Ir al contenido principal

2 Coresma 2023 A

 CORESMA, TEMPO PARA FACER MUDANZA

SINAL DE CORESMA


Colocamos a segunda pedra por riba do altar.

CANTO GOZOSO

ENTRADA: Na noite escura (Nº 104)
LECTURAS: Eu soñei (58)
OFERTORIO: Camiñar sen Xesús (Nº 58)
COMUÑÓN: Seguirei os teus pasos (Nº 103)

ESPERTANDO Á RÚAH

Benvidas e benvidos á nosa celebración comunitaria! No segundo domingo da Coresma, a Palabra convídanos a reflexionar hoxe sobre dúas realidades moi presentes no noso mundo: a migración e o papel das mulleres.
Escoitaremos na primeira lectura a invitación que Deus lle fai a Abram a saír da súa terra, a poñerse en camiño cara á terra prometida. El é o primeiro migrante da historia; e o Señor di algo que nos ten que facer reflexionar: “bendicirei a quen te bendiga e maldicirei a quen te maldiga”. Toda unha declaración de intencións para que hoxe reflexionemos ao respecto de como é o noso trato cara ás persoas migrantes, se as acollemos ou se seguimos tendo medos e prexuízos cara elas.
E cando o 8M peta na nosa porta, somos convidadas e convidados a transfigurarnos, a cambiar o rexistro para ser quen de valorar e agradecer o papel das mulleres na nosa sociedade, nas nosas parroquias, nas nosas familias.
Comecemos xa e poñamos por riba do altar as pedras que dificultan o noso camiño!

SUPERANDO A DISTRACCIÓN

  • Por non sementar igualdade nos nosos xestos, nas nosas palabras, na nosa vida cotiá; SEÑOR, AXÚDANOS A CAMBIAR.
  • Por secuestrar a voz das mulleres e negarlles os seus dereitos; CRISTO, AXÚDANOS A CAMBIAR.
  • Porque seguimos desconfiando das persoas migrantes e seguimos pechándolle a nosa porta; SEÑOR, AXÚDANOS A CAMBIAR.

PALABRA OFRECIDA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA XÉNESE
Señor díxolle a Abram:
- "Vaite da túa terra, da túa patria, do teu clan, á terra que eu che mostrarei.
Eu farei de ti un pobo grande, bendicireite e dareiche un nome de sona, que será exemplo de bendición.
Bendicirei a quen te bendiga, maldicirei a quen te maldiga.
Os pobos todos da terra chamaranse benditos no teu nome".
Abram púxose ó camiño, conforme lle dixera o Señor; e con el foi Lot. Abram tiña setenta e cinco anos cando saíu de Harán.
PALABRA DO SEÑOR
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA SEGUNDA CARTA DE PAULO A TIMOTEO
Non teñas vergonza de noso Señor, nin de min, preso por el; ó contrario, faite partícipe dos meus sufrimentos polo Evanxeo, contando co poder de Deus. El vivificounos e chamounos cunha vocación santa, non polas nosas obras, senón polo seu designio e pola graza que nos deu en Cristo Xesús antes de tódolos tempos, e que se manifestou agora pola aparición do noso Salvador, Cristo Xesús. El destruíu a morte e alumeou a vida e a inmortalidade por medio do Evanxeo.
PALABRA DO SEÑOR
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Seis días despois colleu Xesús a Pedro, a Santiago e a Xoán seu irmán, e subiu con eles sós a un monte alto. Alí transfigurouse diante deles; o seu rostro resplandecía coma o sol, e os seus vestidos viraron brancos coma a luz. Nisto apareceron Moisés e mais Elías falando con el. Pedro colleu a palabra e díxolle a Xesús:
- ¡Señor, que ben estamos aquí! Se queres, farei aquí tres tendas, unha para ti, outra para Moisés e outra para Elías.
E aínda estaba falando cando apareceu unha nube luminosa que os cubriu; e unha voz saíndo da nube dixo:
- Este é o meu Fillo benquerido, o meu predilecto: escoitádeo.
O escoitaren isto, os discípulos caeron debruzados, cheos de temor. Xesús achegándose, tocounos e díxolles:
- ¡Erguédevos, non teñades medo!
E levantando os ollos, non viron a ninguén fóra de Xesús.
Cando baixaban do monte, Xesús encargoulles:
- Non lle faledes desta visión a ninguén, ata que o Fillo do Home resucite de entre os mortos.
PALABRA DO SEÑOR

PALABRA QUE ALEDA, ALENTA E MOVE

A Biblia, de Xénese a Apocalipse, conta a historia dos migrantes de Deus. Comezando co mandato de “enchede a terra” e terminando coa congregación dos redimidos de toda nación, pobo, lingua e tribo na Cidade de Deus, atópase nas súas páxinas a crónica dunha nova vida anunciada. As persoas migrantes constitúen, xunto cos orfos e as viúvas, a triloxía típica do mundo dos marxinados en Israel, quen coñece na súa propia carne a experiencia da emigración. A través da experiencia da escravitude en Exipto e o éxodo, Israel irá descubrindo que a terra é un don de Deus, que non ten domino exclusivo sobre ela senón que debe compartila con outras xentes cara ás que son prescritas unhas actitudes éticas concretas: non vexarás ao emigrante, non o oprimirás, non o explotaredes, non defraudarás o dereito do emigrante, Asemade, na Palabra recóllese a sentenza definitiva do comportamento cara ao emigrante de onte e de hoxe: ao forasteiro que reside xunto a vós, mirarédelo como a un do voso pobo e amaraslle como a ti mesmo. Pola súa banda, Xesús lémbranos que ao final dos nosos días preguntarásenos se demos hospitalidade ao forasteiro.
Hoxe é 8 de marzo, día internacional da muller. Que ben nos acae que este día coincida co segundo domingo da coresma, no que a celebración nos lembra que estamos chamadas e chamados a transfigurarnos. E celebrámolo uníndonos ás voces de tantas e tantas mulleres que dun cabo ao outro do mundo, berran cunha soa voz que queren deixar de ser invisibles, que queren deixar de ser cidadás de segunda clase. É certo que na nosa sociedade se van dando pasos para acadar a tan desexada igualdade; pero non é menos certo que eses pasos non son sempre cara adiante, senón que ás veces atopámonos recuando cando se trata de poñer a cara, a voz, a enerxía ou o tempo para este compromiso. O 8 de marzo pasará, e chegará o 8 de abril, e o 8 de maio e mesmo o 8 de setembro; e a loita pola igualdade seguirá estando presente, porque non se pode reducir a un día.
Hoxe estamos chamadas e chamados a contemplar para transfigurarnos, a contemplar para cambiar, a contemplar para berrar, a contemplar para denunciar. Que sempre sexa 8 de marzo na nosa loita pola igualdade na reciprocidade.

PALABRA QUE UNE EN ORACIÓN

Porque queremos, Señor, cambiar as nosas actitudes de rexeitamento ás persoas migrantes e de desigualdade, dicimos:
DANOS UN CORAZÓN NOVO
  • Para que como Igrexa de Xesús sexamos unha Igrexa acolledora, unha Igrexa que non exclúe, unha Igrexa que escoita a voz de todas as persoas, unha Igrexa que non silencia nin secuestra conciencias, OREMOS.
  • Para que nas nosas comunidades nunca rexeitemos a ningunha persoa polo seu xénero ou polo seu lugar de orixe, OREMOS.
  • Para que cada unha e cada un de nós camiñemos cos pés no chan e o corazón no Evanxeo, OREMOS.
Grazas, Señor, por lembrarnos que temos que estar atent@s para non caer na tentación de impoñer, mandar ,discriminar ou invisibilizar dentro da Igrexa e tamén fóra dela. PXNS. Amén.

FACENDO DA PALABRA ALOUMIÑO

Ti, que sobes e acendes a montaña, invítanos a seguirte.
O aire que respiramos está contaminado pola mentira, o engano,
a corrupción, o abuso das persoas máis débiles.
Ti, que fixeches da túa vida espello da presenza do Pai,
acompáñanos para que non fagamos da oración nin ermo nin baleiro,
senón experiencia de encontro e acollida.
Ti, que brillas coma o sol,
dános azos para que saibamos afrontar a loita contra as tebras,
que moitas veces crecen no noso corazón.
Ti, que non pasas de largo diante da persoa necesitada,
axúdanos a tomar conciencia de que non podemos
pasar sen mirar para os lados,
e recoñecer a tantas persoas caídas que nos tenden a man
porque esperan de nós acollida, tempo e disposición...
para ser a súa voz, a voz dos que non lles deixan ser voz.
Ti que non quixeches que se puxeran tendas no Tabor,
espértanos do soño de crer que podemos encher o mundo de tendas
que nos fagan esquecer que temos que poñer os pés no chan
para ser os ollos, as mans, a palabra e o corazón
dos irmáns e das irmás cuxa dignidade é, cada día, esmagada.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...