Ir al contenido principal

Domingo 17 TO B 2018

VINDE AXIÑA, COMPAÑEIRAS E COMPAÑEIROS!!!!!!!!!!!!

Descarga o ficheiro

CANTO GOZOSO

ENTRADA: Vinde axiña (Nº 10)
LECTURAS: Pan do ceo (Nº 53)
OFERTORIO: Benaventurados (Nº 119)
COMUÑÓN: Ti es camiño e verdade (Nº 57)

PARA NON PERDER O PASO

Vinde axiña, cantabamos ao comezo. Vaiamos logo axiña para compartir
este momento de oración e encontro comunitario que nos reúne ao redor
do altar; mesa do compartir, do celebrar e do sentírmonos comunidade que
necesita reunirse para alentarse, animarse e axudarse en reciprocidade.
Que o Señor que nos convoca, nos aqueza tamén o corazón para saber
agradecer que non estamos sos. El camiña ao noso lado tendéndonos a
man, á vez que con nós van tamén os veciños, os familiares, as persoas
que van deixando pegada nos nosos corazóns. Acheguémonos con ledicia
ao altar e agradezamos a compaña do Deus amor xunt@s.

CO CORAZÓN FERIDO

  • Porque a nosa autosuficiencia nos converte en persoas egoístas;
    SEÑOR, FÁRTANOS DA TÚA MISERICORDIA.
  • Porque o individualismo fainos insensibles á tristura das persoas que
    sofren ao noso lado; CRISTO, FÁRTANOS DA TÚA MISERICORDIA.
  • Porque nos enganamos moitas veces créndonos mellores do que somos; SEÑOR, FÁRTANOS DA TÚA MISERICORDIA.

UNHA PALABRA QUE AGROMA

Cóntanos a lectura do libro dos Reis que había moita xente con fame e pouco que darlles de comer. E fronte á desconfianza de quen tendo pouco era incapaz de compartilo co conto de que non chegaba para tod@s, Eliseo tira por terra a estreiteza de miras dos que nin dan nin collen, e mándalle repartir canto hai entre tod@s. E non só chegou, senón que lles sobrou. Quizais teñamos que prestarlle un pouco máis de atención a este texto para poñelo en relación coa nosa vida hoxe.
Cantas veces nós tamén somos dos que nin dan nin collen? Dos obsesionados por ter moito e incapaces de compartir o que temos, moito ou pouco? A avaricia rompe o saco, dinos o refrán. Si, a nosa avaricia por querer controlalo todo, dominalo todo, gañalo todo... vai rompendo o saco e acaba converténdonos en persoas con moita ansia de ter –cousas materiais- pero pouco de ser -nós mesm@s, persoas humanas e sinxelas, ilusionadas, ledas, abertas aos demais na acollida... E se non somos, nunca teremos ilusión nin capacidade de esforzo e sacrifico para acadar canto sexa bo non só para nós mesmos, senón tamén para os demais. Non lembramos xa como eran as nosas familias non hai moitos anos? Era pouco o que había; pero moito canto se compartía.
Querémolo todo, e acabamos caendo na desilusión de non ter razóns desde as que vivir e construír desde e para tod@s. Queremos telo todo baixo control –a fría racionalidade de quen programa a modo dos robots vainos invadindo-, e non acabamos de darnos conta de que somos persoas que estamos de paso. Nada é inmutable e inamovible.
Somos necesitados, limitados, con moitas carencias, inda que non queiramos darnos conta e admitilo. Por iso, volvendo os ollos ás palabras do profeta Eliseo, esforcémonos por superar a tentación de
crer que dos demais xa non podemos aprender nada, que dos outros podemos prescindir, que xa somos autosuficientes e superiores, como se estiveramos por riba, esquecendo que, gústenos ou non,
somos iguais e o horizonte cara onde imos non é o que nós escollamos, senón a tenrura de brazos abertos de Deus que sempreestá –fraternidade é a que nos une e define, non somos estraños uns para os outros-. O malo é que como sigamos por este camiño de darnos as costas uns aos outros e a Deus, no momento no que cheguen as fraquezas, os problemas, as dificultades, as... darémonos conta do noso erro e quizais sexa tarde. E para autoxustificarnos tentaremos botarlle a culpa a alguén: Deus, sociedade, políticos, curas, relixión... sen asumir que só sendo capaz de compartir, de
escoitar, de acoller e de colaborar conseguiremos, e sempre con esforzo, orientar o noso camiño e dar pasos cara adiante. O reto é noso, saquémolo adiante xunt@s, pero sen cargar sobre ninguén os
erros das malas escollas.
A fartura que nos dá Deus vólvese solidariedade cando se comparte; xenerosidade cando se acolle; dignidade cando se recoñece a igualdade. Porque quen quere sempre acaba descubrindo que nin está só nin é unha illa no medio do océano, senón unha man, unha mirada, un corazón, un/ha... xunto con outras moitas. Paulo explícao moi ben ao falarlle aos efesios: paciencia, sinxeleza, amor, esforzo,
paz. Todo un programa de vida para que os nosos pasos leven á felicidade e se afasten da amargura. Non é de estrañar porque xa Xesús lle mostrara, non só lles dixera, que o pouco con Deus acaba
sendo unha chea. Fagamos da fe actitudes e comportamentos, porque de palabras baleiras xa temos excesivos “mestrados” no mundo de hoxe.

DESDE A ORACIÓN COMUNITARIA

Deus convócanos ao redor do altar. Agradecid@s dicimos:
EN TI ATOPAMOS A FORZA DA ESPERANZA, SEÑOR
Para que entre todas as persoas que conformamos a Igrexa fagamos dela comunidade de acollida, misericordia e renovación; OREMOS.

EN TI ATOPAMOS A FORZA DA ESPERANZA, SEÑOR
Para que non deixemos que nos venza o desánimo, e nos esforcemos por ter unha relacións de axuda e colaboración nas nosas familias, nos nosos barrios, nas nosas parroquias; OREMOS.

EN TI ATOPAMOS A FORZA DA ESPERANZA, SEÑOR
Para que nós non nos deixemos vencer pola ansiedade de crernos superiores, inmortais e autosuficientes, senón que teñamos a humildade de pedir axuda cando a necesitemos e de dala cando nola pidan; OREMOS

EN TI ATOPAMOS A FORZA DA ESPERANZA, SEÑOR

Poñemos a vida nas túas mans, Señor, porque sabemos que a acolles e lle dás sentido de plenitude e de paz. PXNS. Amén.

PARA SENTIR A LEDICIA DO COMUNITARIO

DESPOIS

Despois, cando menos o esperas,
aparece máis fresca a vida;
e canto máis alto miras,
canto máis te sorprendes
máis pequeno, máis de xeonllos es ante Deus.
Despois, cando menos o esperas,
o tempo marcou o seu ritmo,
e un sendeiro por dentro
teceu outra entraña máis viva.

Entón apareces máis irmán,
máis fillo, máis... de xeonllos.
É case que sen querer, o compás do desexo,
da ilusión, como a persoa
vai facéndose criatura,
máis á imaxe
do corazón do amor.
e despois, cando menos o esperas,
non podes menos que querer de xeonllos.

Isidro Cuervo

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Cristo Rei 2025

  UN REI DE SERVIZO NUN MUNDO PRECISADO DE ACOLLIDA E ESCOITA: XESÚS CRISTO CANTO GOZOSO   ·        ENTRADA .- Que ledos hoxe estamos (  ) ·        LECTURAS .- Moito me alegrei (  ) ·        OFERTORIO.-  Na nosa terra ( 36 ) ·        COMUÑÓN.-  No colo de miña nai   ESCOITA ACTIVA          Remata hoxe o ano litúrxico que comezabamos o primeiro domingo de Advento, hai xa un ano. Un ano de ledicias e tristuras, de esperanzas e desacougos, de loitas e cansazos, pero sempre guiados pola forza e a presenza de Xesús o Mestre, aquel que pasou facendo o ben e tendendo a man a quen ía atopando ao longo do camiño.          E hoxe, como remate deste camiñar, celebramos a festa de Cristo Rei coa que queremos poñer de manifesto que o seu r...