Ir al contenido principal

Remol

Para orar e celebrar a fe na nosa terra

FESTA DE CRISTO-REI (CICLO C)

UN CRISTIANISMO DE MEDIACIÓN NUNHA IGREXA DE SERVIDOR@S

PÓRTICO

Celebramos hoxe a festividade de Cristo Rei, coa que pechamos un ano litúrxico no que fomos recorrendo a nosa historia de salvación, as palabras e os feitos da vida de Xesús que Lucas recolle no seu evanxeo. Agora, antes de comezar o camiño no tempo do Advento, botámoslle unha ollada a quen ilumina todo isto: Cristo, para recoñecelo como Aquel que dá sentido á nosa vida, “porque nel quixo Deus que residira toda plenitude, e por El quixo reconciliar consigo tódalas cousas”.

Precisamente ese é o significado que ten a festa de hoxe; pois proclamar a Cristo como Rei é vivir diariamente os valores do seu reinado desde a humildade e a sinxeleza do noso servizo; desde a efectividade do noso compromiso; desde a confesión do noso testemuño persoal e comunitario.

Que a celebración que agora comezamos nos axude a que se cumpra en cada un e cada unha de nós aquilo que El fixo realidade: servir é reinar.

O PERDÓN

  • O teu Reino é un Reino de paz. Polas veces nas que cos nosos feitos e palabras non somos máis que sementadores de discordia e desencontro, SEÑOR, ENSÍNANOS A CONSTRUÍR O REINO.

  • O teu Reino é o Reino da xustiza. Polas veces nas que renunciamos ao noso compromiso coa xustiza coma unha esixencia fundamental da nosa fe, CRISTO, ENSÍNANOS A CONSTRUÍR O REINO.

  • O teu Reino é o Reino do amor. Polas veces nas que seguimos funcionando con prexuízos, con hipocrisía, para quedar ben… e non desde o recoñecemento e a valoración d@ outr@ como irmán e irmá, SEÑOR, ENSÍNANOS A CONSTRUÍR O REINO.

REMUÍÑO

  • Canto temos escoitado falar do Reino!. Predicacións, catequeses, charlas… son algunhas das plataformas nas que a palabra Reino se repetía unha e outra vez. E é que o anuncio da chegada do Reino é o centro da mensaxe de Xesús. O Reino foi o retrouso, o leitmotiv, a causa pola que El viviu, da que falou, coa que soñou, pola que se arriscou, pola que o prenderon, condenaron e executaron. Traballar polo Reino, dicimos, debera ser tamén o noso compromiso cristián; pero ¿qué se esconde detrás da expresión Reino de Deus?, ¿a que nos referimos cando hoxe celebramos a festa de Cristo Rei?. Porque, ao mellor, ou máis ben, ao pior, de tanto escoitalo non nos temos parado a pensar o que supón e significa.

  • Na nosa sociedade, as revistas do corazón e outros medios de comunicación están cheas de acontecementos reais: vodas, visitas, amoríos… e non só falan dos reis-monarcas, senón dos reis do negocio, do espectáculo, da banca… En calquera caso, trátase de persoas que teñen coma trazo común o feito de seren triunfador@s da sociedade. Descolocados, podemos entón preguntármonos se será dese tipo o reinado de Xesús que hoxe celebramos.

  • A resposta dánola o evanxeo, no que paradoxalmente nos atopamos cun Cristo crucificado, humillado, abatido, condenado… e aí recoñecémolo como Rei. Que contradición!. Ese Xesús na cruz levanta, hoxe coma daquela, reaccións de todo tipo:

    • A xente presenza a escena coma un espectáculo, eludindo todo compromiso. Non queren pensar nin decidirse, optando sempre polo que din e fan os demais, sen ter ningunha opinión propia: “onde vas, Vicente?....”.

    • As autoridades fan comentarios sarcásticos “salvou a outros, que se salve El tamén”; poñen o dedo na chaga. O que din está cheo de lóxica e precisamente por iso, porque están convencidos de que Deus ten que ser coma a súa lóxica lles dita, son incapaces de recoñecelo tal e como se presenta.

    • Os soldados romanos burlábanse daquel que morría baixo o título “Rei dos xudeus”. Eles serven a un rei deste mundo, e sabían estupendamente o que era un rei. Pensar que aquel home o fose, era un disparate descomunal.

    • Un dos ladróns crucificados insultábao. Representa a todas aquelas persoas que condicionan a aceptación de Xesús á solución do seu problema.

    • O outro ladrón é o que no medio daquel espectáculo dantesco é quen de ir máis alá e de recoñecer ao Mesías naquela persoa que morre ao seu carón. Soubo descubrilo nun momento de mínima credibilidade, a punto de morrer. Este ladrón é un bo modelo na festa de hoxe, porque nos ensina a mirar cara ese Cristo con ollos profundos, coa convición de que El nos abre o camiño do Reino e de que tod@s @s que optemos por el estamos chamad@s ao seu mesmo destino de vida e realeza.

  • Porque o Reino de Deus refírese á intervención de Deus na vida das persoas para facela máis plena e máis feliz. Só desde aquí entenderemos qué é ser testemuñas do Reino no aquí e agora, no concreto: en levar a ledicia de saberse querido por Deus a todas as persoas. Porque ser cristián non consiste na mera proclamación verbal, nin na loanza, nin no cumprimento de normas, fórmulas e preceptos, senón que ten máis que ver con facer nosa a causa de Xesús por vivir, traballar e loitar polo amor, a fraternidade, a xustiza, a liberdade, a igualdade… Loitar a favor do pobre, do oprimido, do preso, do inmigrante, do enfermo, do veciño que está só…. non son máis que concrecións do Reino que estamos chamad@s a construír. Aí está o noso reto de ser construtores do Reino desde un cristianismo de mediación. Non deixemos escapar a ocasión de facelo.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Poñemos agora diante de Deus e da comunidade a nosa oración, que quere ser acción de grazas e alento no noso camiñar cotián. Por iso cantamos xunt@s:

VEÑA O TEU REINO, SEÑOR, VEÑA O TEU REINO. QUE NA TERRA HAI BOA FALLA DE QUE MUDEN MOITAS COUSAS E MELLOREN (bis)

  • Pola Igrexa, para que comprendamos que a verdadeira realeza non consiste máis que na entrega xenerosa de consolar, perdoar, curar e atender, comunicando esperanza e dando testemuño de verdade, OREMOS.

VEÑA O TEU REINO, SEÑOR, VEÑA O TEU REINO. QUE NA TERRA HAI BOA FALLA DE QUE MUDEN MOITAS COUSAS E MELLOREN (bis)

  • Polas nosas comunidades, para que as nosas actitudes no nome de Cristo, nunca sexan as de dominio ou as de prestixio, senón as de servizo e diálogo humilde e comunicador de esperanza, OREMOS.

VEÑA O TEU REINO, SEÑOR, VEÑA O TEU REINO. QUE NA TERRA HAI BOA FALLA DE QUE MUDEN MOITAS COUSAS E MELLOREN (bis)

  • Por cada un e cada unha de nós, para que na nosa vida de cada día: nas nosas familias, no noso barrio, no noso traballo… loitemos por unhas novas relacións humanas baseadas no respecto, na liberdade e na xustiza, que fagan presente o Reino aquí e agora, OREMOS.

VEÑA O TEU REINO, SEÑOR, VEÑA O TEU REINO. QUE NA TERRA HAI BOA FALLA DE QUE MUDEN MOITAS COUSAS E MELLOREN (bis)

Grazas, Señor, por abrir os nosos ollos e os nosos corazóns para que poidamos ser construtores do teu Reino desde a realidade cotiá da nosa vida, facendo do presente tempo de salvación. PXNS.

PARA A REFLEXIÓN

Señor,

fai de nós mediadores da salvación.

Onde haxa miseria, que poñamos liberación;

onde haxa pobreza, que poñamos desenvolvemento;

onde haxa ignorancia; que poñamos cultura;

onde haxa enfermidade, que poñamos cercanía;

onde haxa deixadez, que poñamos servizo;

onde haxa adestramento, que poñamos escolarización;

onde haxa morte, que poñamos sementes de resurrección.

Fai, Señor, que descubramos os sinais do Reino:

os cegos miran,

os coxos camiñan,

resucitan os mortos,

anúnciase a boa nova aos pobres,

expúlsanse demos,

cúranse enfermos,

os nenos reciben educación segundo as súas necesidades. Amén.


CANTOS

  • ENTRADA: Vinde axiña

  • LECTURAS: Xesús, chamado amigo

  • OFERTORIO: Todo o mundo

  • COMUÑÓN: O amor é o meirande

Comentarios

Entradas populares de este blog

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...