Ir al contenido principal

15 Domingo To B 2021

 DOMINGO XV DO T.O.

Canto gozoso

  • ENTRADA: Andarei na presenza do Señor (nº 11)

  • LECTURAS: Non vou so (Nº 60) 

  • OFERTORIO: Eu sei de quen me fiei (Nº 64)

  • COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55)


Ollos abertos

A miúdo laiámonos da perda de poder da Igrexa na sociedade e mesmo nas nosas comunidades: somos poucas persoas, somos maiores...Contra esa tentación de ancorarnos na nostalxia de que calquera tempo pasado foi mellor, advírtenos hoxe Xesús. Non é malo perder o poder, a seguridade e o prestixio social que tivemos cando a Igrexa o dominaba todo. Pode ser un factor positivo se nos conduce a unha vida máis fiel a Xesús. O poder non transforma os corazóns; a seguridade do benestar afástanos das persoas pobres; o prestixio énchenos de nós mesmos. Xesús, pola contra, imaxina ás persoas seguidoras súas doutro xeito: liberadas de ataduras, identificadas cos últimos, coa confianza posta totalmente en Deus, curando a quen sofre, buscando para todas as persoas a paz. Só así seremos quen de introducir no mundo o seu proxecto.

Corazón misericordioso

  • Por ter calado ou mirado cara outro lado diante de tantas e tantas inxustizas, sen ter o valor de denuncialas profeticamente, SEÑOR, MÓSTRANOS A TÚA MISERICORDIA.

  • Porque non valoramos nin agradecemos na nosa vida cotiá o feito de que nos escollas para sermos fill@s e mensaxeir@s do teu amor, CRISTO, MÓSTRANOS A TÚA MISERICORDIA.

  • Porque na nosa vida de fe somos moito máis partidarios de impoñer que de espertar e invitar por medio do testemuño dunha vida coherente, SEÑOR, MÓSTRANOS A TÚA MISERICORDIA.

Palabra Proclamada

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE AMÓS

Despois díxolle Amasías a Amós:

  • "Vidente, vaite, fuxe para a terra de Xudá; come alí o teu pan, fai alí de profeta, mais en Betel non volvas profetizar pois é santuario real, é templo nacional".

Respondeu Amós e díxolle a Amasías:

  • "Nin eu son profeta, nin da caste dos profetas, xa que son gandeiro e coidador de sicómoros, mais foi Iavé quen me colleu de trala grea e foi Iavé quen me dixo: vai profetizar ó meu pobo Israel.

PALABRA DO SEÑOR

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE PAULO AOS EFESIOS

¡Bendito sexa o Deus e Pai do noso Señor Xesús Cristo, que por medio de Cristo nos bendiciu no ceo con toda clase de bendicións do Espírito! Porque nos escolleu antes da formación do mundo, para que fosemos santos e sen mancha perante El polo amor.

El decidiu xa daquela facernos fillos por medio de Xesús Cristo, para El, conforme o designio da súa vontade, para loanza da súa gloriosa benquerenza, coa que nos agraciou no Fillo amado, quen co seu sangue nos acadou a redención e o perdón dos pecados, en proba da xenerosidade da súa graza. E fíxoa rebordar sobre nós con toda sabedoría e intelixencia, ó nos descubrir o misterio da súa vontade, conforme o designio que El tiña para levar a historia á súa plenitude e, por medio de Cristo, levar a cabo a unidade do universo, do que hai no ceo e do que hai na terra.

Por El tamén nós tivemos a sorte de resultar preelixidos segundo o designio daquel que activa todo conforme o proxecto da súa vontade, para sermos imaxe da súa gloria os que xa antes tiñamos a esperanza en Cristo.

Vós tamén, despois de escoitardes a mensaxe da verdade, o Evanxeo da vosa salvación, e crerdes nel, quedastes selados co Espírito Santo prometido, que é garantía da nosa herdanza, para redención dos que chegamos a ser propiedade del, para loanza da súa gloria.

PALABRA DO SEÑOR

PROCLAMACIÓN DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO MARCOS

Entón chamou os Doce, e empezou a mandalos de dous en dous, dándolles poder sobre os espíritos malos. Recomendoulles que non levasen nada para o camiño, fóra dun caxato: nin pan, nin alforxas, nin cartos na faixa. Que calzasen sandalias, pero que non levasen máis ca unha túnica. E avisounos:

  • Cando entredes nunha casa, permanecede nela ata que vos marchedes. Se nalgún lugar non vos acolleren nin vos escoitaren, ídevos, sacudindo o po dos vosos pés, para que lles sirva de aviso.

Marcharon, e predicaron a conversión. Botaban fóra moitos demoños, e curaban os enfermos, unxíndoos con aceite.

PALABRA DO SEÑOR

Palabra remoída

  • As lecturas de hoxe chámannos a tomar conciencia da nosa tarefa: somos persoas enviadas. Desde esta afirmación entendemos o que nos di Paulo de que fomos elixid@s na persoa de Cristo, para ser mediador@s da súa presenza, sendo a súa voz, o seu corazón e as súas mans. Isto supón ter os ollos ben abertos e o corazón enchido de misericordia para sermos capaces de descubrir a Cristo no irmán e na irmá. Só así seremos quen de construír a fraternidade universal á que se nos chama.

  • O o “aquí estou” co que cada unha e cada un de nós respondemos ao envío de Xesús, esixe de nós dispoñibilidade para escoitar e acompañar e empatía para sermos capaces de poñernos no lugar da outra persoa, sen xulgar nin ostentar situacións de dominio ou privilexio. Porque Xesús non envía aos seus discípulos de calquera xeito, senón dun xeito determinado e moi concreto que hoxe nos lembra Marcos no seu evanxeo:

    • non lles dá poder sobre as persoas que irán atopando no seu camiño, senón autoridade para liberalas do mal; é dicir, os seus discípulos humanizarán a vida, aliviarán o sufrimento e farán medrar a liberdade e a fraternidade.

    • só levarán caxato e sandalias, pois Xesús imaxínanos como persoas en camiño, nunca instaladas nos nosos lugares de conforto. 

    • sen pan, sen alforxa, sen cartos, para que non vivamos agoniados pola nosa propia seguridade, non vaia ser que un día nos esquezamos das persoas pobres e nos encerremos no noso propio benestar sen buscar e traballar polo ben común. 

    • sen túnica de reposto, para sermos profetas e a nosa vida sexa sinal de cercanía de Deus, compañeiro nesta viaxe da vida.

Oración da comunidade

Con sinxeleza de corazón e co compromiso de traballar por ir cambiando o que nos afasta de Ti, dicimos:

QUE A VERDADE NOS FAGA LIBRES

  • Pola Igrexa, para que non viva nin do triunfalismo de que sempre o fai ben e de que a única e a mellor nin da nostalxia de que calquera tempo pasado foi mellor, OREMOS.

QUE A VERDADE NOS FAGA LIBRES

  • Polas nosas comunidades, para que non nos deixemos levar da superficialidade e saibamos poñer no centro do noso sentir e do noso actuar ás persoas pequenas e marxinadas, OREMOS.

QUE A VERDADE NOS FAGA LIBRES

  • Para que cada un e cada unha de nós descubramos na nosa vida a ledicia de sabérmonos persoas salvadas, queridas e enviadas por Deus, OREMOS.

QUE A VERDADE NOS FAGA LIBRES

Grazas, Señor, por invitarnos a valorar e sentir o gozo de sermos crianzas dun Deus que nos quere e nos invita a querer aos demais. PXNS. Amén.

Recendo de gratuidade

Xesús, as cousas que ti viviches e ensinaches atráennos moito.

Nós queremos colaborar contigo, coma Pedro e André, coma Santiago e Xoán, coma a Magdalena, Xoana e Susana.

Nós pouco sabemos, pouco valemos e pouco podemos; pero no que saibamos, vallamos e poidamos, conta con nós.

Para andar as terras da nosa parroquia á túa sombra e no teu nome, conta con nós.

Para ser pequenas testemuñas túas e das túas cousas de alivio para a xente ferida pola vida, conta con nós.

Para ser unha persoa máis neste pequeno grupo de irmáns e irmás que queremos experimentar a felicidade da comunidade, conta con nós.

Para o que Ti queiras, conta con nós.

Grazas por te fixares en nós e por escollernos.

Agora e sempre, pase o que pase, conta con nós. 

Regal, M. “Xesús, aquel home de aldea” p. 36 


Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

4 advento 2023

  Advento, tempo de Xenerosidade Sinal de Advento .- Engadimos un novo elemento ás miradas con corazón deste Advento, a Xenerosidade Cantos          Entrada.-   Volve, Señor ( 90 ) Lecturas.- Benaventurados ( 119   ) Ofertorio.-   Velaqui Señor o viño ( 37) Comuñón.-   Xesús chamado amigo   ( 89 ) Abrindo o corazón Chegamos ao final de traxecto deste tempo de Advento. Ao longo destas catro semanas fóisenos invitando a facer un fondo proceso de revisión das nosas actitudes e comportamentos. E non era calquera o que nos invitaba, foi a voz de Xoán Bautista a que nos ía marcando este camiño que tiñamos que preparar cada un e cada unha de nós de maneira repousada, tranquila, sincera e liberadora. E para que? Para poder chegar a esta noite co corazón preparado para acoller nel ao neno que chega para traernos ilusión, esperanza, xenerosidade e, por riba de todo, a salvación. É dicir, sentido e horizonte para a nosa vida. Unámonos logo par co

Trindade 2023

Deus sempre é comuñón sinodal: Pai, Fillo e Espírito Santo CANTOS Entrada.-  Camiñarei  (  )          Lecturas.-  As túas palabras Señor son espírito e vida  (  )          Ofertorio.-  Recibe, Señor  (   )          Comuñón.-  No colo de miña nai  (  ) OÍDO Á ESPREITA          Comezabamos cantando camiñarei na presenza do Señor. Si, porque é a súa presenza a que nos vai alentando e animando neste noso camiñar cotián; un camiñar que non sempre é doado, pero si está sempre acompañado pola súa presenza. Porque, nunca, nunca camiñamos sos. O  Deus Pai ,  Fillo  e  Espírito Santo móstrannos o seu amor facéndose compaña agarimosa. E se nós non camiñamos sos, tampouco o fan os demais, porque Deus sempre está, inda que moitas veces non queiramos recoñecelo.          Nesta mañá na que nos xuntamos para celebrar a fe esforcémonos por descubrir a súa presenza neste nos camiñar. Para que non camiñemos nunca ao chou, e si seguindo as pegadas daquel que sempre estira a man cara nós para que a collamo