Ir al contenido principal

11 Domingo TO B 2018

EN DEUS ATOPAMOS A SAVIA QUE REVERDECE AS NOSAS VIDAS
CANTO GOZOSO

  • ENTRADA: Que ledicia a miña (Nº 4)
  • LECTURAS: Ergo os meus ollos (Nº 112)
  • OFERTORIO: Grazas, Señor, na mañá (Nº 117)
  • COMUÑÓN: Déixate querer (Nº 61)

PARA NON PERDER O PASO
En tempos de deseperanza e desacougo, a fe sempre é un pulo de alento e forza para non deixarse levar pola mirada entristecida de quen non atopa razón desde onde vivir ledo e disposto a superar os límites de si mesmo.
Deixar que Deus enchoupe a vida de razóns e sentido vai facendo que camiñemos sen ataduras e sabendo que inda que veñan as dificultades, que virán, estas non serán quen de derrubarnos.
Que fermosa a primeira lectura da profecía de Ezequiel que proclamaremos hoxe! Que falta nos fai, a tod@s, escoitar a alguén que nos diga, porque confía en nós, que a nosa vida ha ser bosque onde crezan as árbores que non se deixan levar do derrotismo que todo o queima nin da negrura de que nada aleda; un bosque onde atopemos sombra que nos permita descansar e brisa mansa que nos dea acougo.
Convencid@s de que é bo loar ao Señor, comecemos a celebración para gozar do sentido comunitario que nos chama a ser follas verdes que non se deixan vencer polo tronco queimado do fracaso.
CO CORAZÓN FERIDO
  • En Ti, Señor, atopamos a forza que non nos deixa para sementar savia que crea vida; SEÑOR, LOÁMOSTE CONVECID@S.
  • En Ti, Cristo, vivimos a forza do convencemento e a perseveranza; CRISTO, LOÁMOSTE CONVECID@S.
  • En Ti, Señor, recoñecemos a nosa necesidade de cambiar; SEÑOR, LOÁMOSTE CONVENCID@S.
UNHA PALABRA QUE AGROMA

  • Nunha sociedade que nunca destruíu tanto a natureza como a nosa, necesitamos tomar conciencia de que non debemos deixar que pasen as cousas e permanezamos calad@s. É tempo de poñer os ollos no importante e a palabra nos oídos de quen toma as decisións, para que o mundo poida ser, de verdade, casa común, e non esterqueira que sofren os pobres para beneficio dos ricos e poderosos. Cada día vemos nos medios de comunicación como sobran palabras, por moi ben que soen aos oídos de quen as escoitan/mos, e faltan feitos reais e concretos. Pero esta falta de feitos non é só atribuíble, inda que nos resulte máis cómodo, aos que nos gobernan, mandan, teñen poder e toman decisións, senón tamén a nós. Porque o noso mirar para o outro lado, o noso calar, o noso contemplar sen actuar e movernos, é o que fai que outr@s ocupen o que tiña que ser o noso protagonismo, o protagonismo das persaos que son simple e sen máis cidadás do mundo. Un mundo que é de tod@s e non só dos poderosos. Por iso é tan profundo o texto que temos proclamado do profeta Ezequiel, no que están recollidas moitas das nosas esperanzas, e desde o que se nos di que Deus non é nin unha cousa da que hai que desconfiar, ou da que non debemos falar porque non existe nin tampouco un "tapaburatos" -expresión que utilizou o teólogo Dietrich Bonhoeffer para denunciar o uso interesado e manipulador que nós facemos de Deus- que soluciona os nosos problemas segundo negociemos con El. Acheguémonos entón uns aos outros para que este mundo, ao que pertencemos, poida ser espazo de acollida no que as persoas sexan sempre máis importantes que os dividendos da bolsa, as ganancias dos bancos ou os votos dos partidos. Só sentindo a forza de non ir sos e de xeito individual, seremos capaces de descubrir a presenza de Deus que nos chama a termar do mundo.
  • Esforzarnos por mellorar a imaxe que teñamos de Deus, sen deixarnos levar do simple e supersticioso, suponnos poñer esforzo en formarnos e coñecer. Só desde a capacidade que teñamos de descubrir, seremos capaces de superar a tentación de utilizar o nome de Deus segundo o noso propio interese e a nosa comenencia. Non debemos avergoñarnos da nosa convicción relixiosa, por suposto, pero temos tamén que esforzarnos por repensar a nosa opción crente; de preguntar por que, e que nos aporta, en tempos líquidos e superficiais, onde todo se move desde e polos cartos ou a violencia, confesar a fe nun Deus que pon o amor, a tenrura, a paz e o diálogo como elementos fundamentais para mover ás persoas e facer dos seus corazóns, non sentimentalismo, senón convicción a prol da xustiza e a igualdade entre as persoas. De que nos valerían os rezos se ante os problemas de quen ten que escapar do seu país, de quen arrisca a vida nun barco que ninguén quere, de quen non dubida en facer quilómetros cos seus fill@s buscando ser acollid@s e tratados como persoas, nós nos limitamos a dicir que quedaran onde estaban ou que isto é un efecto chamada. Como reaccionariamos nós se cando os nosos antepasados tiveron que ir a América ou a Europa, lles fixeran o mesmo? Ou é que cremos que tod@s ían con papeis e contrato de traballo? Nos xestos humanitarios é onde se ve a fondura das conviccións de fe e o lugar que Deus ocupa na nosa vida. E como ben nos di Paulo na segunda lectura, guste ou non, na tardiña baixa da vida teremos que presentarnos ante El; e alí recolleremos canto antes teñamos sementado. E isto, hoxe, e moitas veces, témolo esquecido.
  • Neste querer facer da vida, persoal e dos demais, campo onde sementar para recoller os mellores froitos, é onde iremos atopando a Deus. Non vai ser o deus dos filósofos que todo o racionalizan. Tampouco o dos crédulos que buscan nos rezos entretemento, senón que será o Deus das persoas que a través da nosa forma de querer, acoller, escoitar, acompañar, superar, construír... se nos vai ir mostrando. Por iso, á pregunta que tantas veces se fai/mos de onde está Deus, iremos respondendo desde cada unha das veces nas que, deixando de ser persoas frívolas, nos esforcemos para que a nosa maneira de actuar estea na busca do que engrandece ás persoas, non no que as reduce e escraviza. Deus está no que nos fai libres; no que nós facemos para que ninguén sexa nin escravo nin escravizado. El non busca o barullo dos importantes, senón a sinxeleza dos pequenos. Deste xeito, das pequenas sementes de cada día, iremos descubrindo a súa presenza entre nós e preparando a terra para que os seus froitos non sexan contaminados polo xoio do desprezo, a exclusión, a explotación ou o abuso. O pequeno sementado, se atopa a terra preparada, acabará sendo a gran colleita chea de moitos froitos: a nosa vida e o sentido que lle queremos dar.
DESDE A ORACIÓN COMUNITARIA
Recemos xunt@s a Deus, poñendo nel a nosa confianza; e nós irmáns o esforzo por facerlles a vida máis humanizadora e libre dicindo:

SEÑOR, QUE SEMENTEMOS IGUALDADE E RESPECTO

  • Para que a Igrexa sexa no mundo de hoxe, sementadora de todo canto nos leva a vivir a alegría de servir e estar comprometida coas causas que buscan o ben e a dignidade das persoas máis empobrecidas, OREMOS.

SEÑOR, QUE SEMENTEMOS IGUALDADE E RESPECTO

  • Para que nas nosas parroquias nos esforcemos por sementar perdón –solicitado e ofrecido-, e esquezamos vellos enfrontamentos que non fan máis que dividirnos e alentar o rancor e a desconfianza entre nós, OREMOS.

SEÑOR, QUE SEMENTEMOS IGUALDADE E RESPECTO

  • Para que na nosa vida non nos deixemos dominar nin pola indiferenza nin polo medo; e non dubidemos nunca en acoller e colaborar para que os que veñen escapando da morte e da fame, teñan un lugar onde ser acollid@s e dignificados como seres humanos, OREMOS.

SEÑOR, QUE SEMENTEMOS IGUALDADE E RESPECTO

Sabendo que nunca deixas de acompañar a nosa oración, queremos, Señor, que a semente da nosa vida nos faga un día recoller o mellor dos froitos: a plenitude da túa presenza. PXNS.

PARA SENTIR A LEDICIA DO COMUNITARIO

Xesús, mestre e amigo.
Gústame falar contigo,
dicirche as miñas cousas,
contarche o que me pasa,
pedirche consellos
ou, simplemente, cantarche un pouco.
Ensíname a rezar,
con ganas e entusiasmo,
todas as mañás,
todas as noites.
Que non me esqueza
de falarche un momento
cada día,
para encontrarme contigo,
pedirche pola miña familia,
darche grazas pola vida
e dicirche
que te sinto preto,
camiñando ao meu lado sempre.
(Marcelo A. Murúa)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

3 Advento 2024

  CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA XUSTIZA SINAL DE ADVENTO:  Colocamos no taboleiro a terceira parte do noso berce. CANTO GOZOSO   §      Entrada: Volve, Señor (Nº 90)  §      Lecturas: Que ledicia miña (Nº 4) §      Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36) §      Comuñón: Ven axiña visitarnos (Nº 86)   OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN   Estamos xa no terceiro domingo do Advento. Nas semanas anteriores a Palabra de Deus invitábanos a espertar e a ir preparando o berce do noso corazón. Neste domingo, entre as palabras de ánimo do profeta Sofonías e a invitación á ledicia de Paulo, fáisenos unha nova indicación que vén responder, coma nos tempos do Bautista, á nosa pregunta de “que temos que facer?”. A indicación desta terceira semana é ben directa e clara: convértete e practica a xustiza!. Porque non nos enganemos: todas as persoas estamos necesitadas de conversión, de cambiar actitud...

4 advento 2024

    HUMILDES CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA SINXELEZA ACOLLEDORA SINAL DE ADVENTO Completamos o noso berce.   CANTO GOZOSO o    ENTRADA:  Volve Señor (Nº 90) o    LECTURAS:  Vén axiña visitarnos (Nº 86) o    OFERTORIO:  Recibe, Señor (Nº 31) o    COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   OLLOS DE ESPERANZA              Belén era unha aldea pequeniña, un lugar que pasaba totalmente desapercibido e que semellaba pouco ou nada importante. Ata que unha noite converteuse en lugar de salvación e acollida, porque alí naceu o Fillo de Deus. Neste cuarto e derradeiro domingo do Advento, Belén quere ser para todas e todos nós un recordatorio claro de que Deus está no sinxelo, no humilde, na xente máis esquecida e que, ao igual que Belén, é moitas veces invisibilizada e marxinada.    CORAZÓN MISERICORDIOSO ·      ...