Ir al contenido principal

4 Coresma 2019


4º Domingo de Coresma
Que os pasos de cada día  fagan o camiño deixando atrás o vello, o que desilusiona, o que  entristece e endurece o corazón
Cantos
Entrada.- Todos xuntos  ( 56 )
Lecturas.- Seguirei os teus pasos  ( 103 )
Ofertorio.- Eiqui están          ( 32  )
Comuñón.- Quédate, Señor, connosco  ( 63 )
Sinal de Coresma
Engadimos un novo corazón coa lenda: persoas silenciadas
Oídos atentos
Cando facemos limpeza na casa cústanos a tod@s  decidir que cousas queremos, podemos ou debemos tirar ao lixo porque ocupan espazo pero xa non as utilizamos. E pásanos isto porque tamén ás cousas lle imos tomando cariño, porque fannos lembrar persoas; as persoas que pasaron pola nosa vida deixando pegada, boa ou mala. Por iso pouco a pouco imos acumulando e acabamos por non ter sitio, apesares de ter espazos ou cuartos abondo na casa.
Tamén na vida de fe necesitamos facer oco, ordenar espazos, revisar actitudes e comportamentos, e para iso a liturxia nos vai propondo ao longo do ano os tempos fortes: Advento, Coresma, Pascua... Neste cuarto domingo de coresma poderiamos facer o esforzo para tentar esforzarnos por descubrir e tirar ao lixo aquelas actitudes que, inda que as repitamos moito, non nos aportan nada e nos levan por comportamentos cheos de costumes e faltos de creatividade. Tiremos de nós o vello, traballemos para facerllo oco ao novo, ao que ven, a quen chega! Desde esta clave fagamos logo da coresma tempo de revisión que nos leve a coller a pascua con actitude esperanzada.
Corazón misericordioso
·      Porque nos custa  tirar ao lixo actitudes que nos acomodan e non nos levan a saír da nosa zona de conforto. Señor, que deixemos atrás o vello.
·      Porque nos custa celebrar e ter actitudes positivas e esperanzadas. Cristo, que deixemos atrás o vello.
·      Porque somos superficiais e non nos deixamos reconciliar desde o profundo que nos doe e ata. Señor, que deixemos atrás o vello.
Palabras para remoer o corazón e orientan o noso actuar

·      O paso do tempo, anos e días, vai facendo que moitas veces entremos nunha dinámica de repetición, rutina e canseira. Que fai que pouco a pouco nos deixemos ir, como se foramos robots e fixeramos as cousas sen pararnos a pensar o por que e o como desa maneira de comportarnos e actuar. Nesta situación é sempre moi saudable, física e espiritualmente, facer un alto no camiño e volvernos preguntar onde anelamos as nosas conviccións, de onde se nutren as nosas esperanzas e cales son as agarradoiras que nos axudan e evitan que caemos por barrancos de desesperanza e tristura. Reunirnos, compartir, poñer presenza e interioridade cando participamos nas celebracións, é un dos medios que a Igrexa e a liturxia nos ofrecen. Aproveitémolos e fagamos limpeza interior de retrousos, rutinas e desgaste vital e existencial.
·      O tempo, o momento e a situación non é doada hoxe para un crente. Mesmo aqueles nos que confiabamos e que pensabamos que eran compañeiros na viaxe da vida, resulta que aparecen nos medios de  comunicación como verdugos ante vítimas inocentes, o que nos leva a entrar nunha xeira de desconfianza, decepción e escepticismo, por non acabar de ver a relación entre o crer e vivir do que tantas veces nos tiñan falado, mesmo de xeito canseiro. Pero non ha ser a desesperanza, senón o realismo de saber que moitas veces quen proxecta a voz e presenza de Deus non é Deus, inda que moitas veces  se presentara coma tal, senón, coma nós: limitado, pequeno, pecador e necesitado tamén de perdón e misericordia. Por iso a nosa referencia, que nunca decepciona e sempre acompaña, temos que poñela en Xesús, na súa proposta de vida, na súa mensaxe e na súa coherencia ao achegarse aos pequenos e débiles da sociedade , non para ganarse a súa confianza e sacar partido dela, senón para servir e poñer pingueiras de ilusión, esperanza, compromiso e  solidariedade nos noso corazóns. Entón desde aquí como podemos, tal e como nos dicía o salmo, “gustar e ver o bo que é o Señor”. Esforcémonos logo para deixar atrás o vello e reseco que imos acumulando na vida, e traballemos para non deixarnos levar do que outros din ou nos din. En Cristo comezamos a ser novas criaturas, que esta afirmación sexa eixe  da nosa vida, e nos leve a gozar verdadeiramente da nosa fe. E para iso necesitamos tod@s unha verdadeira reconciliación; deixarnos
·      Os fariseos aparecen sempre en actitude de critica e murmuración, créndose por riba dos demais e  mestres nos que todos tiñan que mirarse. Fronte  a esta actitude altiva  e principesca, Xesús sempre lles vai sacando as cores e denunciando a súa incoherencia entre o que din e o que fan; entre o que lles obrigan a facer aos demais, e o pouco que se esixen a eles mesmos; do puro cumprir interior no que eles se moven, e  a insistencia de Xesús de  mirar ao interior e non deixarse levar de  aparencias. Que forza e actualidade teñen hoxe estas palabras, tanto no interior das nosas comunidades como na sociedade! E canto temos que aprender Daquel que  antes que nada foi testemuña de compromiso e servizo aos máis excluídos e esquecidos daquela sociedade! Para eles a murmuración era  o que os levaba a crerse por riba e a xulgar aos demais. Fronte a eles Xesús chama a superar prexuízos e ser sinceros e honestos con nós mesmos. Que mellor ca neste tempo de coresma para facer esta viaxe! El sempre vai estar á porta agardando que volvamos, que cheguemos para saír ao noso encontro e darnos unha das súas moitas apertas de tenrura.

Confianza desde onde compartir
       Porque Deus sempre acolle e nos agarda, dicimos xunt@s: grazas por non cansar de esperarnos, Señor.
·      Que non esquezamos nunca ,Señor, que  somos unha Igrexa moi necesitada de reconciliación e de deixarnos reconciliar. Oremos. Grazas por non cansar de esperarnos, Señor.

·      Que  valoremos  gran don de poder reunirnos como comunidade para sentirnos alentados, acompañados, que non xulgados, no noso proceso de conversión. Oremos. Grazas por non cansar de esperarnos, Señor.

·      Que saibamos poñernos en camiño e volver  a ti, esquecendo o0s noso prexuízos e sen caer na tentación de crernos mellores e sen necesidade de converternos e cambiar. Oremos. Grazas por non cansar de esperarnos, Señor.

Alenta, Señor, esta nosa tarefa de deixarnos reconciliar contigo, cos irmáns, con nós mesmo e coa casa común que nos acolle. Por Cristo o noso Señor. Amén.
Remoendo para Aquecer o corazón
1.- “ Cando das o primeiro paso cara a reconciliación. Demostras que che importa máis esa persoa que o teu orgullo”.

2.- “ Pedir perdón non sempre significa que estamos equivocados e que a outra persoa está no certo. Simplemente significa que valoramos unha relación moito máis que o noso ego”.

3.-  “ As parellas máis felices non teñen o mesmo carácter, teñen a mellor comprensión das súas diferenzas”.

4.- “ Vivimos esperando a que reaccione primeiro o outr@, e así é como nos quedamos: con mil cousas por dicir, por facer, por sentir, por gozar”.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

2 Nadal 2026

  PERSOAS BENDICIDAS NA PALABRA ENCARNADA     CANTO GOZOSO           - Entrada: Que ledicia (nº 4)          - Lecturas: Con tódalas criaturas (Nº 22)          - Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36)    - Comuñón: Acharte presente (Nº 51)   A MAXIA DE ABRIR OS OLLOS Escoitaremos hoxe na proclamación da palabra que somos persoas bendicidas por Deus. Unha bendición que temos recibido na Palabra Encarnada que, como dicíamos o día de Nadal, faise dos nosos para que nós poidamos ser Del. Pero grazas á Encarnación non só somos persoas bendicidas, senón elixidas para facer do Deus Amor presenza viva a través do noso testemuño.  A isto se nos convida neste tempo de Nadal: no medio de tanto balbordo chámasenos a facer silencio dentro de nós para escoitar a súa chamada; no medio de tanto lucerío invítasenos a descubrir a Luz verda...