Ir al contenido principal

13 domingo TO B 2018

SE DEIXASEMOS QUE A PALABRA GUIASE A NOSA VIDA.... CANTO MELLOR NOS IRÍA

CANTO GOZOSO

  • ENTRADA: Que ledicia a miña (Nº 4)
  • LECTURAS: Xesús é Señor (Nº 16)
  • OFERTORIO: Todos xuntos (Nº 56)
  • COMUÑÓN: Pan do ceo (Nº 53)

PARA NON PERDER O PASO

Son moitas as veces nas que temos escoitado que a Palabra de Deus é atemporal, é
dicir, que non ten data de caducidade, senón que sempre é actual. Pois ben, iso que ás
veces non temos demasiado claro, hoxe maniféstasenos nas lecturas que imos
proclamar dun xeito transparente. Si, porque nos tempos convulsos, insolidarios e
individualistas que estamos a vivir, a lectura de Paulo que imos escoitar cobra plena
actualidade e quere ser toda unha chamada para que os que nos consideramos
seguidores de Xesús aprendamos a estar neste noso mundo no que os ricos cada vez
son máis ricos e os pobres cada vez son máis pobres: “non se trata de que vós pasedes
apretos por aliviardes a outros, senón de que exista igualdade”.
Tamén á igualdade, neste caso de xénero, é á que se nos chama no evanxeo. Xesús
adoptou diante das mulleres unha actitude tan sorprendente que desconcertou mesmo
aos seus discípulos, pois se algo se desprende tamén cunha claridade meridiana da súa
actuación é que para El homes e mulleres teñen a mesma dignidade e son acollidos por
igual na súa comunidade de seguidores.
Que o Señor que nos convoca nesta mañá de domingo mova os nosos corazóns para
traballar a prol da igualdade.

CO CORAZÓN FERIDO

  • Porque se nos enche a boca falando de igualdade: de xénero, de oportunidades, de dignidade.... pero andamos ben lonxe de poñela en práctica na nosa vida, buscando sempre o noso propio proveito, SEÑOR QUE A FE CURE O NOSO EGOÍSMO.
  • Porque, afeit@s como estabamos a vivir no consumismo e no materialismo, cústanos facer realidade e vida valores coma austeridade, compartir, solidariedade ou aforro, CRISTO, QUE A FE CURE O NOSO EGOÍSMO.
  • Porque seguimos sen escoitar, valorar e respectar a voz de tantas e tantas mulleres abocadas ao silencio, á obediencia é a submisión, SEÑOR, QUE A FE CURE O NOSO EGOÍSMO.

UNHA PALABRA QUE AGROMA

Deus non se recrea na destrución dos viventes. Temos escoitado moitas veces un discurso catastrofista e que xustifica o mal porque “Deus o quere así”. Porén, o texto do libro da Sabedoría, móstranos unha imaxe totalmente contraria a este pensar, sentir e dicir. Como poder confiar nun Deus que nos manda dor, morte, destrución, desamor...?, como se vai aledar Deus da inxustiza, a opresión, a explotación, a pobreza… se é un Deus da vida?. Isto debera levarnos a pensar se non estaremos manipulando ao noso antollo, ou buscando xustificacións á nosa propia incapacidade, a imaxe de Deus. Si, porque moitas veces detrás destas formas de facer e actuar escóndese a comodidade de non querer implicarnos en buscar razóns, en analizar comportamentos, en asumir as nosas propias responsabilidades. Que fácil é atribuírlle a Deus o que non é máis que a consecuencia das nosas propias incapacidades ou das nosas propias decisións!
Deus só poderá estar a favor da vida, e do respecto que esta merece sempre. E este respecto ten que levarnos a preguntarnos sobre como nos tratamos uns aos outros. Porque algunha vez parámonos a pensar de como o noso xeito de vivir está a repercutir nas persoas máis pobres e dos países máis empobrecidos?...
Desde esta perspectiva de fraternidade universal que nos dá a fe, sentímonos plenamente identificad@s co que Paulo lle di aos corintios; só se descubrimos a igualdade de todas as persoas coma unha esixencia da nosa fe, podemos entender o mandado do amor que nos deixou Xesús, poderemos entender por que a igrexa, tod@s @s bautizad@s temos que preocuparnos das persoas máis necesitadas, das de aquí e tamén das de máis lonxe. Non é unha moda ou un pretender aparecer
nos medios de comunicación, senón unha esixencia que está na raíz da fe en Xesús e da mensaxe que nos invitou a vivir desde o testemuño. Se o noso dicir creo se reduce a palabras, sen ser capaces de acompañalo coa vida. Que fe podemos ter?. A igualdade é unha actitude que debe ir sempre acompañada da solidariedade e do amor. Sen elas, todo se converte baleiro.
E esta igualdade da que a Palabra nos fala abrangue todas as facetas nas que os seres humanos estamos mergullados: igualdade de oportunidades, igualdade de dignidade, igualdade de trato, igualdade de dereitos.... e igualdade de xénero. Si, porque se ben na nosa sociedade camiñamos paseniñamente cara á igualdade de xéneros e oportunidades entre homes e mulleres, na nosa Igrexa todo vai moito máis lento. Así, en liñas xerais, os varóns sospeitan de todo “movemento feminino” e reacciona rapidamente contra calquera plantexamento que poida poñer en perigo a súa situación de privilexio sobre a muller. Nunha Igrexa dirixida por varóns, non somos quen de descubrir todo o pecado que se encerra no dominio que os homes exercen, de moitos xeitos, sobre as mulleres.
@s seguidor@s de Xesús temos que concienciarnos de que isto non é algo natural, de que Xesús non o quixo así, senón que é un comportamento viciado polo egoísmo e a imposición inxusta do poder machista, patriarcal e androcéntrico. Que hoxe escoitemos con lucidez, sinxeleza e sinceridade a interpelación daquel de quen, segundo nos di o relato evanxélico “saíu forza” para curar á muller e que nos chama a vivir a igualdade.

DESDE A ORACIÓN COMUNITARIA

Desde a confianza e a igualdade ás que sempre nos invitas, presentamos agora
a nosa oración comunitaria, e dicimos xunt@s:
QUE CAMIÑEMOS NA IGUALDADE
  • Pola Igrexa, que formamos tod@s nós, para que neste tempo de individualismo nos esforcemos por saber acoller, axudar e acompañar a todas as persoas que sofren as consecuencias dunha sociedade baseada no ser e non no ter, OREMOS.
QUE CAMIÑEMOS NA IGUALDADE
  • Para que nas nosas comunidades saibamos vencer as desconfianzas, os medos e os comentarios ferintes de uns para cos outros, OREMOS.
QUE CAMIÑEMOS NA IGUALDADE

  • Por nós, para que non teñamos medo a traballar pola igualdade, confiando, aprendendo a dar oportunidades coma Xesús nolas vai dando a nós cada día, OREMOS

QUE CAMIÑEMOS NA IGUALDADE
Grazas, Señor, por invitarnos a vivir na confianza, e a deixar atrás canto nos fai
desconfiados e inseguros. P.X.N.S. Amén.

PARA SENTIR A LEDICIA DO COMUNITARIO

Non viñeches a xulgar os nosos erros
senón a buscar á persoa perdida,
a defender á persoa acusada,
a liberar á persoa que está en catividade,
a curar á persoa que está ferida,
a acoller á persoa que está desamparada,
a lavar á persoa que está manchada,
a sandar á persoa que está enferma,
a erguer á persoa que está caída,
a salvar á persoa que se sente culpable,
a devolverlle a dignidade á persoa que a perdeu.
Ti que cres en nós.
Ti que esperas de nós.
Ti que nos amas que nós mesmas e nós mesmos.
Ti que es máis grande que todos os nosos pecados,
recréanos e danos un futuro novo e mellor.

Comentarios

Entradas populares de este blog

5 Domingo TO B 2018

PERSOAS LOITADORAS, NON SUFRIDORAS Descarga o ficheiro
CANTO GOZOSO
öENTRADA: Amigos nas penas
öLECTURAS: O Señor é o meu pastor (Nº 27)
öOFERTORIO: Acharte presente na vida (Nº 51)
öCOMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55)
PARA NON PERDER O PASO
Cando unha cousa non nos serve, cando non ten nada que poidamos obter dela, deixámola de lado. Na nosa vida de fe, ocorre que moitas veces estamos ermos: non sentimos nada e somos incapaces de poñer en relación canto rezamos co que facemos cada día. Deste xeito, pouco a pouco, váisenos apagando a chama da fe e convertemos todo o que di relación con ela en puro e simple costume, comercio, acto social ou tradición, inda que ás veces o queiramos revestir de cultura para poder mantelo.
Fronte desta situación, os textos que hoxe imos proclamar chámannos a non deixarnos caer nesta tentación, a esforzarnos por non deixar que esmoreza a esperanza, a aprender a gozar do moito que nos enriquece e aporta a fe. Non imos solos, temos un amigo ao noso lado: Xesús. Deixemos…