tiñamos que preparar cada un e cada unha de nós de maneira repousada, tranquila, sincera e liberadora. E para que? Para poder chegar a esta noite co corazón preparado para acoller nel ao neno que chega para traernos ilusión, esperanza, xenerosidade e, por riba de todo, a salvación. É dicir, sentido e horizonte para a nosa vida. Unámonos logo par co

Transfiguracón 2023

  COS OLLOS ABERTOS E COS PÉS NO CHAN CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Vinde axiña (Nº 10) o     LECTURAS:  Escoita ti (Nº 26) o     OFERTORIO:  Déixate querer (Nº 61) o     COMUÑÓN:  Quédate Señor connosco  ESCOITA ACTIVA O medo a correr riscos é unha das cousas máis paralizantes. Temos medo ao novo, como se conservar o pasado garantira automaticamente a fidelidade ao Evanxeo. Por medo calamos cando teriamos que falar, desentendémonos cando deberiamos intervir, non debatemos temas importantes para evitar plantexamentos novidosos. Temos medo a revisar liturxias e ritos que valeron noutro tempo, pero que na actualidade non din nada. Temos medo a falar de dereitos humanos, de diversidade, a recoñecer o papel da muller dentro da Igrexa. Temos medo a poñer por riba de todo a misericordia...  Segundo o relato evanxélico, os discípulos caen por terra cheos de medo.... pero Xesús achégase e dilles –dinos-:  erguédevos, non teñades medo . Que a celebración deste domingo, a Transfiguración do Señor