ARQUITECTURA DE DEUS: MESAS SEN RESERVADOS
CANTO GOZOSO
ENTRADA: Acharte presente (Nº 51)
LECTURAS: Canta o sol (Nº 22)
OFERTORIO: Eu soñei (Nº 58)
COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55)
OLLOS ABERTOS
Vivimos nun mundo obsesionado cos carnés de identidade, coas vellas e novas murallas e coas etiquetas que deciden quen ten dereito a entrar e quen debe quedar fóra. Gustamos de repartir o mundo entre os "nós" e os "outros", como se o valor dunha persoa dependese do sitio no que naceu ou do bando ao que pertence. A nosa propia relixiosidade, ás veces, vólvese tamén parroquial e egoísta, crendo que Deus ten favoritos e que a súa graza é un privilexio exclusivo dun pequeno club de achegados.
Pero hoxe a Palabra de Deus rompe este esquema mesquiño. No centro do Evanxeo atopamos a unha muller cananea, unha estranxeira, unha muller sen dereitos nin palcos de honra na sociedade do seu tempo, que se atreve a plantarse diante de Xesús para clamar pola dignidade da súa filla. Fronte aos discípulos que buscan quitarlle a esa molestia de enriba coa fría escusa de que non é dos nosos, a muller destapa a estreiteza do noso corazón con valentía e tenacidade feminina. Ela ensínanos que o amor de Deus non ten aduanas nin prioridades nacionais, e que a salvación non é un premio de acubillo para uns poucos, senón pan aberto e compartido para toda a humanidade.
Que esta celebración nos arranque o sectarismo e nos axude a recoñecer que a fe verdadeira sempre abre portas, derriba muros e fai nosa a dor de calquera persoa irmá que chama á nosa porta.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
Por actuar coma os discípulos, querendo quita do medio a quen nos molesta, incapaces de escoitar o grito de dor de quen non ten nin padriños nin recomendacións; SEÑOR, QUE NINGUNHA PERSOA NOS SEXA ALLEA.
Por medir a dignidade das persoas segundo a súa idade, o seu pasaporte, a súa orixe, o seu sexo ou a cor da súa pel; CRISTO, QUE NINGUNHA PERSOA NOS SEXA ALLEA.
Polas veces nas que á voz das mulleres lle esiximos un plus para ser escoitada; SEÑOR, QUE NINGUNHA PERSOA NOS SEXA ALLEA.
PALABRA AGASALLADA
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS
Así fala o Señor: cumpride o dereito e practicade a xustiza, que a miña salvación está próxima a chegar e a miña xustiza está próxima a mostrarse.
E aos fillos de estranxeiro que se apegan ó Señor, servindo e amando o Nome do Señor, sendo os seus servos, a todo o que garde o sábado sen profanalo e aos que se manteñan firmes na miña Alianza, traereinos ao meu monte santo e alegrareinos na miña casa de oración.
Os seus holocaustos e os seus sacrificios servirán de ofrenda de amor sobre o meu altar. Pois o meu templo chamarase casa de oración para todos os pobos.
PALABRA DO SEÑOR
SALMO RESPONSORIAL
Lóuvente, Señor, os pobos
Deus se apiade de nós e nos bendiga,
móstrenos a luz da súa presencia.
Que se coñezan na terra os seus camiños
e en tódolos pobos a súa salvación.
Lóuvente, Señor, os pobos
Alégrense e canten as nacións,
porque ti gobernas os pobos rectamente
e guías na terra as nacións.
Lóuvente, Señor, os pobos
Lóuvente, Deus, os pobos,
lóuvente os pobos todos.
Que Deus nos bendiga e que o teman
os confíns todos do mundo.
Lóuvente, Señor, os pobos
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE PAULO APÓSTOLO AOS ROMANOS
Irmás e irmáns:
Isto dígovolo a vós, os xentís. E, coma apóstolo que son dos xentís, fago gala deste ministerio, por ver se esperto celos nos da miña xente e podo así salvar a algúns deles. Se a súa reprobación foi reconciliación do mundo, ¿que será a súa acollida, senón unha auténtica vida, que xorde de entre os mortos?
Pois os dons e a chamada de Deus son irrevocables. Porque vós fostes noutrora desobedientes a Deus, pero agora conseguistes a misericordia por desobediencia deles. Do mesmo xeito: tamén eles agora non creron, para que, con ocasión da misericordia usada convosco, tamén eles logren misericordia. Porque Deus encerrou a todos os homes na desobediencia, para se compadecer de todos.
PALABRA DO SEÑOR
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Saíndo de alí foi Xesús para a comarca de Tiro e Sidón. E apareceu unha muller cananea daqueles contornos, que berraba:
Compadécete de min, Señor, Fillo de David: a miña filla está atormentada por un demo.
Pero el non respondeu palabra. Achegándoselle os seus discípulos, rogábanlle:
Despídea, que vén berrando detrás de nós.
El contestoulles:
Non fun enviado máis que ás ovellas extraviadas da casa de Israel.
Pero ela alcanzounos e, prostrándose, suplicoulle:
¡Señor, váleme!
El respondeulle:
- Non é ben quitarlles o pan ós fillos para llelo botar ós cadelos.
Pero ela contestou:
Non é, Señor, non; pero tamén os cadelos comen das faragullas que caen da mesa dos seus amos.
Entón respondeulle Xesús:
¡Muller, a túa fe é ben grande: fágase, logo, como desexas!
E a súa filla ficou sa naquela hora.
PALABRA DO SEÑOR
PALABRA REMOÍDA
O profeta Isaías rompe de raíz coa idea dunha fe nacionalista ou de clan ao declarar que o templo de Deus será unha "casa de oración para tódolos pobos". Tradicionalmente, os recintos sagrados pasaron a vida levantando muros para separar os "nosos" dos "outros". Pero aquí a fe desborda calquera fronteira. No proxecto de Deus non existen cidadáns de primeira nin de segunda: a acollida radical da persoa migrante non é unha opción política ou caritativa, senón o requisito básico para que unha comunidade poida chamarse humana.
Porque Paulo lémbranos que o amor de Deus non é un privilexio adquirido por méritos ou pertenza a un grupo. O apóstolo afirma que Deus "encerrou a todos na desobediencia para ter misericordia de todos". Isto é unha bomba de reloxería contra o sectarismo: a graza non se merca e a salvación non é un club privado. Paulo recórdanos que cando cremos que temos o monopolio da verdade, estamos pechando a porta á universalidade do Evanxeo. A misericordia de Deus é, por definición, un desorde de amor que nos obriga a renunciar a calquera privilexio de "elección".
Nos tempos de Xesús —e desgraciadamente nos nosos tampouco andamos moi lonxe—, nacer muller, estranxeira e pobre era acumular demasiadas tarxetas vermellas sociais. A muller do evanxeo ten que soportar o desprezo dos discípulos e o silencio inicial de quen se cre superior. Vivimos nun mundo estruturado sobre privilexios onde ás mulleres, para que se lles escoite unha soa vez, esíxesenos o triplo de esforzo, de tenacidade e de demostración de valor. A salvación universal de que fala este texto é unha denuncia frontal contra calquera muro, xa sexa de xénero, de raza ou de pasaporte, que deixe a metade da humanidade na intemperie. O milagre desta historia non é só que a filla sande, senón que o corazón de Xesús se abre de par en par. A muller utiliza a metáfora das migas que caen da mesa dos fillos para reivindicar que os cartos, os dereitos e a dignidade non son un botín para repartir entre uns poucos amigotes. A mesa de Deus non é un reservado VIP nin un club de achegados con dereito de admisión; é unha mesa de comensais sen fronteiras. Unha fe que non inclúa a todo o mundo por igual é, simplemente, un clube privado, non unha comunidade. A salvación é para todas as persoas, sen excepcións, sen peaxes e sen exclusións.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Presentemos diante de Deus os clamores dun mundo ferido polas fronteiras, sabendo que na súa mesa non sobra ninguén e digamos:
QUE FAGAMOS DA TÚA MESA REFUXIO PARA TODA A HUMANIDADE
Pola Igrexa, para que sexa testemuña de unidade e aperta a todas as persoas, renunciando a calquera exclusión e abrindo de par en par as súas portas a quen busca acubillo; OREMOS.
Polas nosas comunidades, para que saiban camiñar unidas na solidariedade, sen pecharse nos seus propios intereses e acollendo con cariño a quen chega de fóra; OREMOS.
Por cada unha e cada un de nós, para que o noso corazón perda o medo ao diferente, arrinque de raíz a indiferenza cómplice e converta a tenacidade e a empatía nun estilo de vida; OREMOS.
Señor, recolle o latexo dun pobo que se nega a vivir dividido. Danos a audacia de repartir o pan sen mirar a quen e sácanos das nosas cómodas seguridades. P.X.N.S. Amén.
ALENTO NO CAMIÑO
Dános Señor a audacia da muller cananea:
a tenacidade que non se rende ante os silencios,
a forza para rachar cos muros que dividen,
e a claridade para saber que a túa graza non ten aduanas.
Que o altar que hoxe deixamos atrás
se converta en mesas longas e abertas alí onde esteamos,
onde ningunha persoa sexa estranxeira
e onde calquera dor do noso mundo nos faga vibrar.
Imos coa túa palabra no regazo e os pés na terra.
Comentarios