Ir al contenido principal

2 Pascua 2024 B

 

PARABÉNS PARA NÓS POR CRER SEN TER VISTO

cantos

ENTRADA: Bendito, Xesús resucitado

GLORIA: Gloria ao Pai...

LECTURAS: Cantádelle ao Señor, unha cantiga nova

OFERTORIO: Acharte presente

COMUÑÓN: O amor é o meirande.

 

OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN

 

As persoas crentes vivimos, a miúdo, coma os discípulos do evanxeo: ao anoitecer, coas portas pechadas, cheos de medo, temerosos das autoridades. Estamos mergulladas na vella creación, non miramos nin experimentamos ao Resucitado, a nova humanidade parece ausente das nosas vidas. As nosas comunidades están, as máis das veces, repregadas, ocultas, sen dar testemuño, coma se non tiveran ledicia, perdón e vida que transmitir. A pesares de ser este día o primeiro da semana, o primeiro da nova creación, nós seguimos ancorados, se cadra cada vez máis, ao vello, ao de antes.

Precisamos que o Señor se faga presente. Cómpre que os recoñezamos nos seus sinais: a paz, o agasallo do Espírito, a experiencia do perdón, a comunidade reunida. Non deixemos que o arco da vella que Deus pon na nosa vida pase de longo sen decatarnos da súa existencia.

 

CO CORAZÓN MAGOADO

 

*      Porque andamos a meter a man nas feridas dos demais para abrilas, e non para curalas, SEÑOR, MÓSTRANOS A TÚA MISERICORDIA.

*      Porque non somos capaces de compartir o que temos, o que somos e o que valemos, para facer vida en común, CRISTO, MÓSTRANOS A TÚA MISERICORDIA.

*      Porque non damos testemuño de unión, de solidariedade, de axuda, de perdón e de amor entre nós, SEÑOR, MÓSTRANOS A TÚA MISERICORDIA.

PALABRA PROCLAMADA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS

A comunidade dos crentes tiña un só corazón e unha soa alma, e ninguén consideraba coma seu o que posuía, senón que todas as cousas eran comúns. Os apóstolos, con gran poder, daban testemuño da resurrección do Señor Xesús, e todos eles eran ben considerados. Non había entre eles ningún necesitado, porque todos os que tiñan bens ou casas vendíanos, levaban os cartos e depositábanos ós pés dos apóstolos, que repartían a cadaquén segundo precisaba.

PALABRA DO SEÑOR

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE XOÁN

Todos cantos cren que Xesús é o Mesías, naceron de Deus; e quen ama ó que xera, ama tamén a quen aquel xerou. Sabemos que amamos os fillos de Deus, se amamos a Deus e cumprimos cos seus mandamentos.

Porque o amor a Deus consiste en cumprir cos seus mandamentos. Os mandamentos de Deus non son pesados, porque nacer de Deus permítenos vencer o mundo. E esta é a vitoria que derrota o mundo: a nosa fe. Porque ¿quen é o que derrota o mundo, senón o que cre que Xesús é o Fillo de Deus?

O que veu con auga e sangue, foi el, Xesús Cristo; non veu con auga só, senón con auga e con sangue. E o Espírito é quen dá testemuño, xa que o Espírito é a Verdade.

PALABRA DO SEÑOR

 

PROCLAMACIÓN DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO XOÁN

Naquel día, o primeiro da semana, ó serán, estando pechadas as portas onde estaban os discípulos, por medo dos xudeus, chegou Xesús, e, poñéndose no medio, díxolles:

-       Paz convosco.

Dito isto, mostroulles as mans e mais o costado. Os discípulos alegráronse, vendo o Señor. El díxolles outra vez:

-       Paz convosco: coma o Pai me mandou a min, tamén eu vos mando a vós.

E dito isto alentou sobre eles, e díxolles:

-       Recibide o Espírito Santo: a quen lles perdoedes os pecados, quedaranlles perdoados; a quen llelos reteñades, quedaranlles retidos.

Pero Tomé, un dos Doce, o chamado Xemelgo, non estaba con eles cando chegou Xesús. Dicíanlle entón os outros discípulos:

-       Vimos o Señor.

Pero el contestoulles:

-       Como non vexa nas súas mans as furas dos cravos e non meta nelas o meu dedo; como non meta a miña man no seu costado, non crerei.

Oito días despois estaban outra vez dentro os discípulos, e Tomé con eles. Chegou Xesús, estando pechadas as portas, e poñéndose no medio, dixo:

-       Paz convosco.

Despois díxolle a Tomé:

-       Trae aquí o teu dedo e mira as miñas mans; trae a túa man e métea no meu costado. Non sexas incrédulo, senón home de fe.

Tomé respondeulle:

-       ¡Meu Señor e meu Deus!

Xesús díxolle:

-       ¿Tes fe porque me viches? ¡Benia os que creron sen veren!

Moitos outros signos fixo Xesús diante dos seus discípulos, que non se escribiron neste libro. Estes escribíronse para que creades que Xesús é o Mesías, o Fillo de Deus e, crendo, teñades vida nel.

 

PALABRA DO SEÑOR

PALABRA DE ALENTO

·      No comezo da Coresma propuxémonos como obxectivo recompoñer os nosos corazóns, tantas veces magoados, feridos, insensibilizados.... Dito doutro xeito: superar actitudes derrotistas e desalentadoras para volver ás actitudes das primeiras comunidades: esperanza, alegría, confianza, perda de medo..... testemuñando deste xeito que é posible vivir a ledicia da resurrección na nosa vida. Xesús é quen trae a paz. No medio dun mundo crispado, dun mundo desesperanzado, nun mundo que rezuma violencia, El vén para agasallarnos co arco da vella da paz coa veciñanza, coa xente coa que compartimos a vida, e tamén con nós mesmas, con nós mesmos. Pascua é un bo momento para reflexionar se de verdade as nosas actitudes cotiás serven para relaxar conflitos ou para provocalos. Crispamos ou temperamos coas nosas palabras, cos nosos feitos, cos nosos xestos?.

·      Na noite pascual fomos convidadas e convidados a a saír de Xerusalén para ir cara Galilea. É aquilo que Francisco expresa co termo “Igrexa en saída cara ás periferias existenciais”. Para atopar a Xesús Resucitado cómpre camiñar cara Galilea: a Galilea da xente enferma, a Galilea das persoas que fan cola para conseguir alimentos, a Galilea da xente soa, a Galilea da xente maior, esquecida e arrinconada; a Galilea da xente que dun xeito ou doutro ve pisoteada a súa dignidade... é aí, nesas Galileas tan numerosas no noso mundo, onde temos que saber descubrir e recoñecer a Xesús Resucitado.

·      Que ben o entenderon as primeiras comunidades cristiás. O libro dos Feitos dos Apóstolos que proclamamos como primeira lectura neste tempo pascual dinos que aquelas persoas pensaban e sentían o mesmo. Entenderan claramente que Xesús abrira un camiño novo, un camiño de fraternidade. Pasaron os anos, pasaron os séculos e, se cadra, substituímos esa fraternidade por enfrontamentos e divisións que nos debilitan e son un antitestemuño. A Pascua é un bo momento para desandar o camiño equivocado e recuperar esa fraternidade que, como nos lembra o cirio pascual que simboliza a luz de Cristo Resucitado, fai que na casa común nos sintamos e nos tratemos como irmáns e irmás.

·      Só así será posible entender as palabras do evanxeo de hoxe, na que se nos di que non importa tanto o ver coma o crer, o confiar, o compartir, o buscar consello, o escoitar... para así descubrir a presenza do Resucitado. O importante non é ir ao sepulcro e comprobar que alí non hai nada. O importante é ter a experiencia de que Xesús está vivo porque o sintamos nós vivo en nós, nos demais, nas persoas e nas cousas nas que andamos cada día. Nós non podemos ir ao sepulcro, pero podemos sentir a Xesús Resucitado vivo dentro de nós, non coma unha imaxinación, senón coma unha certeza que o Espírito pon no noso corazón. Como nos falta fe, entusiasmo, convición!!!!!!!!!!!!!!!!. Tamén nós acabaremos nas mans de Deus. Atoparemos nel a vida chea pola que loitamos. Os nosos soños de dignidade total para toda a xente do mundo só se verán cumpridos cando entremos na casa grande do Pai. Mentres... toca loitar coma Xesús, que hoxe tamén nos di a cada un e a cada unha de nós: Felices os que sen veren, traballan, arriscan, loitan e se esforzan por facer familias, parroquias, barrios, países, mundo onde se busque o que une e non o que enfronta; se busque o amar e non dogmatizar; se busque propor e non impor. Benia as persoas que cremos sen veren!.

 

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Señor, estamos a vivir a ledicia da Pascua: o teu Fillo resucitou, e iso enche de sentido a nosa vida. Con agradecemento e confianza, dicímosche:

FELICES NÓS QUE CREMOS SEN VER

*    Grazas porque na Igrexa, en pequenas comunidades de fe e de amor, imos atopando sentido para a nosa vida, forza para o noso camiño e alento para a nosa esperanza, OREMOS.

FELICES NÓS QUE CREMOS SEN VER

*    Grazas porque as nosas parroquias, as nosas comunidades cristiás, as nosas familias, van poñendo unha mesa de vida que se comparte apaixonadamente para que todo o mundo teña razóns para seguir esperando, OREMOS.

FELICES NÓS QUE CREMOS SEN VER

*    Grazas porque no noso interior, a pesar do cansazo e o desánimo que nos cercan por veces, atopamos a túa voz que nos anima, a túa auga que refresca a nosa existencia, a túa luz que se converte en nós en pulo de vida e de esperanza, OREMOS.

FELICES NÓS QUE CREMOS SEN VER

Grazas, Señor, porque sabemos que camiñas connosco, porque sabemos que día a día pasas pola nosa vida para sacarnos da servidume do pecado e para que andemos nunha vida nova. Fai que te sintamos sempre preto, moi preto. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN

Non queremos vivir só do que nos digan outras persoas,

por moito que sexa bo acoller e agradecer

o que os nosos maiores na fe e na vida nos transmitiron.

Que tamén moitas e moitos nos falan do amor,

e agradecémosllelo, e cremos no amor,

pero precisamos coñecelo amando,

sentindo o corazón latexar en presenza da xente amada.

Así queremos nós sentirte, Xesús,

queremos ter a certeza fonda e firme

de que estás vivo ao noso carón.

Sentirte vivo ao noso lado,

cando estamos tamén vivos, ilusionados,

coa ollada fresca das mañás de primavera.

Sentirte vivo, a carón noso aínda máis,

cando o desánimo nos envolve,

e a invernía asolaga as esperanzas todas.

Como María Magdalena, coma Pedro,

coma os teus primeiros seguidores e seguidoras todas,

verte cheo de vigor, resucitado,

pousando en nós a túa ollada nova.

E apegarnos á vida, sempre, coma Ti,

desde as cousas miúdas que a abren ao concreto:

o pan, a casa, o bico, o posto de traballo;

desde os soños proletarios que a embarcan no infinito:

a dita de ser un, ou unha, co último inmigrante

que chega ás nosas portas na busca de amizade.

E volta a comezar –a Galilea de novo-,

confirmados e confirmadas no amor que nunca falla,

e no sentido da loita que abre vías.

Seguros de que máis alá da morte,

tamén nós en Deus atoparemos

o bico que sanda e nos aleda

e a aperta que irmanda e libera.

 

(M. Regal “Xesús, aquel home de aldea pax. 160)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

4 advento 2023

  Advento, tempo de Xenerosidade Sinal de Advento .- Engadimos un novo elemento ás miradas con corazón deste Advento, a Xenerosidade Cantos          Entrada.-   Volve, Señor ( 90 ) Lecturas.- Benaventurados ( 119   ) Ofertorio.-   Velaqui Señor o viño ( 37) Comuñón.-   Xesús chamado amigo   ( 89 ) Abrindo o corazón Chegamos ao final de traxecto deste tempo de Advento. Ao longo destas catro semanas fóisenos invitando a facer un fondo proceso de revisión das nosas actitudes e comportamentos. E non era calquera o que nos invitaba, foi a voz de Xoán Bautista a que nos ía marcando este camiño que tiñamos que preparar cada un e cada unha de nós de maneira repousada, tranquila, sincera e liberadora. E para que? Para poder chegar a esta noite co corazón preparado para acoller nel ao neno que chega para traernos ilusión, esperanza, xenerosidade e, por riba de todo, a salvación. É dicir, sentido e horizonte para a nosa vida. Unámonos logo par co

Pentecoste 2023

Remol. Pentecostes.2023 XUNT@S ANUNCIAMOS O QUE VIVIMOS CANTOS Entrada.- Pedras vivas Lecturas.- Manda o teu Espírito (126 ) Ofertorio.- Recibe Señor ( 31 ) Comuñón.- Quédate, Señor, connosco ( 63 ) ESCOITA ACTIVA   Hoxe é Pentecostes, o remate do tempo de Pascua; o comezo do tempo da Igrexa. Esa Igrexa santa e pecadora; esa Igrexa que por veces ten prestado máis atención á súa imaxe que a servir ás persoas, pero tamén esa Igrexa que ao longo de dous mil anos, entre luces e sombras, ten sido faro de acollida, servizo, solidariedade e loita pola paz.             Cando a Igrexa se deixou levar pola ansia de poder e polo afianzamento como institución, foise afastando do Evanxeo, para converterse en foco de poder e dominio. Porén, cando ten mirado ao Evanxeo, á persoa de Xesús, ao testemuño de homes e mulleres que foron capaces de dar a vida por defender aos máis débiles, mostrouse como relampo de presenza do Espírito Santo e continuadora da misión que Xesús lle encomendou a aquelas persoa