Ir al contenido principal

8 Domingo TO C 2019

Poñamos os feitos ao servizo da honestidade e a coherencia da vida ao estilo de Xesús. Razoemos antes de botar pola boca loanzas ou críticas ao vento. Descarga o ficheiro
Cantos
Entrada.- Eu sei de quen me fiei  ( 64  )
Lecturas.- Escoita ti ( 26 )
Ofertorio.- Velaqui, Señor, o viño  ( 37  )
Comuñón.-  QUÉDATE, Señor, connosco  ( 64 )
Oídos atentos
    Saber escoitar é unha tarefa nada doada. Parécenos que podemos acadala, mesmo que sabemos facelo, pero cada vez cústanos máis poñernos no lugar da outra persoa, poñer toda a atención ao que nos di, saber calar e atender, sen estar  buscando resposta ao que nos está a dicir. A escoita supón un esforzo permanente de non caer na tentación de dicir o que nos parece ou o que a nós nos gusta ou convén, pensando só no noso interese. Toda escoita esíxenos  renunciar a nós mesmos para poñer toda a atención en quen se dirixe a nós, o que nos obriga a  facelo con respecto e sen facer de menos. Neste noso mundo tan necesitado de persoas que saiban escoitar e acoller, estaremos dispostos a facelo desde o estilo de Xesús?
Corazón misericordioso
  • Por non saber nin esforzarnos por aprender a escoitar. Señor que non deamos as costas aos irm@ns.
  • Por non querer nin esforzarnos por acompañar. Cristo, que non deamos as costas aos irm@ns.
  • Por non traballar por sorrir e acoller. Señor, que non deamos as costas aos irm@ns.
Palabras que remoen o corazón e orientan o noso actuar
  • A morte non é só un fenómeno biolóxico que acae cando deixamos de respirar e de latexar o corazón. A morte é unha experiencia existencial que se nos vai mostrando constantemente. Vémolo no ciclo da natureza que vai pasando da morte á vida e que nos provoca sempre, por moi habituados que esteamos a velo, abraio. Pero tamén hai unha morte que imos procurando nós coas nosas accións e xeitos de ver e comprender o mundo. Moremos cando rompemos relacións de amizade; morremos cando  deixamos que a soberbia pase por riba da humildade; morremos cando renunciamos a xerar gañas, ilusións, proxectos... na nosa vida; morremos cando lle damos as costas á dor, o sufrimento, o esquecemento e o abuso e manipulación das persoas, especialmente as máis débiles e indefensas. A morte, como vemos, pode chegar moito antes ca ese momento biolóxico de deixar de respirar. A superación desta morte en vida é a que alentaba Paulo cando lles escribía aos corintios. Pero tamén  nolo di a nós. Traballemos, esforcémonos, loitemos para non deixar que esta morte entre en nós e derrube todo canto fomos creando persoal, comunitaria ou socialmente. Non deixemos que a morte sexa a que faga esmorecer as nosas familias, as nosas relacións de escoita e diálogo, os nosos esforzos por sacar adiante, e con esforzo, obxectivos que tanto custaron acadar.
  • E para que esta morte non entre e poidamos facerlle fronte, temos que esforzarnos por non baixar endexamais a garda. E non baixar a garda supón saber cara onde imos e quen han se-los compañeir@s nesta viaxe . Porque unha escolla equivocada acaba facendo que todo se veña abaixo e que a esperanza desapareza para que ocupe o seu lugar a tristura, o desánimo e o baleiro máis absoluto. O mundo de hoxe é cada vez máis líquido – desaparecen as conviccións, nada é permanente e a identidade vai quedando polo camiño – o que leva a que as persoas acabemos sendo monicreques nas mans das modas, o balbordo e a frustración permanente , xa que nada nos enche nin nos ilusiona. Porén, en Xesús volvemos descubrir que hai outro xeito de ve-las cousas, de construír relacións e de non deixarse levar nin pola nada nin pola manipulación. Hoxe faise moito barullo para tentar desviar o pensamento aos problemas reais e importantes que as persoas temos . O malo é que deixámonos ir, e acabamos caendo nas redes dos que nos menten, enganan e só nos buscan para as súas comenencias.
  • Os seguidores de Xesús non deberamos ser así, pero o somos, por iso, á luz do Evanxeo que vimos de escoitar aprendamos a ver as situacións afrontándoas e non escapando delas. E para iso é necesario caer na conta de que nos necesitamos uns aos outros, de que non o podemos todo, de que non sempre temos resposta para todo e que... nos equivocamos  e facemos mal moitas cousas. Durante moito tempo na Igrexa faltou autocrítica e o silencio acabou facéndose cómplice do que facían curas ou bispos aproveitando a boa fe e a confianza das persoas que neles confiaban. Xa non é tempo de calar senón de esixir respecto a tod@s pola dignidade que temos e non polo poder que poidamos acumular. Deixemos de ser crédulos e confiemos nas persoas polo que fan, pola súa coherencia e o seu compromiso . E esforcémonos nós tamén por selo e mostralo como testemuño de seguimento ilusionante do proxecto de Xesús. A isto nos chama e invita no Evanxeo de hoxe. espertemos e poñémonos ao choio!
Confianza desde onde compartir
    Co convencemento de que a oración comunitaria une e fainos sentir e estreitar os vínculos coas persoas que conformamos a comunidade cristiá, dicimos xunt@s: Que o noso camiño sexa aprendizaxe para a acoller e acompañar ao estilo de Xesús.
  • Para que sexamos unha Igrexa asentada na verdade e non encubridora do delito, o pecado e a mentira.. Oremos. Que o noso camiño sexa aprendizaxe para a acoller e acompañar ao estilo de Xesús..

  • Para que conformemos comunidades cristiás que aprenden a estreitar lazos de escoita, acompañamento, solidariedade e acollida entre as persoas. Oremos. Que o noso camiño sexa aprendizaxe para a acoller e acompañar ao estilo de Xesús..

  • Para que aprendamos a crecer espiritualmente desde o respecto dos demais e o recoñecemento da dignidade que Deus puxo en tod@s. Oremos. Que o noso camiño sexa aprendizaxe para a acoller e acompañar ao estilo de Xesús..

Non deixes nunca de acompañar, Señor, o esforzo por ser comunidades cristiás que loitan e se esforzan por vivir a fidelidade ao Evanxeo, sendo fieis á dignidade e respecto que puxeches en tódalas persoas. Por Cristo o noso Señor. Amén.
Reflexión para construír
Cada un pode aportar a súa  propia pedra para a construción da casa común. A auténtica vida política, fundada no dereito e nun diálogo leal entre os protagonistas, renóvase coa  convicción de que cada muller, cada home e cada xeración encerran en si mesmos unha promesa que pode liberar novas enerxías relacionais, intelectuais, culturais e espirituais. Unha confianza dese tipo nunca é fácil de realizar porque as relacións humanas son complexas. En particular, vivimos nestes tempos nun clima de desconfianza que bota as súas raíces no medo ao outro ou ao estraño, na ansiedade de perder beneficios persoais e, lamentablemente, manifestase tamén a nivel político, a través de actitudes de clausura ou nacionalismos que poñen en cuestión a fraternidade que tanto necesita o noso mundo globalizado. Hoxe máis ca nunca, as nosas sociedades necesitan “artesáns da paz” que poidan ser auténticos mensaxeiros e testemuñas de Deus Pai... -Por iso-:
  • Benaventurado o político que ten unha alta consideración e unha profunda conciencia do seu papel.
  • Benaventurado o político cuxa persoa reflicte credibilidade.
  • Benaventurado o político que traballa polo ben común e non polo seu propio interese.
  • Benaventurado o político que permanece fielmente coherente.
  • Benaventurado o político que realiza a unidade.
  • Benaventurado o político que está comprometido en levar a cabo un cambio radical.
  • Benaventurado o político que sabe escoitar.
  • Benaventurado o político que non ten medo
( Da mensaxe de Francisco para a Xornada mundial da Paz do 1-1-2019)

Comentarios

Entradas populares de este blog

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

Domingo Ramos 2025

TRANSFORMEMOS A FLOR MURCHA DA CORESMA NO VERDE ESPERANZADO CARA Á PASCUA   Comézase fóra, a poder ser nun lugar un pouco afastado da Igrexa, para poder camiñar procesionalmente unha vez bendicidos os ramos.  COMEZANDO A CAMIÑAR Xesús púxose en camiño cara a Xerusalén ,escoitaremos na lectura do evanxeo de Lucas. Un camiño que se converte en sinal de contradición. En Xerusalén vivirá a morte; pero tamén alí, na mesma Xerusalén, na resurrección, mostrarase a grandeza e a fondura do Deus que envía ao seu Fillo para ser coma nós. A resurrección é, xa que logo, o triunfo, a esperanza, o punto de chegada dun camiño duro, difícil e cheo de dificultades. Nós hoxe tamén, coma Xesús, poñémonos en camiño cara esa Xerusalén que nos levará da mesa da fraternidade ao triunfo da Noite Santa da vida, pasando pola tristura e o desacougo da Paixón do Venres Santo. Dispoñámonos, poñendo o mellor de nós, a comezar esta andaina de salvación e esperanza. ACOLLENDO A BENDICIÓN DE DEUS Señor, sabénd...