Ir al contenido principal

Domingo 26 to B 2018


FÁLANOS SEÑOR, QUE QUEREMOS ESCOITARTE!
RECENDO DE SONS AGRADECIDOS
ENTRADA: Con ledicia vimos
LECTURAS: Benaventurados
OFERTORIO: Na nosa terra (Nº 36)
COMUÑÓN: Non vou so (Nº 60)
PARA NON PERDER O PASO
         Volvemos reunirnos no día do Señor. Rezamos en comunidade, pedimos sentindo a forza da súa presenza; damos grazas desde a confianza que nos trae ao pé do altar. Que este momento de oración que agora comezamos sexa experiencia de encontro e de confianza no Deus de Xesús que nos chama sempre a reunirnos no seu nome. Participemos con alegría sabéndonos acompañad@s da súa presenza.
CO CORAZÓN FERIDO
û  Porque moitas veces non prestamos atención á voz de Deus que nos fala a través de quen nos necesita; SEÑOR, ACOLLE A NOSA ORACIÓN.
û  Porque non sempre somos capaces de dicir si ao plan de Deus coa nosa vida; CRISTO, ACOLLE A NOSA ORACIÓN.
û  Porque somos máis de pensar en nós que na necesidade que os demais teñen de que os axudemos; SEÑOR, ACOLLE A NOSA ORACIÓN.
UNHA PALABRA QUE AGROMA
A palabra de Deus faise crible se somos capaces de reflectila na vida a través dos nosos comportamentos. Non pode ser entón unha cuestión que se aprende de memoria ou un saber abstracto que, co paso do tempo, descubrimos que non serve para nada. Todo o contrario: cando a proclamamos é necesario que lle poñamos atención, para despois ver, desde o que facemos no día a día, como vai incidindo na nosa maneira de actuar e comportarnos. Non pode ser entón que a utilicemos só cando nos convén, dándolle as costas cando nos pide esixencia e coherencia nos nosos comportamentos. Desde esta clave é desde onde temos que entender a primeira lectura do libro dos Números: necesitamos ser profetas. Pero o profetismo non é unha rareza, senón unha esixencia de coherencia nun mundo no que conxugar esta palabra non está de moda. Para moitas persoas, o que debemos ou non debemos facer está única e exclusivamente en función de que nos vexan, de que nos fagan famosos, de que nos dea cartos ou de que falen ben de nós. Se non se dá ningunha destas situacións, xa nin importa nin lle prestamos atención. Que interesados somos!
E esta coherencia é a que nos fai ir crecendo e madurando como persoas, e o que leva a que os demais poidan confiar en nós. Santiago, que o tiña claro, vaino expresando desde a denuncia que fai daquelas persoas que antepoñen o ter moito e acumular ás situacións e necesidades das persoas. A súa denuncia do comportamento do ricos faina porque vira como no medio das comunidades as riquezas ían empobrecendo e empezoñando as relacións entre uns e outros. Xa non se querían por saberse fill@s de Deus, senón que se achegaban e facían camariñas duns contra dos outros polo que tiñan. O ter parecía máis importante que o ser! Por iso denuncia ese tipo de comportamento e manda confrontalo co estilo de vida que supuña, e segue a supor para nós, seguir a Xesús. Porque para moitas persoas, tamén; mellor, sobre todo hoxe, as riquezas escurecen a vista e endurecen o corazón, facendo da insensibilidade a maneira de tratarse e relacionarse. Somos tamén así? Si, podemos ter moito, crernos superiores aos outros, relacionarnos con xente, “importante”, pero... tanto eles coma nós, somos dun e para un tempo. Como dicimos as veces: todo vai quedar aquí. E se o temos tan claro, por que non damos aprendido?
Non son entón as leis, as prohibicións, as condenas, as... o que vai facer que deixemos de actuar así. O medo non leva a ningures, e ademais impídenos avanzar e camiñar cara adiante. É a confianza nun mesmo e nos demais a que nos vai abrindo camiño e mostrando que si hai moitas cousas posibles se poñemos, tod@s, algo da nosa parte. Xesús tentou mostrárllelo aos que o escoitaban. Algúns esforzáronse, facéndolle caso, por levalo á vida; outros, coma sempre ocorre nun grupo plural, nin atención lle prestaron. O mesmo nos ocorre hoxe a nós. Pero no canto de mirar para eles e dicir: “por que os demais non o fan?”, miremos para nós e poñámonos en camiño; fagamos o que sabemos que nos axuda a ser mellores persoas, a facer da xustiza e da igualdade actitudes que nos reconfortan; non escandalicemos nin deixemos que nos escandalicen. Actuemos, desde o respecto e a dignidade que nos merecen as persoas, con honestidade e coherencia, porque ese é o primeiro paso para entender que Deus se achega a nós para ofrecernos, desde o seu proxecto de amor, a salvación. Acollámola, entón, coa sinxeleza de quen fai o que ten que facer. Non para ser premiad@, senón para ser feliz.
DESDE A ORACIÓN COMUNITARIA
Rezamos con confianza e paz no corazón a Deus; poñendo baixo o seu amparo a nosa vida e dicindo:
QUE O NOSO ACTUAR NOS LEVE A DEFENDER SEMPRE AOS MÁIS DÉBILES
*     Para que a Igrexa non protexa nunca aos que fan dano aos máis débiles e necesitados da nosa sociedade: nenos, mulleres, emigrantes, enfermos, persoas perseguidas ... OREMOS.
QUE O NOSO ACTUAR NOS LEVE A DEFENDER SEMPRE AOS MÁIS DÉBILES
*     Para que nas nosas comunidades fomentemos sempre momentos de encontro, escoita e colaboración, esforzándonos por estar ao lado de quen nos necesite; OREMOS.
QUE O NOSO ACTUAR NOS LEVE A DEFENDER SEMPRE AOS MÁIS DÉBILES
*     Para que na nosa vida de cada día non separaremos nunca o que cremos e que rezamos da maneira de actuar e comportarnos; sen ter medo a manifestar que Deus move, alenta e anima sempre a nosa vida; OREMOS.
QUE O NOSO ACTUAR NOS LEVE A DEFENDER SEMPRE AOS MÁIS DÉBILES
Grazas, Señor, por compartir con nós este momento de oración no que damos grazas e sentimos a forza da túa presenza. P.X.N.S.
PARA SENTIR A LEDICIA DO COMUNITARIO
Cultivar as distancias curtas
Cultivar as distancias curtas para acercarse aos que están ao noso lado: familia, amigos, compañeiros de traballo,… como unha maneira de despexar dúbidas que xorden nas relacións, de derribar prexuízos, de dar oportunidade ao cambio.
Cultivar as distancias curtas para darnos a coñecer e transmitir que temos maior intención que axudar e un único propósito: facer a vida máis fácil e máis humana.
Cultivar as distancias curtas para mostrarnos tal e como somos, sen medo, sen necesidade de aparentar ser distintos, invitando ao outro a ser o que é, e a sentir esa empatía que fai crecer e nos posibilita a ser auténticos.
Cultivar as distancias curtas como fórmula para despexar dúbidas e suspicacias e conseguir grandes relacións persoais, quitando competitividade e envexas.
Cultivar as distancias curtas como seguidores dun Xesús que lle falaba á xente; pero tamén se esforzaba no encontro persoal que sanda, transforma e axuda a dar o mellor que temos.
(Agus Couto Picos)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...