Ir al contenido principal

3 Pascua 2018 B

Só o verdadeiro discernimento nos pode sacar da ignorancia. Non teñamos medo.
Descarga o ficheiro
CANTO GOZOSO
o   ENTRADA: Que ledicia a miña (Nº 4)
o   ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125)
o   LECTURAS: As túas palabras, Señor, son espírito e vida (Nº 113)
o   OFERTORIO: Grazas, Señor, na mañá (Nº 117)
o   COMUÑÓN: Quédate, Señor, connosco (Nº 63)
PARA NON PERDER O PASO
            Cando unha persoa obra por ignorancia, a súa responsabilidade no actuar queda minguada, xa que a súa maneira da facer as cousas non está movida desde a interioridade e a liberdade que ha estar sempre no desenvolvemento do actuar maduro e imputable, senón polo descoñecemento. Na primeira lectura de hoxe, Pedro dille a aqueles que o escoitaban en Xerusalén que o seu actuar fora un actuar arroutado e superficial; o que os levou a tomar decisións equivocadas e contrarias ao ben da comunidade e mais da xustiza. Tamén hoxe nos pasa na nosa sociedade, quizais mesmo a nós, que o actuar de moita xente, tamén o noso moitas veces, está movido polo descoñecemento e a falta de esforzo por formarnos e coñecer. Aproveitemos logo este tempo de pascua para achegarnos á esperanza que nos ofrece a resurrección de Xesús, de xeito que a ancoremos na nosa vida e se converta en motor que mova, alente e nos leve a non desesperar ante problemas e dificultades.
CO CORAZÓN FERIDO
(Dentro deste momento do perdón, se así nos parece ben, podemos asperxer á comunidade; expresando con este xesto que a resurrección de Xesús confórmanos co noso bautismo e renóvanos permanentemente).
·      Polas nosas actitudes conformistas e faltas de ilusión; SEÑOR, QUE A TÚA LUZ NOS MOSTRE AS TÚAS PEGADAS.
·      Polas veces nas que prexulgamos sen coñecer; CRISTO, QUE A TÚA LUZ NOS MOSTRE AS TÚAS PEGADAS.
·      Porque queremos saber moito de todo, pero acabamos por non saber nada da necesidade que os demais teñen de axuda e compaixón; SEÑOR, QUE A TÚA LUZ NOS MOSTRE AS TÚAS PEGADAS.
UNHA PALABRA QUE AGROMA
Seguimos a ler pequenos anacos do libro dos Feitos dos Apóstolos, libro onde se nos vai narrando como se ía configurando aquela comunidade que quedara descabezada coa morte do Mestre. Nesta lecturaE percibimos como van concretando, para convertelo en actitudes e comportamentos, canto lle foran escoitando a Xesús. Polo que para eles, convencidos estaban, era posible compartir, preocuparse uns dos outros, deixar atrás o medo. E unha das cousas que esta perda do medo lles supón é a de dicir a verdade, por iso Pedro se dirixe aos xudeus lembrándolles que a súa opción por pedir a liberación dun delincuente foi a que levou a Xesús ata a morte. Dito isto, propón o principio da misericordia que sempre ha estar na raíz do actuar cristián, no que o arrepentimento e o cambio de corazón han ser sempre guieiros desde os que retomar de novo o camiño e non quedarse laiando sobre a imposibilidade de dar pasos cara adiante. Vemos logo que todo canto temos hoxe escoitado, non se afasta moito do que nos ocorre hoxe. Por iso ante a tentación de estar permanentemente queixándonos de que nin nada vai cambiar nin nós somos capaces, esforcémonos por ter unha mirada diferente das cousas. Unha mirada de esperanza e en positivo.
Inda que á nosa sociedade, aparentemente perfecta e sempre con gañas de ser xusticieira, lle resulta imposible a proposta cristiá de comezar de novo, de superar o rancor, de non deixarse levar pola vinganza, as persoas cristiás temos que demostrar coa nosa maneira de facer as cousas que é posible. Que todas as persoas son merecedoras de tenderlles a man, de que nada nunca pode ser para sempre. Claro que, para poder entendelo os que nos ven, é necesario que tamén nós o creamos e o poñamos en práctica. Non basta entón con ter unha marabillosa teoría. Necesitamos, así nolo esixe a propia coherencia da fe, vivila, practicala, compartila cos que temos ao redor. Fundamentalmente temos que esforzarnos por cambiar a mirada que temos das persoas e das cousas, porque moitas veces esa mirada está bastante afastada da mirada de Xesús. E se non a cambiamos, vai ser moi difícil que os demais perciban a alegría, o xúbilo e a esperanza da mensaxe. Comecemos por nós. Pensemos na maneira na que facemos as cousas e nos comportamos cada día. E non esquezamos nunca que a referencia non é o que fan todos, senón a persoa de Xesús, que fala ao noso corazón para que non nos deixemos gañar polo costume, a preguiza ou o fácil e cómodo.
En Xesús, como vimos de escoitar no evanxeo, o que atopamos non son reproches nin ristras de cousas que fixemos mal, senón paz. Unha paz que pasa polo corazón, cuestiona moitas das nosas actitudes e desenmascara moitos dos feitos que nós presentamos como servizo cando o que en realidade son é puro utilitarismo. Ante a chegada de Xesús os discípulos volveron a ter medo e desconcerto, pero El dilles: non esteades asustados, son eu. E volve, para acreditalo, repetir o xesto de Derradeira Cea: pan compartido e pan solidario, para que ninguén quede fóra e excluído .O que nos quere dicir Xoán no seu relato é que a Eucaristía non é rito nin costume, tampouco imposición, senón centro, experiencia comunitaria onde verdadeiramente, estando xuntos, somos capaces de recoñecer a Xesús na medida na que nós, coma El, saibamos tamén partir o pan con quen hoxe o necesita. Pero ha ser este un pan sen medo, un pan de liberdade, un pan que reclama dereitos, dignidade e igualdade para as persoas, todas, non só para as privilexiadas, as que teñen moito ou viven no primeiro mundo. A universalidade da Eucaristía é froito da universalidade de Xesús e da mediación que desta universalidade ten que facer sempre, pero especialmente hoxe a Igrexa.
DESDE A ORACIÓN COMPARTIDA
Porque queremos que a túa mirada, Señor, enchoupe o que rezamos e vivimos, dicimos agora:
QUE A TÚA PAZ SEXA SEMPRE A NOSA PAZ
Para que sexamos unha Igrexa de encontro, mediadora sempre do respecto e da dignidade das persoas, e non unha Igrexa de poder, OREMOS.
QUE A TÚA PAZ SEXA SEMPRE A NOSA PAZ
Para que nos esforcemos por ser no medio das nosas comunidades mediadores de entendemento, diálogo e capacidade de elaborar e realizar proxectos xunt@s, OREMOS.
QUE A TÚA PAZ SEXA SEMPRE A NOSA PAZ
Para que non teñamos nunca medo a recoñecer os nosos erros, pedir perdón e tender a man, inda que nos custe, de xeito que deixando atrás o vello, comecemos a construír o novo da esperanza cristiá, OREMOS.
QUE A TÚA PAZ SEXA SEMPRE A NOSA PAZ
Alenta, Señor, a nosa oración comunitaria, para que queden atrás as nosas incoherencias e apegos humanos; e comecemos a camiñar por vieiros que nos fan perder o medo e achegarnos a quen necesita esperanza. P.X.N.S. Amén.
PARA QUE TODOS SINTAMOS A LEDICIA DO COMUNITARIO
Non son os mares ou as grandes distancias os obstáculos que desafían hoxe ás persoas que anuncian o Evanxeo, senón as fronteiras que, debido a unha visión errónea ou superficial de Deus e do home, acaban erguéndose entre a fe e o saber humano, a fe e a ciencia moderna, a fe e o compromiso pola xustiza.
Por iso a Igrexa necesita con urxencia persoas de fe sólida e profunda, de cultura seria e de auténtica sensibilidade humana e social.
(Bieito XVI)
-->

Comentarios

Entradas populares de este blog

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...