QUEN DIXO QUE TI ES O TRIGO? EN NÓS TAMÉN CONVIVEN O TRIGO E O XOIO.
CANTO GOZOSO
LECTURAS: Escoita ao Señor (Nº 15)
OFERTORIO: Grazas, Señor, na mañá (Nº 34)
COMUÑÓN: Pan do ceo, pan de vida (Nº 53)
OLLOS ABERTOS
Sigue Xesús falando de sementes e de sementeiras no Evanxeo; e faino para lembrarnos que vivimos nun mundo onde o ben e o mal non van por camiños separados, senón que medran enredados na mesma terra, na mesma vida, e moitas veces, dentro do noso mesmo corazón.Vimos aquí para que a Palabra nos ensine a distinguir o que constrúe do que destrúe, e para pedir a forza necesaria para seguir apostando polo trigo, porque aínda que por veces pareza que o xoio nos vai gañar a partida, o Reino segue medrando lento pero imparable.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
· Polas veces nas que o xoio da precariedade, do abuso de poder e da indiferenza asfixian a dignidade de tanta xente; e nós permitimos que o sistema siga o seu curso; SEÑOR, DÁNOS A TÚA LUZ PARA NON SER CÓMPLICES DA TEBRA.· Polas ocasións nas que pasamos de ser persoas sementadoras a ser persoas xuíces; sinalando o que fan mal os demais para non ter que mirar o noso propio xoio; CRISTO, DÁNOS A TÚA LUZ PARA NON SER CÓMPLICES DA TEBRA.
· Polas veces nas que esquecemos que o noso silencio cómplice é o mellor abono para as inxustizas, SEÑOR DÁNOS A TÚA LUZ PARA NON SER CÓMPLICES DA TEBRA.
PALABRA AGASALLADA
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA SABEDORÍA
Non hai, fóra de ti, un Deus que se considere de tódalas cousas,
a quen tiveses que probar que non xulgaches inxustamente;
Xa que o teu poder é a fonte da xustiza,
e seres ti o dono de todo lévate a amosarte indulxente.
Só fas proba da túa forza cando non se dá creto á totalidade dese poder confundindo a audacia dos que o coñecen;
así, dominando a túa forza, xulgas con equilibrio
gobernándonos con toda consideración,
pois na man te-lo poderío cando queres.
Con feitos semellantes ensinaches ó teu pobo
que ó xusto lle cómpre ser humano;
e a teus fillos décheslle-la ditosa esperanza
de concederlles despois dos pecados tempo de se arrepentir.
PALABRA DO SEÑOR
SALMO RESPONSORIAL
Ti, Señor, es bo e indulxente
Ti, Señor, es bo e indulxente,
cheo de amor para aqueles que te invocan.
Escoita, Señor, a miña súplica,
atende a miña pregaria.
Ti, Señor, es bo e indulxente
Virán, Señor, adorarte,
honra-lo teu nome.
Ti es grande e fas prodixios,
ti e-lo único Deus.
Ti, Señor, es bo e indulxente
Pero ti, Señor, es Deus compasivo e clemente,
tardo á ira, grande en amor e lealdade.
Mira para min, apiádate
Ti, Señor, es bo e indulxente
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE PAULO APÓSTOLO AOS ROMANOS
Irmáns e irmás:
O Espírito acode a axuda-la nosa debilidade. Nós non sabemos como debemos orar para pedi-lo que convén; pero o Espírito en persoa intercede por nós con xemidos máis fondos cás palabras. E o Deus que escruta os corazóns, coñece a intención do Espírito, pois El intercede polos crentes, conforme á vontade de Deus.
PALABRA DO SEÑOR
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Contoulles Xesús outra parábola:
- Parécese o Reino dos Ceos a un home que sementou boa semente na súa leira. Pero mentres todos durmían, o seu inimigo veu sementar xoio polo medio do trigo e marchou. Cando espigou a planta e deu trigo, apareceu o xoio tamén.
Os criados do dono fóronlle dicir:
- "Señor, ¿ti non sementaras boa semente na túa leira? ¿De onde lle vén, logo, o xoio?"
El contestoulles:
- "Isto é obra dun inimigo".
Os criados preguntáronlle:
- "¿Queres que o vaiamos arrincar?"
El respondeulles:
- "Non, non sexa que ó collérde-lo xoio arrinquedes tamén o trigo. Deixádeos medrar xuntos deica a sega, que no tempo da sega heilles dicir ós segadores: Apañade primeiro o xoio, e atádeo en mollos para queimalo; e o trigo recollédeo na miña arca".
PALABRA DO SEÑOR
PALABRA REMOÍDA
· O libro da Sabedoría lánzanos unha sentenza que nos deixa ao descuberto: «ao xusto cómprelle ser humano». Parece algo evidente, pero na práctica non o é tanto. Tendemos a xustificar a falta de compaixón en nome dunha suposta "xustiza". Convertemos o dereito e a moral en protocolos fríos, en listas de normas que se deben cumprir, esquecendo que sexa na Igrexa, sexa na sociedade, o rostro concreto da persoa ten que estar no centro. Porque a xustiza sen humanidade non é xustiza; é ditadura. É o imperio do dato sobre a vida, da regra sobre o latexo. Cando un despacho ou unha institución prioriza o procedemento antes que o sufrimento da persoa que ten diante, xa non está impartindo xustiza, está exercendo poder. E a Deus non lle importa a nosa rectitude burocrática nin a nosa pureza dogmática se, polo camiño, deixamos a humanidade tirada na cuneta.
· A Igrexa, se quere ser fiel ao Evanxeo, non pode ser nunca un tribunal de contas nin un club de impecables que mide a rectitude dos demais. Se o noso xeito de ser "xustos" nos fai distantes, se nos obriga a poñer condicións á acollida ou a medir a dignidade dunha persoa polo seu lugar de nacemento, polo seu sexo, pola cor da súa pel ou pola súa idade, entón estamos a facer caricatura. Non hai xustiza sen sensibilidade ante a dor allea; non hai xustiza que soporte a luz de Deus se non é capaz de chorar con quen chora. Se a persoa non é o eixo absoluto, a nosa "xustiza" é só un instrumento de exclusión. Ser xusto é, por riba de todo, ser profundamente humano, e calquera lei que se levante contra a dignidade dun ser humano é, por definición, unha inxustiza.
· Xesús alértanos do que ocorre cando xustiza e humanidade non van da man: crémonos donos da colleita. O problema non é a existencia do xoio, o problema é a nosa soberbia. Cremos que temos o dereito —e a claridade— necesaria para distinguir, para etiquetar e, sobre todo, para purgar. Pero nesta pretensión de "limpar" o campo, caemos nunha trampa mortal: a de pensar que todo o podemos, que o noso criterio é o criterio de Deus. Queremos arrincar o xoio a toda costa, pero na nosa présa e na nosa prepotencia, levamos por diante o trigo. ¿Cantas veces, en nome dunha "rectitude" mal entendida, eliminamos persoas? ¿Cantas veces, por querer manter unha Igrexa "pura" ou un mundo "decente", marxinamos, condenamos ou pechamos portas a quen non encaixa nos nosos moldes?
· Ao tentar eliminar o que nós consideramos "xoio", esquecemos que tamén nós somos terra mesturada, e que na nosa propia vida hai zonas de sombra e de luz. Esa soberbia de xuíz é a que constrúe muros, non casas. Porque o que non entenden os que viven ansiosos por arrincar o mal, é que o Reino non se constrúe coa eliminación do outro, senón co coidado paciente do que é fráxil. Se nos dedicamos a ser xuíces, deixamos de ser sementadores. E unha Igrexa que se converte nun castelo de xuíces é, inevitablemente, unha Igrexa que mata o trigo que Deus, na súa infinita paciencia, está tentando facer medrar no barro.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Xa que non somos quen de distinguir o trigo do xoio, deixemos de xogar a ser xuíces. Ante o Señor que acolle a todas as persoas, dicimos:
LÍBRANOS DE XULGAR E ENSÍNANOS A ACOLLER
1. Pola Igrexa: para que deixe de ser ese castelo amurallado que mide a pureza dos seus membros para converterse en casa onde ningunha persoa sexa descartada, OREMOS.
LÍBRANOS DE XULGAR E ENSÍNANOS A ACOLLER
2. Polas nosas comunidades: para que teñan a valentía de renunciar a ser "tribunal" de ninguén, atrevéndose a ser terra fértil onde cada persoa, tamén a que consideramos "xoio", poida atopar espazo para medrar; OREMOS.
LÍBRANOS DE XULGAR E ENSÍNANOS A ACOLLER
3. Por cada unha e cada un de nós, para que, cada vez que sintamos a tentación de sinalar ao outro, recordemos que a nosa única misión é escoitar, acoller e acompañar, OREMOS.
LÍBRANOS DE XULGAR E ENSÍNANOS A ACOLLER
Señor, que a túa misericordia sexa sempre máis grande que a nosa estreita forma de medir. Libéranos de crernos donos da verdade e axúdanos a ser, finalmente, o que ti queres que sexamos: lugar de acollida onde ningunha persoa sexa sinalada e rexeitada. P.X.N.S. Amén.
ALENTO NO CAMIÑO
Señor, non nos deixes volver á nosa vella seguridade. Déixanos saír de aquí sen a soberbia de quen se cre dono da verdade, sen o martelo do xuízo na man e sen a fouciña coa que pretendemos arrincar a vida dos demais.
Que non sexamos nós quen poñamos límites á túa misericordia. Axúdanos a comprender que, se nos dedicamos a sinalar o "xoio" alleo, acabaremos por secar o noso propio corazón. Que o noso paso polo mundo sexa un sinal de acollida, e que a túa luz nos permita ver, en cada persoa que atopemos, unha irmá que aínda ten unha historia de redención por escribir.
Comentarios