Ir al contenido principal

Quen é o meu próximo?

QUEN É O MEU PRÓXIMO? NINGUÉN…SE O PREGUNTAS; CALQUERA… SE O AMAS
PORTICO
Que o noso mundo está saturado de palabrería, non debería ser un segredo para ninguén. Anúnciase todo sen o mínimo inconvinte en mentir con tal de vender ou vencer. E así, a meirande parte das persoas xa non se fían de nada nin de ninguén: nin das leis, que en demasiadas ocasións favorecen a uns poucos; nin da relixión, convertida en burocracia e acto social; nin moito menos das outras persoas. Non é necesaria unha análise social moi profunda para descubrirmos as actitudes de autodefensa, receo e evasión que adoptamos diante de quen pode perturbar a nosa tranquilidade. Cantos rodeos para evitar a quen nos resulta molesto ou incómodo!. Como apremamos o paso para non deixarnos alcanzar por quen nos agonía con problemas, sensabores e penas
Por iso Xesús non se cansará nunca de repetirnos que non hai amor a Deus sen amor ao próximo; ensinándonos así a coordinar palabras e feitos, pensamentos e accións. Que a celebración que agora comezamos nos dea azos para poñelo en práctica.
O PERDÓN
  • Polas veces nas que pensamos que o noso próximo non merece a nosa adicación ou esforzo; polas veces nas que dubidamos de todas aquelas persoas que precisan axuda; polas veces nas que caemos na tentación da indiferenza, SEÑOR, AGARÍMANOS CO TEU AMOR
  • Porque con demasiada frecuencia esquecemos que Ti te manifestas no sinxelo e entre @s pequen@s, e somos insensibles ante da dor allea, facendo a vista gorda diante das persoas despoxadas e abatidas que comparten o noso camiño, CRISTO, AGARÍMANOS CO TEU AMOR.
  • Porque non conciliamos a nosa vida de fe coa nosa vida cotiá, reducindo a primeira a un ritualismo baleiro e hipócrita, e esquecendo a súa dimensión social, SEÑOR, AGARÍMANOS CO TEU AMOR

REMUÍÑO

UNHA LEI QUE DÁ VIDA: Desde pequen@s ensináronnos o Decálogo, a lei de Deus, o que tiñamos que cumprir para non pecar, para fuxirmos do castigo de Deus, para irmos ao paraíso. Co paso do tempo fixémonos adult@s e, ao pior, a nosa vida de fe non madurou, senón que permaneceu e permanece nun infantilismo constante que pouco a pouco vai facendo que detrás das nosas actuacións e das nosas palabras haxa calquera tipo de motivación (social, política, intereses particulares…) agás a motivación relixiosa. Noutras ocasións esta motivación relixiosa aparece coma algo negativo ( non fagamos isto, non vaia ser que Deus nos castigue), detrás da cal está o medo, a maxia, a superstición ou un culto baleiro, ritualista, frío, sen sentido.

Porén, o cristianismo que nace do evanxeo non recoñece máis que unha forma para relacionarnos con Deus: o amor. Nunca o medo ao castigo, nin o desexo dun premio, nin a lei que me obriga a facer algo baixo pena de pecado mortal ou venial, nin a tradición familiar. Ensinóusenos a doutrina, saturóusenos de nocións abstractas, definicións, normas morais e dogmas… pero ensinóusenos a amar a Deus?, ensinamos nós, coma testemuñas de Xesús, a amar a Deus?; preparóusenos para vivir a fe dunha forma serena, libre e responsable, para saber presentármonos diante de Deus sen medo e darlle unha resposta nosa, saída desde o fondo da nosa conciencia coma unha convicción persoal?.

E QUE TEN NO AMOR A SÚA ESIXENCIA FUNDAMENTAL: Para chegar a Deus, que é a nosa meta, cómpre pararnos no camiño xunto ao próximo, porque nel está Deus. E hai varias formas de facer o camiño da vida. A primeira forma sería sendo “salteadores”dos demais: cando limitamos os seus dereitos; cando o amor de Deus misericordioso non se fai perceptible co noso xeito de actuar; cando non pomos o que somos, sabemos e temos ao servizo dos demais; cando nos cremos máis que os demais e coidamos que o noso é o mellor; cando non esquecemos as ofensas que nos fan; cando somos inxustos ou consentimos as inxustizas…..Outra forma de facer o camiño sería a do sacerdote e o levita, que pasan sen ver nin escoitar o pranto de ninguén. Son persoas que viven só para si mesmas, alleas a quen está ao seu redor, autistas da relixión….Pero tamén hai persoas, e aí deberiamos estar os que nos dicimos cristiáns e cristiás, que sabemos mirar en abano, pasan polo camiño da vida coma o samaritano: vendo, escoitando e achegándose para aportar solucións (ver-xulgar-actuar). Esta foi a actitude que Xesús nos amosou coa súa vida.

A postura do samaritano está en contraste co comportamento do sacerdote e do levita. “Os profesionais da relixión” ven aquel home medio morto, como tamén o viu o samaritano. O ver é un feito común aos tres. O que os diferenza está noutra cousa. O sacerdote ao velo deu un rodeo e pasou de longo, e o mesmo fixo o levita. Pola contra ao samaritano, ao velo, deulle mágoa. Sentir compaixón é sufrir xunta ao outr@, é compartir a súa situación; é achegarse onda el. Os especialistas da relixión pretenden chegar a Deus evitando o obstáculo que para eles supón o próximo. Atopar a Deus sen ter necesidade de atopar ao irmán, coñecer a vontade de Deus ignorando a realidade provocadora e inxusta que temos diante dos nosos ollos, ocuparse das cousas de Deus sen caer na conta de que o que lle interesa a Deus son as cousas das persoas, pensar na propia alma permanecendo xordos ao grito de quen berra nas cunetas.

Esta parábola interpélanos sobre a nosa falla de sensibilidade diante da miseria humana, diante da dor de tantos homes e mulleres empobrecid@s da nosa sociedade. Deus repróchanos a nosa falsa actitude cristiá e a puntualidade nos deberes relixiosos “pasando de longo” diante da humanidade,da xustiza, da caridade. Hoxe a parábola amósanos que o único camiño para chegar a Deus é a través do rostro sufrinte d@s irmáns e irmás. O sacerdote e o levita chegaron sen obstáculo ao final do seu camiño; pero faltaron ao encontro. O samaritano só deu dous pasos; pero na dirección exacta.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Diante de Deus, que nos invita a camiñar pola vida coma o bo samaritano, con ollos, oídos, mans e corazón abertos, presentamos a nosa oración dicindo

SEÑOR, ÁBRENOS Á GRATUIDADE

Pola Igrexa que formamos tod@s nós; para que descubramos que só hai un xeito de irmos pola vida: camiñando coma o samaritano, cos ollos e o corazón ben abertos para deternos diante de quen estea precisado da nosa cercanía, aínda que non pense, sinta, rece ou ame coma nós, OREMOS.

SEÑOR, ÁBRENOS Á GRATUIDADE

Polas nosas comunidades, para que pasemos das hostilidades á hospitalidade, dos desencontros á comuñón, do afán de protagonismo á humildade, da prepotencia á sinxeleza, do “eu” ao “nós”, OREMOS.

SEÑOR, ÁBRENOS Á GRATUIDADE

Por tod@s @s samaritan@s do mundo de hoxe, aqueles dos que ninguén espera nada bo; pero que en realidade aos ollos de Deus practican o amor solidario, OREMOS.

SEÑOR, ÁBRENOS Á GRATUIDADE

Deus, noso Pai, Ti ensínasnos que o amor e a solidariedade son o culto principal e primeiro. Fai que sempre esteamos dispost@s a ser o bo samaritano para todas aquelas persoas que a sociedade marxina. PXNS.

Para a reflexión

Señor, Deus e Pai noso,

coñecémoste en Xesús e seguimos a recoñecerte nas persoas, irmás nosas.

Pero non sempre Ás veces convertemos o noso encontro contigo en rutina

rutina na oración

rutina nas celebracións

rutina en tantas e tantas devocións por costume

Ensínanos a atoparte con ilusión sorpréndenos en cada encontro

para que endexamais convertamos a túa graza en costume

E ás veces evitamos o encontro co próximo pasamos de longo,

sen repararmos nel pasamos ás presas, para que non nos complique a vida;

non te miramos

Axúdanos a sermos samaritan@s

a deternos coas persoas nas cunetas coas que sofren,

coas que choran, coas que teñen fame.

Que lles prestemos axuda e lles adiquemos tempo

E axúdanos a facelo sempre con amor sen ferilas, con moito amor.

Pai das persoas fai que tod@s sexamos compañeiras no mundo

amig@s na vida, irmás e irmáns no teu Reino

CANTOS

ENTRADA: UNHA PARROQUIA NOVA

LECTURAS: DOUVOS UN MANDATO NOVO

OFERTORIO: TODO O MUNDO UNHA FAMILIA

COMUÑÓN: O AMOR É O MEIRANDE


Comentarios

Entradas populares de este blog

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...