Ir al contenido principal

15 domingo TO 2024 B

ENVIAD@S COMO TESTEMUÑAS DE ESPERANZA

CANTOS

ENTRADA: Seguirei os teus pasos (Nº 103)
LECTURAS: Bendito ti, Xesús resucitado (Nº 111)
OFERTORIO: Na nosa terra (Nº 36)
COMUÑÓN: Déixate querer (Nº 61)

ESPERTANDO Á COMUNIDADE

Sabernos persoas enviadas por Aquel en quen cremos como o noso camiño e esperanza, por Aquel que nos urxe a ser construtoras e construtores do seu reino no medio do mundo, lévanos a converternos en activistas de humanidade e igualdade nas accións que cada día realizamos. É máis, convértenos en persoas defensoras da igualdade sen facer distinción de razas, cores, linguas ou relixións.
Que acaído vén o evanxeo de hoxe neste momento!, cando os berros da xenofobia, as actitudes de rexeitamento e os discursos sectarios non deixan de resoar un día e outro nos medios de comunicación, e nas palabras daqueles que din que queren traballar polo ben común, definíndose coma cristiáns.
Dificilmente o poderán ser, cando fan diferenzas e exclúen ás persoas que non pensan, viven ou senten coma eles.

ACOLLÉNDONOS A SÚA MISERICORDIA

  • Porque moitas veces temos actitudes de exclusión e rexeitamento, SEÑOR, QUE COIDEMOS E CUREMOS.
  • Porque moitas veces temos palabras de feren e doen, CRISTO, QUE COIDEMOS E CUREMOS.
  • Porque moitas veces non pensamos que seguirte esixe non facer de menos a ninguén, SEÑOR, QUE COIDEMOS E CUREMOS.

PROCLAMANDO A SÚA PALABRA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE AMÓS

Díxolle Amasías (sacerdote de Bethel) a Amós:
"Vidente, vaite, fuxe para a terra de Xudá;
come alí o teu pan, fai alí de profeta,
mais en Betel non volvas profetizar
pois é santuario real, é templo nacional".
Respondeu Amós e díxolle a Amasías:
"Nin eu son profeta, nin da caste dos profetas,
xa que son gandeiro e coidador de sicómoros,
mais foi Iavé quen me colleu de trala grea
e foi Iavé quen me dixo: vai profetizar ó meu pobo Israel.

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS EFESIOS

¡Bendito sexa o Deus e Pai do noso Señor Xesús Cristo, que por medio de Cristo nos bendiciu no ceo con toda clase de bendicións do Espírito! Porque nos escolleu antes da formación do mundo, para que fósemos santos e sen mancha perante El polo amor.
El decidiu xa daquela porfillarnos por medio de Xesús Cristo, para El, conforme o designio da súa vontade, para louvanza da súa gloriosa benquerencia, coa que nos agraciou no Fillo amado, quen co seu sangue nos acadou a redención e o perdón dos pecados, en proba da xenerosidade da súa gracia. E fíxoa rebordar sobre nós con toda sabedoría e intelixencia, ó nos descubri-lo misterio da súa vontade, conforme o designio que El tiña para leva-la historia á súa plenitude e, por medio de Cristo, levar a cabo a unidade do universo, do que hai no ceo e do que hai na terra.

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

Chamou Xesús os Doce, e empezou a mandalos de dous en dous, dándolles poder sobre os espíritos malos. Recomendoulles que non levasen nada para o camiño, fóra dun caxato: nin pan, nin alforxas, nin cartos na faixa. Que calzasen sandalias, pero que non levasen máis ca unha túnica. E avisounos:
- Cando entredes nunha casa, permanecede nela ata que vos marchedes. Se nalgún lugar non vos acolleren nin vos escoitaren, ídevos, sacudindo o po dos vosos pés, para que lles sirva de aviso.
Marcharon, e predicaron a conversión. Botaban fóra moitos demoños, e curaban os enfermos, unxíndoos con aceite.

DEIXÁNDONOS SEDUCIR POR ELA

A profecía de Amós que escoitamos como primeira lectura lémbranos algo que nunca deberamos de ter esquecido: ningún de nós somos máis importantes ca ninguén, inda que moitas veces así o pareza. Tampouco somos máis ca ninguén (“non son profeta nin fillo de profeta”). Ser cristián hoxe non é un título herdado ou unha tradición cultural. Todo o contrario: ser cristián e cristiá esixe mostrar coherencia e sinceridade no noso xeito de actuar, de facer, de tratarnos, de comportarnos... facendo canto estea nas nosas mans para que este noso mundo sexa menos excluínte e moito máis igualitario e xeneroso. Non podemos ser cristiáns de salón, de avoengo, de tradición ou de costumes. E, desgraciadamente, non é iso o que está a pasar. Non temos máis que escoitar un telexornal, ler un xornal, oír a radio ou “navegar” por internet. Cada vez son máis as mensaxes, as palabras, os comportamentos agresivos, excluíntes e irrespectuosos para con aqueles persoas que veñen de fóra buscando unha vida mellor ca dos seus países. Como aínda non hai moito tempo, tamén nós fomos buscando a outros países. E, como acabamos de escoitar, o profeta urxe a fuxir para poder busca-lo pan: “fuxe para a terra de Xudá, e come alí o teu pan”. Ese pan ao que todas e todos temos dereito, e a ninguén debemos negar.
Hoxe celébrase a final co campionato de Europa de Fútbol, e sexamos ou non persoas ás que lles guste este deporte, si que puidemos escoitar ou ver como os equipos dos diferentes países están compostos por xogadores de distintas orixes culturais, relixións ou cores de pel. Pero se algo comparten todos eles, e non podemos esquecer, é que son seres humanos. E isto, para unhas persoas crentes como dicimos ser nós, marca unha liña de respecto, dignidade que nos une na fraternidade universal da que non cansaba de falar Xesús. E que tantos homes e mulleres, ao longo da historia da Igrexa, foron poñendo de manifesto entregando a súa vida a dignificar as súas condicións materiais, culturais, educativas ou sanitarias. Porque “Deus quérenos iguais”. E para nós, as e os seguidores de Xesús, significa que nesa igualdade compartimos unha mesma dignidade, e que isto non se pode combinar con maneiras de actuar que exclúen, difaman ou negan a igualdade de ser fillas e fillos de Deus. Non nos deixemos engaiolar pola mentira de quen só busca enfrontarnos e provocar que no canto da paz teñamos odio e rancor.
E se inda non estaba claro despois de escoitar o texto do profeta Amós, Xesús volve insistir en que a misión de quen quere ser seguidor e seguidora del non é outra que a de ir polo mundo testemuñando, coas súas obras e palabras, esa igualdade e esa dignidade que nos ven de seu. E neste ir polo mundo, a sinxeleza, a sinceridade, as mans abertas e tendidas, a capacidade de ver na outra persoas a presenza de Deus, ha ser o que nos mova, alente, urxa oriente. Non temos que levar nada máis que a convicción de que non nos sentimos por riba de ninguén, que non somos mellores, que non acumulamos nin medallas nin méritos que nos distingan. El dio claro: “ non levedes...” e que pouco caso lle temos feito! Pero nunca é tarde, inda estamos a tempo, respondamos, fronte a quen busca dividir, diferenciar, excluír e rexeitar. Mostremos que a mensaxe de Xesús chegou de verdade aos nosos corazóns; que a tomamos en serio; que non nos deixamos seducir nin engaiolar polos cantos de serea que nos prometen mundos idílicos para nós, vitimizando e culpabilizando a quen chega buscando pan e traballo que os axuden a visibilizar a súa dignidade.

SENTÍNDONOS COMUNIDADE ORANTE

Porque Deus é Deus de todas e todos sen excluír a ninguén, dicimos: QUE FAGAMOS DA DIGNIDADE CAMIÑO COMPARTIDO.
  • Para que a Igrexa non cale ante as voces que falan créndose superiores e mellores ca os demais por ter nacido nun lugar e non noutro. Oremos.
  • Que alí onde esteamos non actuemos nin utilicemos actitudes e comportamentos que separan, diferenzan, exclúen ou crispan dicindo que unhas persoas son mellores e superiores ás demais. Oremos. 
  • Que non permitamos que ninguén, diante nosa, denigre, invisibilice, abuse ou rexeite a ninguén pola súa cor, a súa relixión, a súa lingua ou o país no que naceu. Oremos .
Grazas, Señor, por insistir en que somos iguais, e desde esa igualdade temos que tratarnos e relacionarnos. Por Cristo o noso Señor. Amén.

CON CORAZÓN AQUECIDO

“Fronte á propagación de novas formas de xenofobia e racismo, os líderes de todas as relixións teñen tamén unha misión importante: difundir entre os seus seguidores os principios e valores éticos inscritos por Deus no corazón do home, coñecido como a moral natural.
Vivimos tempos nos que parecen volver a tomar vida e a propagarse sentimentos que que moitos críamos superados . Sentimentos de sospeita, medo, desprezo e mesmo odio cara a persoas ou colectivos considerados diferentes pola súa filiación étnica, nacional ou relixiosa e, como tales, considerados non suficientemente dignos para participar plenamente na vida da sociedade. Estes sentimentos inspiran con demasiada frecuencia actos verdadeiros e reais de intolerancia, discriminación ou exclusión, que atentan gravemente contra a dignidade das persoas afectadas e os seus dereitos fundamentais, incluído o dereito á propia vida e á integridade física e moral”. (Francisco)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

3 Coresma 2024

DIANTE DA TENTACIÓN DE MERCADEAR COA FE, PROPOÑAMOS GRATUIDADE CANTO GOZOSO o     ENTRADA .- Eu sei de quen me fiei  ( 64) o     LECTURAS .- Oh, Señor, escólleme ( 62 ) o     OFERTORIO.-  Grazas Señor na mañá ( 34) o     COMUÑÓN.-   Ti es camiño e verdade ( 57)   Sinal de Coresma.-  Engadimos unha nova parte do corazón roto que estamos a conformar.   ESPERTANDO Á RENOVACIÓN              As comunidades cristiás vanse conformando ao redor da persoa e a palabra de Xesús. Persoa e palabra desde as que se nos invita a interiorizar a fe, as conviccións, os valores e actitudes desde os que vivir. Pero ocorre que moitas veces, por razóns diversas, imos esquecendo estes dous aspectos fundamentais da fe para caer na inconsistencia das rutinas, os costumes, o aburrimento desde os que acabamos vivindo a fe. No evanxeo de hoxe escoitaremos como Xesús se anoxa diante daqueles que converteran o templo nunha tenda de compra venta, e reacciona facendo unha afirmación que nunca deberiamos esquecer: “ no

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por