Ir al contenido principal

Todos os Santos

Aplicar o sentido común, sen estridencias, no quefacer cotián

PÓRTICO

A festa de tódolos Santos, a festa dos sinxelos de corazón e vida, volve convocarnos unha vez máis para que fagamos memoria agradecida de tantas persoas, que sen saír nin na televisión nin nos demais medios de comunicación; sen facer da súa vida escaparate público nin un canto á extravagancia nin ao escándalo, quixeron e souberon facer das súas vidas verdadeiros cantos de fraternidade solidaria e xusta en favor de persoas, comunidades e países.

Que saibamos poñerlle rostro de cercanía, cariño e agradecemento, sempre, pero especialmente desde esta celebración que agora comezamos.

PERDÓN

  • Alenta, Señor, a nosa vida para que non agromen nela nin a intolerancia nin a insolidariedade, SEÑOR, QUE CONSTRUAMOS FRATERNIDADE.

  • Anima, Señor, o noso camiñar, para que aprendamos a parar a tender a nosa man diante da violencia e o a falta de amor, CRISTO, QUE CONSTRUAMOS FRATERNIDADE.

  • Acompáñanos, Señor, coa túa presenza, para que saibamos descubrirte en cantos están necesitados de sorriso, acollida e agarimo,SEÑOR, QUE CONSTRUAMOS FRATERNIDADE.

REMUÍÑO

Benaventurados. Na festa dos amigos, sen exclusións de ningún tipo, de Xesús. É dicir, aqueles e aquelas que foron facendo que outr@s puideran acadar felicidade, alegría, xustiza...paz. Queremos darlle as grazas por ter sido para nós unha verdadeira fonte de vida co seu testemuño, á vez que volvemos reafirmar que a nosa é unha fe de esperanza, de vida, de ledicia, de auténtico compromiso solidario e xusto por facer do lugar onde esteamos un espazo onde ninguén se sinta á marxe. Por iso, coma Xesús, podemos dicir con forza e sen ningún tipo de complexo: benaventurados!, inda que non saian nos calendarios, non se lles saque en procesión, ou non tiremos foguetes. É a festa da sinxeleza, da constancia e da concreción de que é posible vivir a fe sen traumas, crispacións nin heroicidades.

Os que saben amar: Tódolos homes e mulleres que foron recibidos en Deus e por Deus son santos, "testemuñas" do humano. Así os celebra a igrexa católica, recordando aos que formaron parte da historia da súa salvación ao longo do tempo. Un tempo no que puxeron de manifesto que si, que é posible amar. Desde o amor, que é misteriosa fondura de humanidade, son para tod@s nós un signo do sentido da vida que nos entronca coas nosas raíces e nos fai sentir o orgullo de que o ser humano non está chamado a ser lobo para os outros, senón que tamén é posible, e a festa de hoxe o concreta, ser verdadeiro irmán.

Descubrindo a Deus no quefacer de cada día.Os santos son o signo da presenza e permanencia da vida de Xesús na historia. Para Xesús, santos eran basicamente os pobres excluídos. Son sinal da presenza de Deus. Os “irmáns de Xesús”, os máis pequenos, signo e presenza da santidade de Deus, Deus mesmo feito debilidade no camiño da vida. Para Paulo, santos, son todos os que acolleron a fe, os crentes,porque foron transformados polo bautismo, e convértense, convertémonos en signo de Cristo. E en facer visible isto coa vida consiste a nosa gran tarefa e o noso gran reto como crentes. Porque todos os cristiáns, sen distinción, polo amor de Deus que nos acolle e vincula coa súa vida en Cristo estamos chamados a vivir a nosa vida co compromiso de facer dela unha experiencia de amor.

Son Santos porque Deus ámaos, non porque eles realicen cousas extraordinarias.Os Santos son os portadores de vida, homes e mulleres que quixeron vivir, simplemente iso; que aceptaron a vida e espallárona, que beben do gozo da terra e que axudan a beber a outros, sabendo que a vida é don, agasallo que compartimos, todos, todas, no mundo. A eles recordámolos, por eles vivimos. Somos en gran parte aquilo que nos legaron os que viviron diante de nós: por iso recordámolos con agradecemento.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Na festa de toda a Igrexa, a festa de tódol@s persoas que souberon facer da súa vida un canto de amor compartido e solidario, poñámonos en actitude de agradecer a Deus o exemplo de tantas persoas que teñen sido para nós alento e estímulo, e digamos.

  • Pola Igrexa, para que saiba ser sempre sementadora de proxectos que supoñan dignificación de persoas e compromiso radical en favor dos máis empobrecidos. Oremos.

Grazas polo testemuño de tanta xente boa

  • Polas nosas comunidades parroquiais, para que saiban descubrir testemuños, calados sempre fraternos e xustos, de persoas que traballan a favor dos enfermos, pobres, maiores, solos ou mal vistos polos demais. Oremos

Grazas polo testemuño de tanta xente boa

  • Por cantos hoxe estamos aquí celebrando a festa de tantas persoas anónimas que souberon facer do seu paso polo mundo un canto de solidariedade evanxélica, para que estando sempre presentes na nosa memoria, sexan para nós estímulo no seguimento de Xesús. Oremos

Grazas polo testemuño de tanta xente boa

Grazas, Señor, polo fermoso testemuño de tantas persoas que souberon poñer a súa vida ao servizo dos demais, sen exclusión nin marxinación de ningunha clase. P.X.N.S. Amén.

REFLEXIÓN

Foron pobres, con fe, sen amargura,

choraron cos que choran doloridos,

sufriron con aguante de abatidos:

En Deus atoparán vida e aventura.

Famentos de xustiza,

na procura do pan e dos dereitos do oprimido;

doéronse do pobre e do aflixido:

En Deus atoparán paixón segura.

Amaron moi a fondo e con limpeza,

optaron pola paz sinxelamente:

En Deus atoparán luz e beleza.

Sufriron da inxustiza a turba mente,

cristiáns de verba e feitos, dunha peza:

En Deus solecerán eternamente.Amén.

( Do himno das 1ªs Vésperas)

CANTOS

Entrada.- Benaventurados

Lecturas.- O Amor é o meirande dos bens que nos veñen

Ofertorio.- Deixade esta terra

Comuñón.- Grazas, Señor, graciñas

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...