Ir al contenido principal

32 domingo To C 2022

 GRAZAS POR TANTO

Canto gozoso

  • Entrada.- Unha parroquia nova ( ).
  • Lecturas.- Canta Aleluia ( 21).
  • Ofertorio.- Grazas, Señor, graciñas ( 50 ).
  • Comuñón.- Oh, Señor, escólleme ( 62).

Ollos abertos

Hoxe é o domingo XXXII Domingo do Tempo Ordinario. Estamos a piques de rematar o ano litúrxico, e a Palabra de Deus Invítanos a pensar sobre o sentido pleno da vida, sobre a esperanza da resurrección. Escoitaremos hoxe algo que todas e todos sabemos: que somos persoas viaxeiras de paso. Un pasar que nos vai conducindo ata a plenitude en Deus.

Tamén celebramos hoxe o día da Igrexa Diocesana, que este ano ten como lema “Moitas grazas”. Grazas por atopar nela o berce onde se nos acolle e escoita; o berce onde se nos alenta e aloumiña; o berce desde o que descubrimos o sentido comunitario da vida.

Sentíndonos parroquia unida a outras moitas parroquias que se reúnen e comparten, comecemos a celebración.



Corazón misericordioso

Ti, que viñeches a acoller e escoitar: SEÑOR, SEGUE CONNOSCO

Ti, que sempre tiveches tempo para dedicar ás persoas. CRISTO, SEGUE CONNOSCO.

Ti, que nunca nos dás as costas; SEÑOR, SEGUE CONNOSCO.

Palabra Proclamada

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO SEGUNDO DOS MACABEOS

Aconteceu que meteron na cadea a sete irmáns e a súa nai, e o rei mandou que os azoutasen con trallas e vergas para facer que comesen carne de porco, cousa prohibida pola Lei. Un deles falou deste xeito no nome de todos:

Que é o que queres conseguir de nós? Estamos dispostos a morrer antes que quebranta-las leis dos nosos maiores.

O segundo, cando xa estaba nas últimas, dixo: Ti, criminal, quítasno-la vida presente, pero o rei do universo hanos resucitar para unha vida eterna a cantos morremos pola súa Lei.

Despois deron en meterse co terceiro. Mandáronlle botar fóra a lingua e fíxoo de contado; estendeu as mans todo decidido e dixo con valentía:

De Deus recibín estes membros, e pola súa Lei os entrego; espero recibilos del novamente".

O rei e os que estaban xunto del quedaron abraiados polo valor do rapaz que non tiña medo ós tormentos. Cando este morreu, torturaron de xeito semellante ó cuarto; e cando estaba xa para morrer, dixo:

Paga a pena que os homes maten a un, cando se espera que Deus nos vai resucitar. Pero ti non has resucitar para a vida.

Palabra do Señor.

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA SEGUNDA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS TESALONICENSES

Irmáns e irmás:

O mesmo Señor noso Xesús Cristo e mais Deus, o noso Pai, que nos amou e que nos deu gratuitamente azos duradeiros e boa esperanza, vos dea ánimos e vos afinque en toda obra e palabra boa.

Polo demais, irmáns, rogade por nós, para que a mensaxe do Señor se difunda e se acolla con honor como pasou entre vós, e deste xeito nos vexamos libres da xente descamiñada e perversa: pois a fe non a teñen todos. Pero o Señor é fiel e afincaravos e protexeravos do Malo. Tocante a vós, fiámonos no Señor de que estades facendo e de que continuaredes a facer canto vos temos mandado. Que o Señor encamiñe os vosos corazóns ó amor de Deus e á paciente espera do Cristo. Palabra do Señor.

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

Chegaron algúns saduceos eses que negan que haxa resurrección e preguntáronlle a Xesús:

Mestre, Moisés deixou escrito: "Se lle morre a alguén o seu irmán sen deixar fillos, que case coa viúva de seu irmán, para lle dar descendencia". Pois dunha vez había sete irmáns. O primeiro casou, e morreu sen fillos. Despois casou con ela o segundo; e logo o terceiro; e así os sete foron casando coa viúva, morrendo tamén sen deixar fillos. O cabo, morreu tamén a muller. Ora, cando resuciten, ¿de cal deles vai se-la muller, se estivo casada cos sete?

Xesús contestoulles:

Neste mundo os homes e mailas mulleres casan entre eles. Pero os que sexan dignos da vida futura e da resurrección de entre os mortos, non casarán nin eles nin elas, pois non poden morrer. Son coma anxos, e son fillos de Deus por naceren na resurrección.

E que resucitan os mortos, ben o deixou indicado Moisés, cando dixo do Señor, no episodio da silveira: O Deus de Abraham, o Deus de Isaac e o Deus de Xacobe. E Deus non é un Deus de mortos, senón de vivos, para El todos están vivos. Palabra do Señor

Palabra remoída

Do sentido da vida fálannos hoxe as lecturas que acabamos de escoitar. Un sentido que, a pouco que nos paremos a pensar sobre el, non está nin en ter moito nin en mandar moito sobre os demais. Para nós, as persoas crentes o sentido da vida é descubrir que non estamos soas nin esquecidas e que si, importamos e somos persoas valoradas. Que paga a pena estar no mundo. Pero claro, isto tamén esixe resposta pola nosa parte. En quen podemos atopar acollida, escoita, alento, compaña...? ben claro está que non imos atopar en quen prefire o seu eu ao nós. E polo tanto non nos sentiremos respectados/as (inda que moitas veces nolo digan para aproveitarse de nós), nos: que mandan no mundo, nos que se cren importantes e por riba dos deimas, nos que só buscan saír nos medios de comunicación para que os vexan, nos... que non poñenás persoas, ás persoas reais e concretas no seu corazón e no centro do seu actuar. E destas hai poucas. Por iso non debemos deixarnos enganar. Temos que aprender a escoitar, pero non unha soa voz, senón varias. Porque entre varias voces sempre acaba estando o ben e a verdade. Cando só escoitamos unha voz, somos persoas facilmente manipulables e enganadas.

Pero ademais das persoas, que temos que ser mediación da presenza de Deus, a plenitude do que somos e facemos só podemos descubrila en Deus. Pero non un Deus que entretén con ritos e que mete medo con condenas e infernos. Non, o Deus que é para nós guieiro só podemos atopalo en Xesús. No seu xeito de dicir as cousas, na súa maneira de achegarse ás persoas, no modo no que miraba e prestaba atención ao que lle dicía. E se nos fixamos nel non é para aplaudirlle, é para poñernos en camiño e seguilo no xeito de facer as cousas e actuar cada día. E aí si, aí si que imos descubrindo que somos xente de paso, que temos un comezo e un final, e que ese final non é de morte, como tantas veces cantamos e rezamos. É un final de plenitude e resurrección. Un final de esperanza.

Unha esperanza que non agardamos atopar só cando remate a nosa pelegrinaxe, non. A esperanza na que camiñamos as persoas crentes vivímola de xeito comunitario, con outras persoas,. Unhas ao lado das outras. A esperanza chéganos desde o noso ser Igrexa. Unha Igrexa que hoxe celebra que só podemos sentir e ser tal en comunidade.

Compartindo, unindo, colaborando, participando... ao estilo de Xesús. E iso é o que hoxe agradecemos na celebración ao sabernos Igrexa acompañada polo Bispo, alentada polas persoas que animan as nosas celebracións e agarimada por todas e todos os que hoxe nos imos reunindo para compartir o domingo, o día do Señor.

Oración da comunidade

Dirixindo a Deus a nosa oración, dicimos:

SEÑOR, QUE SEMENTEMOS ESPERANZA

Para que a Igrexa saiba presentar a mensaxe cristiá atractiva para toda as persoas; OREMOS.

SEÑOR, QUE SEMENTEMOS ESPERANZA.

Pola nosa Igrexa diocesana de Tui–Vigo, e pola nosa parroquia, para que saibamos ser familia unida pola fe, onde todas e todos poidamos aportar

os dons que nos Deus deu, OREMOS.

SEÑOR, QUE SEMENTEMOS ESPERANZA

Para que, celebrando a memoria do Señor ata que El volva, sigamos vixiantes e manteñamos viva a chama da fe; OREMOS.

SEÑOR, QUE SEMENTEMOS ESPERANZA

Acompaña, Señor, a oración desta comunidade que se sabe Igrexa en camiño de acollida e resurrección. P.X.N.S. Amén.

Recendo de gratuidade

O día da Igrexa Diocesana é un día para lembrar que non vivimos sós a fe. Somos fillas e fillos de Deus pola auga que recibimos na pía bautismal dunha parroquia e cando dicimos o Credo rezámolo cunha soa voz, comunitariamente: unha fe persoal que proclamamos en comunidade.

E o día da Igrexa Diocesana é un día para lembrar que xuntas e xuntos logramos unha parroquia viva, comprometida, apaixonada por Xesucristo eentregada aos demais.

Por iso, o lema desta xornada como imos en comunidade, en comunidade dicimos: é: “GRAZAS POR TANTO”.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...