Ir al contenido principal

21 Domingo TO C 2019

O medo encóllenos e fainos persoas desconfiadas e sen capacidade de reacción. A confianza danos azos para descubrir a quen camiña ao noso lado
Cantos
Entrada.- Camiñarei na presenza do Señor ( 12 )
Lecturas.- Ide e pregoade ( 55 )
Ofertorio.- Con tódalas criaturas ( 22 ) 
Comuñón.-  Non vou so ( 60 )

Oídos atentos
Volvemos xuntarnos no domingo, día do Señor. Si, pero tamén xornada para compartir, dialogar, conversar sen as presas dos días da semana. Aproveitemos tamén a celebración que agora comezamos para, sen présa, dialogar co Señor desde a vida, compartindo tempo e ledicia coas persoas ás que nos unen os lazos da fe e a tarefa de ser construtores de confianza e colaboración.
Corazón misericordioso

  1. Ante os nosos medos e incertezas. Señor, grazas por collernos das mans
  2. Ante a tentación de mirar ao pasado buscando o que xa non vai volver. Cristo, grazas por collernos das mans.
  3. Ante a nosa teimosía  de non recoñecer que nos falta ilusión para seguirte e facernos dos teus. Señor, grazas por collernos das mans.

Palabras que remoen o corazón e orientan o noso actuar


  1. O salmo que acabamos de ler/cantar fainos unha achega con carácter imperativo: ide. Pero non debemos ir de calquera xeito, senón con actitude de transmitir, compartir, pregoar o que vivimos e que para nós é importante. Desta actitude é da que nos falan hoxe os tres textos que temos proclamados: vencer a tentación do inmobilismo, de mirar sempre e so para atrás, de non arriscar na busca de algo novo, de non cansar de ser testemuñas ilusionad@s e ilusionantes do proxecto do Deus de Xesús para todas e todos, sen exclusión sen diferenzas. E para iso temos que aprender a seleccionar, escoller, sopesar... discernir. E nesta tarefa esta o sinal do que nos fala a profecía de Isaías: perde-lo medo e arriscar.

  1. Somos de memoria fráxil e selectiva, polo que  imos gardando recordos que nos interesan e esquecendo aqueles que nos supoñen ter que volver sobre situacións difíciles e nada doadas polas que temos pasado. Madurar, crecer, descubrir que a liberdade é un continuo buscar e non deixarse  dominar nin polo forte nin pola comenencia, supón non perde-la memoria para aprender do xa vivido. Non para repetilo, cada situación e momento é diferente, senón para non volver cometer o mesmo/s erro/s. A educación, tamén a educación na fe , é un proceso no que imos descubrindo  e crecendo. Un proceso no que sabemos onde está o comezo e cara onde imos, pero todo o demais témolo que ir construíndo, e iso non o podemos facer sos, senón que nos necesitamos uns aos outros para ir facendo o camiño.

  1. Constantemente ao longo do Evanxeo aparece Xesús en actitude activa; móvese constantemente, non queda quieto, non se deixa levar dos desacougos e dificultades que lle van chegando. E isto vémolo claramente no evanxeo que vimos de proclamar. Xesús ten moi claro, froito da súa reflexión e do diálogo orante con Deus Pai, que El é misioneiro, o que lle supón desenvolver a tarefa encargada. Por iso non espera, vai. Que lonxe e diferente de nós! Estamos tan afeitos – a rutina do tempo e o relixioso como rito, non como decisión persoal froito da decisión reflexionada – a que nos veñan que neste momento no que a xente se vai e deixa as igrexas baleiras non sabemos como actuar; como vivir a fe neste, para nós, no pequeno, sinxelo e minoritario. A resposta diante desta situación leva a algunhas das persoas que conforman a Igrexa a busca-la tranquilidade no permanente mirar atrás. A outros tempos, tentando repetir esquemas, estereotipos, proxectos pastorais do pasado .  Coidan que os problemas actuais das nosas comunidades e a chamada “apostasía silenciosa “ que estamos a vivir, teñen solución na volta a propostas pastorais de hai vinte, trinta, corenta... anos . Sen decatarse de que o Evanxeo  non se move pola convocatoria de xente, senón pola capacidade de chegar aos corazóns das persoas e cambialos para facer o que dignifica, une, respecta e fai posible ver a presenza de Deus nas persoas que van quedando polo camiño e das que ninguén se lembra nunca. O noso ser Igrexa ten que mostrase non na nostalxia de mirar ao pasado, senón en dar testemuño da fe en Xesús no presente, no noso hoxe. E iso non  pode ser unha simple repetición de actos que xunten xente, senón un compromiso de abrir camiños novos, diversos e sempre respectuosos para poder achegarnos ás persoas , camiñar ao seu lado sendo caxato onde poder apoiarse de descansar. Por iso dicimos que no é doado, porque non hai solucións aos problemas e situacións , novas ou non, que cada día nos van aparecendo . 

  1. A elas xa non podemos responder con un esquema fixo e aprendido, senón que teremos que ir construíndo resposta xunto con outr@s, desde o provisorio, sen dar por bo o que para antes valeu; tentando, nunha palabra, de construír  de xeito humilde un camiño desde o discernimento e paseniñamente, de xeito tranquilo. Porque cada persoa é diversa e plural, e o acompañamento tamén ha ser diferente – na poliedría eclesial, as respostas han ser tamén poliédricas -. A fe xa non admite pilotos automáticos. E como nos custa entender e sacar consecuencia desta afirmación! Tanto papa, bispos, curas como segrares, tod@s nós temos que facer o esforzo por pensar máis e non caer na tentación de repetir o que xa nin enche nin da sentido aos problemas e situacións diversas polas que pasamos as persoas hoxe. Renovar é tomar en serio o evanxeo e preguntarnos: ante esta situación, como o evanxeo pode ser a miña guía e luz para na busca de respostas. E este é un traballo que leva tempo, e a iso non estamos, nin uns nin outros acostumados. Na cristiandade a Igrexa tíñao todo controlado e daba respostas para todo. Hoxe xa esa receita xa non vale, porque non se necesitan receitas senón testemuños que fagan visible que o seguimento de Xesús enche corazóns e transforma vidas e persoas desde o amor e para o ben común solidario e participativo. E esa é a porta pola que temos que entrar sen desacougarnos nin sentírmonos acomplexados por ser poucos!, ao contrario, canto máis estreita sexa a porta, maior valor e forza terá o noso esforzo por dar razón da nosa esperanza en Xesús. O tesouro  témolo, o que nos fai falla é ofrecelo e compartilo con quen aínda non ten chegado a el! O que nos supón superar a tentación de quedar quietos a laiarnos, para, coma El, poñernos en camiño as veces que faga falla.



Confianza desde onde compartir
Deixándonos levar da túa man, facemos da oración comunitaria alicerce onde asentar a fe e dicimos:  Que vaiamos e pregoemos coa tenrura da túa acollida.

  1. Para que sexamos unha Igrexa fogar na que caibamos tod@s, e ninguén se sinta so. Oremos. Que vaiamos e pregoemos coa tenrura da túa acollida.
  2. Para que venzamos os noso medos e apostemos por ser comunidades máis pequenas, pero moito máis ricas en ilusión, proxectos e capacidade de  participación. Oremos.. Que vaiamos e pregoemos coa tenrura da túa acollida.

  1. Para que aprendamos a poñer a mirada nas necesidades das persoas, e non nos noso prexuízos cara elas, e non teñamos medo a tendérllela man. Oremos. Que vaiamos e pregoemos coa tenrura da túa acollida.

Señor, na oración comunitaria compartimos o mellor de nós; que nos esforcemos por vivir canto agora poñemos baixo a túa guía. Por Cristo o noso Señor. Amen.

Remoendo as nosas seguridades

Hoxe  que a Igrexa quere vivir unha profunda renovación misioneira, hai una forma de predicación que nos compete a tod@s como tarefa cotián. Trátase de levar o Evanxeo ás persoas que cada un trata, tanto ás máis achegadas como ás máis descoñecidas . É a predicación informal que se pode realizar no medio dunha conversa e tamén é a que realiza a persoa misioneira cando visita un fogar. Ser discípulo é ter a disposición permanente  de levar a outr@s o amor de Xesús e iso prodúcese espontaneamente en calquera lugar: na rúa, na praza, no traballo nun camiño… ( E.G. 127 )  .

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Cristo Rei 2025

  UN REI DE SERVIZO NUN MUNDO PRECISADO DE ACOLLIDA E ESCOITA: XESÚS CRISTO CANTO GOZOSO   ·        ENTRADA .- Que ledos hoxe estamos (  ) ·        LECTURAS .- Moito me alegrei (  ) ·        OFERTORIO.-  Na nosa terra ( 36 ) ·        COMUÑÓN.-  No colo de miña nai   ESCOITA ACTIVA          Remata hoxe o ano litúrxico que comezabamos o primeiro domingo de Advento, hai xa un ano. Un ano de ledicias e tristuras, de esperanzas e desacougos, de loitas e cansazos, pero sempre guiados pola forza e a presenza de Xesús o Mestre, aquel que pasou facendo o ben e tendendo a man a quen ía atopando ao longo do camiño.          E hoxe, como remate deste camiñar, celebramos a festa de Cristo Rei coa que queremos poñer de manifesto que o seu r...