Ir al contenido principal

Asunción 2026

O "SI" INDÓMITO QUE RACHA OS ESQUEMAS

CANTOS

  • ENTRADA: Noraboa, María (Nº 74)

  • LECTURAS: Bos días che dicimos María (Nº 70)

  • OFERTORIO: Camiñar sen Xesús (Nº 68)

  • COMUÑÓN: Coa nosa naiciña do ceo (nº 69)


OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN

A memoria das nosas nais, das nosas avoas e de tantas mulleres que abriron camiño antes ca nós non cabe nos altares do silencio. Non cantan os libros dos poderosos, nin os decretos dos que mandan no mundo. Cantan as mulleres que lavan a inxustiza, as que paren a vida nos currunchos escuros, as que non tragan cos relatos oficiais. A grande revolución de Deus tampouco comezou nos palacios, senón nos labios dunha muller que soubo dicir "non" á inercia e "si" á liberdade. María dixo un si que descolocou a historia. Non foi un si dócil de quen acepta o destino, senón un si indómito que derrubou tronos e puxo patas para arriba a lóxica do poder.

Hoxe levantamos a voz para nomear a fe dende a experiencia feminina: esa que non busca privilexios nin honores, senón xustiza e trato igualitario. Poñer ás mulleres no centro da nosa celebración non é nin un favor nin unha concesión moderna; é facer xustiza á raíz mesma do Evanxeo. Que o noso encontro de hoxe sexa un espazo para romper coas inercias e vellos machismos, recoñecendo que sen a achega e o liderado das mulleres, a nosa comunidade nin ten futuro nin ten alma.

PEDIMOS PERDÓN


  • Por ceder á tentación de ver ás mulleres como adorno ou man de obra barata para as tarefas subalternas, mentres se lles nega o pan e o sal nos espazos de decisión e de palabra; SEÑOR, RACHA OS NOSOS ESQUEMAS DE DESIGUALDADE.

  • Por non ter valorado o traballo invisible, cotián e sostedor que tantas mulleres realizan, CRISTO, RACHA OS NOSOS ESQUEMAS DE DESIGUALDADE.

  • Por calar ante a violencia machista que asola o noso mundo, por mirar para outro lado no fogar ou na rúa, e por non facer da igualdade compromiso; SEÑOR, RACHA OS NOSOS ESQUEMAS DE DESIGUALDADE.

PALABRA REGALADA


Proclamación da Palabra recollida no libro da Apocalipse


Abriuse o santuario celeste de Deus e apareceu a arca da súa alianza no seu santuario.

E apareceu no ceo un gran sinal: unha muller vestida co sol, coa lúa baixo os seus pés e, na cabeza, unha coroa de doce estrelas. Estaba embarazada e berraba cos retorzóns e as dores do parto.

Apareceu outro sinal no ceo: era un gran dragón vermello que se plantou diante da muller que estaba para dar á luz, coa idea de engulirlle o filliño en canto nacese.

Tivo un fillo varón; aquel que cun caxato de ferro ha rexer a tódalas nacións. Pero Deus arrebatou o filliño da muller onda si, ó seu trono. E a muller fuxiu para o deserto

E oín un gran berro no ceo, que dicía: ''Arestora chegou a vitoria, o poder,

e o reino do noso Deus, así como a soberanía do seu Mesías. Palabra do Señor


Salmo Responsorial

Á túa dereita está a raíña, con ouro de Ofir

Fillas de reis tes por amigas,

e á túa dereita, a raíña, con ouro de Ofir.

Á túa dereita está a raíña, con ouro de Ofir

Escoita, filla; olla e atende:

esquece o teu pobo e a casa de teu pai.

Á túa dereita está a raíña, con ouro de Ofir

0 rei está prendado da túa fermosura:

réndete a el, pois el é o teu señor.

condúcente con xúbilo algareiro,

introdúcente no pazo do rei.

Á túa dereita está a raíña, con ouro de Ofir

Proclamación da Palabra recollida na primeira carta de san Paulo Apóstolo ós Corintios


Irmáns e irmás:

Cristo resucitou dos mortos, como primicia dos que dormen. Porque xa que por un home entrou a morte, tamén por un home chegou a resurrección dos mortos. Igual que todos morren por Adam, así tamén por Cristo todos revivirán. Pero cada un no seu intre: primeiro, Cristo; logo, no Día da súa Vinda, os que sexan de Cristo; despois será a fin, cando lle entregue o Reino a Deus Pai, unha vez destruído todo Principado, toda Potestade e toda Dominación. Porque é necesario que El reine ata que poña a tódolos seus inimigos por debaixo dos seus pés. A morte será o derradeiro inimigo destruído, pois ''todo o puxo por debaixo dos seus pés''.

PALABRA DO SEÑOR

Proclamación do santo Evanxeo segundo Lucas


María saíu con moita présa camiño da montaña, a unha vila de Xudá. Entrou na casa de Zacarías e saudou a Isabel. E en oíndo Isabel o saúdo de María, o neno brincoulle no ventre. Entón, chea do Espírito Santo, exclamou Isabel, a grandes voces:

  • Bendita ti entre as mulleres e bendito o froito do teu ventre. ¿Quen son eu para que me visite a nai do meu Señor? Pois ó que chegou o teu saúdo ós meus oídos, brincou de alegría a criatura no meu ventre. ¡Ditosa ti que criches que se cumpriría canto che anunciaron de parte do Señor!

Entón María exclamou:

A miña alma proclama a grandeza do Señor,

e alégrase o meu espírito en Deus, o meu Salvador,

porque reparou na súa humilde escraviña.

Velaí: desde agora

tódalas xeracións me van felicitar.

¡Marabillas o Poderoso fixo en min!

O seu nome é Santo;

a súa misericordia chega xeración tras xeración

a tódolos que o temen.

Manifesta o poder do seu brazo,

desbaratando os plans dos soberbios.

Derruba do seu trono ós poderosos,

e fai subir ós humildes;

ós famentos éncheos de bens,

e ós ricos despídeos baleiros.

Ampara a Israel, o seu Servidor,

lembrándose da súa misericordia,

conforme prometera a nosos pais,

en favor de Abraham e da súa descendencia para sempre.

María permaneceu con ela tres meses, e logo volveuse para a súa casa. Palabra do Señor.


Palabra remoída

Hoxe celebramos a Asunción da Nosa Señora. Mal interpretada, esta festa pode correr o risco de converterse nunha postal inofensiva, nunha festa para mirar ao ceo. Unha muller subida a unha nube, tan dócil, tan silenciosa e tan inalcanzable que ningún sistema tivo que temerlle xamais. Contáronnos que a Asunción era o premio á obediencia. Unha fuxida do barro. Unha mentira fermosa para que a terra siga gobernada polos mesmos de sempre.

Porén, a Palabra que vimos de proclamar contradí este relato:

  • A lectura do libro da Apocalipse non nos fala dunha muller dócil que pide permiso para existir. Tampouco nos fala dunha muller tranquila que acepta todo con resignación. Fala dunha muller berrando nas dores dun parto, fronte a un dragón imperial que está listo para tragar calquera intento de vida libre. A vida non se abre paso nos despachos dos que mandan e poñen as normas, senón no esforzo, no coidado e no suor desas mans —maioritariamente de muller— que sosteñen o mundo cando todo o demais falla. Porque o certo é que o mundo se aguanta grazas a quen coida, pero a sociedade e a igrexa adoitan tratar eses coidados coma se fosen un traballo de segunda, un servizo obrigatorio e invisible que ten rostro feminino, mentres os que mandan collen os aplausos e os postos de decisión. A imaxe da muller vestida de sol non é unha alegoría doce; é a metáfora dun corpo que resiste, que se abre paso e que pare esperanza no medio dun sistema político e relixioso que devora os vulnerables. A historia non a moven os césares nos seus tronos, senón as mans que sosteñen a vida cando todo o demais fai auga.

  • O Evanxeo afirma que María non queda na casa agardando a que os varóns do templo lle dean o visto bo ou lle marquen o protocolo. Marcha con présa á montaña. Rompe o perímetro e vai ao encontro doutra muller, Sabela, compartindo a experiencia do misterio, recoñecéndose mutuamente na marxe. É aí, nese abrazo entre Isabel e María, onde rebenta a profecía. María abre os labios e entoa o Magníficat, o canto máis radical de todo o Evanxeo. Non é unha canción doce nin conformista. É o manifesto dun Deus que non avala os esquemas de dominación dos poderosos:

  • Derriba aos potentados dos tronos.

  • Eleva aos humildes e aos marxinados.

  • Enche de bens aos famentos e despide ás mans cheas aos que se creen autosuficientes.

María pon o acento nunha nova orde onde a desigualdade queda esnaquizada. Asumir o Evanxeo significa asumir que o proxecto de Deus non tolera estruturas que reduzan a persoa a unha condición secundaria. A fe non é obediencia cega a un sistema que subordina, senón resposta libre, intelixente e insubmisa ante calquera forma de inxustiza. Hoxe, ao mirar a María "asumida" na plenitude de Deus, celebramos que a carne, a historia, o traballo e a palabra das mulleres teñen un valor absoluto e divino. Que ningún sistema de dominación, por moi sagrado que se pretenda vestir, pode apagar a dignidade radical coa que fomos creadas. Que este testemuño nos rache os esquemas desiguais e nos poña, sen medo, a camiñar do lado da xustiza.

ORACIÓN COMPARTIDA

Invocamos a Deus, fonte de toda xustiza e liberdade, para que a súa Palabra rache os nosos esquemas desiguais e nos impulse a construír unha nova realidade e dicimos:

A FORZA DAS MANS QUE COIDAN É A NOSA SALVACIÓN

  • Para que a Igrexa e a sociedade rompan coas estruturas patriarcais que silencian, marxinan ou instrumentalizan ás mulleres, recoñecendo o seu liderado e a súa centralidade na construción do Reino, OREMOS.

A FORZA DAS MANS QUE COIDAN É A NOSA SALVACIÓN


  • Por todas as mulleres do mundo, especialmente polas que sofren calquera tipo de violencia: física, psicolóxica, económica... para que atopen redes de apoio, xustiza e liberación; OREMOS.

A FORZA DAS MANS QUE COIDAN É A NOSA SALVACIÓN

  • Polas mulleres que cada día cargan co peso invisible do coidado dos nosos maiores e crianzas sen recoñecemento nin dereitos laborais dignos, para que a nosa loita común conquiste a xustiza social que merecen, OREMOS.

A FORZA DAS MANS QUE COIDAN É A NOSA SALVACIÓN

  • Por cada unha e cada un de nós, para que asumamos a valentía de María para dicir "si" á xustiza, á acollida e á dignidade dos últimos, plantando cara á inercia do confort e ao medo ao compromiso, OREMOS.

A FORZA DAS MANS QUE COIDAN É A NOSA SALVACIÓN

Deus da vida e da xustiza, recolle este clamor que nace da terra e da esperanza. Non deixes que nos acostumemos á desigualdade nin ao silencio e axúdanos a construír un mundo novo onde todas as persoas poidamos vivir de pé. PXNS. Amén.

ALENTO PARA O CAMIÑO

María:

Queremos o teu paso firme pola montaña,

o eco valente do teu Magníficat,

a forza libre do teu ventre que desafiou aos tronos.

María da terra e do barro,

muller de berros e de coidados,

sementa na nosa historia a túa rebeldía.

Que os nosos pasos non calen,

que a nosa voz non sexa apagada,

e que o camiño aberto por ti

sexa a nosa mesma liberdade.

Amén.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...