Ir al contenido principal

20 Domingo TO C 2019

A BUSCA DO BEN COMÚN UN COMPROMISO QUE ABRANGUE A TÓDALAS PERSOAS SEN EXCEPCIÓN
Cantos

Entrada.- Que ledos (Nº 5)
Lecturas.- Déixate querer (Nº 61)
Ofertorio.-  Cantádelle ao Señor (Nº 23) 
Comuñón.-  Pan do ceo ( Nº 53) 

Oídos atentos
Volve Xesús a empregar, no Evanxeo de hoxe, unha linguaxe forte e desconcertante para insistir sobre a necesidade de acoller a fe con radicalidade, sen buscar xustificacións que a convertan nun simple entretemento de tempo e de prácticas de piedade. Acoller o Evanxeo, e con el a persoa de Xesús, esíxenos ás persoas que queremos seguilo, estar en permanente actitude de non deixar que a dignidade que El puxo en nós, e que polo tanto compartimos, sexa rebaixada por nada nin por ninguén. O fin non xustifica os medios cando falamos da defensa das persoas, de tódalas persoas. Nin as fronteiras, nin as relixións, nin os bens materiais son razón para o desprezo e a humillación dos seres humanos.

Corazón misericordioso
  1. Porque os nosos intereses pesan máis que a dignidade das persoas, SEÑOR, QUE NON MENOSPRECEMOS A DIGNIDADE HUMANA.
  2. Porque falamos de máis e non recoñecemos os nosos erros; CRISTO, QUE NON MENOSPRECEMOS A DIGNIDADE HUMANA.
  3. Porque xustificamos o que facemos mal, e somos estritos e duros cos erros dos demais. SEÑOR, QUE NON MENOSPRECEMOS A DIGNIDADE HUMANA.

Palabras que remoen o corazón e orientan o noso actuar
  1. “Este home non está a busca-lo benestar para o pobo”. Esta frase da profecía de Xeremías móstranos que pensar no ben das persoas, do pobo, da comunidade é unha fenda que teñen non só os gobernantes de hoxe, senón que este esquivar as preocupacións e dificultades foi sempre unha actitude moi presente naqueles que se presentaban como servidores e xestores do ben do pobo, do ben común. Isto fainos ver a actualidade da palabra de Deus. Pero Xeremías non só constata a ausencia de interese polo ben común, senón que chama a superar este desleixo e urxe a non consentilo, o que supuña ser activos e comprometidos, tentando unir e non separar; esforzándose polo que é importante para tod@s, e non só polo que é interese persoal e individual. Pasan os anos, pero non pasan os xeitos de achegarse e buscar solución aos problemas. Hoxe, miles de anos despois, con toda a actualidade, estas afirmacións do profeta Xeremías non só nos fan ver que a palabra de Deus non pasa de moda, senón que nos pide unha actitude proactiva e sempre atenta a buscar unión para non calar fronte a quen abusa ou utiliza a mentira e o engano para o seu propio interese persoal. Por iso é máis doado, como ocorreu con Xeremías, facer desaparecer a quen denuncia o mal actuar dos dirixentes, que tentar buscar solucións a canto non se fai ben. E disto, como xa sabemos, non andamos faltos, parece.

  1. Na tarefa de non calar ante as inxustizas, a pesares das consecuencia que isto nos poida supoñer, non estamos sos. O Señor, que sempre é o noso socorro e a nosa axuda, vainos dando azos e fainos sentir a forza da súa presenza ante os nosos medos e dúbidas. Por iso os nosos ollos non só ven, senón que tentan mirar con fondura para descubrilo en todas aquelas situacións e compromisos que levan a tantas persoas hoxe en día, a deixar as súas seguridades para emprender a tarefa de poñer a súa vida ao servizo das causas de todas e todos. Non temos máis que fixarnos en quen arriscan a súa vida e seguridade para rescatar migrantes que ven perigar no mar a súa vida; persoas que deixan a súas seguridades e percorren o mundo denunciando que se non o tomamos en serio, dentro de pouco, a nosa casa común será un lugar irrespirable no que xa non poderemos vivir; persoas que non calan ante as agresións de nen@s e mulleres aos que, quen ten poder, tenta humillar e dominar. En fin, son hoxe, para ben, moitas as pegadas de presenza de Deus onde vemos que outro mundo é posible, e que os cristiáns non podemos afastarnos ou poñernos de costas a el. Francisco, non cansa de repetilo constantemente, sendo el o primeiro en dar o paso e comprometerse coas súas decisión de limpar a Igrexa do pecado dos seus dirixentes; e de non calar ante as mentiras dos gobernantes do noso mundo.

  1. Desde este compromiso a vencer medos e a non pechar bocas, é desde o que hai que entender o evanxeo que acabamos de escoitar. Nun ton apocalíptico móstranos como o evanxeo, e desde el a fe que temos que vivir e poñer en práctica, non é un relato a favor dos poderosos, nin unha defensa de privilexios e prebendas, senón unha actitude permanente a actuar buscando que a dignidade que Deus puxo en nós, e que nos iguala por riba de continentes, linguas ou razas, non sexa nin silenciada nin oprimida. E esta é a tarefa que temos os crentes, pequenos e grandes por diante. Pero educarnos desde este xeito de vivir o evanxeo suponnos que temos que deixar atrás prácticas e ritos que foron empobrecendo a vivencia e a frescura/fondura da fe; e que levaron a moitas persoas a darse de baixa –afastarse- como membros das nosas comunidades cristiás. Esforcémonos entón por volver ao que é a raíz do que cremos: o Evanxeo, e tratemos de vivilo, sen medo nin trasfego, facendo as cousas ben e non deixándonos vencer nin polos medos nin polas ameazas.

Confianza desde onde compartir
    Convocados por Deus Pai, e invitados a ter sempre os ollos ben abertos, rezamos comunitariamente  traendo a nosa oración as esperanzas e desalentos dos homes e mulleres do noso tempo . Facémolo dicindo:
Que saibamos ir da túa man, Señor.
  1. Para que sexamos unha Igrexa de acollida e non unha cárcere de exclusión e condena. Oremos. Que saibamos ir da túa man, Señor.

  1. Para que as nosas comunidades non se esgoten no desánimo e a desilusión, senón que saibamos recuperar a frescura dunha fe que nos urxe a poñer o corazón e os esforzos  nas persoas. Oremos. Señor, que non menosprecemos a dignidade humana.

  1. Para que non teñamos medo a dar razón da nosa esperanza desde o compromiso por poñer nos corazóns e vidas das persoas paz, acollida, misericordia e servizo desinteresado ante os problemas e dificultades que chegan cada día. Oremos. Señor, que non menosprecemos a dignidade humana.

Alenta, Señor, o noso esforzo por traballar por un mundo máis igualitario, servizal e con capacidade de vivir a xenerosidade con quen ten ou se sente menos. Por Cristo o noso Señor. Amén.
Remoendo as nosas seguridades

A ledicia do Evanxeo enche o corazón e a vida enteira dos que se encontran con Xesús. Os que se deixan salvar por El son liberados do pecado, da tristeza, do baleiro interior, do illamento. Con Xesucristo sempre nace e renace a ledicia. Nesta Exhortación quero dirixirme aos fieis cristiáns para invitalos a unha nova etapa evanxelizadora marcada por esa ledicia, e indicar camiños para a marcha da Igrexa nos próximos anos.
O grande risco do mundo actual, coa súa múltiple e abrasadora oferta de consumo, é unha tristeza individualista que xorde brota do corazón cómodo e avaro, da busca enfermiza de paceres superficiais, da conciencia illada. Cando a vida interior se pecha nos propios intereses, xa non hai espazo para os demais, xa non entran os pobres, xa non se escoita a voz de Deus, xa non se goza a doce ledicia do seu amor, xa non palpita o entusiasmo por facer o ben. Os crentes tamén corren ese risco, certo e permanente. (Francisco, E.G., 1 e 2)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...