Ir al contenido principal

Asunción 2019

NIN MANADAS NIN LOBOS SOLITARIOS: O CORPO DA MULLER NON É UN CAMPO DE BATALLA

CANTO GOZOSO
  • ENTRADA: Xa nos tes aquí (Nº 71)
  • LECTURAS: Noraboa María (Nº 74)
  • OFERTORIO: Camiñar sen Xesús, sen amor (Nº 68)
  • COMUÑÓN: Coa nosa naiciña do ceo (Nº 69)

OLLOS ABERTOS
Estamos de festa. E non unha festa calquera, senón unha festa de festas, porque hoxe lembramos a unha muller sinxela que foi, é e será modelo de crente, de nai, de compañeira, de camiñante, de compromiso coa terra, de valentía e de superación de prexuízos. Si, hoxe a nosa celebración ten nome propio: María, a muller que acolle o silencio para dar a luz á Palabra que xera vida.
E con María queremos lembrarnos hoxe das máis de mil mulleres asasinadas por mor da violencia de xénero. Aínda que algunhas persoas o neguen ou lles pareza un retrouso ou unha moda, a realidade dinos que é esta un tipo de violencia que se cobrou máis de 40 vidas no que levamos de ano, que segou a existencia de máis de cinco crianzas e as ilusións dunha manchea de xente: as vítimas colaterais. 
Asasinatos, violacións, acosos nas rúas, mutilacións, agresións... por que o corpo da muller se ten convertido nun campo de batalla?
Que María, muller forte que nunca recuou e que nos abriu camiños de igualdade, nos axude a non dar nin un paso atrás no noso compromiso coa causa da igualdade, pois só nunha sociedade con igualdade pode medrar a xustiza. 


CO CORAZÓN ENCOLLIDO
  • Polas veces nas que nós tamén nos temos burlado ou temos menosprezado ás mulleres que non se deixan levar polo socialmente establecido; SEÑOR, CAMBIA O NOSO CORAZÓN.
  • Por terlle esixido moito máis ás mulleres á hora de ser valoradas e escoitadas; CRISTO, CAMBIA O NOSO CORAZÓN.
  • Porque son demasiados os comportamentos machistas que consentimos e cos que nós actuamos; SEÑOR, CAMBIA O NOSO CORAZÓN.
UNHA PALABRA QUE DÁ VIDA
  • Nesta sociedade que todas e todos nós construímos prodúcese, no que á muller se refire, un paradoxo difícil de entender. Por unha banda, é innegable que se van dando pequenos pasos cara á igualdade entre homes e mulleres e mesmo por veces parece que se van derrubando os muros nos que se encerraban a creatividade, a opinión, o papel e a voz feminina. Mais ao lado desta realidade, atopamos outra, tamén innegable, que contrasta claramente coa primeira: cada día espertamos cunha nova muller vítima da violencia de xénero; cada día escoitamos ou lemos noticias dunha nova manada de lobos que impune e letalmente sae á caza dunha muller aproveitando a súa forza e o seu poder; cada día sufrimos distintos acosos machistas en forma de “piropos” que intimidan, de insultos que degradan, de silencios cómplices ou de medos que paralizan; cada día temos que loitar duramente para que os homes se fagan cargo dunhas tarefas, as domésticas, que semellan ser patrimonio das mulleres; cada día facemos unha dobre xornada pola que cobramos un 20% menos ca eles nunha única xornada, a laboral... xa que as tarefas domésticas non teñen prezo; cada día temos que renunciar á nosa formación e á nosa independencia para levar a cabo o papel de coidadoras que a sociedade nos outorga. En fin... non é doado ser muller nesta sociedade pensada e feita por homes e para homes. Os datos obxectivos amósannos que, máis alá de leis e boas intencións, a realidade segue a estar marcada polas diferenzas en todos os ámbitos sociais.
  • A esta realidade non é allea a nosa Igrexa, unha institución que conta con milleiros de anos de solera e na que, no nome dunha falsa fidelidade a Xesús, todo, absolutamente todo, se pensou por, para e desde os homes como únicos integrantes, silenciando a voz feminina e, o que é máis grave, relegándoa ao cuarto das cousas inútiles. Non podemos negalo. Non queremos negalo. As mulleres, no mellor dos casos, podemos ser catequistas, cantoras, decoradoras de interiores, limpadoras... pero sempre en silencio, sempre sen poder de decisión, sempre sen voz nin voto. 
  • Mais os plans de Deus non eran, non son estes. Deus enxalzou a María, nai de Xesús, nai da Igrexa e con ela e en ela a todas as mulleres do mundo que hoxe loitamos e traballamos polo camiño que ela nos abriu, un camiño de igualdade, un camiño de corresponsabilidade, un camiño de decisión, un camiño de autonomía e independencia, un camiño sen medos. Desde o principio, desde Eva, o corpo da muller, o mesmo que o corpo do home, é un corpo sagrado, non pode utilizarse, non pode mercarse, non pode venderse, non pode converterse nun campo de batalla, non pode converterse nun lugar no que verter a carraxe e os peores instintos. 
  • Que María, muller, crente, sinxela, pequena, acolledora, autónoma, independente... nai, nos axude a que esta Igrexa, patriarcal e machista, mude o seu rostro para facer resplandecer nela o rostro materno de Deus, que derruba do trono aos poderosos, aos machistas, aos carreiristas e ergue á xente pequena, servidora e sinxela, que traballa pola felicidade das persoas irmás.
ORAMOS EN COMUNIDADE
Como comunidade crente, alegre e esperanzada que celebra a festa na honra da Nosa Señora, presentamos a Deus as nosas peticións e dicimos: 
DITOSAS NÓS, POR TEMOS CRIDO
  • Pola Igrexa, para que nunca esqueza, silencie ou rexeite ás mulleres, e así sempre estea disposta a mostrar o rostro materno de Deus, que acolle sen pedir contas, OREMOS.
DITOSAS NÓS, POR TEMOS CRIDO
  • Para que nas nosas comunidades saibamos valorar o labor e o esforzo de tantas mulleres que unen traballo, maternidade e coidado dos maiores, poñéndolle rostro e nome ao amor e ao servizo, OREMOS.
DITOSAS NÓS, POR TEMOS CRIDO
  • Para que non se afaga o noso corazón á indiferenza de ver cada día como hai mulleres que son asasinadas, violadas, maltratadas, vendidas ou mercadas mentres nós permanecemos calados, OREMOS.
DITOSAS NÓS, POR TEMOS CRIDO
  • Para que, sen deixar de mirar ao ceo de onde recibimos a forza e o estímulo para non quedar nunca quedos, nos esforcemos por poñer os pés no chan traballando cada día para que o corpo da muller deixe de ser un campo de batalla, OREMOS.
DITOSAS NÓS, POR TEMOS CRIDO
Grazas, Señor, por invitarnos hoxe e sempre a valorar o corpo da persoa como algo sagrado. P.X.N.S. Amén.

PREGARIA
Grazas, Deus Pai, por regalarnos a María,
nai nosa na fe, na esperanza e no amor,
muller de pobo, humilde, labrega. 
Bendita ti entre todas as mulleres!!!
Grazas, Señor, porque con ela aprenderemos a fiarnos de Ti,
a aceptar e acompañar os seus proxectos,
aínda que por veces nos parezan escuros e sen saída.
Bendita ti entre todas as mulleres!!!
Grazas, Deus, porque con ela poderemos experimentar con alegría,
no máis fondo do noso corazón, da nosa vida,
que Ti es todo misericordia.
Bendita ti entre todas as mulleres!!!
Grazas, Pai, porque con ela descubriremos nós tamén a nosa pequenez,
envolta toda ela na túa ollada agarimosa,
que comprende, dignifica e enaltece.
Bendita ti entre todas as mulleres!!!
Grazas, Señor, porque con ela decatarémonos de que a historia 
da humanidade non é unha historia orfa de graza e dinamismo,
senón que toda ela está cruzada pola urxencia do teu amor.
Bendita ti entre todas as mulleres!!!
Grazas, Señor, porque con María descubriremos
o valor da muller, das mulleres,
na historia da nosa vida, do noso pobo, da humanidade,
e tratarémola como nai total das nosas vidas. 
Bendita ti entre todas as mulleres!!!

Comentarios

Entradas populares de este blog

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...