Ir al contenido principal

5 Domingo TO C 2019 Mans Unidas

Cremos na igualdade e na dignidade das persoas

Entrada.- Camiñando pola vida  (9)
Lecturas.- Ide e pregoade  (55)
Ofertorio.- Aquí están Señor  (32)
Comuñón.-  Acharte presente na vida  (54)
Oídos atentos
(A partires dun texto  da revista de Mans Unidas)
En xeral, pódese dicir que son bos tempos para a “dignidade humana”. Está especialmente presente nos discursos políticos, nas Declaracións e Convencións multinacionais e mesmo en moitas Constitucións nacionais. É tamén unha expresión moi utilizada pola sociedade civil, sen grandes coñecementos teóricos, para dicir simplemente que cada persoa é un “ser valioso” que ha levar unha vida adecuada a esa condición.
A afirmación da dignidade da persoa humana é hoxe un feito practicamente universal. Esta afirmación supón o recoñecemento de que a dignidade da persoa atopa a súa mellor concreción nos dereitos humanos, tal e como recolle a Declaración Universal dos Dereito Humanos que acaba de cumprir 70 anos. Recoñéceo tamén a mesma Igrexa para quen: “o movemento cara á identificación e proclamación dos dereitos humanos é un dos esforzos máis relevantes para responder eficazmente ás esixencias imprescindibles da dignidade humana” (CDSI, 152). Así, a dignidade humana está fundamentada segundo a nosa fe no noso ser creación a imaxe e semellanza de Deus.
Neste segundo domingo de febreiro, desde a forza desta chamada que non deberamos esquecer nunca, celebramos a Xornada contra a Fame que promove Mans Unidas; que cumpre este ano o seu sesenta aniversario de traballo e sensibilización das comunidades cristiás a prol dos máis desfavorecidos do noso planeta.
Participemos activamente de celebración e deixémonos transformar para a acción. A través do noso actuar, sinxelo, pero constante a favor dos esquecidos. Especialmente dos esquecidos á porta da nosa casa. Que tamén os hai.
Corazón misericordioso
  • Porque moitas veces non queremos mirar cara onde necesitan da nosa mirada. Señor, que os osos ollos non se neguen a ve-la túa luz.
  • Porque miramos para outro lado e xustificamos, co noso silencio a violencia. Cristo, que os osos ollos non se neguen a ve-la túa luz.
  • Porque pensamos que defender os Dereitos Humanos é un compromiso que non vai con nós e coas persoas do noso redor. Señor, que os osos ollos non se neguen a ve-la túa luz.

Palabras que remoen o corazón e orientan o noso actuar
  • Nesta Xornada na que se nos invita a tomar conciencia de que a fame non é só unha cuestión de falta de alimento, fagamos o esforzo, á luz da palabra proclamada de poñer os ollos e o corazón no importante: as persoas, deixando a un lado todo o que nos distrae desta esixencia. Porque como vivimos nun mundo cheo de barullos e imaxes, podemos correr o risco de querer abarcar moito para acabar por non abarcar nada. Paulo dicíalle aos Corintios, como acabamos de escoitar, que el transmitía o que recibira. Tamén nós estamos urxidos a transmitir canto temos recibido, non materialmente, non, senón todo aquilo que nos foi levando a tomar conciencia de que o mundo non é de cor de rosa nin plano como ás veces nos queren facer crer. O mundo é inxusto; nel hai moita violencia e son demasiadas as persoas que van quedando polo camiño porque ninguén lles presta atención. E isto non podemos deixar que ninguén nos queira facer esquecer contándonos mentiras que só buscan o seu propio interese. Pero ante esta inxustiza e esta dor, si que se pode facer moito. Nós podemos facer moito! Segundo sexan as nosas actitudes así será o noso actuar! Non nos deixemos entón engaiolar polos cantos de serea de quen só queren manipularnos e manternos na ilusión de que só eles van ser os nosos redentores! O mundo está mal, si, pero tamén non debemos esquecer que outro mundo é posible, de nós depende construílo ou non! Traballemos logo pola dignidade das persoas, sen medo nin complexos nin desconfianzas, como nos di Xesús no Evanxeo de hoxe.

  • Hai sesenta anos comezou un soño no que poucos acreditaban. Si, porque eran as Mulleres da Acción Católica as que tomaran a iniciativa nunha Igrexa de homes e desde os homes. Como ían acreditar! Pero os malos agoiros non se cumpriron, e hoxe podemos dicir que sesenta anos despois a ilusión segue viva e o proxecto vai para diante. Desde elas e co compromiso de moitas e moitos máis que viñeron detrás para poñer Dereitos e dignidade onde había miseria e abuso das persoas, especialmente das máis pobres, tal e como non cansa de dicirnos Xesús. Desde a dignidade que co mesmo Deus compartimos, e facendo que a súa Palabra xermole en nós, neste 60 aniversario, segue sendo necesario o impulso aos dereitos humanos conculcados a millóns de persoas que viven na miseria, pasan fame, non teñen acceso á educación ou á saúde, ou son excluídos de la participación social o política nas súas comunidades.

  • Celebremos, desde a esperanza que nos trae Xesús, e o seu proxecto que nos lembra que a solidariedade é algo practico que se ha construír cada día, e tomando conciencia de que a fe non se pode quedar dentro das paredes, senón que temos que poñela, como facía Xesús, e poñéndoa ao servizo dun actuar esperanzado e gozoso. Recemos desde o que vivimos; e vivamos desde o que rezamos.
Confianza desde onde compartir
    A diferenza dos Discípulos, que non acababan de fiarse das palabras de Xesús, nós queremos agora poñer toda a confianza nel e dicirlle:
Que sexamos persoas pescadoras de amor solidario
  • Para que sexamos unha Igrexa que escoita os berros de quen se sente esquecido, e que sabe poñer os ollos nas persoas e non nos seus propios intereses. Oremos. Que sexamos persoas pescadoras de amor solidario.

  • Para que como comunidade colaboremos hoxe coa nosa axuda económica ao traballo de Mans Unidas a prol da dignidade e dos dereitos das persoas máis desfavorecidas e esquecidas. Oremos. Que sexamos persoas pescadoras de amor solidario.

  • Para que non nos deixemos vencer pola indiferenza, o derrotismo e a actitude de quen sempre critica o que fan os demais, pero sen facer nada pola nosa parte. Oremos. Que sexamos persoas pescadoras de amor solidario.

Ante Ti, Señor, poñemos a nosa oración comunitaria. Que non nos conformemos con dicir só palabras, senón que nos esforcemos por poñelas en practica. Por Cristo o noso Señor. Amén.
Reflexión para construír
Ante  este compromiso, do que como crentes non podemos fuxir, dinos Francisco:
Podemos e debemos facer o mellor cos desvalidos. E para iso hai que pasar á acción, de modo que desapareza totalmente o flaxelo da fame. E isto require políticas de cooperación ao desenvolvemento que, como indica a Axenda 2030, estean orientadas cara ás necesidades concretas dos indixentes. É preciso tamén unha particular atención aos niveis de produción agrícola, o acceso ao mercado de alimentos, a participación nas iniciativas e accións e, sobre todo, o recoñecemento de que, á hora de tomar decisións, os países son iguais en dignidade… A loita contra a fame reclama imperiosamente unha xenerosa financiación, a abolición das barreiras comerciais e, sobre todo, o incremento da resiliencia fronte ao cambio climático, as crisis económicas e os conflitos bélicos.” (Francisco)

Comentarios

Entradas populares de este blog

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

Domingo Ramos 2025

TRANSFORMEMOS A FLOR MURCHA DA CORESMA NO VERDE ESPERANZADO CARA Á PASCUA   Comézase fóra, a poder ser nun lugar un pouco afastado da Igrexa, para poder camiñar procesionalmente unha vez bendicidos os ramos.  COMEZANDO A CAMIÑAR Xesús púxose en camiño cara a Xerusalén ,escoitaremos na lectura do evanxeo de Lucas. Un camiño que se converte en sinal de contradición. En Xerusalén vivirá a morte; pero tamén alí, na mesma Xerusalén, na resurrección, mostrarase a grandeza e a fondura do Deus que envía ao seu Fillo para ser coma nós. A resurrección é, xa que logo, o triunfo, a esperanza, o punto de chegada dun camiño duro, difícil e cheo de dificultades. Nós hoxe tamén, coma Xesús, poñémonos en camiño cara esa Xerusalén que nos levará da mesa da fraternidade ao triunfo da Noite Santa da vida, pasando pola tristura e o desacougo da Paixón do Venres Santo. Dispoñámonos, poñendo o mellor de nós, a comezar esta andaina de salvación e esperanza. ACOLLENDO A BENDICIÓN DE DEUS Señor, sabénd...