Ir al contenido principal

20 domingo TO B 2024

A MESA, BENDITO LUGAR DE ENCONTRO

CANTO GOZOSO

· Entrada: Temos unha festa (Nº 6)
· Lecturas: Canta aleluia (nº 21)
· Ofertorio: Canta o sol (Nº 22)
· Comuñón: Ti es o Pan do Ceo (Nº 54)

OLLOS ABERTOS

Nas nosas casas, a mesa é lugar de encontro, lugar de celebración. Arredor dela celebramos os acontecementos importantes da nosa vida, as festas patronais, os encontros familiares, o café compartido en boa compaña.... Todo pasa pola mesa, que se converte así non só en lugar e momento para encher o estómago, senón, o que é máis importante, en lugar de encontro, de diálogo,de participación, de apertura.
Pois ben, o mesmo ocorre coa nosa fe. Cada domingo xuntámonos tamén ao redor da mesa do Pan e da Palabra convocadas e convocados polo Señor. Quere compartir con nós o seu pan, a súa vida. E nós, que sentamos xuntas e xuntos nesta mesa, somos urxidas e urxidos a facer dela unha verdadeira mesa de fraternidade. Non fagamos oídos xordos á súa invitación.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

  • Porque aínda que sentamos na mesma mesa, estamos ben lonxe de compartir e vivir coma irmáns e irmás, SEÑOR, GRAZAS POR SENTARNOS Á TÚA MESA.
  • Porque seguimos a construír a casa da nosa vida sobre a area movediza que destrúe proxectos e ilusións, CRISTO, GRAZAS POR SENTARNOS Á TÚA MESA.
  • Porque nin valoramos nin agradecemos a experiencia de vida da xente maior; SEÑOR, GRAZAS POR SENTARNOS Á TÚA MESA.

PALABRA REGALADA

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS PROVERBIOS

 

A Sabedoría construíu a súa casa, tallou as súas sete columnas,

fixo a matanza do gando, mesturou o seu viño,  e preparou a súa mesa;

despachou as súas criadas a anunciar o convite polos altos da cidade:

-"Quen sexa inxenuo, que se achegue aquí";

ó que carece de siso dille:

"Vide, comede do meu pan e bebede do viño que mesturei,

deixade a vosa inxenuidade e viviredes, camiñade pola vía da intelixencia"

 

PALABRA DO SEÑOR

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE PAULO AOS EFESIOS

 

Irmás e irmáns:

Mirade, logo, con tino como camiñades: non coma atolados senón coma sensatos, aproveitando ben este tempo, que corren días malos. Por iso, non sexades irreflexivos; ó contrario, tratade de comprender cal é a vontade do Señor.

 

Non vos emborrachedes con viño, que leva á libertinaxe; en vez diso enchédevos de Espírito, falando entre vós con salmos, himnos e cánticos espirituais, cantando e salmodiando con toda a alma para o Señor e dándolle grazas decote a Deus Pai, por todo, no nome do noso Señor Xesús Cristo.

 

PALABRA DO SEÑOR

 

 

PROCLAMACIÓN DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO XOÁN

 

Eu son o pan vivo que baixou do ceo: se alguén come deste pan, vivirá para sempre; e o pan que eu darei, é a miña carne, para a vida do mundo.

Discutían entón entre eles os xudeus:

-       ¿Como pode este darnos a comer a súa carne?

Díxolles entón Xesús:

-       Con toda verdade volo aseguro: se non comedes a carne do Fillo do Home e non bebedes o seu sangue, non teredes vida en vós. Quen come a miña carne e bebe o meu sangue, ten vida eterna e eu resucitareino no derradeiro día. Pois a miña carne é verdadeira comida e o meu sangue é verdadeira bebida. Quen come a miña carne e bebe o meu sangue, permanece en min e eu nel. Así coma o Pai, que me mandou, vive e eu vivo polo Pai, asítamén quen me coma vivirá por min. Este é o pan que baixou do ceo; non coma o que comeron os pais que mesmo así morreron: quen come este pan, vivirá para sempre.

 

PALABRA DO SEÑOR

PALABRA ENRAIZADA

A primeira lectura, tomada do Libro dos Proverbios, volve insistir unha vez máis no binomio sabedoría-experiencia de vida, que conforman unha unión que pon de manifesto que canto somos capaces de ir aprendendo ao longo da vida vai facendo de nós persoas cheas de experiencia, sentido e perspectiva. Todo o contrario de quen quere as cousas agora e xa, para o momento. A sabedoría, a real, a verdadeiramente humana, non se estuda, apréndese a medida que se vai vivindo. A isto é ao que nos invita hoxe que dediquemos un tempo de reflexión a palabra de Deus, para logo ver de aplicala á vida. O Señor ofrécesenos como comida e bebida, coma sabedoría personificada, na palabra vivida por tantos homes e mulleres aos que a vida lles foi ensinando camiños, abrindo e pechando portas, alentando e facendo fracasar proxectos... Nunha palabra, a sabedoría é sempre experiencia compartida da presenza do Deus que non nos deixa solos, senón que vai camiñando, no silencio, tamén na alegría e no sufrimento, das nosas vidas. Seremos capaces de comezar o camiño da sabedoría tomando en serio esta invitación?
Neste camiñar sabio, Deus faise presente, pero sempre con respecto e desde a liberdade. Que lonxe e afastados andamos nós disto, pois danos máis seguridade transmitir a imaxe de que Deus quere impor sempre os seus criterios (ou serán os nosos criterios?) e de controlar os comportamentos persoais de cada un de nós, como se fose un detective morboso, disposto a elaborar informe detallado da nosa vida. Porén, a Palabra terma unha e outra vez en que Deus non se impón de xeito avasalador, senón que deixa sempre espazo libre á búsquea, ao encontro de canto nos enriqueza e nos faga medrar como persoas. Nunha palabra: un Deus que non se preocupa tanto pola ortodoxia, como pola felicidade.
E iso sempre é motivo de escándalo e tensión, porque en vez de andar preocupados por nós mesmos e pola felicidade dos demais, acabamos tendo como motivo de preocupación a vida dos outros, querendo saber con quen vai esta ou que fai aquel, coma se iso fose a preocupación fundamental e máis importante daquel que no seu amor puxo a súa vida ao noso servizo!. El foi escándalo para os xudeus porque se presentaba de xeito humilde e sinxelo –nin pazos nin escoltas– e nese seu ser escándalo ofrécesenos como pan vivo baixado do ceo. Se queremos ser fieis a El, a Igrexa nunca debería acudir a signos deslumbrantes para “impoñerse” aos demais. A megalomanía, inda que sexa para predicar o Evanxeo de Xesús, é inmoral a todas luces, e non debemos esquecer que o fin non pode nunca xustificar os medios.

FRATERNIDADE ORANTE 

Desde a confianza que nos da saber que somos unha comunidade que vive e celebra as súas ledicias e tamén as súas tristuras sabéndose sempre acompañada de Xesús, dicimos xuntas e xuntos, con confianza:

QUE O TEU PAN SACIE A NOSA FAME DE AMOR

  • Arredor da mesa do altar oramos como Igrexa. Para que sempre deixemos na nosa mesa unha cadeira baleira para sentar a quen se sente triste, desesperanzado, ignorado ou marxinado, OREMOS.
QUE O TEU PAN SACIE A NOSA FAME DE AMOR
  • Arredor da mesa do altar oramos como comunidade crente de ..... Para que queréndonos, ocupándonos e preocupándonos unhas persoas polas outras saibamos descubrir e agradecer a riqueza que nos aporta a fe na nosa vida cotiá, OREMOS.
QUE O TEU PAN SACIE A NOSA FAME DE AMOR
  • Arredor da mesa do altar oramos como seguidores e seguidoras daquel que pasou polo mundo facendo o ben. Para que descubramos dunha vez e para sempre que só sabendo escoitar a quen está triste, visitar a quen está enfermo, axudar a quen menos ten... poderemos facer realidade na nosa vida a túa Palabra, OREMOS.
QUE O TEU PAN SACIE A NOSA FAME DE AMOR
Grazas, Señor, porque a pesares das nosas moitas faltas de coherencia, segues a compartir con nós o pan, a palabra e máis a vida. P.X.N.S. Amén.

MIRADA DE ESPERANZA

Aquí estamos, Señor,
con fame e con sede de vida.
Demasiado educados para sermos blasfemos.
Demasiado tradicionais para ir máis alá do legal.
Demasiado cautos para saborearmos os triunfos.
Demasiado razoables para corrermos riscos.
Demasiado acomodados para empezar de novo....
E a nosa fame e a nosa sede non desaparecen.
Aquí estamos, Señor,
con fame e con sede de vida.
Pero sen pedirche moito, para non desatar o teu atrevemento;
amando só a sorbiños, para non crearmos lazos;
rebaixando o teu evanxeo, para acomodalo;
soñando utopías sen realidades;
camiñando tras das túas pegadas sen romper lazos anteriores...
Asubía, Señor, o teu canto,
como bo pastor,
que se escoite por outeiros e valgadas.
Espértanos desta sesta,
deféndenos de tanta indolencia.
Condúcenos, Señor, cara ós pastos da túa terra.
Danos vida verdadeira.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

3 Coresma 2024

DIANTE DA TENTACIÓN DE MERCADEAR COA FE, PROPOÑAMOS GRATUIDADE CANTO GOZOSO o     ENTRADA .- Eu sei de quen me fiei  ( 64) o     LECTURAS .- Oh, Señor, escólleme ( 62 ) o     OFERTORIO.-  Grazas Señor na mañá ( 34) o     COMUÑÓN.-   Ti es camiño e verdade ( 57)   Sinal de Coresma.-  Engadimos unha nova parte do corazón roto que estamos a conformar.   ESPERTANDO Á RENOVACIÓN              As comunidades cristiás vanse conformando ao redor da persoa e a palabra de Xesús. Persoa e palabra desde as que se nos invita a interiorizar a fe, as conviccións, os valores e actitudes desde os que vivir. Pero ocorre que moitas veces, por razóns diversas, imos esquecendo estes dous aspectos fundamentais da fe para caer na inconsistencia das rutinas, os costumes, o aburrimento desde os que acabamos vivindo a fe. No evanxeo de hoxe escoitaremos como Xesús se anoxa diante daqueles que converteran o templo nunha tenda de compra venta, e reacciona facendo unha afirmación que nunca deberiamos esquecer: “ no

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por