Ir al contenido principal

1 DOMINGO ADVENTO

ADVENTO, TEMPO DE LIBERACIÓN

SIGNO:
Un mapamundi dividido en catro partes. Cada semana iremos presentando unha das partes, ata completar na derradeira semana o mapamundi. Cada parte levará escrita a cita do evanxeo. Poñemos así en relación a Palabra proclamada, que nos prepara a recibir ao Señor, coa universalidade: ninguén é excluíd@.

PÓRTICO

Iniciamos hoxe un novo ano litúrxico no que a lectura do evanxeo segundo Lucas, invítanos a facer un camiño para coñecer e descubrir a Xesús. Un camiño que comezamos hoxe co tempo de Advento. Así, ao longo destes catro domingos, as súas palabras resoarán nos nosos oídos, nos nosos corazóns.... nas nosas vidas, invitándonos á acoller a liberación á que Xesús nos chama.

Recorramos sen medo este camiño, deixando de lado as nosas seguridades e atrás os nosos medos, e acostumémonos a tender a man a canto supoña cambio, transformación e renovación de todo aquilo que nos axude para que a chegada de Xesús nos atope xa camiñando cara á liberación.

O PERDÓN

  • Porque a nosa vida non se ve transformada nin renovada a favor dos demais, senón que pola contra, o noso sempre é o máis importante e o único que nos ocupa e preocupa, SEÑOR, LIBÉRANOS DAS NOSAS RUTINAS.
  • Porque moitas veces non somos capaces de pararnos diante da realidade e dos acontecementos que pasan, reflexionando sobre eles, CRISTO, LIBÉRANOS DAS NOSAS RUTINAS.
  • Porque somos incapaces de ver máis alá do que a nosa vista nos mostra, de saír da nosa rutina, para abrirnos a unha liberación universal, SEÑOR, LIBÉRANOS DA NOSA RUTINA.

REMUÍÑO

Xesús foi un incansable creador de esperanza. Toda a súa existencia consistiu en contaxiarlle aos demais esperanza. Hoxe escoitamos un berro de alerta: "Levantádevos e erguede a cabeza; andade con tino...". Estas palabras son plenamente vixentes hoxe, porque as persoas seguimos matando a esperanza e embotando a nosa existencia de moitos xeitos. Cando nunha sociedade as persoas teñen como obxectivo case único da súa existencia a satisfacción das súas apetencias e se pecha cadaquén no seu propio desfrute, alí morre a esperanza. Tal vez un dos efectos máis graves e xeneralizados de vivir nunha sociedade da abundancia como é a nosa, sexa a frivolidade, a lixeireza no planeamento dos problemas máis serios da vida, a superficialidade que o envolve case todo. E isto tradúcese, a miúdo, en incoherencias facilmente detectables: as persoas satisfeitas non desexan realmente nada novo. Non queren que o mundo cambie. O presente xa lles satisface. Non se rebelan diante das inxustizas, do sufrimento, do absurdo. En realidade, este mundo é "o ceo" que a toda costa queren manter. Poden permitirse o luxo de non esperar nada mellor.

Porque non nos enganemos: sempre resulta tentador instalarnos no noso pequeno mundo, gozar da abundancia e vivir tranquilos e cómodos, sen maiores aspiracións e sen problemas. Desexamos conseguir a propia felicidade sen cambiar nada do mundo. Pero non o esquezamos: só aquelas persoas que pechan os seus ollos e os seus oídos, só aquelas persoas que se insensibilizaron poden sentirse a gusto nun mundo coma o noso. Quen ama de verdade a vida e se sinte solidario, quen ten a esperanza do Reino, sufre a tensión e intranquilidade de comprobar que este é tarefa sempre inacabada.

Pois ben, a Palabra que vimos de escoitar chámanos a poñernos en pé, a erguer sen medo a cabeza e a alegrarnos, a sentirnos comprendidos porque chega a nosa liberación. Unha liberación que nos di que non podemos vivir agoniados, que non cansa de repetirnos que o seguimento de Xesús é alegría e fraternidade; acollida e dispoñibilidade. É perder os nosos medos, deixando atrás angustias e sabendo vivir o noso tempo no mundo coma unha verdadeira experiencia de liberdade. Dicir si, dicir sei de quen me fiei, por iso non teño medo. Ou mellor: porque confío en Ti, os meus medos non van impedir que sexa eu mesmo: amar, acoller, perdoar, gozar e disfrutar dun mundo que pos nas nosas mans e que nos invitas a facer medrar, a que sexa máis humano.

A invitación está feita, a que esperamos para acoller na nosa vida esta liberación universal?.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Señor, Ti hoxe ofréceste para acompañarnos no camiño do Advento. Danos forzas para aproveitar esta nova oportunidade que pos na nosa vida, por iso dicimos confiados:

QUE ACOLLAMOS O CAMIÑO DO ADVENTO CON ILUSIÓN

  • Pola Igrexa, para que mostre un camiño de renovación e de cambio, sendo ela a primeira que dea exemplo, dando así testemuño da presenza renovadora do Espírito, OREMOS.

QUE ACOLLAMOS O CAMIÑO DO ADVENTO CON ILUSIÓN

  • Polas nosas comunidades, para que esteamos atentos aos signos da presenza de Deus entre nós, unha presenza que se manifesta nos pequenos, nos enfermos, nos pobres.. OREMOS.

QUE ACOLLAMOS O CAMIÑO DO ADVENTO CON ILUSIÓN

  • Por todos nós, para que en diálogo constante e frutífero con tódalas persoas, sexamos fermento, luz, sal.. no medio da nosa sociedade, sendo e facendo da nosa vida imaxe do Deus amor, OREMOS.

QUE ACOLLAMOS O CAMIÑO DO ADVENTO CON ILUSIÓN

Grazas, Señor, porque te atopamos no noso camiñar, pois Ti sempre saes ao noso encontro no cotiá. PXNS. Amén.

PARA A REFLEXIÓN

Este é o tempo da espera, do desexo e da ilusión.

É un tempo de ollos abertos,

de olladas longas coma o abrente,

de pasos lixeiros por outeiros e vales.

É o tempo de salas de espera,

dos soños bos que soñamos

e dos embarazos da vida.

É tempo de anuncios, pregóns e sobresaltos;

de vixías, centinelas e carteiros,

de trobadores e profetas.

É tempo de pobres e emigrantes,

de cadeas e cárceres rotos

e de follas con boas novas.

É o tempo de Isaías, Xoán Bautista e María;

e de Xosé, quitando pantasmas,

embarcado na aventura

e pasando noites en vela.

Cantos

  • Entrada: Ven axiña visitarnos
  • Lecturas: Veña o teu Reino
  • Ofertorio: Xesús chamado amigo.
  • Comuñón: Volve Señor

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...