Ir al contenido principal

Domingo de Ramos 2018


ESQUEMA

FÓRA DO TEMPLO
 SAÚDO
ESCOITA ACTIVA 
PROCLAMACIÓN DO EVANXEO
BENDICIÓN DOS RAMOS
CANTO PROCESIONAL: Camiñarei na presenza do Señor (Nº 12)
DENTRO DO TEMPLO


PROCLAMACIÓN DA PALABRA

CANTO: Escoita ti (Nº 26)

OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN

CREDO

FRATERNIDADE ORANTE

OFERTORIO: Eiquí están Señor (Nº 32)

PAZ: Que veña a paz (Nº 45)

COMUÑÓN: Eu soñei (Nº 58)

MIRADA ESPERANZADA

BENDICIÓN
Entremos co corazón disposto a cambiar e transformar a vida e o mundo!

Nota previa: A celebración está pensada desde o criterio do realismo pastoral, que non do pragmatismo, polo que sendo conscientes de que o mundo rural é o ámbito onde se realiza, e atendendo a que quen a preside/dirixe ha facela en varias comunidades ao longo da mañá, buscamos que sexa un encontro sinxelo, non moi alongado, pero sempre cercano, participativo, creativo -non rubricista-,e que non se realice ás présas, senón desde o acougo interior de tod@s cantos queremos poñernos no camiño que nos levará á Pascua.
Comézase fóra, a poder ser nun lugar un pouco afastado da Igrexa, para poder camiñar procesionalmente unha vez bendicidos os ramos.

SAÚDO DE QUEN DIRIXE A CELEBRACIÓN

Quen preside: Deus é amor dinos a súa Palabra. Un amor entregado, misericordioso, achegado, solidario gratuíto... xeneroso. Neste amor de Deus quereremos, coa celebración de hoxe, iniciar tamén este camiño que nos vai facer sentir a achega do seu amor. Por iso confesamos a fe na esperanza que supera a morte e non queda varada no camiño. Que sexa este o Deus que estea con tod@s vós.

Con actitude leda e transparente estamos hoxe aquí

Estamos fóra, gozando deste día. Nas nosas caras están ledas, hai moita xente na celebración desta mañá! Por fin os pais animáronse a traer os nen@s! por fin os nen@s viron aos seus pais na celebración! por fin o sorriso de Deus non deixa de dicirnos grazas: por estar aquí, por querer estar aquí, por deixar que se alede o noso corazón e que a nosa mirada sexa de tenrura e ledicia. Como fixo Xesús, entremos tamén nós hoxe na Xerusalén que acolle e non exclúe, que trata a tod@s por igual e non fai diferenza. Porque Deus, home e muller creounos, iguais e a súa imaxe. Fagamos da nosa vida reflexo deste pegada que El puxo en nós. Poñámonos sen máis demora en camiño!

PROCLAMACIÓN DO EVANXEO

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

A xente que viñera á festa, oíndo que Xesús viña a Xerusalén, apañou ramas das palmeiras e saíulle ao encontro exclamando:
¡Hosanna!: ¡Bendito o que vén no nome do Señor, o Rei de Israel!.
Xesús atopou un burriño, e montou nel, conforme está escrito:
Non temas, filla de Sión, mira que vén o teu rei, montado nun burriño.
Ao comezo os seus discípulos non comprenderon estas cousas; pero cando Xesús foi glorificado, entón lembráronse de que estaban escritas del e que así llas fixeron.
PALABRA DO SEÑOR
GRAZAS A DEUS

Comecemos o camiño con ledicia. Bendición DOS RAMOS
Señor, imos comezar este camiño que nos leva a gozar da vida coa bendición destes ramos e palmas que hoxe traemos cantos participamos desta celebración. Sabendo que Ti tamén queres acompañarnos nesta andaina, pedímosche que a túa bendición se faga presente entre nós, de xeito que poidamos ser testemuñas de unión e colaboración para facer desta comunidade berce de solidariedade, entendemento e diálogo. Bendí + estes ramos e palmas, cos que mostramos que comezamos o camiño que nos leva a participar comunitariamente de Semana santa. Por Xesucristo o noso Señor. Amén.
Camiñemos logo na presenza do Señor; fagamos o traxecto ata a igrexa erguendo ramos e palmas para expresar que tamén nós queremos acompañar a Xesús neste camiño. Non o deixemos solo a El, pero pensemos que tampouco debemos deixar soas a tantas persoas, irmáns e irmás que necesitan ser acompañados, escoitados, dignificados e defendidos nun mundo no que o individualismo fai invisibles ás persoas máis débiles. Camiñemos logo con alegría no rostro e tamén no corazón na presenza do Señor.
Abrámonos a súa Palabra

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE PAULO APÓSTOLO AOS FILIPENSES

Doulle grazas ao meu Deus por todo o que me acorda de vós. Sempre que rezo por vós, fágoo con alegría, pola parte que vides tomando na difusión do Evanxeo desde o primeiro día ata hoxe. Eu fío en que o que encetou en vós un traballo bo, halle ir dando cabo de aquí ao día de Cristo Xesús. E é xusto que eu pense así, porque vos levo no corazón; a vós, que tanto que eu estea preso como que estea a defender e a afiuzar o Evanxeo, participades todos na graza da miña misión. Ben sabe Deus con que morriña cristiá vos boto a faltar aquí! E na miña oración pido que o voso amor reborde de penetración e de sensibilidade para todo: así poderedes acertar co mellor para chegardes enxebres e sen chata ao día de Cristo Xesús, e cheos do froito da xustiza que se consegue por medio de Xesús Cristo para gloria e loanza de Deus.

PALABRA DO SEÑOR


PROCLAMACIÓN DA PAIXÓN DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO MARCOS

C.- A mañanciña cedo, os sumos sacerdotes, os anciáns e mailos letrados todo o Sanedrín , despois dunha reunión do Consello, amarraron a Xesús e fórono entregar a Pilato.
C.- Pilato preguntoulle:
S.- Es ti o rei dos xudeus?
C.- Respondeulle:
+.  Ti o dis.
C.- E os sumos sacerdotes acusábano de moitas cousas. Pero Pilato volveulle preguntar:
S.- Non respondes nada? Xa ves de cantas cousas te acusan.
C.- Pero Xesús non respondeu nada, deixando moi estrañado a Pilato.
Polas festas tiña o costume de solta-lo preso que lle pedisen. Estaba daquela na cadea un tal Barrabás, xunto cos sediciosos que nunha revolta mataran a un home. Cando subiu o xentío, empezou a reclama-lo indulto tradicional. Pilato respondeulles:
S.- Queredes que vos solte ó rei dos xudeus?
C.- Pois el ben sabía que os sumos sacerdotes llo entregaran por envexa. Pero eles encirraban á xente, para que lles liberase a Barrabás. Pilato respondeu:
S.- E que fago eu con ese ó que lle chamades rei dos xudeus?
C.- A xente volveu berrar:
S.- Crucifícao!
C.- Pilato replicou:
S.- Pero, que mal fixo?
C.- Mais eles berraban máis forte:
S.- Crucifícao!
C.- E Pilato, para compracer ó pobo, soltou a Barrabás; e a Xesús, despois de o mandar azoutar, entregouno para que o crucificasen.
Os soldados, levárono, para dentro do pazo do gobernador, é dicir, do Pretorio, e chamaron a toda a compañía. Vestírono de púrpura, e trenzaron unha coroa con espiños e encaixáronlla. Empezáronlle a facer saúdos:
S.- Saúde, rei dos xudeus!
C.-E cunha canivela dábanlle golpes na cabeza, cuspían nel e, axeonllándose, rendíanlle homenaxe. E despois de faceren riso del, quitáronlle a púrpura e puxéronlle a súa roupa. Despois levárono fóra, para o crucificaren.
Pasaba por alí Simón de Cirene, que volvía da leira  o pai de Alexandro e de Rufo  e obrigárono a cargar coa cruz. Levárono a un lugar chamado Gólgota, ou sexa, lugar da Caveira. Alí dábanlle viño con mirra pero non o quixo. Crucificárono e repartiron a roupa, botando sortes  para sabe--lo que lle tocaba a cada un.
Era a media mañá cando o crucificaron. Un letreiro anunciaba a causa da súa condena: "O rei dos xudeus". Con el crucificaron tamén a dous bandidos, un á dereita e outro á esquerda.
Os que pasaban por alí, burlábanse del, abaneando as cabezas, e dicindo:
S.- Vaites, vaites, o que destrúe o Templo e o reconstrúe en tres días! Anda, baixa agora da cruz, e sálvate!
C.- Do mesmo xeito, os sumos sacerdotes, burlándose entre eles cos letrados, dicían:
S.- Salvou a outros, pero non se pode salvar a si mesmo! O Mesías, o rei de Israel! Que baixe da cruz agora, para que vexamos e creamos!
C.- Tamén os que estaban crucificados con el o aldraxaban.
Chegado o mediodía, a escuridade cubriu toda a terra, ata as dúas e pico da tarde. E nesa hora, Xesús berrou moi forte:
+.- Eloí, Eloí, lamá sabactaní
C.- Que quere dicir:
+ .- “Meu Deus, meu Deus, por que me abandonaches? ”
C.- Oíndo aquilo, algúns dos presentes comentaban:
S.- Oístes? Está chamando por Elías.
C.- E un deles, botando a correr, empapou unha esponxa en vinagre, espetouna nunha canivela, e deulle de beber, dicindo:
S.- Deixade, a ver, logo, se vén Elías baixalo.
C.- Pero Xesús, dando un berro moi alto, expirou.
O veo do Templo rachou en dous de arriba abaixo. O centurión, que estaba diante, oíndo o berro que deu ó morrer, dixo:
S.- Verdadeiramente este home era Fillo de Deus.

PALABRA DO SEÑOR

Remoamos a vida desde a Palabra proclamada

*     Con Marcos, tamén nós queremos facer do relato que acabamos de escoitar vivencia de cabeceira no paso a paso da nosa vida. O Domingo de Ramos é comezo, apertura da Semana grande da fe cristiá. Unha semana que nos irá levando da acollida agarimosa ao triunfo sobre a dor, o pecado, a morte e a desilusión. Pero chegar aí non é doado, necesita folgos e percorrido, porque no medio da celebración de hoxe e a chegada da Pascua atopamos a xenerosidade da entrega de Xesús no Xoves santo, e a morte na cruz no Venres Santo. E como non queremos quedar na tristura da morte non nos deixamos abater, e aínda que no mundo as cousas nin son nin van como a nós nos gustarían, seguimos crendo que é posible cambiar. Por iso non desesperamos, senón que mantemos vivo o alento e a forza que nos ofrece o proxecto de Xesús de Nazaret, a quen hoxe acollemos con ledicia. Pero a diferenza daqueles mesmos que o acolleron e logo pediron a súa morte, nós esforzámonos por seguir cara adiante, por pararnos e mirar cara aos lados, por saír ao que o papa Francisco chama as periferias existenciais, é dicir ás situacións de dor, incomprensión, fracaso, desespero... as que nunca serían triunfadoras nin participantes  en “prime time” de televisión. Pero aí está e descubrimos o sentido da nosa presenza e do noso esforzo: acompañar a vida de cantas persoas, iguais en dignidade e creadas a imaxe e semellanza de Deus coma nós, que piden de nós que non lles volvamos a cara nin lles deamos as costas. É Semana Santa, non tempo de sol e praia, senón tempo de tomar conciencia de que o mundo será o que nós queiramos que sexa; é dicir: froito do noso esforzo de non mirar para outro lado ante os problemas. Hoxe é o primeiro paso, que nos próximos días terá continuidade para que poidamos chegar á Pascua.
Apostemos pola confianza: poñámonos nas súas mans

Porque Deus nos quere e nos invita a atoparnos, coa alegría de levar para a casa o gozo da celebración compartida, dicimos:
QUE SINTAMOS O ORGULLO DE CONFESAR A FE EN TI
Pola Igrexa, para que traballe cada día por superar exclusións e construír pontes que igualen ás persoas, apostando polas máis pobres e esquecidas do noso mundo, OREMOS.
              QUE SINTAMOS O ORGULLO DE CONFESAR A FE EN TI
Para que como cristiáns e cristiás non deixemos pasar a ocasión de poñer o noso gran de area na construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria, comezando polas nosas parroquias, e valorando todas voces que buscan unir e non separar, OREMOS.
QUE SINTAMOS O ORGULLO DE CONFESAR A FE EN TI
Para que neste mundo que a tod@s nos parece tan inxusto e desigual, poñamos cadaquén de nós un xermolo de esperanza que unida á dos demais, faga posible que a persoa sexa o centro desde o que se tomen decisións e se leven a cabo proxectos que recoñezan a igualdade e a necesidade do esforzo de tod@s, OREMOS.

QUE SINTAMOS O ORGULLO DE CONFESAR A FE EN TI
Para que superemos o medo a poñernos en camiño e a acoller a proposta de Xesús de traballar por un mundo máis xusto e fraterno, deixando atrás a tentación de aproveitarnos da sinxeleza, sinceridade e traballo de quen se toma en serio facer das familias, os barrios, as parroquias lugares máis humanos e acolledores, OREMOS.
QUE SINTAMOS O ORGULLO DE CONFESAR A FE EN TI
A Ti, Señor, dámosche grazas pola oportunidade de poder gozar deste Domingo de Ramos, comezo do camiño cara á Pascua, de xeito comunitario, festivo e gozoso. P.X.N.S. Amén.



PALABRA PARA PENSAR

Aclamámoste querendo unirnos a todos os que sofren.

A tantos enfermos que non poden coa dor,

a tantas familias desfeitas pola droga,

a todas as parellas rotas polo desamor e a soidade,

a tantos nenos cheos de cousas e necesitados de amor.

Aclamámoste pedíndoche que nos axudes acompañar a vida

de tantos inmigrantes, cheos de nostalxia e inseguridade,

de todos os deprimidos, desanimados e sen ganas de vivir,

dos que no teñen valores que merezan a pena,

dos que teñen penas que ninguén consola,

dos que compren penas en cárceres deshumanizadas.

Aclamámoste contentos, porque nos enches de esperanza.

Por iso cremos que este mundo ten remedio,

que se pode dar a vida coma Ti, para crear vida,

que xunto contigo e cos outros, somos unha familia,

que pouco a pouco imos facendo o teu reino

e que nos xuntaremos na túa aperta final.

E namentres chega ese día, sentimos que:

que camiñas ao noso lado.

Por iso che dicimos:

GRAZAS, XESÚS… A TÚA PAIXÓN PAGOU A PENA

(Mª Patxi Ayerra)
-->

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

2 Pascua 2023

A paz é  camiño  de  e speranza e resurrección   ( Pódese, ad libitum, facer a aspersión no momento penitencial) Cantos •  Entrada.-  Que ledicia miña ( Nº 4 ) •  Lecturas.-   Canta   Aleluia ( Nº 21 ) •  Ofertorio.-  Recibe Señor ( Nº 31 ) •  Comuñón.-  Gracias, Señor, graciñas ( Nº 50 )   Mirada agradecida   ​ O tempo de Pascua é tempo de testemuño e esperanza compartida. O primeiro, o testemuño, vano dando os seguidores e seguidoras de Xesús a medida que van vencendo os seus medos e comezan a saír e  compartir  coa veciñanza que Cristo vive; que a súa vida foi semente de vida nova e alegría que precisaban anunciar. E é  esperanza  porque esa alegría é froito da presenza, sempre alentadora, de Xesús na súa  cotidianeidade. Xesús non é o ausente ao que se lle recorda, ao contrario, é presenza viva que fai reactivar a aqueles e aquelas que o coñeceron e acompañaron . Deste xeito pouco a pouco  foron  vencendo medos e dúbidas; deste xeito, tamén nós recibimos tamén a invitación de ser h

Vixilia Pascual 2023

       1      5)     LITURXIA DA EUCARISTÍA  ð   OFERTORIO  ð   SANTO  ð   NOSO PAI  ð   PAZ  ð   COMUÑÓN  ð   MIRADA ESPERANZADA   ð   DESPEDIDA  ð     6)     CANTO GOZOSO •         Ao prender o lume : A Cristo cantamos (Nº 110)  •         Na procesión cara o templo : Amigos nas penas  •         Lecturas  o   1º Ergo os meus ollos cara aos montes (Nº 112)   o   2º Pai, Pai, póñome nas túas mans  o   3º As túas Palabras, Señor, son espírito e vida  o 4º Benaventurados (Nº 119)  o   Canta Aleluia (Nº 21)  •         Aspersión:  A auga do Señor (Nº 124) •         Ofertorio : Sementar, sementarei  •         Santo:  Santo es ti (Nº 39)  •         Noso Pai : No camiño do amor (Nº 43)  •         Comuñón : Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)   •         Canto final á Virxe:  Boas noites (Nº 70)      P ORQUE A MORTE FOI VENCIDA ,  FAGAMOS QUE  AS BÁGOAS SE CONVERTAN EN SORRISOS   LUME DE QUENTURA E LUZ   Ao redor do lume, que nos ofrece luz e quentura, xuntámonos no nome do Señor para comezar a cel