Ir al contenido principal

5 Domingo Pascua 2018 B


Esforcémonos por afastar de nós canto impide que a esperanza da resurrección asente no noso corazón
Descarga o ficheiro

CANTO GOZOSO
o   ENTRADA: Que ledicia a miña (Nº 4)
o   ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125)
o   LECTURAS: Canta aleluia (Nº 21)
o   OFERTORIO: Deixade esta terra
o   COMUÑÓN: Acharte presente (Nº 51)
PARA NON PERDER O PASO
         No quinto domingo de pascua, Xesús segue acompañando coa súa presenza aos discípulos, e loitando para que non se deixen abater pola tristura e a desesperanza. Nós hoxe, continuadores daquela tarefa, tamén nos reunimos no nome de Xesús, para non deixar que ese desánimo e esa tristeza acampen no noso corazón, converténdonos en persoas sen rumbo na vida e sen capacidade de reaccionar ante as adversidades e dificultades que cheguen a ela.
Esforcémonos para afastar de nós canto impide que a esperanza da resurrección asente no noso corazón. E comecemos esta celebración coa confianza no Deus que nos reúne e nos fai sentir comunidade que se esforza por ser vide que dá os mellores froitos.
CO CORAZÓN FERIDO
(Dentro deste momento do perdón, se así nos parece ben, podemos asperxer á comunidade; expresando con este xesto que a resurrección de Xesús confórmanos co noso bautismo e renóvanos permanentemente).
·      Pola nosa tristeza interior; SEÑOR, ALÉNTANOS NA ALEGRÍA.
·      Pola ausencia de esperanza; CRISTO, ALÉNTANOS NA ALEGRÍA.
·      Por non recoñecerte nas persoas pobres; SEÑOR, ALÉNTANOS NA ALEGRÍA.
UNHA PALABRA QUE AGROMA
De novo o medo volve ocupar espazo na palabra de Deus que acabamos de proclamar. O medo que atenazaba a aqueles discípulos polo que pasara con Xesús  e polo que podía pasarlle a eles. Pero a diferenza do medo dos primeiros días, este medo referíase a unha persoa concreta: Paulo. Aquel que comezara a delatalos e perseguilos e que agora parecía outro, tan outro como que se fixera un deles. E isto a algúns non acababa de convencelos. Vemos como a capacidade de desconfianza non é de hoxe, senón que vén de lonxe. Non acababan de entender como alguén que os perseguira e os puxera aos pés dos cabalos ante as autoridades, era o que agora se presentaba como seguidor convencido e fiel da fe en Xesús. A pesares de verse centro da desconfianza, a seguridade de Paulo era tal que o levou a explicar o como e por que do seu cambio. E nunha palabra veu dicirlles que o encontro con Deus cambiáralle a vida; que a súa mirada da realidade e das persoas xa era outra. Mesmo arriscaba a súa vida ante os que antes eran os seus amigos, para con toda a seguridade dar testemuño da alegría que estaba a experimentar na súa vida ao acoller e entrar a formar parte do grupo dos seguidores de Xesús. Paulo cambia, transfórmase, descubre que algo novo, que non é capaz de explicar, convérteo noutra persoa. Unha persoa convencida, segura e necesitada de dar testemuño e non sentir vergoña do que di e vive. A man de Deus cambiáralle o corazón. E nós, deixamos tamén que El ocupe un lugar na nosa vida e nos vaia cambiando para que quede atrás o vello, o que nos enche de medos, o que nos fai desconfiados, ou que... para ter unha mirada acolledora e de esperanza respecto a todo/s o que nos rodea?

E a razón de superar ese medo podemos descubrila no evanxeo que acabamos de ler hoxe. Volven a estar reunidos os discípulos –o sentido de comunidade e de necesitarse uns aos outros, é outro dos elementos que sempre se destaca nos textos que eles escriben a partires da experiencia da resurrección– e alí senten a presenza de Xesús. Unha presenza que non os paraliza, ao contrario, motívaos e dálles moito pulo desde o que senten a necesidade de dar a coñecer todo canto eles están a sentir e vivir. Non poden gardalo para si, necesitan comunicalo, compartilo! É este outro dos elementos que mostran como a persoa e o eco das súas palabras foran ocupando espazo no seu corazón, na súas vidas. E isto alédaos e fai que esperte neles o espírito misioneiro: isto temos que comunicalo! O gozo que nós sentimos ten que sentilo outra xente, sería egoísta que só nos quedaramos nós con el!, din eles. Preguntémonos entón nós hoxe: sentimos esta mesma alegría? Cando escoitamos ou afirmamos que Xesús resucitou, tomamos conciencia do que isto significa, do cambio que tería que darse en nós, da alegría que debería de rebordar no noso corazón?

Como queremos dar froitos, e froitos bos se non nos esforzamos por ter a vida nas mellores condicións? Sen esforzo, sen constancia, sen a perseverancia de quen non se deixa abater polo desánimo, senón que ante el loita e non desacouga, non poderemos dar os mellores froitos. E como sabemos canto mellor é a vida, así han ser os froitos. Canto máis coñezamos e nos esforcemos por coñecer e afondar nas consecuencias da palabra de Deus, e da experiencia de Xesús, máis razóns atoparemos para vivir con xenerosidade e alegría. Testemuñando a fe no seu proxecto de construción dun mundo onde a discriminación, o abuso, a exclusión, a superioridade, o clasismo, a rutina, a retórica da palabras baleiras...non poden ter lugar. Arrinquemos as herbas malas que nos traen pesimismo e espírito derrotista, e apostemos por unha fe renovada desde unha Igrexa que quere renovarse e non ten medo a acoller e integrar o novo que axude a entender e vivir con maior fondura a proposta de Xesús. E isto é hoxe urxente, quizais máis que nunca, para que ante o líquido da sociedade que destrúe conviccións e se ve orfa polo nihilismo que entristece, poñamos nós procesos de madurez e crecemento responsable e libre de solidariedade e misericordia.
DESDE A ORACIÓN COMPARTIDA
Poñemos en Deus a confianza que nos fai sentir a ledicia de rezar xunt@s dicindo:
SEÑOR, QUE SEXAMOS A VIDE QUE DÁ O MELLOR FROITO
Pola Igrexa, para que sexa vide que dá sombra de perdón e misericordia a quen se acubilla nela, OREMOS.
SEÑOR, QUE SEXAMOS A VIDE QUE DÁ O MELLOR FROITO
Polas nosas comunidades, para que nos esforcemos por traballar para animar, alentar e saber estar ao lado de quen se sente só e tristeiro, OREMOS.
SEÑOR, QUE SEXAMOS A VIDE QUE DÁ O MELLOR FROITO
Por nós, para que o noso actuar responda á alegría á que nos chama Xesús, e á fidelidade do Evanxeo que nos urxe a acompañar, escoitar, e dedicar tempo ás persoas que se ven lastradas pola dor, a enfermidade e a soidade; OREMOS.
SEÑOR, QUE SEXAMOS A VIDE QUE DÁ O MELLOR FROITO
Grazas, Señor, por querernos como somos e invitarnos a superar os atrancos que tantas veces non nos deixan ser nin felices nin persoas de confianza e paz. P.X.N.S. Amén.
PARA QUE TODOS SINTAMOS A LEDICIA DO COMUNITARIO
EU SON A VERDADEIRA VIDA E O MEU PAI É O LABRADOR, DINOS XESÚS. Por iso:
Non estamos solos. Na oración deixamos a ausencia e achegámonos a Xesús, que está cheo de vida porque foi fiel ao amor do Pai. Xesús fainos confidencias profundas, vitais; invítanos a ler a nosa vida cunha confianza audaz no Pai, o labrador, o que sabe o que nos fai falta. A confianza nel non é despreocupación nin indiferenza, é conciencia de que somos amados incondicional e gratuitamente.
Nada te turbe, nada te espante. Quen a Deus ten nada lle falta. Só Deus basta” (Sta. Tareixa de Ávila)
-->

Comentarios

Entradas populares de este blog

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

Domingo Ramos 2025

TRANSFORMEMOS A FLOR MURCHA DA CORESMA NO VERDE ESPERANZADO CARA Á PASCUA   Comézase fóra, a poder ser nun lugar un pouco afastado da Igrexa, para poder camiñar procesionalmente unha vez bendicidos os ramos.  COMEZANDO A CAMIÑAR Xesús púxose en camiño cara a Xerusalén ,escoitaremos na lectura do evanxeo de Lucas. Un camiño que se converte en sinal de contradición. En Xerusalén vivirá a morte; pero tamén alí, na mesma Xerusalén, na resurrección, mostrarase a grandeza e a fondura do Deus que envía ao seu Fillo para ser coma nós. A resurrección é, xa que logo, o triunfo, a esperanza, o punto de chegada dun camiño duro, difícil e cheo de dificultades. Nós hoxe tamén, coma Xesús, poñémonos en camiño cara esa Xerusalén que nos levará da mesa da fraternidade ao triunfo da Noite Santa da vida, pasando pola tristura e o desacougo da Paixón do Venres Santo. Dispoñámonos, poñendo o mellor de nós, a comezar esta andaina de salvación e esperanza. ACOLLENDO A BENDICIÓN DE DEUS Señor, sabénd...